Onte 702: Gabo en Galicia

Relendo onte pola tarde A Galicia máxica de García Márquez, esa fermosa lección de xornalismo de investigación de Carlos Reigosa, libro que presentamos este mediodía en Compostela, volvín sobre «Viendo llover en Compostela», o artigo memorable que o autor de Cien años de soledad publicou o 11 de maio de 1983 no diario El País. Unha excelente crónica da viaxe de apenas tres días que realizara coa súa muller Mercedes Barcha ao noso país. Un texto iniciado coa confesión de que seguindo o consello  dun amigo («debes ser amable contigo mesmo») se agasallara un dos seus soños máis antigos: «coñecer Galicia». Un «país do que tiña saudades», mesmo «antes de coñecer esta terra», que atribúe á comida da súa avoa panadeira (Tranquilina). Un texto no que Gabo, ademais de volver a xogar coa posibilidade de contar cunha ascendencia galega (probablemente, unha certa impostura literaria), relata o seu periplo galaico, iniciado en Compostela («unha cidade viva» na que «un se atopa a cada paso, como a cousa máis natural do mundo, co milagre das pedras florecidas»), continuado polo «paraíso lacustre da ría de Arousa» (sabemos que se aloxou no Hotel da Toxa) e finalizado pola ría de Vigo e a súa ponte (de Rande) xa camiño de Portugal. Gabanza do noso, que se estende á chuvia e, sobre todo, á cociña  «xa que pasamos 72 horas comendo os únicos mariscos que quedan neste mundo devastado, comendo uns peixes que seguen sendo peixes no prato e unhas ensaladas que seguían medrando na mesa.» Que máis admiración se pode pedir para a gastronomía de noso? Transcorridos trinta anos da publicación daquel artigo, escrito por un premio Nobel, aínda é ben estraño que non fose empregado para promover a nosa autoestima ou promocionar Galicia como destino turístico. Quizais, como remata o propio García Márquez, porque «entre galegos –xa o sabemos– nunca se sabe.»

Nota: Na foto de Ramón Castro (EFE) Gabo aparece acompañado de Domingo García Sabell, daquela presidente da RAG e delegado do Goberno en Galicia, que actuou como «cicerone» en Santiago.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *