Poemar o mar

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo a Antonio García Teijeiro, recente gañador do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil polo seu libro Poemar o mar.

Coma se fose outro milagre laico ou serindipia inesperada a noticia da concesión do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil a Poemar o mar (Xerais 2015), o libro escrito polo poeta vigués Antonio García Teijeiro e ilustrado por Xan López Domínguez, produciuse cando o Pergamiño Vindel, que atesoura as sete cantigas de Martín Codax, estaba xa para orgullarnos depositado temporalmente no Museo do Mar de Alcabre.

Dúas obras protagonizadas polo mar que coa diferencia de oito séculos comparten a ría de Vigo como espazo poético. Dúas pezas escritas en galego que arrecenden a marusía, senllas exaltacións da nosa admiración polo mar coma suxeito protagonista e fonte de vida: “Ai, ondas que eu vin mirar!, / se me saberedes contar”; “E bañarnos hemos nas ondas!”, cantou a finais do XIII Martín Codax, o fundador literario da cidade de Vigo. “Quero chegar ao mar para abrazalo”, “Quere o mar o que non ten / os seus soños / non se ven”, “Eu quero en silencio / perderme no mar”, canta Teijeiro, a comezos do XXI.

Outro nacional –o máximo premio que unha obra literaria editada en galego pode recibir–, o vixésimo primeiro que recibe a literatura e edición galegas desde que 1978 comezaron a ser convocados estes premios polo Ministerio de Cultura, o undécimo para unha obra publicada por Edicións Xerais de Galicia, e o terceiro no que se premia un libro de poesía infantil, que recoñece tanto a excelencia dun libro memorable como a traxectoria de máis de tres décadas dun autor que concibiu a creación poética e a formación do lector de poesía como idéntica tarefa.

Xaora, o nacional de Antonio García Teijeiro, o sexto obtido por un libro infantil editado orixinalmente en galego –tras os de Paco Martín (1986), Xabier DoCampo (1995), Fina Casalderrey (1996), Agustín Fernández Paz (2008) e Ledicia Costas (2015)–, constitúe outro éxito colectivo da nosa vizosa e potente literatura infantil e xuvenil, un recoñecemento da excelencia dos seus textos e creacións editoriais, mais tamén nestes tempos difíciles para a nosa lingua un formidable exemplo do valor da diversidade acuñada polas minorías.

Un nacional que lle chega a Antonio García Teijeiro no momento máis acaído, o da súa madurez autoral, coincidindo coa súa xubilación como docente do Colexio Possumus, cando conta con máis de medio cento de libros individuais publicados en galego e mobiliza todo o seu fulgor creativo como activista poético. Un catálogo de autor o seu extraordinario que supera con moito o cento de obras, se incluímos as edicións dos seus poemarios en castelán, as súas obras de narrativa, ensaio, as súas edicións de poetas como Rosalía e Celso Emilio ou a súa participación sempre xenerosa en libros colectivos. Un labor literario comezado en 1980 nas páxinas de “Artes e Letras” do Faro de Vigo, que entón compaxinaba coa súa actividade docente e deportiva (non esquezamos que Teijeiro foi porteiro do Academia Octavio e do Teucro en categoría nacional). Un traballo continuado a partir de 1984 no suplemento “A Pizarra”, tamén de Faro de Vigo, onde se ocupaba da crítica de literatura infantil e onde publicou entrevistas inesquecibles con figuras como Rafael Alberti, con quen tanto amigaría.

Dende 1988 iniciou o seu camiño como autor de tres libros fundacionais para a nosa poesía infantil, publicados na colección “Tartaruga” de Galaxia: Nenos, Coplas e Aloumiños. Textos nos que empregou os recursos da raíz popular e comezou a súa depuración da sonoridade como ferramenta necesaria para contaxiar a emoción da palabra poética. Son algúns dos seus moitos libros imprescindibles: Cacarabín, cacarabón (Edelvives 1991), Na fogueira dos versos (Xerais 1996), premio Merlín, premio Pier Paolo Vergerio e Lista de Honra do IBBY; Paseniño, paseniño (2003); Chove nos versos (Xerais 2004) e Un rato díxolle a lúa (Xerais 2013), antoloxía da súa obra, que inclúe un disco no que canta tres poemas, entre eles o xa mítico “Que ocorre na terra?”, aos que lles puxo música o seu amigo Paco Ibáñez.

“Poemar o mar”, o libro co que Antonio obtivo o nacional, forma parte da súa Triloxía do Mar, formado tamén por En la cuna del mar (Creotz 2015) e Palabras do mar (Embora 2015), un proxecto poético no que demostra que o emocional é compatible cun discurso crítico que afonda na complexidade da innovación estética. “En cada libro que escribiu, –sinala o seu antólogo o poeta Fran Alonso– o seu verso foi medrando, como un mar de escuma, como un mar de prata, como un mar de bruma”. Aí atopamos o ADN da obra deste poeta vigués do mar, pacifista comprometido, amante da música, seguidor de Bod Dylan e Luis Eduardo Aute, que entende a poesía como unha chave expresiva capaz de transformar as persoas. Parabéns, Antonio. Que continúen chovendo versos e palabras azul celeste!

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *