Está vendo o arquivo da categoría » Radio

Soubemos onte á noite da intención da dirección da CRTVG de suprimir o Diario Cultural da grella da programación da vindeira tempada da Radio Galega. Unha pésima noticia para o fráxil ecosistema da lingua e cultura galega que podería perder unha das súas trabes de ouro, un engrenaxe moi potente capaz de alentar cada tarde toneladas de biodiversidade e esperanza. Unha intención que agardo sexa modificada tras a mobilización extraordinaria que se ven producindo desde que se coñeceu.

Xaora, non sexamos inocentes, esta non é a primeira vez que a actual dirección da CRTVG intenta suprimir espazos de galeguización e pluralismo da grella da programación da Radio Galega. E mesmo a pesar de constituír a difusión da cultura e a lingua galegas un dos eixos do estatuto (e da razón de ser) da CRTVG, que non esquezamos recibe unha achega institucional anual (da Xunta de Galicia) de case cen millóns de euros. A tempada pasada, sen ir máis lonxe, fomos despedidas das tertulias de informativos un bo fato de colaboradoras (a maior parte de posicións galeguistas e de esquerda) sen sequera unha palabra de gratitude ou calquera explicación.

No entanto, no caso do Diario Cultural hai aínda marxe para retificar. O programa do equipo que dirixe Ana Romaní é un patrimonio colectivo da cultura galega de entre séculos que debe ser respectado e merece ser potenciado. Sabemos canto supón anualmente o custe do DC dentro deses cen millóns de euros que recibe a CRTVG das arcas públicas? Cuantificaron os responsables desta decisión o valor da desfeita que sobre a nosa industria cultural (do libro, da música, do teatro, das artes plásticas, do audiovisual….)  podería ocasionar a desaparición do DC? Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral da CRTVG, debería explicar canto antes cales vai ser o futuro do Diario Cultural, que é moito máis que un programa de radio.

Onte 1446: Caligrafía pola unión

bretemas —  19 de Setembro de 2015 — 1 Comment

unionA hora e media de debate na Radio Galega sobre o proceso de confluencia arrefriou o meu optimismo sobre as posibilidades dunha candidatura unitaria galega para as Xerais do 20 de decembro. Unha decepción que compartín onte con moitas amizades que expresaban o seu fastío por non ter identificado nas intervencións dos participantes a actitude cooperativa e a determinación necesarias para rematar un proceso de unión, que todos sen excepción ningunha, afirmaron compartir. O fracaso do debate, pois, non foi tanto polo que se dixo ou se agochou, que tamén, máis sobre todo polas escasas doses de afecto e complicidade expresadas por uns e por outra. No entanto, a pesar desta falta de claridade argumental e frialdade relacional, identificamos outras liñas a salientar. A primeira, para mín a máis desacougante, a intención dos membros do Encontro Cidadán por unha Marea Galega de ralentizar o proceso de confluencia con Iniciativa pola Unión, agardando polo «acordo dos partidos». A segunda, para min a máis clarificadora, a posición compartida polos representantes de A Nova e Podemos Galicia, priorizando sobre calquera outros obxectivos o discurso da «creba democrática no estado co réxime do 78».

Xaora, a pesar de que o debate manifestou as importantes diferenzas e resistencias existentes nesta confluencia, inevitables nos procesos de converxencia e mudanza, nin esta todo estragado nin perdimos a esperanza. Madia leva! Por riba das posicións xerárquicas dos partidos e dos seus liderados emblemáticos debe estar a vontade de confluencia dunha cidadanía que para defender os intereses da maioría social galega e da existencia de Galicia como suxeito político non entende outra linguaxe que a manuscrita pola caligrafía da unión. Trabúcanse gravemente aqueles que consideren meramente instrumental esta posición cidadá.

Ponte nas ondas

bretemas —  30 de Decembro de 2014 — Deixa un comentario

Dedico o artigo da semana de Faro de Vigo a Ponte nas ondas, unha experiencia sociopedagóxica modélica de innovación educativa e comunicacións cultural transfronteiriza, merecedora do Premio Ondas 2014 á mellor cobertura informativa.

ponte-nas-1Dende hai dúas décadas o programa educativo Ponte nas ondas pretende romper as fronteiras mentais existentes entre escolares (e cidadáns) galegos e portugueses de ambas as dúas beiras do Miño. Creada como unha xornada anual de radio interescolar na que participaban colexios miñotos de Primaria, Ponte nas ondas é hoxe unha asociación cultural e pedagóxica consolidada cuxo traballo está centrado na recuperación do patrimonio inmaterial galego-portugués e no emprego educativo das tecnoloxías da comunicación.

A súa traxectoria e o traballo fecundo e innovador deste programa educativo transfronteirizo xustificaron que recibise o mes pasado un dos prestixiosos Premios Ondas 2014 outorgados por Radio Barcelona. Sen dúbida, un recoñecemento extraordinario, para unha experiencia de renovación pedagóxica no eido dos medios de comunicación.

Ponte nas ondas naceu en 1995, coincidindo coa apertura da ponte internacional que une Salvaterra de Miño e Monçao, dúas vilas que medraron da man, mais que tamén viviron viradas de costas durante moito tempo. Un grupo de profesores dos centros educativos de cada unha das localidades ideou unha xornada de radio escolar na que estes estudantes miñotos puidesen ter voz en efeméride tan destacada desenvolvendo un traballo colaborativo a prol da difusión da súa cultura común.

Os alumnos e alumnas dunha escola de Monçao, dende os estudios da emisora Ecos da Raia de Monçao, e os do colexio de Alxén (centro onde xa funcionaba unha radioescolar), dende os improvisados na Casa da Cultura de Salvaterra, inauguraron unha ponte de cordialidade, construída con palabras, músicas e ilusións. Unha ponte radiofónica que dende aquela primeira edición uniría aos rapaces e rapazas de ambas beiras do río que nin se coñecían nin sabían que, a pesar de formar parte de dous estados europeos diferentes, compartían refráns, xogos, costumes, cancións, en definitiva, contaban cunha lingua e cultura común.

Tras a incorporación ao programa de escolas das vilas unidas polas pontes, Tui-Valença do Minho e Arbo-Melgaço, como da Guarda-Caminha, comunicadas por ferri, o traballo escolar común e o intercambio cultural sobardou os límites dun proxecto que cada ano escollía un tema monográfico e no que xa participaban radios comerciais e públicas na súa maratón radiofónica que chegou a superar as trece horas.

Co novo século o proxecto densificouse. As escolas participantes aumentaron e comezaron a traballar de forma sistemática sobre o patrimonio inmaterial común da rexión arraiana e miñota coa intención de presentar a candidatura (2004) para que a Unesco o declarase como obra mestra da humanidade. Ese obxectivo levou a que todas as escolas traballasen sobre a cultura oral, o intanxible, o que non se ve, e se transmite oralmente na cadea xeracional e familiar. Froito desta estratexia recolléronse centos de testemuñas sobre as festas estacionais, romarías e crenzas, e milleiros de textos de cantigas, regueifas, contos, lendas, adiviñas, vivas na memoria das familias de ambas as dúas beiras do Miño. Foi tamén na primeira década do século cando Ponte nas ondas comezou a emitirse por internet (audio e vídeo) e as escolas comezaron a utilizar as novas tecnoloxías da comunicación, o que permitiu a ampliación do programa a centros educativos doutros países do espazo cultural da lusofonía, sobre todo do Brasil, polo que circula o sangue dunha lingua que aos galegos e galegas non nos resulta allea.

A exitosa experiencia de Ponte nas ondas, as súas actividades educativas sobre o patrimonio dunha tradición cultural común galega e portuguesa, apoiadas sobre os lazos lingüísticos da lusofonía e do emprego dos medios de comunicación e tecnoloxías dixitais, contribuíu a dotar de contidos culturais e simbólicos ao proxecto da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, unha iniciativa política que nunca chegara a funcionar máis alá dalgunhas iniciativas económicas intermitentes ou de proxectos políticos tan fráxiles e volubles como os do chamado Eixo Atlántico, que nunca chega a arrincar.

Mais tamén contribuíu Ponte nas ondas a afianzar nas escolas participantes prácticas de renovación pedagóxica, como o traballo cooperativo dos docentes e escolares dentro e fóra da aula, a utilización de medios tecnolóxicos de comunicación a distancia, a apertura de cada comunidade escolar á súa contorna, a participación doutros profesionais e medios no traballo didáctico, a realización de intercambios, a publicación de libros e cedés…

Beizón pois por tan valioso traballo sociopedagóxico á asociación cultural e pedagóxica Ponte nas ondas e aos que son os seus responsables, os profesores Santiago Veloso e Gerardo Feijoo, promotores e animadores tamén da experiencia dende o seu inicio.

Suso_de_Toro_Pecreira_Cronopios_11-12-2014Apaixonante resultou seguir a conversa que Suso de Toro mantivo onte coa xornalista de Onda Cero Susana Pedreira na libraría Cronopios de Pontevedra arredor de Somnámbulos. Comezou Suso louvando o estado actual da cidade de Pontevedra e explicando a orixe da publicación deste novo libro de relatos.

«Cando decidín pechar todo e regresar ao ensino, quedou aberta unha carpeta cunha obra teatral comezada. Quizais porque dentro miña operou un malestar sobre a situación política da Transición, recuperei quen era eu naquel momento, un mozo antifascista, disposto a todo, nuns anos de radicalidade cando o réxime tamén o estaba. Non esquezamos que mataron a aqueles cinco rapaces. Foron anos terribles, nos que a policía ametralou aos traballadores de Ferrol. Anos nos que se vivía unha tensión moi forte. Todo aquilo quedou sepultado, negado, mesmo coa denominación de “dictablanda”, coa intención de negar até o propio franquismo. Eu sentínme sepultado, o meu verdadeiro eu sentíase negado e desprezado. Desa pulsión e coa intención de expresala naceu “Negocios de familia” o primeiro relato do libro.» Lembrou despois aqueles días arredor do 27 de setembro de 1975, «foron días moi duros os que viviron cando fusilaron a aqueles rapaces, algúns non participaran en delitos de sangue, interviu o papa Pablo VI, houbo protestas en toda Europa, non se precisaba estar en contra do réxime para denunciar aquilo.»

Interpelado por Susana Pedreira sobre a abordaxe do tema da culpa en «Negocios de familia», Suso de Toro afirmou que «un escritor ten que comprender a todos os seus personaxes.» «Dentro do monstro sempre hai un meniño, hai que ir a esa fonte primeira, onde o poder absolver. Así o fixen nun libro terríbel, Home sen nome, e tamén aquí. Neste relato non enxuízo aos personaxes, mais non considero que todos fosen iguais, os do réxime e os que loitabamos contra el.»

Falando do segundo relato, «Auga derramada«, Suso de Toro reflexionou sobre a dignidade dos humildes e maiores e sobre a importancia dos lazos familiares. «A vellez como momento da rememoración da vida é un momento moi lírico. O que vai entre a infancia e a vellez é unha impostura. A vellez é unha época de grande valor vital.»

Remataron a conversa Susana Pedreira e Suso de Toro falando de «Insomne», o relato que pecha o libro, nacido do que o autor denominou «un tropezo con Manuel Fraga». «Hoxe os que teñen auténtico poder protéxense tras un muro de pástico. É moi complicado enfrontarse a eles.»

 

Onte 1153: Construír Culturgal

bretemas —  22 de Novembro de 2014 — Deixa un comentario

Culturgal_21-11-2014

Presentamos onte diante dos medios o programa de Culturgal 2014. 70 expositores, 150 actividades literarias, musicais, teatrais, artísticas e formativas destinadas a públicos diversos artellan o eixo do programa de tres xornadas moi intensas nas instalacións do Pazo da Cultura, Auditorio e recinto feiral de Pontevedra. Un programa concibido coa intención de ampliar o perímetro de Culturgal dende a corresponsabilidade dos diversos sectores das nosas industrias culturais e do patrocinio das administracións públicas e entidades privadas.

Entre as novidades do programa dunha feira, sempre con vontade de sorprender e innovar, saliento as dúas grandes exposicións de artes plásticas e visuais (Do papel ao xesto e XX anos de Bravú), o deseño dunha programación específica para bebés e dun espazo para lactancia, a introdución de actividades de gastrocultura, a potenciación da programación cinematográfica, as ceas temáticas no recinto feiral, o vermú cultural do domingo (ao que convidamos a 26 asociacións profesionais dos diversos eidos da cultura do país), emisión de programas do Diario Cultural da Radio Galega (premio do público) e Discópolis de Radio 3 en directo, o concerto de Caxade, a presentación dos novos discos de Magín Blanco, Guadi Galego, María Fumaça, Cantares do Brión, Maghua, o concerto da banda dos cueiros, a presentación da App Contacontos, o foro de Crowdfunding e Coworking, os encontros de editores con bibliotecarios e profesorado, ou as conversas literarias con Helena Miguélez, María Reimóndez, Suso de Toro, Xurxo Souto, Alberto Ramos, Fran Alonso, entre outros autores e autoras.

Un programa que iremos debullando con maior detalle nos vindeiros días, concibido para públicos e audiencias específicas, mais tamén moi vencellado ás novidades que os expositores ofrecerán nos seus stands. Culturgal como un espazo de todos e todas, interxeracional e transversal, horas de ledicia e entusiasmo para compartir sintagmas de simpatía e afecto para a nosa lingua e para as nosas artes. Propoñemos construír Culturgal para reforzar o papel e a independencia das industrias culturais propias. Un Culturgal alicerzado sobre a forza dos seus públicos e sectores profesionais. Convido a compartir o programa e solicito axuda para difundir na rede esta convocatoria. Culturgal no pazo da Cultura de Pontevedra do 5 ao 7 de decembro.