Orvallo e outras músicas

Onte remexendo entre os discos de música galega do centro comercial atopei ao chou un novo cedé de Miro Casabella, Orvallo. Vaia sorpresa!!! O meu amado Miro, o de “O meu país” (o tema que hai pouco gravou Luar na lubre), quizais unha das mellores cancións da música galega, despois de non sei cantos anos, saca un cedé en solitario. Só sabía da súa participación nas gravacións de Doa, xunto ao músico e fotógrafo Xoán Piñón. Escoitando o cedé de Miro comprobei que ten razón Vicente Araguas cando di que “non é que Miro Casabella volva, os que volvemos somos nós, porque el nunca se fora”. Emocionoume volver escoitar “Adeus”, canción sobre un poema de Bodaño, a quen lle puxeran música Aurichu Pereira e o propio Miro; e gustáronme os temas instrumentais, sobre todo “Der Gutere”, onde a zanfona soa cun aire mozárabe precioso.

Como é posible que Miro Casabella (un dos grandes de Voces Ceibes e do Movemento da Nova Canción Popular Galega) edite un cedé e non apareza esta noticia en case medio ningún? É incrible. Demostra que a edición de música galega é un mundo invisible, só recoñecible para os moi iniciados. Disto teño falado moito con Fernando Luaces, o editor de Boa, que está convencido que os maiores problemas da edición de música galega (do xénero que sexa, que non todo aquí é folc) son o da distribución e o da súa incorporación ás novas tecnoloxías. Se non contamos con canles, chegaremos a un punto sen retorno onde non será posible editar (xa non falo das copias piratas nin da crise do soporte). Hoxe a liberdade de edición dos produtos culturais é a súa capacidade de distribución e presenza no mercado.

Hai moi pouco sucedeume o mesmo con Conservas lambón. Cancións para os croques, un cedé moi orixinal de música para nenos (sen mixiricadas e ñoñerías) preparado por Antón Seoane e no que cantan, entre outras, Pilocha e Laura Amado. Este disco contén un menú delicioso para os pequenos, mais apenas están tendo repercusión nos medios e imaxino que no mercado.

E todo isto no ano da música, promovido admirablemente (como tantas outras iniciativas) polo Concello de Pontevedra.
Para non caír no desacougo, prendo no itunes o “Pasodoble Romántico” dos nosos grandes 100 pés e logo “É Xera” do Ajrú da Mercedes Peón. Sonche dos mellores euforizantes que coñezo.