Morreu Carlos Díaz Martínez

Por agardada que fose, a nova petounos moi fondo. Esta mañá morreu o noso benquerido amigo o editor Carlos Díaz Martínez. Editor de estirpe, documentalista da nación, Carlos foi un mestre de humanidade xenerosa a quen non sabemos agradecer todo e tanto que nos ensinou.
Editor emigrante, ocupouse da edición príncipe de Cemiterio privado de Celso Emilio Ferreiro e de tantas outras iniciativas culturais e políticas da Galicia desterrada durante a Ditadura. Xa en Galicia teimou por enriquececer co seu coñecemento os proxectos editoriais d’ A Nosa Terra, Espiral Maior, Artesa (ese obradoiro de beleza e poesía) e de Xerais (onde dirixía dende hai unha década a nosa liña de Álbums de postais, nun traballo de recuperación de memoria gráfica das cidades e vilas do país do que nos sentimos tan orgullosos).
Carlos era un editor artesán, minucioso, comprometido coa fasquía do libro coma síntese da expresión cultural. Haberá ocasións de recoñecer devagariño a obra que nos deixa para a memoria. Mañá na Coruña será incinerado na intimidade, como quere a familia. Hoxe todas as nosas beizóns para el e para os seus, desgarrados por tan terrible perda. Que a Terra dos teus soños che sexa leve, compañeiro!

Actualización (08-04-2007): No artigo da semana recordo a figura de Carlos.

2 comentarios

Trackbacks y pingbacks

  1. […] No que atinxe a min propio tan só colaborei en dous números, a petición de Severiano Pérez Suárez, en concreto no nº 3, datado en marzo de 1988, co soneto “Da ausencia” e no nº 4, datado en agosto de 1988, co soneto “Miro-te na xanela nocturna perfilada”, ambos e dous con algunhas variantes lingüísticas (como o feito de que mudei a ortografía de mínimos pola norma oficial) foron incorporados ao meu primeiro libro de poemas, o sonetario Ausencias pretéritas (Espiral Maior, 1992. Finalista do Premio Esquío en 1990), do que veñen de se facer 25 anos da publicación e cuxa capa é da autoría do chorado amigo poeta e artista Paco Souto. A obra facía o número 5 da Colección de Poesía dirixida polo escritor Miguel Anxo Fernán-Vello, con deseño gráfico do finado Carlos Díaz Martínez. […]

Los comentarios están desactivados.