Está vendo o arquivo da categoría » Xerais

Chegan as novidades

bretemas —  20 de Setembro de 2005

Son días bonitos estes nos que, despois do café da mañá, atopo na mesa as novidades co seu arrecendo a tinta aínda fresca. Este para min, a pesar de terse repetido cento de veces, é un momento de candorosa alegría. Estes días foron moi produtivos; velaí a chegada dos premios Xerais e Merlín, da novela de Marilar, dos ensaios de Helena, das kalendas de Xosé Lois, e hoxe dos poemas de formas clásicas de Ramiro. Axiña estarán todos nos andeis das librarías para comezar a nova tempada. Decontado comezarán as presentacións e as viaxes…

Valerio

bretemas —  25 de Agosto de 2005
Sei que a pawley vaille interesar moito esta primeira crítica sobre a nova alfaia da factoría creativa montada por Xabier e Cobas.

Tres libros de política

bretemas —  6 de Agosto de 2005
Estes días ando ultimando a edición de tres libros, que pretendo aparezan no outono, doutras tres persoas claves para entender Galicia nos últimos corenta anos: unhas conversas políticas e literarias con Méndez Ferrín, unha recompilación de traballos de Xosé Luís Barreiro Rivas sobre a guerra (O que eu sei e Bush non sabe), e un novo libro de ensaios políticos de Camilo Nogueira. Os tres falando a corazón aberto de Política, propoñendo rotas na cartografía do devir do noso tempo.
Forma parte das miñas esperanzas que un dos maiores beneficios que vaia achegar o novo goberno conxunto é propiciar na sociedade civil un gran debate sobre o futuro do país (Estatuto, financiamento, autogoberno, políticas sectoriais…), devolvéndolle así a dignidade e a racionalidade ao debate político. Nesa perspectiva pretendo presentar estes tres libros de política, protagonizados por tres persoas imprescindibles que teñen moito, moito que dicir na configuración deste novo tempo.

Ablativo en Nova York

bretemas —  25 de Xullo de 2005
Chegounos unha boa noticia: O deseño do libro As galiñas de vento de Günter Grass, publicado dentro da colección Ablativo Absoluto, foi seleccionado para formar parte da exposición Listos para Leer. Diseño de libros en España (Ready to read. Book Design from Spain) que se inaugurará o vindeiro 4 de outubro na sede do Instituto Cervantes de Nova York, para itinerar posteriormente por Arxentina, Brasil e México. A mostra, organizada pola “Sociedad Estatal para el Desarrollo del Diseño y la Innovación” está comisionada Enric Satué, persoa encargada de seleccionar os títulos que forman parte desta exposición.
A colección Ablativo Absoluto, deseñada por Miguel Ángel Vigo, está ilustrada polo pintor galego Xosé Freixanes que elaborou as imaxes que forman parte de cada unha das portadas da colección.

Conversas con Bernardino

bretemas —  3 de Xullo de 2005
Onte acabei a lectura do libro de conversas con Bernardino. Rafael e Héitor fixeron un traballo excelente xa que en apenas cen páxinas conseguiron amosar o rostro profundamente humano dun dos grandes poetas da literatura galega. Creo que os aspectos máis novidosos do libro son os referidos á etapa de formación do poeta e ao pensamento filosófico e relixioso desenvolvido polo poeta, na última década, a partir da escrita do Protoevanxeo do neto de Herodes.
O libro é moi entretido e de lectura agradecida polas múltiples anécdotas que contén. Quizais unha das máis divertidas é a que relata o tropezo en Madrid de Bernardino e Ferrín con Hemingway:

–Si, si. Home, en Madrid foi. Chocar fisicamente con Hemingway, de peito, eh!, Hemingway e Ferrín de golpe de peito. Precioso. Chocamos con el e despois dicía o Ferrín:
–Por que non nos quedamos con el? Coño, Bernardino ti sabes máis inglés.
Foi unha pena, pero é a timidez claro, é a timidez á adoración dos teus ídolos.