Escollo o galego

Tras dúas semanas de descanso, reanudamos a xeira de publicación dos artigos de Campo de Granada en Faro de Vigo con esta achega ao fío da publicación do libro de Carlos Callón Como defenderes os teus dereitos lingüísticos.

Nacín no Pirulí. O meu berce estivo entre a Falperra e o Paseo de Afonso. Meu pai era fillo dun emigrante de Malva, un pobiño de Zamora, e miña nai dun ebanista do Couto. Na casa nosa non tivemos aldea ningunha da que botar man. Son, pois, un deses vigueses de Vigo, educados na casa e na escola en castelán durante o Tardofranquismo. E son, tamén, un deses vigueses que fala sempre galego, unha lingua na que decidín instalar a miña vida dende aquel mes de agosto de 1975. Foi aquela unha decisión adolescente que, como outros moitos membros da miña xeración de neofalantes vigueses, mantiven con fidelidade e firmeza, a pesar de que non é doado nin cómodo facelo nunha cidade na que agroman hoxe faíscas de intolerancia galegófoba.

Sei que algunhas persoas pensan que o meu patrón lingüístico –falo en galego con todas as persoas– é froito das miñas profesións de editor e mestre ou das miñas conviccións galeguistas. Dúas das condicións, xunto coa procedencia aldeana, que para algúns explican as razóns de que non empreguemos por defecto o castelán, en Vigo a lingua considerada de uso preferente. Un reducionismo falso e inútil para explicar o estatus actual do galego e os prexuízos tecidos arredor do seu emprego nunha cidade de acollida, de orixe aldeana e mariñeira, tradicionalmente agarimeira coa cultura e lingua de noso.

No entanto, os galegofalantes enfrontámonos decote a situacións pouco agaradables nos espazos públicos vigueses. Pedimos un “café con leite morno, por favor” e se nos solicita a confirmación como “café con leche templado”, recibindo un eco semellante ao dos estranxeiros que solicitan “warm coffee with milk”. Outro tanto pode acontecer no restaurante cando pedimos robaliza e se nos responde que “hoy no le tenemos lubina”, unha mostra da pobre competencia lingüística como a moi escasa empatía do servizo destes establecementos coa súa clientela. Outrosí acontece nalgúns taxis onde teño comprobado que só con indicar o destino en galego pode ser considerado polo condutor como unha falta de cortesía ou de respecto polo seu traballo. Molestias semellantes prodúcense se cando acudimos a unha consulta médica ambulatoria pretendemos ser atendidos oralmente en galego polo persoal sanitario. Por non falar xa das escasas posibilidades de resolver en galego un asunto nun dos xulgados vigueses, a pesar do dereito que nos asiste, ou de formalizar un trámite nunha das notarías da cidade, onde se solicitamos que un testamento ou unha hipoteca se formalicen en galego, é moi frecuente que se nos ofreza nun prazo de tempo moi superior ao previsto para a súa redacción en castelán.

En todos os ámbitos citados, o castelán é sempre considerada como a lingua por defecto, a lingua escollida, no mellor dos casos, para iniciar o intercambio comunicativo, relegando o galego a un segundo plano, o da lingua subsidiaria, propia dunha minoría en inevitable decadencia. Unha situación que os galegofalantes enfrontamos con paciencia, ironía e cordialidade infinitas, que como sinala Carlos Callón no seu último libro, Como defenderes os teus dereitos lingüísticos (Xerais 2011), son as mellores ferramentas para desmontar os prexuízos e as falsidades tecidas arredor do noso idioma. Moi lonxe de desistir na nosa difícil angueira de vivirmos en galego, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística aconsella conxugar tres verbos para que o galego sexa un idioma vivo de verdade, con aspiracións lexítimas de normalidade: “usar, escoller e solicitar”, aos que eu engadiría os de “ler, escribir e sorrir”.

Non dubidemos en solicitar o servizo en galego alí onde non nolo ofrezan: “por favor, podería ser en galego [a factura, o contrato…]”. Escollamos en galego os servizos onde xa teñamos esta posibilidade: no móbil, no Facebook, no Tuenti ou no caixeiro automático. E, sobre todo, usemos o galego con amabilidade en todos os eidos da vida social, sen o deber de dobregarnos a abandonalo polo feito de que o noso interlocutor utilice o castelán. Ademais, podemos escribir en galego en todas as nosas comunicacións, dende anotacións nas redes sociais, correos electrónicos ou cartas aos xornais; como podemos escoller en galego unha oferta de lectura cada vez máis ampla e de maior calidade. Os milleiros de galegofalantes urbanos, conscientes de que unha lingua é un mercado, tamén podemos escoller o galego como outro criterio de consumo responsable, apostando por aqueles produtos etiquetados en galego, aqueles establecementos que tamén atenden en galego ou por aquelas empresas que o utilicen na súa publicidade.

Quen pode dubidar que as políticas públicas de promoción e uso do galego, sobre todo no eido educativo, son decisivas para o seu futuro? Mais tamén, quen pode facelo da importancia do compromiso de cada un de nós, da lealtade que manteñamos co seu emprego? Eu leo e escribo en galego; uso, solicito e escollo o galego.

1 comentario
  1. Adela Figueroa Panisse
    Adela Figueroa Panisse Dice:

    Obrigada por ese artigo. Eu tamén non tivem aldeia. embora os meus filhos encontraro-na depois de andar á procura e hoxe son aldeans con toda a razón . Como os de Lalin, con razón ou sen ela. Mas a presión do castelán como lingua acompanhante do urbanismo trunfante, é cada vez mais forte. Non valeu nen o ensino, nen o reconhecemento oficial, nen todas as nosas boas intencions dantano. Eu decidí adotar o galego como meu idioma na Universidade, embora aquilo fora bastante a contracorrente. A maioria das minhas coetáneas eran castelans falantes. Ainda hoxe a gente da minha xeración deran uma forte viraxe e todas as minhas colegas doutrora falan galego. O curioso é que a xente nova abandonouno, na sua maioria. Nen en povoacions como Pontevedra en que os nacionalistas ganhan as eleizons, o galego nunca é utilizado entre os funcionarios públicos menos os municipais. Isso é chocante e dificilmente compreensível. Eu coido que é um sintoma do noso fracaso como xeración de revolución a medias. As veces alporízome,nomeadamente face a funcionarias que respostan en castelan ao meu galego, mas polo regular deprímome. Menos veces confórmome que é pior. Un saudo, e força, Adela Figueroa

    Responder

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *