Memoria de Cabral

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a recomendar o libro Cabral. Olladas do pasado de Xosé Manuel Álvarez Estévez.

En numerosas ocasións temos salientado libros que contribúen ao proceso de construción da memoria histórica viguesa. Desta volta celebramos a publicación de Cabral. Olladas do pasado, un coidado volume de Xosé Manuel Álvarez Estévez que reúne preto de medio milleiro de fotografías sobre os máis diversos eidos da vida cotián do último século da parroquia de Cabral. Un libro que afonda no proxecto de recuperación documental iniciado hai dous anos polo mesmo autor, “Santa Mariña 1947-1997. Memoria dunha andaina deportiva” no que reconstruía a traxectoria do club máis emblemático da súa parroquia natal.

Grazas á colaboración de máis dun cento de particulares, que achegaron fotografías privadas, á consulta dos arquivos das entidades societarias da parroquia e doutras publicacións nas que quedaron algunhas pegadas da historia da que foi unha das parroquias adscritas ao concello de Lavadores, o autor ofrece un entrañable relato visual da historia de Cabral durante o século XX, sen esquecer ningún dos seus catro barrios: Becerreira, Carballal, Figueiras e Sello. Unha historia iniciada en 1904 a carón da lareira campesiña de Flora Vilaboa e rematada coas paisaxes actuais dos muíños de Amaro e dos Lusquiños, apenas unha mostra das dúas ducias de rodicios que no seu tempo moeron nunha parroquia de farturentos eidos de labranza regados polo Lagares, o río que tiña o seu berce na Lagoa Mol, hoxe aterrada polas instalacións deportivas do Aero Club e polas pistas de Peinador.

O autor ten o acerto de reunir no seu limiar, onde bosquexa unha breve historia da parroquia, os nomes dos lugares de cada un dos seus barrios. Borralliño, Mancoña, Gondarisco, Requeixo, Maceiriña, Besada, Rinxela, Gorguiña, Sardomela, Medoña, Parachán, Carballas, Pividal, Nogueira, Grileira, Remesil, Lomba, Sanín, Ameal, Retorta, Peinador, Chans, Rans, Molares, Caeiro, Cruxeira, Riomao, Cerquide, Penís, Fontaíña son algúns dos nomes de lugar que desfilan polas páxinas desta arca da memoria. Nomes que durante moito tempo vertebraron un espazo de cultura campesiña, onde nas primeiras décadas do século anterior emerxeu un potente movemento agrarista, que traballou arreo tanto na abolición foral coma na recuperación para os veciños do patrimonio forestal de Cotogrande, Valadas, Rans, Lodoso, Gorxal, Cotiña ou Bandeira, os montes da parroquia. Un proceso que chegou aos nosos días da man da actual Comunidade de Montes de Cabral, a piques de resolver o seu derradeiro contencioso sobre a propiedade dos terreos no que AENA constrúe o novo aparcamento do aeroporto.

No libro está presente, ademais, o pulo industrial da parroquia, ao que contribuíu a instalación en 1939 da empresa de Manuel Álvarez e fillos. Primeiro, o forno da fábrica de vidro –co que o fundador continuaba en Cabral a actividade industrial que iniciara na rúa Vitoria e despois no barrio de Casablanca–; máis tarde, as fábricas de porcelana Santa Clara en 1941, Royal China de louza en 1948 e Vanosa de vidro na década de 1960 converteron aquela resistente “Rusia chiquita” dos días doa alzamento nun dos principais focos obreiros vigueses deica a súa desaparición a finais da década dos noventa, tras un lamentable e fraudulento proceso de liquidación.

Polas páxinas deste excepcional libro documental recuperamos a imaxe dos tranvías da liña Vigo-Porriño, os ómnibus dos rusos e moita xente dacabalo. Coñecemos as entradas dos cines Camaruxo e Delicias, o mercado da Ponte ou as modernas tendas-bar. Como temos a posibilidade de intentar  identificar a milleiros de persoas que participan en vodas, xantares, romarías, ranchos de reis, festas, procesións, enterros, excursións, coros, comparsas… Costureiras como Josefa “A Farrapeira”, lavandeiras, regadores, vendedores de churros e patatillas… sorprenden coa súa presenza. Outrosí sucede cos grupos de escolares e dos seus mestres, ou as ducias de equipos de fútbol que desputaban aqueles encontros de solteiros contra casados tan frecuentes durante a ditadura. No libro aparecen as agrupacións de gaiteiros (Os Olimpios, Os Alegres, Os Parrulos e Os Cuncheiros de Cabral), as orquestras (a Orquesta Bastos, fundada polo acordeonista Arturo Bastos, e a famosa Orquesta Sintonía) ou os grupos pop (Los Gritos e Néctar). Como os deportistas son protagonistas doutro capítulo, dende a figura de Amante Caride, creador en 1929 do Veritas Sporting Club, primeira entidade deportiva da parroquia, pasando por Manuel Augusto Alonso, un dos mellores atletas vigueses de todos os tempos, deica os clubs de fútbol e balonmán, como o Santa Mariña ou o Deportivo Carballal.

Un libro entrañable, moi recomendable e clarificador, tanto para os fillos de Cabral como para o resto dos vigueses, xa que permite identificar unha parte moi significativo do que é o noso ADN urbano.