La lingua delle farfalle

Un dos escaparates da libraría Feltrinelli está dedicado ao lanzamento de La lingua delle farfalle, o libro no que se antologan contos de Rivas procedentes de Que me queres, amor?, Un millón de vacas e Ela, maldita alma. Contei 20 exemplares no escaparate. Nunca antes vira no país noso unha atención promocional deste tipo para a literatura galega. Na lapela do libro, Manolo é presentado como “a figura máis internacional da literatura galega”.
Estou sorprendido da expectativa que hai sobre a nosa narrativa para mozos (“young fiction”, chámana os axentes). Creo que hai interese real por traducir varios dos nosos títulos. Hoxe foi un moi bo día. As opcións concretaranse pouco despois da feira. Hai esperanzas.
Escapamos da Fiera e ruamos o centro con Marilar e Agustín. Eles deberán intervir no coloquio de manhá co resto dos autores que trae convidados o Ministerio de Cultura. Véxoos contentos. Como non estalo nunha cidade con este rueiro tan sensato: Via Luchino Visconti (nacido aquí en Bologna), Parque Stalingrado, Aeroporto Giulielmo Marconi, Piazza Galileo?…
Acabei cos dous paquetes que trouxen. Tres días. En canto remate de postear fumarei (debo saír fóra do hotel) o derradeiro da xornada.