A doutrina Feijóo e os resultados da enquisa

As respostas do presidente Feijóo na entrevista de Galicia hoxe prefiguran moi claramente o que van ser os contidos do borrador do novo decreto de uso do galego, anunciado polo conselleiro de Educación para finais deste mes de setembro e agora polo presidente pra finais de ano.  Quen manda aquí? En todo caso, leamos devagariño a doutrina lingüística de Feijóo:

Do resultado da enquisa ós pais sobre o galego déronse distintas lecturas, como se vai plasmar no novo decreto?

Si pero a lectura que fai o Goberno é que a participación foi alta, que os pais que votaron ó PSOE e ó BNG participaron na enquisa e que esta sociedade o que dixo maioritariamente –computando, primaria, secundaria e infantil– é que na infantil sexan os pais os que elixan o idioma para aprender a ler e a escribir e que no resto da educación, os pais piden galego e castelán, un bilingüismo proporcional; e a minoría pronunciouse por que todo sexa en galego. Con estas vimbias e co consenso social contrastado nas urnas temos que construír o decreto. Agora a responsabilidade é da Consellería de Educación e sería bo que o puidésemos ter a finais de ano.

Non percibe que a partir do tema do decreto aumentou a crispación en torno ó idioma?

O galego non crea ningún problema na rúa, o problema está focalizado na educación. Se non liquidamos ese conflito poida que intoxique a convivencia e a cordialidade das linguas. E o que non entenda que neste momento a obsesión do Goberno de Galicia é que o galego sexa un signo de unión, de orgullo, de protección e de promoción da nosa cultura é que non entende o que estamos facendo ou estao entendendo e estao manipulando. Crispación ningunha.

En definitiva, tras varios meses de polémica, Feijóo non dá nin un paso atrás sobre o prometido; alén da utilización deste discurso ameazante e prepotente cos cidadáns discrepantes («liquidar o conflito») que resulta desolador por parte dun presidente. Cómpre tomar boa nota á hora de artellar as propostas alternativas.

Ollo: El Correo Gallego publica a mesma entrevista na súa versión en castelán cun titular estrondoso: «Galicia está de moda en España como alternativa a Zapatero».

4 comentarios
  1. A.C
    A.C Dice:

    K non cunda o panic.Volvome a repetir, a o final………..na, pouco mais ou pouco menos.Pouco a pouco irase diluindo o tema. E sobre o da alternativa a de ZP, a min, xa logo sirve calkeira.

  2. arume dos piñeiros
    arume dos piñeiros Dice:

    O que me pasma a min (xa sei que é moi lateral ao que se dirime neste post) é a distinta presentación da entrevista paa os lectores de El correo gallego e Galicia-Hoxe. Antes, canda o bipartito, ECG repartía xogo entre comentaristas e opinadores de distinto signo: agora volven ao rego de alimentar ao hexemónico, mentres mandan para Galicia Hoxe aos opinantes nacionalistas e algún do PSOE, non vaia ser. Así contentan a dúas clases de lectores: a diglosia ideolóxica na súa máxima expresión. E, por riba, con EL MUNDO na casa do lector de ECG rondando para ser lido.

Los comentarios están desactivados.