Onte 1942: Brétemas 13 anos

Hai trece anos inicie a publicación destas Brétemas. Dende entón publiquei 5.832 anotacións das que apenas 210 corresponden ao último ano. Por moi diversas razóns persoais e profesionais, entre as que non foi allea unha certa fatiga dixital, este foi o período de máis baixa actividade do blog, sobre todo da serie “Onte”, outrora diaria, da que se publicaron 137 anotacións, boa parte crónicas das presentacións nas que participei ou con opinións sobre algunhas das películas que considerei interesante compartir. Sendo así, Brétemas convertiuse en arquivo da miña identidade dixital e dos artigos semanais que continúo publicando nas seccións de Faro de Vigo e, dende comezos do mes de decembro, no ilusionante proxecto de opinión de Luzes.gal. No entanto, Brétemas continúa e boa parte destas anotacións son replicadas no meu taboleiro de Facebook e no perfil de Twitter. Neste aniversario únome ás voces que na actual contorna da fatiga dixital, expresión da inflacción e banalidade hipertextual que soportamos, especialmente no referido á política, reivindican os blogs como portos seguros que facilitan unha lectura máis acougada e reflexiva na rede, tanto pola continuidade que achega a posibilidade de acceder ao seu arquivo como pola identidade temática de moitos deles. Hoxe abonda orgullarnos de continuar contando con lectoras incondicionais que comparten, comenta ou chían estes hipertextos no soporte dixital da súa preferencia. Beizóns para todas elas. Seguimos.

2 comentarios
  1. A profa
    A profa Dice:

    Fíxenme blogueira seguíndote e aquí permanecemos aprendendo das túas lecturas amenas, do teu ollo crítico e da túa constancia en nos agasallar unha crónica singular destes anos.
    Grazas gran mestre do blogomillo!
    Bks.
    A profa

    Responder

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *