Cluny desaparecido

No artigo da semana no Faro de Vigo lamento o derrubo do edificio de Cluny do arquitecto Antonio Cominges.

clunyO edificio do colexio Cluny da Gran Vía, proxectado en 1929 polo arquitecto vigués Antonio Cominges Tapias, acaba de ser derrubado a gran velocidade. Unha peza histórica menos e outro capítulo máis para ese groso volume da arquitectura do século XX desaparecida nunha cidade un chisco desmemoriada e pouco reflexiva. A sociedade Ballesol –que se quedou con esta propiedade da Sareb (o banco público “malo”), que a súa vez lla rescatara á (desaparecida) Caixa de Aforros, tras os impagos do préstamo que lle concedera á inmobiliaria do futbolista ruso Valery Karpin para un proxecto residencial e comercial, que con anterioridade lla comprara a Inversiones Canaima– construirá unha residencia xeriátrica para 110 maiores, con cinco plantas na fachada de Gran Vía (retranqueada vinte metros da rúa) e sete na de Hernán Cortés, o que, sen dúbida, modificará de xeito notable esta parcela do número 10 de Gran Vía.

Despois de quince anos do traslado do antigo centro escolar á Estrada Provincial, despois de proceso tan rocambolesco e complexo de vendas e compras (en plena crise do sector inmobiliario e do rescate das caixas de aforro), foi a aprobación do Plan Xeral de 2008, quen rematou coa longa polémica urbanística e xurídica sobre o alcance da catalogación da parcela do vello Cluny como “dotacional educativa” suavizando a catalogación a “outros usos dotacionais” e incorporando unha cautela de protección, que deixaba a decisión definitiva sobre o seu grao de conservación a criterio da Comisión de Seguimento do Plan Especial de Edificios a Conservar (PEEC). Comisión que primeiro concedeulle unha protección preventiva, mais que despois, tras unha consulta formulada pola actual propietaria á Xerencia de Urbanismo, retiroulla xustificando que “o proxecto orixinal de Cominges fora desvirtuado e sucesivas obras posteriores aínda lle restaran máis valor”. Quedou así expedita a posibilidade do derrube e a concesión da licenza paradoxicamente moi pouco antes de que o mes pasado fose derrogado o Plan Xeral na súa totalidade.

Segundo Xaime Garrido e Xosé Ramón Iglesias, o edificio de Cluny, cuxa construción rematou en 1931, seguiu o proxecto orixinal de Cominges no corpo lonxitudinal, concibido para uso escolar e residencia da comunidade de relixiosas, pero foi reformado en 1943 polo arquitecto Fernando Molíns Soto no que atinxe á fachada da capela e a construción (por certo, pouco afortunada) da cuberta da terraza. A do colexio Cluny foi unha das primeiras mostras da arquitectura escolar da cidade, continuando coa renovación que José Franco Montes introducira no Colexio Apóstol dos xesuítas no predio de Bellavista e anticipando as que Jenaro de la Fuente introduciría en 1931 nos grupos escolares públicos de Picacho e Granxa de Peniche, hoxe desaparecidos. O colexio de Cluny, ademais, foi o primeiro gran inmoble construído no primeiro tramo da Gran Vía, entre Urzaiz e o Couto, razón pola que gardaba unha aliñación distinta dos demais, construídos durante a posguerra, desta rúa do ensanche trazada por Ramiro Pascual e aprobada polo concello de Vigo en 1907.

Antonio Cominges deseñou un edificio funcional, renunciando a súa decoración de espírito rexionalista e a utilización do granito como material construtivo, tan característica doutras obras súas, como as do Fogar e Clínica San Rafael da rúa Tomás Alonso, o edificio de vivendas de Colón 10, o chalet de Enrique Lorenzo da Praza de España ou o edificio de vivendas de Gran Vía 4 e 6. Plenamente consciente do que pretendía, na edificación de Cluny o arquitecto Cominges procurou sobre todo a luz e a eficacia como características das máis avanzadas construcións escolares da década de 1930, impregnadas do aroma da renovación que pouco despois suporía a chegada á cidade da arquitectura racionalista.

A desaparición de Cluny, que por ventura coincide coa recuperación integral dun edificio de Jenaro de la Fuente na Porta do Sol, supón un paso atrás na política viguesa de protección do patrimonio construído do século XX, que fora capaz de parar os derrubes dos edificios a conservar. É, tamén, o fracaso da iniciativa pública incapaz de ofrecer un proxecto alternativo que permitise conservar un edificio valioso e manter a súa catalogación como equipamento educativo. Mesmo a pesar de que se propuxeran usos tan viables como escola de educación infantil (non esquezamos que na rúa Hernán Cortés mantéñense tres aulas públicas nun baixo) ou como Escola de Arte Dramática. E, se isto non abondase, con este derrube ábrese un precedente para outros inmobles en proceso de inevitable ruína e degradación, como os da Panificadora ou os do Barrio do Cura, que coma sucedeu cos de Cluny non é difícil afirmar “que perderon a pegada do seu arquitecto” e da súa fasquía primixenia.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *