Celebrarmos Rosalía

A recuperación da corda da dignidade para a figura literaria e política de Rosalía de Castro é un dos éxitos recentes máis rotundos da cultura galega. A celebración do 23 de febreiro, data de nacemento da escritora, promovida pola Fundación Rosalía de Castro (FRC) e pola AELG, gaña cada ano máis atención nos centros escolares, na rede de librarías do libro galego e clubs de lectura, ao tempo que as iniciativas de promoción rosaliana, como a alborada gaiteira, as lecturas públicas de textos da autora ou a proba do Caldo de Gloria en bares e restaurantes concitan tamén máis interese para públicos diversos. Iniciativas que neste 2024 se amplían da man da recentemente creada Fundación Xistral coa edición de 20.000 exemplares de Celebrarmos Rosalía, unha pequena e xeitosa antoloxía de textos rosalianos (prosa e verso) de corenta páxinas, agasallada nas librarías pola compra dun libro en galego entre o 6 de febreiro e o 3 de marzo. Anxo Angueira, arquitecto e obreiro primeiro da anovación da causa rosaliana, salienta no prólogo desta escolma que «celebrando a Rosalía e o seu día celebramos o que nos une, o que nos representa e o que nos move». Unanimidade que o incansable presidente da FRC atribúe a que Rosalía soubo tocar todas as cordas coas que fomos vibrando, desde o seu tempo, todas as xeracións galegas: a da dignidade para a fala, a xente e a terra nosa; a da igualdade para as mulleres, para as humildes e persoas excluídas; e a da liberdade. «Rosalía representa o noso orgullo para proxectar no mundo o que somos e queremos ser». Unha celebración a de cada 23 de febreiro, que como ven propoñendo dende hai anos a AELG debemos considerar como outro día para o libro galego, preñada da ledicia e da esperanza convocados por Rosalía nos versos da súa «Alborada»:

Canta, paxariño alegre,
Canta!
Canta porque o millo medre.
Canta!
Canta porque a luz te escoite.
Canta!
Canta que fuxeu a noite.

Publicado en Nós diario: 21/02/2024

Na Finca da Marquesa

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao Parque e Museo de Castrelos:

Camiñamos até a Finca da Marquesa, nome que a miña avoa Maruja empregaba para ao parque de Castrelos, coa intención de gozar nos xardíns históricos do Pazo da espectacular floración da magnolia soulangeana no seu máximo esplendor. Un manto rosa deitado sobre os prados e sendas da coñecida como «Pradaría do Té», que a causa do cambio climático adianta a súa presenza aos días da Candeloria, anunciando a despedida do inverno, xa que estes magnolios son as árbores que primeiro florecen en Castrelos. Un espectáculo natural único, marco das mellores autofotos posibles, que por riba neste ano chegou acompañado da floración do exemplar de camelia xapónica máis lonxevo de Galicia, coñecido como «Matusalén», que conta con máis de 150 anos de idade, incluído no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia, situado no interior do labirinto de sebes de buxo do xardín francés. Dúas marabillas naturais de grande valor paisaxístico e botánico, pezas do patrimonio do Parque Municipal Quiñones de León, que o vindeiro 12 de decembro celebra o centenario da sinatura da súa cesión ao concello de Vigo por parte do último Marqués de Alcedo para a súa transformación en museo de arte rexional.

Unha visita aos xardíns históricos que iniciamos polo paseo dos escudos, situado no corredor lateral da Rosaleda, antigo invernadoiro, onde atopamos o primeiro escudo en pedra da cidade, que formou parte da fonte de Neptuno, coa torre do castro e a oliveira, peza defendida polo cronista oficial de Vigo Avelino Rodríguez Elías, que sería utilizada en 1987 como modelo do escudo oficial actual. Mais na visita sorprendeunos no xardín inglés a presenza nun pequeno estanque da figura de Neptuno, unha das iconas nosas, a escultura pública máis antiga non relixiosa das conservadas en Vigo. Trátase dunha peza granítica de metro oitenta de altura que, xunto a dous escudos e dous cipreses formaba parte da fonte de Neptuno situada na Porta do Sol, cuxa cronoloxía reconstruíu a historiadora Beatriz Liz de Cea. Instalada nun manancial de auga potable do que temos noticia xa no século XVII, foi restaurada en tempos de Filipe V (1795), momento no que se colocou a estatua de Neptuno, como reza nunha placa instalada no mesmo paseo do Escudos, ofrecendo para o médico Nicolás Taboada Leal, no seu libro Descripción topográfica e histórica de la ciudad de Vigo (1840), a mellor auga da cidade. Pezas da fonte de Neptuno, hoxe dispersas polos xardíns de Castrelos, que reunidas permitirían a súa reconstrución no propio Vigo vello.

Visita á Finca da Marquesa na que chamou a atención nosa o reclamo dunha exposición temporal no Museo municipal de Vigo «Quiñones de León»: «Alice Austen. Desfacer o xénero». Instalada no sobrado do museo, o que obriga a subir pola formidable escaleira interior de inequívoco sabor inglés, onde están instalados os dous murais de Urbano Lugrís procedentes do Hotel Moderno, «Mapa de Galicia» e «Misterios do mar», a mostra procedente do último Photoespaña recolle medio cento das 8.000 fotografías tiradas por Alice Austen, unha das precursoras e máis precoces fotógrafas estadounidenses. Artista rebelde representou a imaxe da muller moderna e independente que quixo ser. Coas súas accións performativas, creadas coas súas amigas e compañeira, cuestionou os roles de xénero e as convencións da vida vitoriana. E apostou a finais do século XIX de forma vangardista polo deporte, polo atletismo, tenis e ciclismo, actividade que abriu o camiño ao sufraxio feminino. Remata este relato expositivo de deconstrución do xénero, coas imaxes da casa ás aforas de Nova York, onde Austen viviu trinta anos con Gertrude Tate, a súa compañeira de vida, vivenda que quedou asignada nos EE.UU. como un espazo emblemático da historia LGTBIQ.

Unha exposición tan excelente en termos artísticos como sorprendente resultou para nós a súa instalación en tres salas do sobrado do Museo de Castrelos, descontextualizada do resto dos contidos do primeiro museo vigués, até agora pensabamos que centrado na historia da cidade e na exposición e custodia do legado de Policarpo Sanz. O certo é que saímos entusiasmados das experiencias vividas nunha mañá nos xardíns da Finca da Marquesa (Mariana de Wyte, a filla do Marqués de Alcedo) baixo a caloriña do sol de inverno, mais tamén confeso que marchamos algo confusos sobre cal é hoxe o perfil do primeiro museo da cidade, inaugurado o 22 de xullo de 1937 e dirixido e administrado dende o 15 de outubro de 1938 e durante catro décadas polo inesquecible Ángel Illarri Gimeno, que tanto agarimou o pazo, os xardíns como o auditorio. No centenario da cesión de Castrelos ao pobo de Vigo, ben sería contar cun plano estratéxico para a conservación e usos do parque e todas as súas infraestruturas para preservalas nas vindeiras décadas.

Merdeiros da Ribeira

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ás figuras de escabicheiros e merdeiros da Ribeira doBerbés:

Un dos cadros que máis chamou a atención dos públicos diversos da exposición «Vigo no tempo» foi un óleo do asturiano Juan Martínez Abades que representa a recollida de algas na Ribeira do Berbés en 1892. Cedida polo Museo Carmen Thyssen de Málaga, a peza de 76 cm de largo e 40 de alto está protagonizada polas mulleres que, en primeiro plano, con cadanseu anciño recollen o argazo, posto a secar despois nas rochas para que a chuvia lle quitase o salitre, e por outras mozas e algún home idoso que detrás recollen o refugallo do peixe, patexos ou cunchas de bivalvos. Traballos de escabiche que, aproveitando as mareas de setembro (mes no que debeu pintarse o cadro), proporcionaban galdrucho abondo (cabezas, tripas e aletas dos peixes) que, xunto ao escamallo e o argazo, era recollido de madrugada (para evitar os fedores pestilentes) polos escabicheiros na procura de esterco natural para as súas leiras de Sárdoma, Freixeiro, Lavadores ou doutras parroquias da contorna, que se ocupaban ademais de limpar os pozos negros da cidade.

Unha estampa do Berbés, como as representadas polo pintor madrileño Francisco Pradilla en 1871 e 1873 e o vigués Serafín Avendaño en 1893, que amosa a importancia do traballo das pescantinas e do oficio do labrego escabicheiro, exercido nalgúns casos tamén por mulleres, que conectaba as almas do Vigo do porto e da terra, do salitre da Ribeira (de Bouzas ou de Teis) e do arrecendo aldeán do Fragoso. Un encontro de mariñeiros e campesiños que baixaban a traballar na Ribeira non exento dos conflitos e das tensións daqueles que se necesitan mais non sempre se entenden. Conflito do que no Entroido xurde a figura perturbadora do Merdeiro, a máscara tradicional creada polos mariñeiros do Berbés como escarnio e mofa da vida dos labregos escabicheiros. Merdeiros da Ribeira vestidos dos pés á cabeza co traxe  clásico do campo galego, aínda que deformado de xeito burlesco, dende a camisa, calzóns e zapatillas brancas até o chaleco vermello, a faixa da que pendura un farol e un gorro semiesférico na cabeza. Tras o bando do alcalde (1924) no que «se prohiben os disfraces sucios ou contrarios á decencia», a figura popular do Merdeiro chega a Guerra Civil moi criticada e atacada, sendo substituída polas festas, bailes e desfiles das sociedades carnavalescas privadas (como o Gimnasio de Vigo ou La Oliva) coas que viña convivindo xa dende 1876. Xaora, O Merdeiro deixou un pouso semiclandestino na memoria dalgunhas familias, que comezou a ser explícito coa recuperación do Entroido popular a partir dos anos setenta e o protagonismo en Vigo dun emerxente movemento veciñal, creador das primeiras comparsas, como os Tarteiras.

Máscara da Ribeira descrita e debuxada con detalle nun artigo de Xaquín Lorenzo «Xocas» (1982) e comentado despois por Vicente Risco (1994). Estudada dende os anos noventa por Xerardo Santomé, dende a publicación do libriño O Merdeiro: un personaxe do entroido vigués. Apuntamentos para a súa recuperación (2006), ano tamén da primeira saída polo Vigo vello e do primeiro obradoiro desta máscara, viviu dende entón un proceso de recuperación e anovación no que participaron o Centro Social «A Revolta» e a Asociación Veciñal e Cultural Casco Vello, consolidado felizmente dende 2012 tras a constitución da Asociación Etnográfica «A Merdeira». Unha recuperación de éxito que utilizou como referente o vestiario detallado por Lorenzo e Risco, documentado no retrato de José Costas Abalde de 1910, e unha carauta con nariz de cocho, deseñada polo escultor Pancho Lapeña, cosida a unha cofia de algodón á que se lle incorpora la de ovella. E o que foi máis importante, dándolle unha personalidade caracterizada polo seu bo humor, espontaneidade e capacidade de improvisación.

A saída dos Merdeiros deste 2024 coincide por ventura coa aparición do libro O Merdeiro. Personaxe da Ribeira (A Merdeira 2023) de Hadrián Román Carreiro e Adriana del Rio Miranda, froito de dez anos de investigación, compilación e actualización de materiais sobre a máscara do Entroido vigués. Prologado polo antropólogo Rafael Quintiá, que considera o Entroido como a festa ritual máis significativa da nosa cultura e ao Merdeiro como arquetipo de ser liminal, o libro ten vontade de constituírse en obra de referencia tanto pola sólida fundamentación etnográfica e coidadosa reconstrución histórica do Vigo do derradeiro terzo do século XIX como pola ampla e novidosa documentación gráfica, froito da súa intención divulgativa e afán didáctico. Un libro que moito recomendo e aventuro será de grande utilidade nos centros educativos vigueses, mais aínda cando o desenvolvemento da quinta xornada da «Merdeirada Cativa», concibida como canteira da festa, colle máis pulo este curso. Feliz Entroido cos Merdeiros da Ribeira.

Cando sopra o vento

Coincide a celebración deste 30 de xaneiro, Día escolar da non violencia e a paz, coa publicación de Cando sopra o vento (Retranca editora 2024) de Raymond Briggs, unha obra clásica da historia do cómic. Anosada ao galego por Alejandro Tobar, tras excelente e complexo traballo de tradución, e coidada con esmero polo editor Kiko Dasilva, esta novela gráfica aparecida en 1982, non perdeu ápice de interese e emoción. Tras o aspecto dunha peripecia de dous velliños que xa sufriran os bombardeos da segunda guerra mundial, asustados agora por un ataque nuclear soviético, está a historia lancinante de todas as persoas que alleas as que ditan as guerras padecen os seus horrores. Por desgraza, un argumento que anticipou as penalidades de accidentes nucleares que pouco despois se desencadearon en Chernobyl (1986) e máis tarde de Fukushima (2011). Cómic que, ademais, deu pé en 1986 ao filme homónimo de Jimmy Murakami, con excepcional BSO na que participaron Roger Waters e David Bowie, por certo, emitido pola TVG en 1990, o que hoxe semella incrible. Novela e filme utilizados como recurso didáctico nas celebracións de cada 30 de xaneiro, organizadas polo grupo de Educadores pola Paz de Nova Escola Galega, creado polo inesquecible Xesús R. Jares, seguindo a proposta do inspector de mallorquín Llorenç Vidal, creador desta xornada educativa en 1964, hai cincuenta anos coa intención de conmemorar nas escolas o aniversario do pasamento de Gandhi, asasinado o 30 de xaneiro de 1948. Celebración que hai catro décadas estaba moi mediatizada pola loita a prol do desarme antinuclear nun mundo bipolar, amedrentado pola posibilidade do emprego dos mísiles nucleares. Un mundo en guerra que hoxe persiste no xenocidio palestino e na guerra de Ucraína, mais tamén nas guerras ocultas en África e nos milleiros de persoas refuxiadas que se enfrontan en varios continentes aos valados do unilateralismo xenófobo. Tempo no que educar nos valores da cultura da paz continúa sendo imprescindible.

Publicado en Nós diario: 31/01/2024

IES de Navia: nome honorífico ou topónimo

Dedico o artigo da semana  en Faro de Vigo ao debate sobre o nome do futuro IES de Navia:

Ás portas do inicio da campaña das eleccións galegas do 18 de febreiro, a Consellaría de Educación anunciou o convenio co concello de Vigo para a cesión dun soar de 12.576 metros cadrados en Navia onde se construirá un instituto de ensino secundario para 700 alumnos e alumnas (dúas liñas de ESO e Bacharelato), adaptado ao Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, que levará o nome do escritor vigués Domingo Villar. Sen dúbida, transcorridas dúas lexislaturas de reclamacións veciñais e municipais deste centro educativo de San Paio de Navia, onde tras vinte anos da posta en marcha do Plan de Actuación Urbanístico xa viven máis de dez mil persoas (a parroquia viguesa na que máis medra a poboación nova), onde están en marcha novas actuacións residenciais, novas humanizacións municipais na rúa As Teixugueiras e unha conexión que favoreza a mobilidade peonil co barrio de Coia, o acordo entre as dúas administracións, a autonómica e a local, merece ser moi celebrado, tanto polo atractivo do proxecto arquitectónico educativo, creando espazos interiores máis flexibles arredor dun ágora nunha edificación sostible e integrada na paisaxe urbana, como polo caso pouco frecuente que supón no Vigo actual de colaboración entre administracións.

Sen embargo, non comparto a iniciativa da Consellaría de Educación de denominar ao centro co nome honorífico de Domingo Villar, autor de novelas tan memorables como Ollos de auga (2006), A praia dos afogados (2009) e O último barco (2019), ben sei que coa intención de honrar a súa memoria entre as novas xeracións de lectores e lectoras, xa que entendo que como regra xeral, como recomenda a Unesco e como quedou fixado en 1989 na Ordenanza de Normalización Lingüística do Concello de Vigo (capítulo VII, artigo 12), deben utilizarse os nomes de lugar (topónimos ou microtopónimos) nas incorporacións ao rueiro ou á denominación dos novos centros ou servizos públicos. O nome do novo centro educativo debe ser, probablemente,  IES de Navia ou mesmo o da parcela da parroquia de San Paio de Navia onde se vai construír. Un nome honorífico, por relevante que sexa, como o deste caso, non debería ocultar un nome de lugar (microtopónimo), transmitido por xeracións, unha creación lingüística colectiva que forma parte do patrimonio compartido. Un criterio de conservación toponímica (ás veces milenaria), insisto, que nada ten que ver cos méritos literarios e humanos da persoa cuxo nome honorífico foi escollido, cuxa memoria pode ser honrada con placas, monumentos, premios e outras iniciativas.

Un caso que tivo o seu precedente en 2004 cando o concello acordou que o nome da rúa que acolleu aos primeiros veciños do PAU de Navia fose As Teixugueiras, o que supuxo un paso decisivo para salvar a toponimia tradicional da parroquia de San Paio de Navia. Un acordo unánime adoptado pola Corporación a proposta da Federación Veciñal Eduardo Chao, da Universidade de Vigo, da Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia, do Instituto de Estudios Vigueses e da Asociación Galega de Onomástica coa intención de conservar os topónimos tradicionais na denominación oficial das novas entidades de poboación do concello, fosen rúas, prazas, urbanizacións ou bloques de edificios. Un acordo que incorporou ao rueiro noso nomes como As Teixugueiras, Lamelas, Pozo Cabalo, Pedra Seixa, As Ufas, Barreiros ou Limpiños. Microtopónimos do espazo agrícola, hoxe urbanizado, que se rescataron e que os novos naviegos locen orgullosos nos seus enderezos. Unha iniciativa que non debería abandonarse e mesmo contribuiría a incorporar ao rueiro outros topónimos vigueses ocultos como os do Campo de Granada  ou a Devesa do Couto, por citar exemplos recentes.

Idéntico comentario facemos para o anuncio que hai meses fixo a alcaldía para chamar a futura Biblioteca Pública do Estado, que se construirá nas Travesas, nas proximidades do camiño do Chouzo, co nome honorífico de Domingo Villar. O que expresa a urxencia de artellar un modelo de recoñecemento a pé de rúa para a figura do creador do inspector Leo Caldas, como doutros autores e autoras participantes no completísimo Mapa literario de Vigo, elaborado pola Biblioteca Xosé Neira Vilas (que oculta o topónimo popular tan vigués de   «Calvario»). Modelo que podería ter como alicerce a convocatoria anual dun festival e premio internacionais de novela negra Domingo Villar, convocado por Concello de Vigo e Xunta de Galicia. Como sería doado sinalizar o Itinerario Caldas na propia rúa con cadansúa placa ou códigos QR que ampliasen a información literaria. Hai posibilidades abondas de honrar a memoria de Villar ou Neira Vilas ou calquera figura política ou social que o mereza, sen agochar para sempre os topónimos e microtopónimos, construción colectiva de moitos séculos.

Libro híbrido

Convidado por Galix participei nas xornadas sobre a Lix e os novos soportes de lectura. Unha oportunidade para reflexionar sobre o estado do proceso de tránsito da comunicación textual, no que dende hai tres décadas conviven o modelo analóxico e o dixital, así como sobre os conceptos de libro e de lectura. Superadas as profecías milenaristas que agoiraban a desaparición do libro en papel, definido (dende a invención de Gutenberg) polas características do seu soporte (un número determinado de follas impresas e encadernadas), as novas tipificacións salientan que o libro híbrido é unha orde de palabras e textos escritos ou hipertextuais creados para a súa lectura. Decodificación, que fai da lectura o eixo central do novo paradigma da hibridación da comunicación. Lectura sobre papel ou sobre as pantallas dos formatos máis diversos –que non debe ser identificada como un hábito de lecer de minorías seducidas polo goce das obras literarias impresas–, na medida que é unha competencia cidadá interxeracional, imprescindible para comprender e participar nun mundo saturado de textos impresos ou electrónicos, boa parte lixo ou de procedencia dubidosa. Lectura, concibida como ferramenta crítica, vinculada no caso galego, aos procesos de alfabetización informacional (Alfin) e normalización lingüística, cuxo fomento entre todos os segmentos sociais e de idade debería transformarse na prioridade de todas as políticas culturais, educativas e de igualdade a desenvolver no país. Novos significados para o libro e a lectura híbrido que mudan o papel das escritoras e editoras, centradas agora sobre a creación, produción, distribución e promoción de contidos culturais ou informativos escritos ou multimodais, como das bibliotecas, o servizo público especializado no acceso da cidadanía á lectura, no caso escolar, a primeira aula de cada centro educativo. Como neste novo tecido lector mudan as mediacións, presenciais e virtuais, sexan da crítica, da libraría ou das redes sociais.

Publicado en Nós diario: 24/01/2024

A lix, o libro en papel e o libro dixital

Queda no arquivo o texto da presentación que preparei sobre «A lix, o libro en papel e o libro dixital» nas xornadas de GÁLIX. Desfacendo a RAIA XII arredor do tema «A lix fronte aos novos formatos de lectura».

A presentación pode baixarse en pdf aquí.

Narradoras

Inicio o ano Villalta relendo «Lúa», un conto longo da escritora coruñesa incluído en Narradoras (Xerais 2000). Un texto de escrita orixinal e espírito animalista, construído, como fixera John Berger en King, dende a ollada baixa dunha cadela. Un relato que pechaba aquel libro colectivo de 25 mulleres, o primeiro da colección Abismos, co que pretendiamos contribuír a ampliar a oferta de narrativa de muller en galego, cando era moi escasa a súa presenza nos catálogos e nos premios. Houbo que agardar a 2001 para que, por fin, gañase o Xerais de novela unha muller, Marilar Aleixandre, ou a 2005 para que Teresa Moure fose a primeira que obtivese o Premio da Crítica de Narrativa. Unha anomalía da nosa edición, que non se correspondía co liderado das mulleres nos barómetros lectores, que como sinalaban Teresa Cuíñas e Iria Sobrino no limiar de Narradoras, urxía normalizar: «se as mulleres son as que len, parece lóxico que tamén narren». Por ventura, dende comezo de século, vivimos o empoderamento das nosas narradoras, reflectido tanto nos premios (no Xerais, once; no Blanco Amor, cinco, os tres últimos consecutivos; nos da Crítica, seis) como nas listas dos libros máis vendidos ou na presenza habitual nos clubs de lectura. Mais tamén foron (e, aínda, son) numerosas as violencias que no proceso de recepción das súas obras sofren as narradoras, por parte dunha crítica masculina impregnada de resesos prexuízos patriarcais. Agardo que este ano no que celebramos a proeza creadora de Luisa Villalta, poeta, dramaturga, ensaísta, e tamén, narradora, axude a poñer o foco na excelencia da obra das nosas escritoras, en toda a súa diversidade. Polo que a min respecta non podo máis que recomendar tres grandes libros literarios cos que pechei as lecturas do pasado ano: a novela Furia (Xerais 2023) de María Reimóndez, o libro de relatos e poemas Cinco corujas (Através 2023) de Susana Sanches Arins e o libro de poemas Ultraluz (Xerais 2023) de Ledicia Costas. Por un ano de boas lecturas!

Publicado en Nós diario: 10/01/2024

Vigo traballa

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao cadro Vigo traballa de Manuel Moldes:

Ademais d’ A vista de Vigo de Urbano Lugrís, as visitantes da exposición «Vigo no tempo» adoitan amosar grande interese e sorpresa por Vigo traballa (1986), un óleo sobre lenzo de dimensións formidables (dous metros e medio de largo por dous de altura), no que Manuel Moldes expresou o carácter obreiro e industrial da cidade nosa. No marco das mobilizacións obreiras da reconversión da construción naval e das manifestacións artísticas da movida na música, plástica e na moda, Moldes ofrece dende a súa ollada expresionista unha vista aérea que representa de forma vibrante o Vigo caótico e incesante, na que se poden identificar espazos xeográficos como diversas actividades industriais dunha cidade que non se rendeu, a pesar dos moitos paos que recibía. Un cadro de narrativa debuxada onde, ademais de aparecer rascuñadas varias das iconas viguesas (a oliveira, o tranvía, as guindastres portuarias, a casa do concello, o García Barbón…), o pintor pontevedrés cede o protagonismo aos metalúrxicos, ferreiros, soldadores, albaneis, pintores e pescantinas, mentres as súas ferramentas e espazos fabrís compiten en beleza cos edificios do ensanche burgués. Unha peza que, como a vista de Lugrís, e practicamente o resto dos óleos de «Vigo no tempo», enxerga o horizonte das illas Sías (deberiamos reivindicar este nome galego) aboiando sobre o océano, ás que o pintor pontevedrés accede por unha ponte transparente ao longo da ría.

Moldes titulou este cadro Vigo traballa porque formaba parella con outro de características semellantes que pintara tres anos antes, Pontevedra durme, recorrendo así a unha expresión tópica que se fixera popular en Galicia (con diversas variantes): «Vigo, traballa; Pontevedra, durme (ou bocexa); Santiago, reza e A Coruña divírtese». Frase que Manuel Gago, coordinador do proxecto expositivo «Cidades no tempo», considera nacida nos ámbitos intelectuais vigueses, documentada xa na reportaxe e nas fotos que Benedicto Conde («Bene») titula «Vigo trabaja» no Anuario de Vigo (publicado en marzo de 1943), no que se exalta ante todo o carácter de Vigo como cidade traballadora e a laboriosidade viguesa como «divisa e fundamento do pulo adquirido e máis aínda do poderío e grandeza futura». Unha moderna estratexia de vender os valores propios que ao comezo do franquismo amosaba esa vontade de ser cidade, que Vigo nunca perdeu no século XX, e o que aínda é máis relevante de liderar a Galicia urbana dende o traballo, a economía produtiva. Unha expresión que prendeu no imaxinario popular de Galicia e á que se incorporaron as tres cidades que faltaban na década do sesenta: «Ferrol, navega; Lugo, come e Ourense, bebe».

Fose ou non fose unha estratexia pioneira do márketing vigués, acuñado pola prensa local, salientar que Vigo traballa constitúe a primeira explicación do extraordinario crecemento demográfico de Vigo, dende 1875, cando nos talleres de Sanjurjo se construíu a primeira locomotora, o mesmo ano no que chegou o ferrocarril ao porto e comezou a súa actividade industrial moderna. Dos corenta e cinco mil habitantes cos que os concellos de Vigo, Bouzas e Lavadores comezaron o ano 1900, pasou o concello de Vigo aos cento cincuenta mil de 1959, cando comezou Citroën a súa actividade na factoría de Balaídos. E dende entón, transcorridas outras seis décadas, a pesar de reconversións e crises Vigo duplicou a súa poboación. A actividade industrial, artellada arredor das actividades portuarias (pesca, conserva, construción naval…) foi, até a creación da Zona Franca, o motor demográfico vigués nos últimos cento cincuenta anos. Abonda con lembrar que en 1920 na industria conserveira viguesa traballaban 5.500 persoas, a maioría mulleres, que producían un millón de latas. Ou que no mesmo período nos dezaseis estaleiros da ría ocupaban a cinco mil obreiros.

Ese inequívoco carácter industrial do sintagma «Vigo traballa», como salienta no seu cadro Manuel Moldes, transformou tamén a propia paisaxe viguesa, tanto da ría como do farturento Val do Fragoso. Velaí como as guindastres portuarias, de estaleiros e peiraos, convertéronse en iconas viguesas, caligrafando coa mobilidade xeométrica dos seus brazos de ferro a nosa liña do horizonte. Así o entendeu o fotógrafo Manuel Vicente que na exposición «Vigo no tempo» identificou na beleza caprichosa das grúas da beiramar un dos padróns que mellor definen a identidade de Vigo, xunto as costas e escaleiras e os caprichosos ornatos pétreos dos edificios do ensanche burgués. Outro xeito de expresar visualmente a resiliencia industrial dunha cidade que, a pesar de inevitables e conxunturais cantos de serea, continúa tendo nos camiños do mar o ronsel do seu porvir e do seu liderado entre as cidades portuarias do arco atlántico peninsular.

Aniversarios 2024

Dedico o primeiro artigo do ano en Faro de Vigo aos aniversarios (sequiscentenarios e centenarios) vigueses deste 2024:

Nunha cidade unha miga esquecediza como Vigo non estraña a inexistencia de iniciativa institucional ningunha que neste Nadal lembrase o cincuenta cabodano de Urbano Lugrís, falecido en Vigo na noiteboa de 1973, un recordo ao noso pintor oceánico, autor dalgunhas das obras que mellor representan a fronteira da auga e o horizonte vigueses, como «Vista de Vigo» (1953), «Alegoría de Vigo» (1955) ou «Misterios do mar» (1953), entre outras. Como tampouco sorprendeu a escasa transcendencia que na rúa tivo o centenario do Celta de Vigo, salvado pola xenialidade do himno de C. Tangana e pola vontade orgullosa do celtismo que se reuniu pola súa conta na tarde do 23 de agosto ao pé de Balaídos para celebralo cos clásicos celtistas de Keltoi. Centenario que, por ventura, si foi celebrado como merecía Carlos Oroza, o poeta vigués peripatético lembrado no concerto «Nos queda la palabra» de Paco Ibáñez no Auditorio Mar de Vigo, nunha exposición itinerante por Galicia e pola edición do libro coral Oroza 100 (Editorial Elvira, 2023), iniciativas todas organizadas pola dinámica asociación Évame-Oroza, amosando que no Vigo actual tamén hai público numeroso para celebrar as artes e as letras.

Xaora, co novo ano non deberían esquecerse varios centenarios vigueses a lembrar en 2024. Son os casos das cesións ao pobo de Vigo de dous espazos emblemáticos de lecer, a do Monte do Castro, que o 24 de maio de 1924 fixo o exército, e a do pazo e parque de Castrelos, que o 12 de decembro escriturou o Marqués de Alcedo, que fixo constar que en diante se chamaría «Quiñones de León». Centenario, tamén, da apertura o 26 de outubro da Panificadora, dende entón a nosa catedral laica, arruinándose dende hai máis de catro décadas no outeiro do Campo de Granada, un moderno edificio industrial de catro grandes silos, obra do arquitecto Manuel Gómez Román e do enxeñeiro Otto Werner, dedicado á fabricación de pan e moenda de cereais. Como centenarios tamén de dúas chegadas artísticas que serían relevantes para o Vigo contemporáneo, a dos irmáns Eloy e Osmundo Hernández, que instalaron o seu obradoiro de ourivaría na Porta do Sol, trasladado en 1926 á rúa Príncipe; e da fotógrafa estadounidense Ruth Matilda Anderson que o 7 de agosto desembarcou en Vigo, acompañada do seu pai, co propósito de documentar a vida cotián da poboación galega.

Aniversarios que se alongamos a memoria aos sequiscentenarios, atopamos o do primeiro deseño do xardín occidental da Alameda, realizado probablemente polo arquitecto municipal Domingo Rodríguez Sesmero, que concluiría os traballos de enreixado cun peche de ferro unha década despois, cun deseño interior semellante ao que hoxe coñecemos. Como foi naquel 1874 na que se abriu a rúa do Desengano (hoxe Carral) para unir as instalacións portuarias da Laxe coa porta do Sol, cando naceron dous vigueses merecedores de ser lembrados como distinguidos: o arquitecto Antonio Palacios (Porriño 8 de xaneiro), a quen o concello de Madrid dedicará o 2024 como «Ano Palacios»; e o xornalista, escritor e editor Jaime Solá Mestre (11 de setembro), creador e director da revista Vida Gallega (1909), a primeira publicación gráfica da historia da cidade, da que foi director artístico o fotógrafo e cineasta Xosé Gil, e na que publicaron centos de fotografías Jaime Pacheco e Ksado e na que o propio Castelao incluíu as súas ilustracións.

Aniversarios vigueses que fan deste 2024 recén iniciado o ano dos nosos tres primeiros xardíns históricos, Alameda, Castro e Castrelos, aos que se engadiría despois o do parque da Guía, tras a construción da ermida da Nosa Señora (1951), obra de Manuel Gómez Román. Unha oportunidade para dedicarlle atención preferente a súa conservación integral, nalgúns casos, como o da Alameda, seriamente ameazada pola saturación á que cada ano a somete o mercado de Nadal durante dous meses. Como 2024 debería ser, por fin, despois de tantas promesas e proxectos de papel, o ano da recuperación efectiva da Panificadora para usos de carácter cultural, educativo e sociocomunitario. Como 2024 podería ser unha oportunidade para dar a coñecer o legado urbanístico de Antonio Palacios, nunha gran exposición do proxecto daquel Vigo metropolitano que puido ser e non foi. Mostras que se poderían ampliar á que dende hai tempo se lle debe ás tres xeracións de ourives Hernández, que acuñaron un xeito vigués de xoiería que representa a modernidade e cosmopolitismo da cidade. Sen menoscabo da exposición dedicada á fotografía de Vida gallega, un manantío de memoria estudado por Roberto Ribao, ou a escolma de pezas viguesas do fondo de Ruth Matilda Anserson, que con seguridade concitaría amplo interese. Aniversarios para tirar do fío da memoria dun Vigo que no pasado enxerga o porvir na liña do horizonte. Por un 2024 para recordar!