Está vendo o arquivo da categoría » Presentacións

Independencia

bretemas —  13 de Marzo de 2005
Foi unha alegría contar con Franco Grande presentando o libro de Veiga. O veterano académico é exemplo de que a independencia de criterio é un camiño, por difícil que semelle, posible na intervención política e cultural en Galicia. As súas palabras foron atinadas. A literatura, basicamente, é facerse preguntas.

Actualizar o herdado

bretemas —  17 de Febreiro de 2005

“Quen non moviliza e agranda e actualiza o que herdou, non fará máis que gastalo -e gastarse a si mesmo- sen proveito para ninguén. E non terá nada que legar. Para el, a historia remánsase e descomponse nel mesmo.”

Lino Novás Calvo, prólogo de Otras maneras de contar.

“Galicia é unha nación sen estado de ánimo”

Camilo Franco, hoxe na presentación de Veu visitarme o mar.

Abecedario para Rosa

bretemas —  12 de Febreiro de 2005
Oínlle a don Xesús que a presentación dun libro é un subxénero da oratoria caracterizado pola gabanza equilibrada. Dende entón, pretendo ter sempre presente esta definición porque a desmesura dos editores no uso de adxectivos grandilocuentes, motivada sempre pola paixón na defensa do libro, pode levarnos a falta de credibilidade.
Creo que non foi este o caso de onte na cidade guindastre cando presentamos a novela de Rosa. Defendina con paixón porque esta narración, tan arrebatadora como poderosa, entusiasmoume dende a primeira lectura. Un acto, concorridísimo e emocionante, que nos deparou a fortuna de escoitar unha intervención memorable de Carlos Negro, que reinventou o xénero da presentación por medio da creación dun abecedario elaborado só con palabras utilizadas pola de Meirás. Non me resistín a anotalas na libreta unha por unha. Que bonito!!!
Un abecedario para Rosa con motivo de Veu visitarme o mar
Quen lera a novela comprobará que son as palabras xustas e equilibradas. Beizóns para Carlos e Rosa por unha noite na que nos emocionamos ao falar do ser humano. Seguramente diso trata a literatura.

On the road

bretemas —  22 de Xaneiro de 2005



Lemos


Onte outra volta a Galicia. Á primeira hora da mañá tertulia en Compostela (a coronación tema principal); logo, Torre (reunión coa comercial para presentar as novidades do semestre); tarde, viaxe a Muralla e noite, presentación en Lemos da última obra de Quiroga. Remexendo nunha libraría merquei varias primeiras edicións galegas a un euro, entre elas, As rúas do vento ceibe de Manuel (poderiamos publicala de novo?). Ceamos cunha xente ben salada, bebimos un amandi corpudo e falamos de libros e botas. Case cincocentos quilómetros, as catro provincias, seis das cidades… Uff.. Chegamos a Sal xa de madrugada, preocupados polas noticias sobre Isaac (contáronos que está maliño).
A cita de Tolstoi
Leo no correo a corrección de Nacho sobre o post de onte. Nacho, que fixo unha presentación abraiante, anótame que a frase exacta pronunciada por Ramiro foi: Describe a túa vila e serás universal.
A miña memoria volveu fallar; desta volta non anotei no caderno as frases claves, como fago en todos os actos nos que participo (a famosa libreta vermella pola que tantas veces me teñen preguntado). Nacho comenta que coa cita de Tolstoi sucede algo semellante ao que pasa co monstro do Lago Ness: todo mundo fala dela mais ninguén testemuña vela aínda. Mergullouse no gúgel na procura de “Aldea universal Tolstoi” e atopou un cadoiro de referencias da cita tolstoiana de marras (Describe a túa aldea e serás universal, Pinta a túa aldea e pintarás o mundo…). Cre que pode estar nun Epistolario ou ser un resume do que aparece en ¿Que es el arte? Beizóns para o seu rigor admirable do que sempre aprendemos a eito.