Galicia 2057

bretemas —  19 de Decembro de 2017 — Deixa un comentario

Dediquei o artigo da semana en Luzes ao foro de prospectiva organizado polo Museo do Pobo Galego:

Hai uns días participei nunha mesa redonda sobre a identidade galega no ano 2057. Inserida no foro de prospectiva, que se desenvolve ao fío da celebración do corenta aniversario da Museo do Pobo Galego, María Xosé Cerviño, secretaria do padroado, propúxonos ao produtor Jorge Algora e a min mesmo, como membros da industria cultural, e aos profesores Henrique Monteagudo e Xosé Manuel González Reboredo, que expresáramos o que prevemos sería a identidade cultural e a situación das nosas industrias creativas dentro de catro décadas. Unha proposta arriscada que entendín apenas como unha escusa suxestiva para falar da nosa percepción do presente e da necesidade de reinventar o que entendemos por identidade cultural galega nun momento no que están de moda discursos negacionistas das identidades como os do filósofo François Jullien.

Por ventura ninguén dende a mesa nin dende o público atreveuse a facer prognósticos como os que hai anos expresaban os gurús, tan ben pagados polas industrias das tecnoloxías dixitais. Xaora, todos coincidimos dunha ou doutra maneira na idea de que a identidade cultural galega desenvolverase ao abeiro de tres factores determinantes: o demográfico (económico), o lingüístico (cultural e educativo) e o político. O futuro da nosa cultura milenaria estará moi condicionado polo que suceda coa nosa poboación, coa nosa lingua e co noso autogoberno. Tres variables que poden ser facilitadoras, mais tamén retardatarias, da valoración que no proceso de hibridación global obteña a nosa identidade na escala que regula os polos de homoxeindade e diversidade. Quizais ningún dos tres convide ao optimismo, mais tampouco ningún semella de tendencia irreversible.

A hemorraxia poboacional continúa aberta, sobre todo nas dúas provincias interiores, como demostran os datos de censo máis recentes que sitúan a toda a provincia de Ourense cun número de habitantes ao nivel do concello de Vigo. Como aberto está o fluxo emigratorio de mozos e mozas, ao tempo que se reduciu o inmigratorio, o que agudiza o devalo poboacional, tamén nas zonas urbanas. No entanto, como sinalou tantas veces Manuel Blanco Desar, sen xente dificilmente poderemos constituír unha comunidade viable dona do seu territorio e do seu destino.

A pesar de que o galego continúa sendo unha das duascentas linguas máis faladas do mundo, a perda case total de falantes iniciais monolingües no marco dunha comunidade políglota, obriga a procurar o seu futuro en novas motivacións e posibilidades de uso, como a de vencellarse ao discurso da innovación e da inclusividade. Unha oportunidade de ouro para evitar tanto os perigos que suporía a irlandización da nosa cultura (unha forte identidade sen lingua propia), o que probablemente levaría a museificación literaria do idioma, como para non entrar nese paquete de linguas en perigo nun século como o XXI, que se prevé sexa o de maior destrución de linguas da historia.

Como polo momento tempouco axuda o conformismo actual do autogoberno galego escasamente implicado na fixación de políticas públicas nos eidos estratéxicos de poboación, territorio e cultura. Como tampouco sabemos cal pode ser a viabilidade do actual estado español (quizais fallido) nin da actual Unión Europea. Incertezas que, porén, poderían constituírse en Galicia nun eficaz mobilizador de procesos de mudanza, se atendemos á diagnose que o sociólogo Manuel Castells fai no seu libro máis recente, Ruptura. La crisis de la democracia liberal (Alianza 2017), no que identifica no marco da globalización actual unha crise identitaria, onde vai haber unha oportunidade para as comunidades e as súas identidades. Podería ser este o caso de Galicia?

En todo caso, como sucedeu nunha entrevista que lle fixeron a Cunqueiro uns anos antes de morrer na que lle preguntaron como sería a Galicia do ano 2000, na que don Álvaro contestou que só sabía como a el lle gustaría que fose, a Galicia de 2057 dependerá en boa medida da determinación da xente de hoxe por querer ser. Agardo que canto menos non se perda a afouteza colectiva de intentalo.

Comparte este artigo:
Facebook Twitter Digg Email

Sin comentarios

Podes ser o primeiro que abre unha conversa sobre este artigo.

Deixa unha resposta

Podes utilizar algúns tags HTML para formatear a túa resposta. Preme no seguinte link HTML. <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

*

Canto suman 9 + 6 ?
Please leave these two fields as-is:
Esta pregunta faise porque a maioría dos comentarios veñen de robots. Deste xeito sei si és humano.