Marcó del Pont

bretemas —  23 de Xaneiro de 2018 — 2 Comentarios

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á figura de Buenaventura Marcó del Pont:

Ao fío do artigo do pasado martes sobre Gonzalo de Vigo como un novo mito vigués a poñer en valor, varias persoas me comentaron como era posible que continuasen esquecidas outras figuras da nosa historia local como Buenaventura Marcó del Pont, empresario da salgadura, armador corsario e alcalde permanente de Vigo, de quen no mes de setembro deste ano se fan trescentos anos do seu pasamento. E non lle faltan razóns aos meus interlocutores xa que a peripecia deste fomentador catalán constitúe un relato necesario para entender a incipiente prosperidade da economía marítima daquel primeiro Vigo urbano e portuario de finais do XVIII e comezos do XIX, como salientou o escritor Pedro Feijoo na súa intervención recente no Club Faro de Vigo, coincidindo coa aparición da súa novela Os fillos do lume (Xerais 2017), e como amosa tamén o feito das númerosas páxinas que lle dedicaron a este emprendedor José de Santiago Gómez en Historia de Vigo y su comarca (1896), José Espinosa Rodríguez en Tierra de Fragoso (1949) ou don Xosé María Álvarez Blázquez nos seus libros vigueses máis emblemáticos A cidade e os días (1960) e Vigo en su historia (1979).

Nacido en Calella (Girona) en 1738, Buenaventura estableceuse en Vigo en 1758, onde fundou no barrio do Areal, xunto con outro catalán, Francisco Puig, a primeira fábrica de salgadura de Galicia. Obtivo de Carlos III licenza real (patente de corso) para fustrigar á flota británica e aos seus aliados portugueses, até converterse nun dos armadores máis importantes do seu tempo, facendo numerosas presas de artigos como sal, bacallao de Terranova, aceite, viños e fardería de coiros e panos. A casa comercial e navieira Marcó del Pont armou en corso navíos como o “San Carlos” (alcuñado “Atrevido) o “Cristo da Vitoria” (“Magnífico”), o “Purísima Concepción” (“Galgo”) ou o “Príncipe da Paz”, que a partir de 1779 participaron activamente na guerra corsaria librada con buques británicos e holandeses, librando batallas apaixonantes, como algunhas desenvolvidas na propia ría de Vigo, relatadas en incribles notas a pé de páxina na xa citada historia de Vigo de José de Santiago. Unha actividade corsaria que permitiu unha importante acumulación de capital e o desenvolvemento do propio porto de Vigo, máis alá da súa condición da viliña de pescadores do Berbés.

Non esquezamos que foi Buenaventura Marcó del Pont quen en 1773 elevou súplica a Carlos III para que habilitase o porto de Vigo para despachar, a título de expedicións particulares, algúns navíos a Cuba e as Antillas, intentando abrir así vías comerciais con América, o que suporía rematar co monopolio dos portos andaluces de Sevilla e Cádiz no tráfico de Indias. Como foron tamén as xestións deste “home de moito prestixio e suxeito adiñeirado” (así o definiu Álvarez Blázquez), as que permitiron que o porto de Vigo puidese en 1783 fletar os primeiros rexistros ultramariños e comezar a competencia cos portos da Coruña e Ferrol, que entón contaban con maior tráfico de navíos, e xa en 1794 o dereito a manter tráfico con todos os portos americanos. Foi este, sen dúbida, un logro senlleiro para o desenvolvemento de Vigo como cidade portuaria atlántica, que convertiría tamén a Marcó del Pont no “principal cargador de Indias no Vigo do dezaoito”. Abonda con salientar que en 1794 o porto de Vigo mantiña xa tráfico comercial con Montevideo, La Guayra, Cunamá e Buenos Aires, ao tempo que comezaba a angueira da construción dun peirao no barrio do Areal, onde se asentaban os fomentadores cataláns, para o embarco e desembarco das mercadorías, logro polo que habería que agardar case tres décadas.

O éxito da actividade corsaria e comercial permitulle acumular un importante capital e fundar a Casa de Crédito Marcó del Pont, capaz de financiar con importantes cantidades á propia coroa española. Como tamén contar con varias residencias como a casa fidalga do Areal ou o fermoso Pazo do Pousadouro de Redondela. Alcalde permanente de Vigo, ordenou en 1816 a reconstrución do novo templo de Santa María (Colexiata) por sufrir ruína o anterior ao explotar o polvorín do castelo de San Sebastián, ademais de custear do seu peto a talla tan querida do Cristo da Vitoria. Ácerrimo seguidor de don Carlos, polo tanto moi conservador, como os seus fillos Pedro e Francisco, que seguiron a carreira de armas, Buenaventura Marcó del Pont estivo detrás de moitos fíos do que sucedeu naquel Vigo que comezaba a xermolar como espazo urbano. Semella un tanto estraño que o seu nome non figure nin no rueiro histórico vigués nin tampouco os historiadores actuais se ocupasen de afondar na súa traxectoria. En todo caso, a efeméride do bicentenario do seu pasamento pode ser unha oportunidade por reparar nas achegas do corso na orixe do Vigo contemporáneo.

Comparte este artigo:
Facebook Twitter Digg Email

2 responses to Marcó del Pont

  1. é rechamante como as cousas de noso van e veñen polo grande charco, na barriada Porteña de Flores a carón da primeira estación de ferrocarril o que correu na cidade de Bos Aires fica, hoxe devida en museo, a casa Marcó Del Pont, dende sempre axexou a miña atención ese nome co cal a devandita ollada de teu artigo resposta un anaco as miñas inquedanzas,
    gustaríame sinalar que a nomeada casa e un importante palacio de xorne “colonial” o que así e todo conten unha longa galería con columnas a que da acubillo as típicas fiestras coloniais e mesmamente crea un espazo de lecer o que deseguro aproveitaren os seus habitantes daqueles tempos,
    unha reviravolta xa pra remataren, no actual goberno de Arxentina unha Marcó Del Pont exerce arestora como funcionaria no Banco Central, que ven a ser o espello do noso Banco De España
    co cal teño enxergado cal foi daquela a endeita da flia. Marcó Del Pont,
    apertas

  2. Muchas gracias por dedicarle un artículo a don Buenaventura Marcó del Pont en el Bicentenario de su fallecimiento. Estos últimos años se ha descubierto más información sobre él que lo retratan como uno de los primeros empresaros a nivel nacional e internacional.

Deixa unha resposta

Podes utilizar algúns tags HTML para formatear a túa resposta. Preme no seguinte link HTML. <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

*

Canto suman 3 + 8 ?
Please leave these two fields as-is:
Esta pregunta faise porque a maioría dos comentarios veñen de robots. Deste xeito sei si és humano.