Está vendo o arquivo da categoría » Twitter

Onte 1805: Brétemas 12 anos

bretemas —  4 de Xaneiro de 2017 — Deixa un comentario

Bretemas_03_01_2005Hai doce anos iniciei a publicación destas Brétemas. Dende entón publiquei 5.622 anotacións das que 532 corresponen ao último ano. Unha ducia de anos nas que compartín este dietario persoal e profesional sobre “artes, letras, política e fútbol” con lectores e lectoras moi xenerosas e pacientes. “O poema de hoxe” foi a novidade principal deste 2016, o ano Manuel María, que me permitiu compartir ao longo de máis de douscentos días unha antoloxía emocional da poesía galega do meu interese. Unha experiencia que pretendo repetir neste 2017 coa sección “Aforismo do día”, onde escolmarei con idéntica intención textos dun xénero literario híbrido pouco difundido na nosa lingua.

Foi o último, tamén un ano no que se intensificou aínda máis a conversa (e tamén o ruído e o rexoubeo) en Facebook, ao tempo que para min apareceu o fenómeno Instagram, onde se atopan posibilidades novas que superan algunhas das limitacións de Twitter. En todo caso, redes todas as tres, que non xubilan aínda aos blogs como soportes de publicación hipertextual e como arquivo dixital segmentado e de acceso doado e xerarquizado. No entanto, tras o intento infrutuoso do último ano de reactivar ou reinventar o blogomillo (se por tal entendemos a rede que tecen os blogs publicados en galego), reitero a miña dispoñibilidade por participar en novas iniciativas de fomento do blogueo en galego. Por último, a miña gratitude, outro ano máis, ás persoas que len, critican, comentan, chían ou comparten algúns dos contidos destas Brétemas no soporte eou na rede da súa preferencia. Beizón!

Onte 1701: Periscope

bretemas —  15 de Xuño de 2016 — Deixa un comentario

periscopeAproveitando a mudanza de móbil, probei nos últimos días a facer transmisións con Periscope. Comprobei de primeira man algunhas das posibilidades desta utilidade de Twitter que con apenas un ano de vida conta xa con dez millóns de usuarias. Asociada á utilización de teléfonos e taboiíñas, Periscope ofrécese como un formidable sistema de streaming de peto, capaz de transmitir a vida en tempo real, as situacións e os acontecementos máis diversos, sexan actos literarios, educativos e deportivos ou protestas cívicas como as da praza Taskim de Istanbul en 2013 que levaron a Kayvon Beykpour a crear esta aplicación. As posibilidades de facer transmisións privadas, de manter as conversas e comentarios das participantes durante as primeiras 24 horas, como a súa potente inmediatez aventuran que Periscope revolucionará a actual comunicación dixital e impactará sobre o xornalismo e a comunicación literaria. Seguiremos probando.

Dende hai máis dunha semana, despois de sufrir un ataque no que se incorporaron na miña cronoloxía de Twitter varios centos de perfís de forma automática, non podo enviar mensaxes directas nin chiar nin rechouchiar nin engadir novos seguidores nin incorporar novas entradas no meu listado de favoritos. Tentei solucionar o problema seguindo as indicacións do servicio de soporte de Twitter, modifiquei o contrasinal, reseteei a conta e desliguei as aplicacións asociadas até en tres ocasións. Mais o problema continúa sen solucionarse e cando intento publicar a conta reacciona coma se dunha petición automatizada se tratase ou unha actividade maliciosa. Escribín varios correos a Twitter procurando axuda, mais non recibín contestación ningunha. Ademais de expresar a miña decepción, non sei que hei facer.

Onte 1550: Brétemas 11 anos

bretemas —  4 de Xaneiro de 2016 — 5 Comentarios

Bretemas_03_01_2005

Tal día como onte hai once anos iniciei a publicación destas Brétemas. Dende entón publiquei 5.090 anotacións, das que 423 corresponderon aos últimos doce meses. Dende inicios de 2005 na rede producíronse moitas e profundas mudanzas, apareceron as redes informativas e sociais e aquel grupo inicial do blogomillo foi diversificando os seus intereses e participando en plataformas e proxectos diversos. Xaora, o afan de dietario persoal e profesional de Brétemas non variou no esencial nin na intención de modular unha voz propia nin nas súas preocupacións temáticas, resumidas no sintagma «Artes, Letras, Política e Fútbol». Con todo, no último ano arrisqueime a iniciar unha serie de comentarios moi breves (como son case todos os da serie «Onte») sobre algunhas películas de estrea e neste que se abre un dietario poético («Poema de hoxe«) co que pretendo explorarcon motivo do ano Manuel María a diversidade das voces da poesía galega.

Comparto o interese que Xabier Pérez Igrexas expresou hai uns días no seu blog Contra discurso sobre a posibilidade de reactivar ou reinventar o blogomillo, entendendo como tal o espazo creado na rede polos milleiros de blog publicados en galego. A creación dun novo servizo de sindicación dos contidos de todos os blogs, probablemente arredor do dominio punto gal; a realización dunha quedada ou encontro anual arredor do blogueo en galego ou a creación duns premios anuais que axudasen a visibilizar a súa diversidade (hai blogs en galego literarios, educativos, deportivos, científicos, xeralistas…) e a pór en valor a súa excelencia serían algunhas posibilidades a estudar. En todo caso, ofrezo a miña colaboración para participar en calquera iniciativa de fomento do blogueo en galego.

Outro aniversario máis reitero a miña convicción de que fronte a lentitude de acceso ao contido publicado nas redes sociais, sobre todo en Facebook, os blogs ofrecen a vantaxe de servir de enorme arquivo dixital, sobre todo se somos coidadosos e etiquetamos e segmentamos o contido publicado. Con esta intención continuamos con azos renovados a publicación de Brétemas. Neste 2016 agardo poida acometer un redeseño completo do blog coa intención de actualizalo ás novas posibilidades que ofrece WordPress e facelo de lectura máis amigable e consulta máis áxil. Por último, expreso as miñas beizóns a todas as persoas que len, critican, chían e comparten algún dos contidos destas Brétemas no blog, en Twitter ou en Facebook. Seguimos.

Día_de_las_librerias_2015_FACEBOOK_Gallego1O vindeiro venres, 13 de novembro, CEGAL e a Federación de Librarías de Galicia promoven o Día das librarías, unha nova festa do libro, que chega a súa quinta edición, coa que se pretende facer máis visible o libro no espazo público e privilexiar a súa adquisición na libraría. Con este motivo haberá en todas as librarías de España un desconto do 5 %, presentacións e outras actividades de animación, así como unha iniciativa en Twitter, #libreriasmolonas, promovida coas mesmas intencións, neste caso polo Observatorio de Lectura e do Libro. Unha proposta que convida aos lectores e lectoras a compartir o coñecemento daquelas librarías que cadaquén considera «molonas».

Xaora, no día anterior celebrarase en Compostela o XII Simposio O libro e a lectura, organizado pola Asociación Galega de Editores, que nesta edición abordará de forma monográfica o futuro das feiras do libro de Galicia. Semana da libraría que comezará para nós hoxe cun xantar organizado por Xerais no que Manuel Rivas falará a trinta libreiros e librerias galegas d’ O último día de Terranova, a novela que chegará ás librarías o xoves, 26 de novembro, e será presentada ese mesmo día na Libraría Lume da Coruña. A libraría e as libreiras protagonistas.