Editor emigrante

Unha das mellores cousas que me sucederon estes días foron as horas de conversa devagariño con Vicente Paz Fernández, o máis veterano editor educativo brasileiro. Nacido en Camoedo, Sada, emigrou hai corenta anos ao Sao Paulo. Mestre formado na Coruña, fíxose editor no Brasil, onde dirixiu durante vinte e cinco anos Ática e Scipioni, as dúas primeiras editorais de libro de texto en fala portuguesa (editan millóns de exemplares). Desde hai un ano, promove un novo proxecto, Escala educacional, que xa leva editado máis dun centenar de títulos.
Vicente fala unha lingua fermosa, mestura do galego mamado na beiramar ártabra e o portugués paulistano, que cativa pola súa prudencia e entusiasmo. Moito lle agradecín estes días nos cafés da mañá (tiven a fortuna de atopalo hotel) a insistencia que me fixo na idea de que o traballo da edición se basea no coñecemento como principal materia prima. Deume moitos azos e moitos agarimos de editor veterano, culto e elegante.
Voamos xuntos para Galicia (ven visitar ao seu irmán) e comprometémonos a colaborar en proxectos comúns (traducirá varios títulos xuvenís nosos). Mágoa que Vicente sexa un total descoñecido no seu propio país. O seu traballo como editor emigrante merecería ser valorado.