Está vendo o arquivo da categoría » Relixión

Presentacion_Humildar_NUMAX_18-05-2017

Da man do científico Carlos Pajares, Suso de Toro presentou en NUMAX Humildar, un pequeno libro de ensaio no que reflexiona sobre a experiencia da vida e o seu carácter transcendente. Unha obra que Pajares cualificou de “curta en páxinas, pero grande en sentimentos e agarimos humanos”, “un libro sobre a vida e o fluxo da vida, no que Suso de Toro afonda no que é humildar, co significado de facer humilde a alguén, mais tamén como sinónimo de agradecer, de dar as grazas, de asumir a vulnerabilidade de cadaquén”. Para Suso De Toro, rematou, “humildar é procurar a verdade, aceptar a vida conscientes de que non acaba en nós”.

Comezou o seu discurso Suso de Toro agradecendo aos lectores e lectoras a lectura do seu novo libro: “sempre souben que cada persoa que lía un meu libro estaba tamén enriquecéndome”. A seguir expresou a súa admiración por Carlos Pajares “pola súa valentía nun tempo no que a modernidade deviu nunha caricatura, o feito de declararse crente na igrexa católica demostra un modo natural de estar na vida que considero admirable”. Confesou, despois, que se fixera moderno “cando perdín a relixión dos meus maiores”, “ese deus xudeu cristiano xerárquico, patriarcal, antropomorfo, dialéctico e ao mesmo tempo que concibe un mundo como posesión da especie humana sígueme parecendo inaceptable, mais tamén acrdito naquela frase de Chesterton: ‘a xente deixa de crer en deus e cre en calquera cousa'”. “Eu acredito, como Marx, que acredita na acción, que o coñecemento é froito dunha acción dialéctica entre o traballo intelectual e o manual, síntese da experiencia”. “Eu sempre experimentei a través da palabra, fose na política ou na creación literaria. Desa experiencia e do valor das palabras naceu Humildar, un libro do que xa atopo rastros en obras anteriores de ensaio, como en FM, onde hai algúns artigos sobre a falta de aura dos obxectos que nos inundan, e sobre todo en Parado na tormenta, onde se fala en moitas páxinas da necesidade de recrear unha nova relixiosidade ou da necesidade de novos ritos de paso”.

XG00271501“Quixen escribir un libro de rituais para aquelas persoas que non teñen deus,  falar da vida de forma transcendente, argumentar rituais en momentos de paso vivencialmente importantes, desde o nacemento ao pasamento”. “Son consciente que este libro destila lecturas lonxanas, como as de Freud, do que fun lector temperán, que fala de rituais neuróticos. Como o son de que o 98% da humanidade segue a ter crenzas relixiosas e o agnosticismo é unha anomalía histórica dun 50% da poboación europea”. “No libro non me atrevín a facer oracións para eses momentos transcendentes, palabras para dicir, para dialogar, para marchar, unha linguaxe necesaria”. Confesou que intentara non ser solemne, a pesar de que o libro asume que “a experiencia da vida é transcendente, que non supón outra cousa que aceptar a vida e a morte”. Rematou desvelando que “o carácter manuscrito so texto pretende rescatar a experiencia do esforzo, como xa fixera en A sombra cazadora, onde reivindicara a vida vivida, ao tempo que facelo así me permitía escribir máis despacio, este é un libro feito a mantenta, como una acto significativo”.

MimosasA primeira película do ano foi Mimosas do noso admirado Oliver Laxe. Un filme mestizo que, baixo a aparencia dunha narración das aventuras (case un western) dunha viaxe nas montañas do Atlas marroquí coa intención de transportar un cadáver, propón ao espectador unha reflexión esixente sobre o camiño da espiritualidade e a identidade relixiosa. Dividida en tres partes, outras tantas posturas de oración sufi (tamén as tres da traxedia grega), Laxe enfronta na narración dúas concepcións arredor de como entender o camiño (en realidade, a propia vida): unha, a dada pola fe relixiosa, a asumida, representada por Shakib; outra, a construída, a mítica, a de Ahmed e Said, que entre as súas vacilacións, medos e dúbidas, agardan poder atopar o seu destino. Laxe ofrece unha película conmovedora e fermosa, desenvolta sobre unha paisaxe silenciosa e inquedante, sexa pola severidade da neve, a violencia da auga entre os canóns ou a amplitude das chairas onde os mercedes camiño de Sijilmisa debuxan ronxeis no deserto.

Tras o éxito de Todos sodes capitáns (2010), Oliver dá un chimpo de xigante cunha película de narración máis clara e formato máis industrial e internacional, sen perder por iso un ápice nin do seu misterio nin da súa preocupación espiritual nin do seu carácter mestizo (está rodada en árabe), característicos da súa identidade como director. Mimosas é unha película que interpela ao espectador de xeito que obriga a volver sobre ela, a preguntar e remoer. Recomendo non perdela (está en cinco salas galegas, algo pouco frecuente para unha película distribuída por Numax), paga a pena.

Onte 1504: Arde París

bretemas —  16 de Novembro de 2015 — 1 Comment

paz_para_parisA conmoción provocada polo masacre de París non debe impedir unha análise racional sobre a violencia yihadista. Entre os textos que lin onte sobre o tema, recomendo o de Iñigo Sáenz de Ugarte, no blog Guerra Eterna«Siete preguntas incómodas sobre ISIS y las guerras contra el terrorismo». Ugarte demostra que dende a invasión estadounidense de Iraq, hai catorce anos, os países occidentais desenvolveron unha estratexia bélica que para eles supuxo un prezo elevado en termos económicos e morais. Como tamén que o yihadismo recibe soporte do wahabismo saudita e aproveita o caldo de cultivo que atopa nas banlieus francesas ou belgas dunha xeración de mozos, fillos de inmigrantes, excluídos e desarraigados que non acredita nos valores republicanos. Se a isto engadimos a ocupación de Gaza, o comercio de armas e os intereses das petroleiras entendemos as razóns polas que o papa Francisco pensa que estamos na IIIª Guerra Mundial.

Onte 1236: «Timbuktu»

bretemas —  15 de Febreiro de 2015 — 1 Comment

30156_timbuktu-cartel-peliculaAbderrahmane Sissako quixo con Timbuktu ofrecer unha película con clara intencionalidade política, realizar un alegato contra o integrismo yidahista nos países subsaharianos. Xaora, conseguiu tamén un cadro visual de beleza conmovedora sobre a conquista da dignidade e o respecto das persoas.

Ambientada en Tombouctou, na lingua koyra, Timbuktu, a mítica cidade dourada do deserto, declarada patrimonio da humanidade, situada hoxe na república de Mali, a película do director mauritano pretende alertar sobre os perigos do integrismo islamista e o disparate que supón a imposición violenta e hipócrita da sharía que prohibe fumar, escoitar música ou xogar ao fútbol e recluír ás mulleres detrás do velo e das luvas.

Abofé que Sissako o consigue enfiando con sutileza unha historia principal, a da familia do pegureiro Kidane, con outras moi breves, mais dun grande impacto emotivo. Eis as escenas memorables dos futbolistas danzaríns sen pelota, a da meiga fouta ruando e desafiando as prohibicións, a da muller que nega o casamento da súa filla ou a dos rapaces reunidos e castigados a latigazos por cantar a estirpe da súa terra: «Esta é a miña terra, Timbuktu «Maliba» / a terra do amor / a terra do afecto / a terra da dignidade / está é a miña nación…»

No entanto, a cerna do filme está no devir do pegureiro tranquilo, alleo na súa jaima ás andanzas dos fanáticos, confiado no acougo da música e o amor da familia, que de súbito, por mor dunha acción fortuíta (esas coincidencias azarosas que moven as historias, das que tanto fala Paul Auster) vese obrigado a enfrontarse á irracionalidade dos yidahistas. Na dignidade do comportamento de Kidane e na afouteza resistente do motorista repartidor de auga reside certa mensaxe de esperanza da película.

Ademais, a forza da música de Fatoumata Diawara and Amine Bouhafa, que impregna de melancolía unha das cidades máis vibrantes do continente africano, e o coidado de todo o cadro visual, cunha atención á composición da paisaxe, fan aínda máis engaiolante esta traxedia política, non exenta de sutil ironía. Recoméndoa.

Onte 1185: «Personas en general»

bretemas —  26 de Decembro de 2014 — 1 Comment

caritas_coruñaO comportamento racista dos responsables do roupeiro da delegación de Cáritas da Coruña é un síntoma da pervivencia deste tipo de prácticas discriminatorias na sociedade nosa. O feito de diferenciar no funcionamento e organización do roupeiro entre «personas en general» e «gitanos», como a delegación de Cáritas da Coruña ven facendo dende hai quince anos, vulnera a dignidade das persoas e constitúe unha práctica inadmisible, como sería calquera outra que discriminase aos usuarios e usuarias dun servizo polo seu sexo, raza, lingua ou procedencia xeográfica. Comportamentos e expresións racistas sintomáticas, que aparecen entre nós con facilidade, o que nos obriga a mantérmonos a espreita para denuncialas e para propór comportamentos e medidas verdadeiramente inclusivas. Xaora, cómpre recoñecer a rapidez coa que Cáritas expresou a súa repulsa e incompatiblidade con estes comportamentos por medio dun contundente comunicado. Como tamén é de xustiza recoñecer o apoio da Igrexa Católica á Fundación Secretariado Xitano, sobre todo no eido educativo e da infancia, que ven traballando de forma moi seria en políticas inclusivas e de desenvolvemento do pobo xitano dende unha perspectiva intercultural. Non esquezamos que a e construción dunha sociedade inclusiva e igualitaria é unha tarefa complexa que a todos atinxe.