Está vendo o arquivo da categoría » Premios

Saudamos a iniciativa da creación do Premio Cartafol ao mellor libro galego publicado no ano 2004 nas modalidades de narrativa e poesía.
Xeralmente, os premios outorgados pola crítica á obra xa editada son os máis valorados por autores, editores e lectores. Agardaremos ao fallo o vindeiro 17 de maio. Parabéns a Moisés R. Barcía e ao seu equipo do Cartafol dos libros.

The White Ravens 2005

bretemas —  18 de Abril de 2005
Outra noticia da Fiera foi coñecer o Catálogo de The White Ravens 2005, onde aparecen relacionados os famosos corvos brancos cos que a Biblioteca Internacional da Mocidade de Munich distingue cada ano a calidade de libros infantís e xuvenís editados en máis de trinta linguas de cincuenta países. Á lista galega haberá que engadir O brindo de ouro de Xesús Manuel Marcos (Premio Merlín 2005), Bolboretas de Xabier P. Docampo e Xosé Cobas ( omellor libro de 2004 para pawley) e ¿Que contan as ovellas para durmir? de Kiko Dasilva.
Causoume extrañeza que na lista castelán se incluíse El armiño duerme de Xosé Antón Neira Cruz, tradución do orixinal galego (o formidable O armiño dorme), galardonado co Premio Raíña Lupa 2002 e editado en 2003. O seu autor foi o único dos distinguidos galegos que puido recoller en Bologna o catálogo; coincidimos con el fugazmente no estand dos editores cataláns.

New Horizons award

bretemas —  13 de Abril de 2005
A de Bologna son dúas feiras do libro: a dos editores e a dos ilustradores. A segunda ten as formas das peregrinaxes. No hall central hai unha enorme parede cuberta de debuxos e tarxetas de contacto de artistas novos que chegan cos seus cartafoles cheos coa esperanza de poder atopar un editor. Non é doado facerse un oco entre tanto rebumbio.
Interesoume a exposición de ilustradores. O mellor: o espazo dedicado a Max Velthuis, o holandés que morreu o pasado ano (Xerais publicou dúas series de catro títulos dos seus traballos para primeiros lectores). A simplicidade do xesto gráfico e o clasicismo da técnica (mestura de gouches e lapis) non perden un ápice de modernidade. Bonito e orixinal traballo è, tamén, o dunha ilustradora coreana, Hee-Na-Baek, que mestura fotografìa, colaxe e trazo, e o dunha xaponesa, Yusuke Yoneza, que fai unha caras cuns ollos que lembran aos que facìa Dìaz Pardo.
O de Espanha como país convidado é un pequeno (ou grande) fracaso. O salientable: a arquitectura efìmera da exposiciòn de ilustradores (sò un artista galego). A ministra Carme Calvo suspendeu a súa presenza na inauguración, por mor de atender asuntos máis importantes; algún dos responsables do Ministerio falaba en “petit comité” que preferira non perderse a Feira de Abril. Sexa coma for, Calvo demostrou no primeiro ano do seu mandato que non é unha persoa de letras; ela prefire cousas máis aparentes. Viva o espectáculo!
O estand de Galicia é bo. Amplo, ordenado e bastante vistoso. As pezas de Xan López Domìnguez son o máis gabado polos visitantes. O cadro galego estaba hoxe formado por media ducia de membros da AGE, dous escritores (convidados polo ministerio) e dous funcionarios da Consellaría. Non había, como ven sendo tradicional xa nos últimos anos, ningunha presenza institucional.
Manhá tratarei de ver os libros premiados. Chámame a curiosidade o “New Horizons Winner”, titulado Ubucuti bw´imbeba n´inzo vu, de John Kilada, de editions Bakame de Kigali, Rwanda.

Mellor libro do ano

bretemas —  3 de Abril de 2005
Onte á noite fomos a Auria a participar na cerimonia de fallo dos Premios Irmandade do Libro organizados pola Federación de Libreiros de Galicia. Tivemos a fortuna de recibir o premio ao mellor libro de 2004. Foi unha alegría, sobre todo, porque supón un primeiro recoñecemento para o traballo xigante que realizou Antón Costa durante unha década.
Os editores debemos agradecer a existencia de premios a obras xa editadas (moi escasos en Galicia), porque supoñen unha visibilidade para o noso traballo. Agradecemento maior cando son os libreiros (eses militantes fantasía da causa da lectura) os que recoñecen a calidade dunha obra inserta nunha concepción da edición estritamente cultural, que, ademais, e a pesar das súas dimensións (1.280 páxinas), non recibiu axuda ningunha institucional para a súa publicación. Feito máis significativo, aínda, por non tratarse dun libro literario, que xeralmente reciben unha maior atención. Agardo que este premio nos axude a continuar dando a coñecer unha obra da que, tanto o seu autor como os editores, nos sentimos tan orgullosos.