Directiva de editores

Onte tivemos reunión da Xunta Directiva da AGE. Dedicamos a maior parte do tempo ao debate sobre os contidos do convenio que pretendemos asinar coa CRTVG para a promoción do libro galego na televisión (faremos á compañía unha proposta a vindeira semana).
Quedamos moi apesarados coa baixa de Positivas, da que carecemos de explicacións e pretendemos sexa reconsiderada. Foi criterio unánime da directiva abrir unha reflexión profunda sobre o funcionamento da asociación de xeito que sexamos capaces de promover unha maior participación dos asociados nas diferentes comisións de traballo. Na vindeira asemblea do 3 de xuño abordarase esta cuestión como tema central.
Os membros da actual directiva cremos que neste noso primeiro ano mellorouse a presenza dos editores galegos nas Feiras Internacionais, intensificouse a información sobre temas gremiais, foron abríndose novos portelos para a promoción do libro galego (a semana do libro galego en Barcelona, con motivo do San Jordi foi un éxito) e a comisión do libro de texto elaborou unha alternativa viable sobre a modalidade de préstamo na gratuidade do libro escolar. Sen embargo, queda moito, moito camiño por percorrer e hai temas pendentes dabondo.
Agardamos que a renovación completa do sitio web, presentarase no vindeiro mes, e a edición do proxecto Palabra de autor (libro e DVD, en colaboración coa CRTVG) con motivo do 17 de maio, constitúan dous fitos na nova etapa de proxeción profesional do gremio de editores galegos que preside con temperanza e bo criterio Miguel Anxo Fernán Vello.