"O segundo sexo", primeiro exemplar

Hoxe chegou un exemplar do primeiro tomo d’ O segundo sexo, a obra fulcral de Simone de Beauvoir, traducida para o galego por Marga Rodríguez Marcuño. A publicación desta importantísima obra, coeditada coa Secretaría Xeral da Igualdade (grazas, sen dúbida, ao pulo e teimosía de Carmen Adán), coincidindo cos actos do 8 de marzo, supón un auténtico acontecemento parapara a edición en galego. A tradución será presentada o martes 11 de marzo, as 18:30 no Hotel AC Palacio del Carmen de Santiago, contando coa participación da tradutora, de África López Souto (autora da introdución e da revisión filosófica da tradución) e da Secretaria Xeral da Igualdade. O segundo tomo publicarase no outono vindeiro. Reproduzo o texto de contracuberta que preparamos:

“Hai libros que nos acompañan moito tempo despois de telos lido. Que abren camiños para o pensamento permanecendo vivos anos despois da súa primeira publicación. Este é o caso d’ O segundo sexo de Simone de Beauvoir, un texto imprescindible para os movementos de mulleres e a primeira reflexión filosófica de calado sobre a construción da condición feminina. Unha obra, publicada en 1949, que abriu debates sobre temas claves para o avance das mulleres, nomeadamente, a importancia da súa independencia económica, a redefinición do seu papel nas familias e na sociedade, a deconstrución da mística da maternidade ou a capacidade de decisión das mulleres sobre o seu propio corpo e da súa vida. Deixou claro que a bioloxía non é o destino. E, polo tanto, deu azos a moitas xeracións de mulleres para buscar formas para participar e transformar a vida social e política. A obra Beauvoir ten a virtude de ser contemporánea moitos anos despois. E agora a súa edición en galego, traducida por Marga Rodríguez Marcuño e introducida por África López Souto, no ano do centenario do seu nacemento apunta nesta mesma liña. As nosas letras enriquécense cun texto fundamental para a humanidade que xerou unha rede de pensadoras e activistas que transcende xeracións, clases e países.”

Sei que a tradución de Marga Rodríguez Marcuño, froito dun traballo demorado de máis de cinco anos, é magnífica. Agardo que a obra de Beauvoir, case sesenta anos despois da súa publicación, teña a visibilidade en galego que merece. Beizóns á tradutora e revisoras, así como ás responsables da Secretaría Xeral da Igualdade por ter participado tan decisivamente nesta edición.

1 comentario

Los comentarios están desactivados.