Bases de futuro

bretemas —  5 de Maio de 2005
Hai trece anos que non facía unha intervención política. Foi onte na presentación das Bases do Novo Estatuto en Sal. Percibín que o que máis interesou ao público (numeroso, aínda ca menos ca o día anterior en Teucro) foron as propostas sobre ordenaciópn do territorio: a de redución e reordenación do número de concellos, o recoñecemento da comarca e a creación das rexións urbanas (ambas as dúas como entidades administrativas e políticas). Chocoume a escasa atención dos asistentes por comentar ou interpelarnos sobre cuestións máis políticas (a lingua, a cidadanía galega, a configuración federal do estado, a integración europea…), coa excepción dunha pregunta que nos fixeron sobre cómo recollía o texto a cuestión da soberanía nacional.
Isto xa ven sendo unha constante no debate político galego reducido de forma reiterativa a un debate nominalista sobre as infraestruturas que precisamos. En xeral, boto en falta a confrontación de alternativas sobre cuestións de máis peso na vida dos cidadáns: os modelos educativos e sanitarios, as políticas sociais e de emprego ou a profundización dos dereitos cívicos (cuestións que, sen embargo, o texto do Foro aborda con profundidade).
Temo que esta campaña quede sumida a unha estéril polémica sobre liftins, as crises dos tres partidos (o tema monográfico da tertulia de hoxe) ou os trens que chegarán (xa temos a certeza) con retraso. Vai ser esa toda a cartografía do soño noso?
Cando saín do acto notei certa frialdade comigo dos responsables e candidatos do BNG. Quizais falei con paixón excesiva sobre o que eu entendo por galeguismo republicano integrador ou, quizais, non foi moi diplomático o meu último post sobre as súas listas. En todo caso, creo que, por riba das consecuencias dos resultados de xuño, hai que apostar polo futuro.

A canción do náufrago

bretemas —  5 de Maio de 2005
Promete o blo do escritor Francisco Castro. Na liña do grande Jaure, arrisca a opinar. Enlázoo aos meus favoritos.

Suso en checo

bretemas —  4 de Maio de 2005
Chama Suso para despedirse. Marcha á Feira do Libro de Praga, onde presentará as edicións en checo de Trece badaladas e Ambulancia. Seino contento pola viaxe, aínda que preocupado pola situación política. Anúnciolle a segunda edición do libro. O lanzamento saíu ben. Houbo moita reposición. Promete chamar o domingo, de volta traerá noticias de primeira man.

Nin terra nin tempo

bretemas —  3 de Maio de 2005
O anuncio das listas do BNG é outra decepción máis. Ao longo do día coméntoas con varios amigos e todos coincidimos: semella unha purga irresponsable que non ten sentido ningún (lémbrame a que fixeron con nós en 1977, si hai vinte e oito anos, cando eramos uns rapaciños de Erga, aínda o sinto con tristeza). A UPG asegúrase os postos de saída (Rodríguez sabe que canto peores sexan os resultados que obteña o BNG, mellores serán as posicións políticas dentro da organización que vaia obter a UPG); o perfil do resto das candidaturas é politicamente baixo e tecnicamente insuficiente (a inexperiencia parlamentaria non asegura apertura á sociedade nin amosa un equipo de goberno máis fiable, como se pretende).
O lema (“un país novo”) é patético. U-lo programa? Esta é a renovación que nos anunciou Quin?
Creo que a actual executiva do BNG confúndese de terra e de tempo; non vexo por ningures que posúa unha reflexión profunda sobre a Galicia do futuro (escoitaron o debate da SER?) nin que se recolla o espírito integrador e aberto do nacionalismo democrático que se foi forxando nos últimos vinte anos. Cara onde imos con estes vimbios?
A única esperanza que vexo para librarse do meigallo é promover unha forte corrente de participación política na sociedade civil (sobre todo nos mozos e nesa maioría de nacionalistas e galeguistas de tradición republicana que non militamos). O labor de todos será mover ao abstencionista de esquerda que, a pesar destas decepcionantes candidaturas (as socialistas non che son mellores), vote.
Este panorama desolador non me impide que mañá vaia poñer todo o meu pulo na presentación das Bases do Novo Estatuto en Vigo (o traballo pagou a pena, aínda que fose desprezado polos responsables da UPG). Convido aos que teñan interese a asistir á casa do Libro ás 8 da tarde.

Cabana académico

bretemas —  2 de Maio de 2005
Desta foi e a Academia nomeou por abrumadora maioría numerario a Darío Xohán Cabana. Recoñécese así a súa tarefa como construtor e forxador de lingua. Darío leva traballado arreo neste labor fundamental, sexa nas súas traducións, fose coma poeta de formas clásicas, como narrador de escrita de diamante ou preparando milleiros de encrucillados de noso.
É innegable que a Academia se renovou moito nos últimos anos. Con todo, aínda botamos en falta maior dinamismo e intervención na problemática cultural (fóra do protocolario do Día das Letras Galegas e dalgúns escasos pronunciamentos sobre o estado da lingua), sen esquecer, a incorporación de voces máis novas (ten algún académico menos de cincuenta anos?) e mesmo de ámbitos non estritamente filolóxicos ou literarios. Parabéns para Darío e pulo para o seu labor.