Educación, Sanidade e Servizos Sociais

Irene Bascoy, xornalista de Faro de Vigo, tiroulle da lingua ao presidente Feijóo e conseguiu algunhas importantes concrecións sobre o que serán os vindeiros recurtes do orzamento autonómico. Como é adoito en Feijóo fachendea na entrevista de ser o primeiro defensor da austeridade e dos recortes de políticas públicas, a pesar de que agocha coidadosamente que o seu goberno vai gastar máis de 800.000 euros nunha campaña publicitaria sobre a modernización da sanidade en Galicia e outro millón longo de euros en facer publicidade da posición do seu goberno sobre o Decreto de Plurilingüismo, unha campaña que agoira converterse nun dos seus maiores desacertos (a verdade que xa comezou metendo a zoca na convocatoria do «concurso» no DOG considerando de forma disparatada o castelán como lingua propia de Galicia).

Sen pasar por alto o ofrecemento aos nacionalistas de consensuar a reforma do Estatuto («Sería bueno que por primera vez se uniesen al pacto de convivencia») e o ataque frontal e duro que realiza á RAG (un apartado moi amplo da entrevista recollido só na edición en papel) pareceume que o máis interesante e clarificador da peza foi este intercambio de pregunta e resposta:

El conselleiro de Cultura ya se ha quejado de que el recorte que sufrirá su departamento será escandalosamente alto. ¿Cuáles serán las consellerías más afectadas?
–Educación, Sanidad y Servicios Sociales tendrán un especial tratamiento. No tenemos otra posibilidad. También hacen ajustes las familias y las empresas.

Efectivamente, esta semana escoitamos a intervención de Roberto Varela na que recoñecía con desacougo (a súa cara era todo un poema) uns «recortes escandalosamente grandes» para a súa consellaría. Agora, diante desta resposta contundente e clarísima do presidente aínda quedamos moito máis preocupados, xa que o orzamento da Consellaría de Cultura (pasado o actual «Ano da Lectura» e o Xacobeo) non merece nin sequera ser citado (do cativiño que quedará). Con estas declaracións, o futuro das políticas e servizos sociais, educativos e culturais en Galicia éstá moi comprometido, sendo aínda máis grave que a desculpa utilizada para minimizar estes servizos sexa a negativa do Goberno de Zapatero de renegociar con Galicia a débeda dos 2.600 millóns (unha cuestión estritamente política, que sen dúbida, con capacidade negociadora podería ser resolta satisfactoriamente).

En definitiva, para non levar desengano ningún, xa sabemos a que atermos no que queda de lexislatura Feijóo: ademais de máis publicidade institucional e menos galego na escola e na administración dependente da Xunta, haberá menos educación pública, menos servizos sociais públicos, menos teatro público, menos espectáculos públicos, menos lectura pública, peor sanidade pública, menos apoio á dependencia, menos políticas de igualdade… Desta volta, Feijóo avisounos ben avisados, el vai a cumprir o seu programa e satisfacer aos membros do seu partido.

3 comentarios
  1. A.C
    A.C Dice:

    D. Manuel, a cousa está mal, pero moi, moi, mal. Non hai cartos para todo, e agora recurtan por todas partes, o k onte despilfarraron . Esto foi unha agra aberta .Somos un pais avellantado, e non precisamente rico.Os k ainda traballamos temos k manter a moita xente, e me da, k vai ser imposible. Vimos empezar a “gran recesion” pero ainda non sabemos como acabará .

  2. Cibrán
    Cibrán Dice:

    Invito a quen queira a ir á ligazón “concurso” no DOG deste artigo,
    merecería A LO MENOS un par de VALLAS en COLOR ás portas de Ikea, para que ben de xente vise DE ESE tamaño estes e outros disparates na lingua que desprezan e destrozan.

Los comentarios están desactivados.