O tren de Vigo

No artigo da semana en Faro de Vigo reclamo a recuperación do proxecto da variante de Cercedo:

Tras as declaracións do novo ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, nunha entrevista nos “Desayunos de TVE” non fai falta ser un rato de hemeroteca para comprender que o AVE non chegará a Galicia até dentro de cinco ou seis anos e que o tren de Vigo, o que circularía pola chamada “variante de Cercedo”, que uniría por alta velocidade Ourense e Vigo, quedou fóra do calendario sine die. Ben sei que vinte e catro horas despois, Fomento emitiu “un comunicado aclaratorio” no que ratificaba “o compromiso do ministerio co alta velocidade a Galicia” e que o propio presidente da Xunta expresou o seu desexo de que “o AVE debe entrar en terras galegas nun prazo razoable” e que “a maior parte ten que estar finalizado en 2018”. O que traducido a román paladino e tras a experiencia acumulada en promesas no terreo das infraestruturas de comunicación de Galicia coa meseta, quere dicir que a finalización do AVE galego sofrirá novos e importantes atrasos como tan sincera (e inxenuamente) confesou e cuantificou o ministro cántabro.

Atrasos que Fomento xustifica polas limitacións orzamentarias do ministerio e pola complexidade técnica dalgúns tramos en túneles e viadutos nos que se traballa nas provincias de Zamora e Ourense. No entanto, a polémica do AVE galego céntrase agora nun treito de apenas 17 km, entre Taboadela e Ourense, unha variante exterior de acceso á cidade das Burgas, cun trazado máis longo que o actual, aínda que con radio de curvas máis amplos. Un trazado que aínda non está sequera licitado (pendente do ditame medioambiental)  e que ministro de La Serna na entrevista de TVE propuxo eliminar e substituír polo arranxo do trazado centenario, inzado de curvas, que non permite velocidades superiores a 100 km/h, mais que de ser utilizado suporía un aforro de 600 millóns de euros e, en palabras do ministro, “apenas catro minutos máis na duración da viaxe”. Unha ocorrencia moi desafortunada (abonda lembrar a experiencia de Angrois), que por ventura foi rexeitada decontado polo concello de Ourense e que obrigou ao ministerio a asumir o compromiso de procurar unha “solución provisional” que permitise o acceso do AVE a Ourense cando remate o resto do trazado.

Máis complexa semella aínda a situación da “variante de Cercedo”, un tramo de 56 km (dos que 38 serían en túnel e 7 en viadutos), entre Maside e Portela, no concello de Barro, onde empataría co eixo atlántico, que reduciría en media hora a viaxe entre Ourense e a rexión urbana de Vigo e Pontevedra. Un tramo que para saír e entrar no Vigo metropolitano evitaría o rodeo da viaxe por Compostela, unindo en arredor de corenta minutos minutos Vigo e Ourense, o que facilitaría a vertebración do sur de Galicia por medio deste corredor ferroviario alternativo. Sendo Ana Pastor, ministra de Fomento, comprometeuse a que as obras da variante de Cerdedo, o tren de Vigo, fosen iniciadas en 2017. Porén, a realidade é que isto non vai ser posible de maneira ningunha xa que aínda continúa pendente a aprobación da declaración de impacto medioambiental e, o que é moito máis preocupante, non existe interese ningún por parte do actual responsable do ministerio en activar un proxecto que descartou dun plumazo en TVE. Esta é a crúa realidade: unha das primeiras decisións do responsable de infraestruturas do novo goberno de Rajoy foi enterrar o proxecto do tren directo de alta velocidade de Vigo a Ourense e a Madrid.

A principal razón pola que o goberno do Partido Popular renuncia á variante de Cercedo é, probablemente, presupostaría, xa que a obra supón un investimento de 2.000 millóns de euros. Un paradoxo cando se rescatan varias autoestradas privadas por máis de cinco mil millóns. Mais un argumento que non se sostén se comparamos os custes doutros traxectos de alta velocidade en funcionamento (boa parte deles no eixo mediterráneo) en relación coa poboación á que ofrecen os seus servizos. Como tampouco se entende a morneza conformista da Xunta de Galicia e do seu presidente á hora de aceptar sen apenas rechistar á paralización dun proxecto estratéxico para o desenvolvemento económico do sur de Galicia e da súa vertebración co norte de Portugal. Durante a última década, a variante de Cercedo, o proxecto do tren directo de Vigo, foi un espazo de consenso entre todas as forzas políticas e colectivos económicos e sociais do sur de Galicia. Provocar un trasacordo do ministerio de Fomento para recuperala constitúe un reto para todo o Vigo metropolitano.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *