O pacto debera ser a retirada do decreto

Xa o comentei onte na tertulia da noite da Radio Galega. A oferta dun pacto pola lingua realizada por Feijóo no contexto dos actos da homenaxe a Novoneyra é un xesto que non debemos rexeitar, aínda que ben coñezamos que os contidos ofrecidos non son outros que os recollidos na redacción do artigo número 5 do Estatuto de Autonomía: o galego como lingua propia de Galicia, a cooficialidade entre os idiomas galego e castelán, acción positiva cara o fomento da extensión e uso do galego e a aplicación do principio de non discriminación por razón de lingua. Con todo, o máis valioso da declaración de Feijóo en Parada do Courel non é o que expresa, catro principios estatutarios que ten obriga de defender, senón o que cala, abandonando así o discurso das mentiras da imposición do galego e da liberdade de elección de lingua, que no día anterior empregara con semellante vehemencia Alfonso Rueda, o secretario xeral do seu partido. Entón, en que quedamos: cal é o discurso do PPdeG que vale?  É comprensible que os responsables do chamado «Decreto de Plurilingüismo», tras os paos recibidos polos diversos ditames institucionais (o máis recente, o do Consultivo foi durísimo), pretendan procurar unha saída decorosa para a tremenda lea na que se meteron, engaiolados uns polos cantos de serea negacionistas e outros pola estratexia política de reconstruír un novo centralismo. Eles mesmos deben andar amolados pola soidade na que quedaron e sorprendidos pola fortaleza da resposta cívica galeguista. No entanto, a saída para o conflito continúa estando onde os responsables do Goberno Galego ben coñecen: na retirada do documento (como hoxe propón con toda a claridade Agustín Fernández Paz) e na convocatoria decontado  dos tres grupos políticos para reiniciar en sede parlamentaria os traballos da posta ao día do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Velaí, como sinalabamos o domingo, un pacto perfectamente posible.

6 comentarios
  1. Xabier
    Xabier Dice:

    Non confundamos pacto con rendición. O escenario da retirada do documento non é viable (malpocadamente) por mor dun escano.
    A que estamos nosoutros dispostos a renunciar para acadar un pacto?

  2. bretemas
    bretemas Dice:

    Retirar o documento non sería unha rendición para o Goberno Galego. Obrigaría aos dous partidos da oposición a modificar a súa estratexia de mobilización, situando este debate noutro terreo. Teño a convicción de que unha medida dese tipo crearía espazos intermedios para o diálogo e para achegar posicións entre todos. Insisto na idea: o pacto reside en recomezar, recuperar o fío de 2004. A partir de aí todos volven ser corresponsables. Ben sei que isto supoñería o fracaso rotundo do negacionismo, que se sitúa fóra do marco constitucional e estatutario actual. Feijóo volve enfrontarse cun dilema que lle proe ao longo de todo este ano: consenso coa maioría social ou negacionismo cunha minoría electoral. Debe escoller.

  3. caralladas
    caralladas Dice:

    a mamarrachada de feijoo garantindo o que xa garanten Estatuto, Constitución e sentido común soltouna un 17-M, e durará o mesmo que duran as portadas dos xornais en galego. un mísero día ó ano.

    tedes tantas ganas de despertar do pesadelo que vos credes todos os contos que vos contan, ho.

Trackbacks y pingbacks

  1. […] con toda claridade: «Pacto do Courel? Fume de palla!». Os «inxenuos» que poderiamos conservar unha mínima esperanza de que vencese a racionalidade e puidese ser retirado o decreto quedamos esta mañán ben […]

  2. […] This post was mentioned on Twitter by Manuel Bragado. Manuel Bragado said: «O pacto debera ser a retirada do decreto», anotación no blog, http://bit.ly/bWirwJ […]

Los comentarios están desactivados.