Onte 1882: Gogue e o universo de Floreano

bretemas —  1 de Xullo de 2017 — Deixa un comentario

Universo_Floreano

Onte ás dez da noite presentamos Floreano, o libro de humor gráfico de Gogue, na praza do concello de Ribadumia. Unha hora e un espazo pouco frecuentes para a presentación deste libro singular que antologa catrocentas tiras protagonizadas por Floreano, este borrachiño defensor da tasa, embaixador universal do viño de Barrantes. Tras as presentacións do Grove, Cambados, Sanxenxo e Bueu, a de Ribadumia constituía unha cita obrigada para que Gogue, probablemente o mellor caricaturista galego de todos os tempos, realizase outra das súas extraordinarias sesións de autógrafos. Vencellado ao humor gráfico galego desque en 1983 promovera con Pepe Carreiro Can sen dono, revista satírica esencial para o humorismo gráfico de fin de século, Gogue asumiu dende 1989 o reto de publicar diariamente na sección de Opinión de Faro de Vigo unha tira humorística na que con retranca galega se destilase o devir cotián. Aí naceu Floreano, cunha tira sobre a problemática do naval, á que seguirían dende entón máis de sete mil.

XG00271601Gogue confesa que o personaxe de Floreano está inspirado na figura do seu avó, señor Emiliano, un mariñeiro do Grove, que tamén era filósofo. Con el e co resto dos personaxes das tiras, a súa muller Monchiña, o cura don Ramón, Epifanio, Cachiña, Charito ou a mosca Fly pretendeu facer un universo que, para o xornalista Alberto Avendaño, constitúe «a expresión da liberdade». Personaxes que non pretenden sentar cátedra, aínda que con identidades diversa todos se movan no territorio da xenerosidade e dos afectos.

Probablemente o éxito de Floreano, que conta con milleiros de seguidores e con presenza en murais, estatuas, viños e conservas, se deba a que constitúe a expresión máis afortunada da retranca de taberna. Retranca acuñada de forma xenial no rexistro da lingua popular do Grove, unha «lingua eterna», cualificada así por Avendaño, o prologuista excepcional do libro, onde un aturuxo abonda para expresar o estado de ánimo colectivo. Xaora, particular importancia ten para Floreano a defensa da tasa, dese tinto de Barrantes único, convencido de que a cabreiroá tampouco vai solucionar os problemas do noso mundo. Floreano bebe sen ánimo de lucro, outra das expresións da súa xenerosidade. Gogue asinará exemplares o vindeiro xoves na Feira do Libro de Vigo, unha oportunidade para facerse con outro dos seus exemplares únicos.

Comparte este artigo:
Facebook Twitter Digg Email

Sin comentarios

Podes ser o primeiro que abre unha conversa sobre este artigo.

Deixa unha resposta

Podes utilizar algúns tags HTML para formatear a túa resposta. Preme no seguinte link HTML. <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

*

Canto suman 8 + 3 ?
Please leave these two fields as-is:
Esta pregunta faise porque a maioría dos comentarios veñen de robots. Deste xeito sei si és humano.