Noticia de Gulliver

Na oficina tiven unha mañá de entrevistas. A primeira hora o profesor Ripalda entregoume o seu orixinal definitivo do Libro das fontes. Sei que detrás de cada unha destas humildes construcións singulares hai unha comunidade. A auga fonte de vida. Vai quedar un libro ben curioso e do que non coñezo precedentes.

Logo chegou Luis con noticias de Gulliver Ferreiro. Outra fonte de novidades: apareceu un poema disperso publicado en Ribadeo e unha partitura de Enrique dedicada ao escritor da taberna do galo (non sabía da súa amizade). O máis interesante, sen dúbida, foi a noticia da aparición dun fachico de textos narrativos, que, quizais, poidan pertencer ás inconclusas Memorias de nunca. Debe valoralos Moncho. Volvimos ao tema recorrente de Venezuela e á necesidade de restaurar definitivamente a súa memoria luxada polos ananos. O que sucede co noso Gulliver é paradóxico: nesta cultura tan necrolóxica é, sen embargo, dificilísimo recuperar a memoria e a obra dun dos nosos máis grandes poetas. Seguiremos teimando. Luis recomendoume a lectura do Manifesto de Caracas en defensa da humanidade do que tiña noticia por Farruco, o vice ministro de cultura galego do governo bolivariano.
Ao mediodía arrei, entre unha choiva do demo, para Muralla. Cando regresaba souben pola galega da demisión de Lois. Como alcalde fixo un traballo moi digno e insuficientemente recoñecido; agora, sen embargo, precísanse caras novas e, sobre todo, unha estratexia audaz para restaurar a esperanza da maltreita esquerda de Sal. Restaurar, tecer e destecer coma Penélope na tea dos nosos soños.