O rigor bilingüe de Conte

Pasado o rebumbio, leo con máis vagar o artigo de Conte. A grosso modo conclúo que para este crítico tan sesudo os escritores galegos (dende Meendinho a Suso de Toro) son bilingües por definición (como considera prexuiciosamente que o é a sociedade galega), sendo, por tradición máis prolíficos, e interesantes, na lírica ca na narrativa.
O certo é que non paga a pena alporizarse e entrar en grandes debates sobre unha negación tan radical e extravagante (termo co que a cualifica moi acertadamente Jaure). Enviareille mañá, de agasallo, un volume de cada un dos nosos libros de literatura. Con seguridade, este bo señor, se pretendese aprobar a selectividade, que se celebrará esta mesma semana, os necesitaría. E, por riba, pontifica coma se soubese. Meus, Deus!
2 comentarios
  1. Louzao
    Louzao Dice:

    O peor non é o que di Conte, e tampouco que, tal como nos informa a Celia que coñece ben o percal desde dentro, esa sexa a opinión maioritaria dentro da intelectualidade madrileña. O peor quizais sexa que hai un sector significativo en Galicia que configura as súas opinións sobre a realidade a partir do que di EL PAIS e similares. Porque as opinións de Conte, con variantes, tamén se len en colaboradores dos medios de aquí.
    De calquera xeito, moi ben o envío de información ao señor Conte. “Ensinar ao que non sabe”, era unha das obras de misericordia.

Los comentarios están desactivados.