Onte 1461: Parabéns á Coordinadora

premio_CGRecoñezo a afouteza da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística de rexeitar o Premio da Cultura Galega 2015 no seu apartado de lingua. Non obstante, o consello directivo da Coordinadora deixou constancia da súa gratitude para o xurado que lle outorgou o recoñecemento «por poñer de relevo a transcendencia social, cultural e pedagóxica da normalización lingüística (…) para que o noso idioma sexa un valor de futuro». Xaora, considera «incongruente» aceptar un premio «das mans dun goberno que ten actuado por obra ou omisión, en contra de todos os principios que defendemos a prol dunha normalización efectiva da lingua galega».

Como xa fixera Agustín Fernández Paz en 2010, en base a un criterio de coherencia e honestidade, a Coordinadora coa súa decisión pon o dedo na chaga da política lingüística do goberno de Feijoo no eido educativo xa «que foi o primeiro que lexislou para limitar o uso do galego nas materias tecnolóxicas e científicas no ensino; foi tamén aquel que suprimiu as liñas de galego solicitadas polas familias na Educación Infantil ou o mesmo que delegou a responsabilidade de “escoller” o idioma de escolarización nas nais e pais, ignorando os desequilibrios históricos entre a lingua de ámbito estatal e outra minorizada».

Exercendo o seu lexítimo dereito a renunciar a un premio destas características, a Coordinadora expresa o compromiso dos seus membros de continuar traballando como «un proxecto aberto e integrador que procura facilitar o uso do galego en todos os ámbitos da vida, libre de prexuízos e contando coa suma de vontades». Parabéns á Coordinadora por esta lección de dignidade.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *