Inédito de Noriega Varela

bretemas —  21 de Febreiro de 2005


Inédito de Noriega Varela.

Maribel Abraira envíame a reprodución dun poema que hai máis de sesenta anos Antonio Noriega Varela escribiu con motivo do pasamento dunha mestra familiar súa. Non coñecía a caligrafía do mindoniense poeta da montaña. Ben bonitos son os dous primeiros versos. Quedan xa gardados para sempre nesta memoria electrónica.
Resultados
Produciume máis alegría o resultado portugués có do noso referendo. O primeiro abre portas para a esperanza (sobe ese simpático bloco), o segundo amosa a febleza real entre nós do proxecto de construción europea e a incapacidade de saír da marxe por parte do nacionalismo político galego.

1%

bretemas —  20 de Febreiro de 2005


Cidade da Cultura, Peter Eisenman

A Voz dá conta das medidas do Plan da Lectura e dos contidos das leis do libro e de bibliotecas que debateremos o vindeiro venres no plenario da Mesa do Libro. É imprescindible contar con financiamento suficiente, tanto público coma privado, para que estas medidas poidan ser eficaces. A idea do canon do 1% das obras públicas para fomento da lectura é clave para que esta arquitectura non sexa de papel mollado.

Obradoiros de escrita

bretemas —  19 de Febreiro de 2005


Patricia Castelao (inédita) 2005

Onte, a caixa de correo deparoume o mellor agasallo para comezar o día. Joan Carles envíame unha mostra da maqueta nova colección infantil que estamos coeditando con eles e cos vascos. O traballo de Patricia, unha das novas ilustradoras galegas (con experiencia no traballo de animación) é magnífico. O seu figurativismo ondulante, un chisco daliniano, xa me gustara moito na edición dos contos prodixiosos e me rendeu definitivamente no libro de Álvaro.
A finura da burbulla
No día dei nova volta a unha Galicia pragada de aroma amarelo. Ao mediodía xantar en Torre con sumilleres para preparar a guía 2006 (o cava que bebemos foi un descubrimento, sobre todo pola finura da súa burbulla). Á tarde vin o traballo que Xurxo nos está preparando sobre a Terra dos Acordos, expléndido será o retrato de Galicia profunda e máis tradicional que alí pervive. Á noite presentación en Muralla do libro dos meus amigos rodarianos. Volvín escaganllado e aburridísimo escoitando as liortas entre señor do bigote co noso vello presidente, agora lixeiramente arrepentido. Non hai volta: teñen moita razón.
A paixón da escritura
No acto, os rodarianos defenderon a pulsión da escritura como estratexia de animación lectora. Propoñen crear obradoiros de escrita que permitan a creación e recreación literaria colectiva. Leron e cantaron textos dos seus obradoiros, algúns moi paveros. Escribir para gozar da alquimia das palabras. “Escribe, canalla, escribe!” é o seu detonante.

Actualizar o herdado

bretemas —  17 de Febreiro de 2005

“Quen non moviliza e agranda e actualiza o que herdou, non fará máis que gastalo -e gastarse a si mesmo- sen proveito para ninguén. E non terá nada que legar. Para el, a historia remánsase e descomponse nel mesmo.”

Lino Novás Calvo, prólogo de Otras maneras de contar.

“Galicia é unha nación sen estado de ánimo”

Camilo Franco, hoxe na presentación de Veu visitarme o mar.

Campo de Granada

bretemas —  16 de Febreiro de 2005


Campo de Granada

Débolle esta imaxe ás pesquisas de Lolo na colección de Vida Gallega. Recolle un mitin agrarista que alá polos anos vinte se realizou no Campo de Granada, espazo situado moi preto de onde hoxe se ubica a casa do concello de Sal. Esta fotografía ten singular importancia para min, xa que hai seis anos iniciei a colaboración semanal no Faro co nome deste noso antigo campo da feira. Empregando este topónimo, un espazo que de pequecho era unha grande explanada de terra onde se plantaban os circos, intentaba expresar a miña intención de colaborar na conformación dunha identidade cidadán de Sal, acrisolada tanto na memoria como na máis rabiosa contemporaneidade. Remoín moitas veces nas coleccións de Pachecho e Llanos e nunca atopara foto ningunha desta frondosa carballeira da que tanto me falara a miña avoa Maruja. Cidade de Sal, revolcada, abella da ribeira de xenerosidade escueta, foi tamén vila campesiña e aldeana. Grazas a Lolo por atopar esta evidencia que tantas veces eu procurei sen fortuna.