Onte 1298: «O corazón da maxia» de Xavier Estévez en Salceda

xavier_estevez_salceda_17-04-2015

Viaxei onte a Salceda para acompañar a Xavier Estévez na presentación d’ O corazón da maxia. Quedei abraiado do crecemento dunha vila que ben coñecía hai máis de trinta anos cando comecei no Budiño o oficio de mestre. As magníficas instalacións da Casa da Cultura, no que foi o vello edificio do concello, testemuñan a extraordinaria reviravolta urbanística e cultural de espírito municipalista que o equipo do alcalde nacionalista Marcos Besada leva dando a un concello que xunto ao de Ames vai á cabeza do crecemento demográfico de Galicia. As cifras que me deu Teresa Pérez, a concelleira de Cultura e Educación, deixáronme parvo: «temos un centro de educación infantil con 300 nenos e nenas, un colexio de primaria e un IES con máis de cincocentos alumnos e alumnas cada un; o centro de saúde está desbordado, sobre todo as consultas de pediatría».

XG00216701Na presentación d’ O corazón da maxia, o escritor Xavier Estévez confesou que para el «os libros deben emocionar, simplemente, teñen que conseguir emocionar ao lector para que o texto siga percutindo na súa alma durante moito tempo». «Escribo dende os nove anos, desque teño memoria. Creo que o mundo pode cambiar a través do poder da imaxinación. Cando escribo non intento educar, intento emocionar.» Despois Xavier referiuse ao libro, «unha historia especialmente emotiva, dura por momentos, leda outros, mais sincera, xa que está escrita co corazón.» «Sei que o corazón da maxia é un libro con capas e con lecturas moi distintas, mais que pode interesar tanto a lectores e lectoras novas como a lectores maiores, xa que quizais poida abrir unha porta ao rapaz que foron.» Rematou agradecendo as lecturas tan positivas que recibira por internet de persoas como Modesto Fraga: «para un escritor é unha delicia saber que un libro gusta, a maxia do libro é que vaia rulando.»

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *