Está vendo o arquivo da categoría » Xerais

Elementos de crítica literaria

bretemas —  6 de Abril de 2005
Acollo con alegría as primeiras opinións do manual de crítica que editamos recentemente. Semella que pagou a pena o esforzo do equipo de Casas. Creo que contribuirá a densificar o noso debate sobre a crítica, ao tempo que a robustecer academicamente o sistema literario de noso.

Mellor libro do ano

bretemas —  3 de Abril de 2005
Onte á noite fomos a Auria a participar na cerimonia de fallo dos Premios Irmandade do Libro organizados pola Federación de Libreiros de Galicia. Tivemos a fortuna de recibir o premio ao mellor libro de 2004. Foi unha alegría, sobre todo, porque supón un primeiro recoñecemento para o traballo xigante que realizou Antón Costa durante unha década.
Os editores debemos agradecer a existencia de premios a obras xa editadas (moi escasos en Galicia), porque supoñen unha visibilidade para o noso traballo. Agradecemento maior cando son os libreiros (eses militantes fantasía da causa da lectura) os que recoñecen a calidade dunha obra inserta nunha concepción da edición estritamente cultural, que, ademais, e a pesar das súas dimensións (1.280 páxinas), non recibiu axuda ningunha institucional para a súa publicación. Feito máis significativo, aínda, por non tratarse dun libro literario, que xeralmente reciben unha maior atención. Agardo que este premio nos axude a continuar dando a coñecer unha obra da que, tanto o seu autor como os editores, nos sentimos tan orgullosos.

Volve Suso de Toro

bretemas —  1 de Abril de 2005


Grupo Revisión Deseño para Xerais

Estou satisfeito porque hoxe enviamos felizmente o novo libro de Suso de Toro ao prelo. Unha obra que recolle medio cento de artigos que naceron dun acto cívico do autor, dun sentido do deber e da civilidade que ten ver coa ética e só dun xeito oculto e subterráneo coa estética. Forma parte, con Nunca máis Galiza á intemperie e Españois todos, dunha triloxía inesperada na que narra e interpreta dende a súa subxectividade un ciclo histórico extraordinario, un tempo agónico que aínda vivimos. Tres libros nacidos da conmoción que supuxo a actuación do goberno de José María Aznar no asunto do Prestige e escritos dende a historia persoal, a memoria do país de noso, a memoria española compartida e as profundas conviccións democráticas e federalistas do autor.
Un libro que propón a través do diálogo outra idea política de España e de Galicia. Unha ferramenta para abrir un tempo novo para unha sociedade como a galega que quere ser aberta e plural, decididamente libre.
Será publicado simultaneamente en galego, castelán e catalán e será presentado con motivo do día do libro. Confeso que estou moi ilusionado con esta saída. Agardemos pola resposta dos lectores.

Farenheit 451

bretemas —  30 de Marzo de 2005


Manuel G. Vicente

Hoxe preparei a contracuberta de Farenheit 451, o clásico de Bradbury que editaremos en breve. A lectura da nosa tradución volveu emocionarme como hai tantos anos me sucedera coa película de Truffaut. É un deses libros que non envellece, quizais porque como 1984 e Un feliz mundo novo souberon describir profeticamente a submisión de Occidente aos medios e ao conformismo.
A novela de Bradbury resulta asombrosamente visionaria: televisións de tamaño de paredes que mostran telenovelas interactivas; carteis publicitarios de sesenta metros de longo nas estradas; altofalantes en miniatura que a xente leva nos oídos para escoitar música e as noticias; a indiferenza das persoas con respecto a todo. Escrito hai cincuenta anos!!! A prosa poética e poderosa de Bradbury fusiónase cunha percepción extraordinaria sobre o potencial da tecnoloxía para crear unha novela que aínda ten capacidade de asombrar e impactar. Recomendo vivamente visitar esta antiutopía, agora en tradución de Marlén, na que os libros están prohibidos e un grupo secreto de libros vivintes esfórzanse en transmitir de boca en boca a antiga cultura.

Contra a síndrome NNA

bretemas —  24 de Marzo de 2005
Preparei esta mañá o texto de contracapa do libro de ensaios de Victorino Pérez Prieto que aparecerá o vindeiro mes. Creo que o primeiro que vai chamar a atención será o seu título provocador: Contra a síndrome NNA. Esta síndrome vén ser a de “Non hai Ningunha Alternativa”, a que nace da imposición nos últimos anos do que se deu en chamar pensamento único, global; esa concepción do mundo, da vida, da política e da economía que nos quere convencer de que hoxe xa nos hai máis ideoloxía viable que a ideoloxía neoliberal e o sistema económico do mercado total. Como o letreiro que o Dante puxo na porta do inferno, cómpre “abandonar toda esperanza” en calquera utopía de cambio transformador, pois está de antemán condenada ao fracaso. Este libro nega radicalemnte este fatalismo ancorado no medo e no desencanto paralizante propoñendo como antídoto a esperanza que nace dunha confianza radical en que a auténtica globalización é a da fraternidade e o amor solidario.