Onte 1828: “Moonlight”

Moonlight-188313329-largeExcelente a estrea á que acudimos onte de Moonlight, o filme do director afroamericano Barry Jenkins. Unha película que reconstrúe a peripecia de Chiron, un mozo afroamericano nun barrio de Miami entre os anos 80 e 90, en tres momentos decisivos, infancia, adolescencia e mocidade (interpretados por tres actores que conforman un único personaxe) coa intención de reflexionar sobre a construción da identidade (sexual e racial). Unha narración en tres tempos que, inevitablemente, lembra a temática de desamparo e violencia que viven as comunidades pobres afroamericanas nas series de David Simon, como The Wire ou The Corner: o cinismo do mundo do trapicheo, as desfeitas familiares provocadas polo consumo de crack, o acoso escolar, a homofobia e o machismo nas comunidades negras. Mais tamén é doado lembrar a súa proximidade coa reflexión intimista sobre o tempo, esa arxila que nos vai modelando presente na nosa admirada Boyhood de Richard Linklater.

Xaora, Jenkins ofrece con estes vimbios temáticos un relato moi orixinal e lúcido, grazas ao emprego extraordinario das posibilidades narrativas da elipse, cunha vontade antirretórica de concisión no desenolvemento da trama e de precisión na composición visual, que convidan ao espectador a unha participación activa para completar o relatado. Unha película na que se fala tanto por medio das conversas (algunhas memorables, como aquela inicial da praia onde comprendemos o título, “á luz da lúa os negros parecen azuis”) como das olladas do protagonista, capaces de expresar o medo, a decepción ou o desexo. Un relato resolto con gran elegancia nunha terceira parte máis conversada que as dúas primeiras, con escenas inesquecibles como a de Chiron coa súa nai no centro de desintoxicación ou naqueloutra do restaurante. Moonlight afonda na cerna da identidade e da perda. Un drama íntimo, onde o poético e o narrativo conforman unha ficción inesquecible. Para non perder.

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *