Está vendo o arquivo da categoría » Vigo

Cambio para Vigo

bretemas —  7 de Agosto de 2005
Hoxe no artigo semanal decidín abrir o debate cidadán sobre a necesidade dunha moción de censura. Touriño e Quintana deben tomar cartas no asunto, se non queren ter aberta unha perigosa vía de auga para o seu goberno.

Vinte e cinco

bretemas —  26 de Xullo de 2005

Case todos os anos imos a Compostela o vinte e cinco. Onte foi un dos mellores que recordo, e non só porque a Quintana estivese ateigadiña e o discurso fose magnífico e esperanzador (gustoume moito a sucesión de metáforas coa que rematou: Curros, Novoneyra, Celso e Novoneyra de novo, “… a forza do noso amor non pode ser inútil”), se non e, sobre todo, porque no Festigal (cada ano consolídase máis) se percibía alegría e disposición a emprender unha ilusionante nova tirada.
Satisfacción que non ocultaba, en varias conversas que tiven, a enorme preocupación pola situación de Vigo. Non entendo as razóns que levan aos concelleiros nacionalistas vigueses a axudar a manter de facto a Corina (cos seus modos autoritarios) á fronte do concello. Temo que esta defensa numantina do Plan Xeral poida volverse coma un bumerang contra o BNG e erosionar gravemente a credibilidade do goberno conxunto. Para as executivas nacionais do PSdeG-PSOE e BNG é imprescindible endereitar esta deriva de Vigo.

Reconquista?

bretemas —  28 de Marzo de 2005


Festa da Reconquista 2004

Hoxe é feriado en Sal. Nunca simpaticei coa celebración da Reconquista. A figura do capitán Bernardo González del Valle “Cachamuíña” merecíame apenas o respecto de ser glosada na balada que a el e a María Pita dedicou Siniestro Total (“ron ron la botella de ron…”). O seu suposto heroísmo na anoitecida do 27 de marzo de 1809 desfacendo a machada a porta da Gamboa –canto menos así o relataba en 1810 José Fernández y Neira en Proezas de Galicia, quizais a primeira crónica publicada en galego no século XIX– considereino unha glorificación hiperbólica e mitolóxica, ata extremos delirantes, dun acontecemento que supuxo outro triunfo do pensamento absolutista fronte os valores da Ilustración (liberdade, igualdade e fraternidade) que representaban as tropas francesas invasoras ao mando de Jacques Antoine Chalot.
Non comparto a exaltación de “viguismo cantonalista” de pequena cidade estado que acompañou xeralmente a celebración da data da Reconquista, posición reaccionaria moi pouco acorde co espírito de acollida coa que se foi construíndo a nosa cidade. Nin considero que cómpra facer moito fincapé no heroísmo popular dos nosos devanceiros (mariñeiro Carolo e cego Casimiro incluídos) daquela viliña amurada de seis portas no seu empeño por expulsar as tropas do Mariscal Soult. Nin, moito menos, aproveitar a efeméride para realizar unha exaltación de glorias e enseñas militares doutrora (incluída esa bandeira da media lúa que aparece na foto enarborada o pasado ano Corina ou os pendóns restaurados que se entregarán ao Museo hoxe). Creo que hoxe o sentido desta efeméride do 28 de marzo vai por outros vieiros moito máis pacíficos e esperanzadores: o de que os vigueses e viguesas do século XXI reconquisten o degradado Casco Vello como un espazo identitario de encontro e convivencia. Velaí o sentido que pode e debe ter a Reconquista do futuro.
Paradoxos vigueses, a festa popular non se celebra hoxe, senón o vindeiro domingo. Alguén noutra cidade podería comprendelo?

Dúbidas co PXOM de Vigo

bretemas —  21 de Marzo de 2005
No artigo da semana expreso as dúbidas coa actual redacción do Plan Xeral. Hai aspectos extraordinariamente positivos, sen embargo hai actuacións socialmente abrasivas. Non quero que a miña cidade se convirta nun novo Sao Paulo.

Cidade escuálida

bretemas —  17 de Marzo de 2005
Os amigos da agrupación local do PSOE convidáronme a participar no seu ciclo de conferencias sobre “O Vigo que queremos”. A súa deferencia obrigoume a sistematizar o discurso sobre a situación actual da cidade. Saín esperanzado: a militancia é moito máis curiosa, receptiva e, sobre todo, menos complaciente ca os seus dirixentes galegos e os responsables do seu grupo municipal. Gustei moito da definición dun antigo deputado sobre Sal como cidade escuálida. Engadireina a miña colección de metáforas viguesas preferidas. Non desbotaría que tras as eleccións de outubro se poida volver falar da moción.