Distrito industrial

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a comentar a política industrial en Vigo ao fío da publicación do libro Galicia, distrito industrial. Conversas con Daniel Hermosilla (Galaxia 2024) de Antón Baamonde:

A autorización definitiva do Goberno da conexión da factoría de Stellantis á rede de Moi Alta Tensión, prevista no horizonte de 2026, garante o investimento do grupo automobilístico nunha plataforma para a fabricación de vehículos eléctricos. Unha noticia agardada como auga de maio para asegurar a continuidade dunha empresa que transformou a economía viguesa e galega imprimíndolles novo celme industrial desde que en abril de 1958 Citroën Hispania (sociedade constituída o 2 de xullo de 1957) comezara a producir os primeiros vehículos Citroën 2CV (berlina) e 2CV AZU (furgoneta) nunha nave da Aduana na avenida de Montero Ríos. Unha decisión á que non foron alleos un conxunto de factores, entre eles, a existencia dun porto que facilitaba a saída dos vehículos (xa en 1958 embarcaron para Marrocos os primeiros coches fabricados en Vigo); a dispoñibilidade de enerxía eléctrica (o desenvolvemento hidroeléctrico do Miño por parte de Fenosa realízase dende 1955 a 1969); como na firme decisión política do réxime de desenvolver no porto de Vigo unha zona franca (creada xa o 20 de xuño de 1947) correspondente aos portos do Norte, tras as de Barcelona e Cádiz, e instalala unha década despois nos terreos de Balaídos, o que obrigou a expropiar milleiros de fincas no Val do Fragoso.

Arredor da planta de Citroën de Balaídos, inaugurada o 31 de agosto de 1959 con dúas naves e cen traballadores, desenvolveuse ao longo de seis décadas o Vigo industrial contemporáneo, que duplicou a poboación (Vigo contaba 150.000 habitantes en 1960) e provocou a ampliación acelerada da malla urbana (de forma caótica e desordenada) e das infraestruturas (sobre todo portuarias, que utilizaron o recheo da beiramar como espazo de crecemento), ao tempo que se converteu en signo de identidade colectiva de cidade portuaria do automóbil, tamén obreira, dinámica e cosmopolita. Foi Citroën (despois Grupo PSA, hoxe Stellantis) empresa tractora na rexión urbana viguesa, como Zara na coruñesa, que xunto ao sectores tradicionais portuarios con máis de cento cincuenta anos de historia da industria pesqueira e conserveira (a primeira fábrica de conservas hermética da ría de Víctor Curbera Puig comezou a funcionar en 1861 na praia de Arealonga) e do sector do metal e construción naval (iniciada en 1863 cando Antonio Sanjurjo Badía «Habilidades» fundou no Areal o taller de fundición La Industriosa) os que mantiveron cos seus ires e vires a actividade industrial como eixo da economía viguesa e como unha das hélices do ADN identitario da propia cidade.

Pasado industrial tradicional da cidade viguesa (como do propio país galego) que non pode ser desdeñado ou sacado fóra do foco, xa que estas empresas achegan facturación, emprego directo, capacidade exportadora e contribución ao PIB, ademais de que ao seu abeiro apareceron nas últimas décadas unha extraordinaria nube doutras de alto valor tecnolóxico, capitalizadas, internacionalizadas e orientadas á innovación dixital. Unha auténtica revolución silenciosa, un retorno da política industrial sobre o que conversan o pensador Antón Baamonde, autor d’ Unha nova Olanda (Galaxia 2021), e o empresario Daniel Hermosilla, CEO do Grupo Rodiñas, no libro Galicia, distrito industrial (Galaxia 2024), unha das obras máis interesantes e recomendables que se teñen publicado sobre o noso futuro económico. Unha cartografía industrial que no caso da área metropolitana viguesa identifica aquelas empresas que naceron e medraron dentro dos sectores da automoción e do mundo do mar, mais que despois souberon diversificarse noutros sectores como o aeronáutico, o enerxético, o loxístico, o do frío industrial, o do contract (equipamento integral), o da robótica, o das telecomunicacións, o alimentario ou o da biotecnoloxía e da farmacia.

Empresas pequenas e medianas de alto valor tecnolóxico e mercado global instaladas, a maior parte delas fóra dos límites do concello de Vigo, nos parques industriais de Nigrán, Mos e o Porriño, apoiadas nalgúns casos pola Zona Franca, pola Universidade de Vigo ou polos centros tecnolóxicos e hubs dixitais (CTAG, Gradiant e Inova), que para Hermosilla teñen a oportunidade de constituírse en distrito industrial, como unha rede que obriga a respirar unha atmosfera industrial, a contar cunha inequívoca vontade de colaboración, confianza e innovación compartida. Unha oportunidade para que Vigo fose unha nova Turín, na que sen abandonar o seu carácter de cidade do automóbil (eléctrico) fose capaz de diversificar a súa oferta industrial tanto nos eidos do metal como das industrias dos sectores de alto valor tecnolóxico engadido citadas. Se conta coas infraestruturas necesarias, responsabilidade das administracións, Vigo continuará como cidade industrial.

Memoria da Terra Chá

O escritor chairego Paco Martín leu o comezo da súa intervención na Polavila Docampo 2024 unha noticia que nos deixou estupefactos e rezaba máis ou menos así: «A proposta do Instituto de Estudos Chairegos levada ao pleno do concello de Vilalba para denominar unha sala do conservatorio de música, a casa da cultura e a biblioteca pública municipal cos nomes do músico Santiago Mato Vizoso e dos escritores Manuel María e Agustín Fernández Paz respectivamente foi rexeitada ao non acadar os dous terzos dos votos corporación, ao absterse o PP». Unha negativa xustificada polo regulamento sobre honras e distincións do concello de Vilalba que desde hai vinte anos obriga a contar cunha maioría cualificada (case unanimidade) para modificar os nomes dos inmobles municipais. Unha argucia que xustifica rexeitar as propostas do IESCHA, ao tempo que manter os nomes de Cidade Cultural Manuel Fraga Iribarne ou Auditorio Municipal Carmen Estévez. Un exercicio de cinismo político que me axudou a lembrar aquelas presentacións e homenaxes de Agustín na súa vila natal, onde nunca faltaban as gabanzas de Agustín Baamonde, líder dos populares vilalbeses, alardeando de compartir pupitre e andanzas escolares co escritor das Fontiñas. É un acto de dignidade que a Biblioteca de Vilalba leve o nome de Agustín Fernández Paz, hoxe o escritor vilalbés máis lido e traducido a media ducia de linguas, aínda máis cando esta biblioteca recibiu unha doazón de case sete mil exemplares do seu legado bibliográfico. Como é un acto de gratitude lembrar ao poeta Manuel María na Casa da Cultura, aínda máis cando foi en Vilalba onde celebrou o 15 de febreiro de 2003 o acto do seu ingreso da Real Academia Galega cun discurso memorable titulado «A Terra Chá: poesía e paisaxe». Os concelleiros populares vilalbeses non poden continuar bloqueando cunha argucia propia do máis reseso filibusterismo os xustos nomeamentos solicitados polo IESCHA, que forman parte todos os tres da memoria e do orgullo da cultura galega.

Publicado en Nós diario: 17/04/2024

Masa verde

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a política de arborado do concello de Vigo:

Un dos mellores artigos sobre as árbores en Vigo é «Morte na Rúa da Paz», unha das marabillas que baixo o epígrafe de «Conversas co vento» publicaba Chano Piñeiro, hai máis de trinta anos, nas páxinas de Faro de Vigo. Precedido dunha oración estremecedora («Hoxe o sangue tiña forma de serrín esparexido pola rúa da Paz, aquí en Vigo»), o director de Sempre Xonxa (1989) expresaba a súa indignación pola talla dunhas vellas árbores na rúa próxima a súa botica de Torrecedeira. Como era adoito na súa tribuna, Chano mantiña unha conversa, neste caso coas árbores caídas, preguntando sobre as razóns polas que foron cortadas e lamentando que o «Concelleiro das Árbores», pense que ás árbores hai que metelas nunha «reserva», xunto a outras «plantas raquíticas e árbores escuchimizadas», esquecendo que «os seres humanos podemos, sabemos e debemos convivir con elas». Conclúe decepcionado Piñeiro o seu blues, mesmo a pesar de que «o noso idioma é un dos poucos que tivo a suficiente sensibilidade para recoñecer a feminidade das árbores», asumindo que ninguén vai devolver todo o que achegaron marcando durante cincuenta anos de vida «a chegada da primavera ou facendo do outono unha alfombra» ou, simplemente, «animándonos a brillar con elas».

Dende que Chano publicou aquela conversa coas árbores caídas, seres vivos reducidos a serraduras e madeira polo motoserra, foron en Vigo frecuentes as cortas abusivas das árbores urbanas autorizadas polos diversos responsables de Parques e Xardíns. Tallas que nestas semanas afectaron a todas as castiñeiras de indias do treito da rúa Manuel Olivié comprendido entre o Castro e a Praza de España, o que provocou a desaparición dun precioso arco vexetal, que achegaba tanta sombra e frescura aos que baixo elas camiñabamos. Corta sen paliativos, anunciada polo concello «por motivos de seguridade», que modificará durante décadas a paisaxe no acceso peonil ao Castro, parque xa centenario onde nos últimos anos se realizaron tamén tallas importantes arredor da muralla. Como xustificada tamén por idénticos motivos, anúnciase a talla de acacias negras na ribada de Falperra, un espazo verde entre as rúas Camelias, Cachamuíña e Romil, así como nos taludes de Subida á Costa e Arquitecto Palacios, onde medraron grandes árbores.

Medidas que, como as podas radicais do arborado urbano, provocaron a alarma dos colectivos ecoloxistas e veciñais que denuncian a redución da masa verde da cidade, xa que estas árbores de gran porte son substituídas por outras de pequeno tamaño, cando non por arbustos ou arbores en macetas, o que provoca unha diminución da sombra e elimina a absorción de CO2 que realizan. Unha polémica moi acaída no marco da posta en marcha das estratexias de sostibilidade do concello, incluídas na axenda urbana 2030, á que tampouco é allea a consensuada Lei de Restauración da Natureza da Unión Europea, aprobada o pasado 27 febreiro polo Parlamento Europeo, que obriga a cada concello a garantir que non se produza unha perda de cuberta arbórea urbana. Controversia que a actual concellaría de Parques e Xardíns resolve apenas cun comunicado de prensa onde puntualiza que o goberno local desde 2007 plantou máis de 30.000 árbores, xustifica as tallas aducindo causas de seguridade cidadá, para rematar acusando aos colectivos denunciantes «que non están defendendo o medio ambiente, están facendo política pura e dura, están na política antivigo». Decepcionante achega do goberno municipal para un debate político que, como o da posta en marcha das áreas de baixas emisións, prevista  para 2025, forma parte da cerna da política urbana no contexto actual da emerxencia climática.

Fóra do emprego tan desafortunado dunha etiqueta excluínte para referirse a veciñanza que expresa a súa opinión con datos e razóns, o concelleiro vigués das Árbores, roubándolle a Chano Piñeiro o sintagma, como a contrata municipal que se ocupa do mantemento e coidado dos parques e xardíns, deben asumir que nesta cuestión do arborado urbano hai outra abordaxe posible que vai máis alá da talla e podas radicais ou da plantación de macetas. Por ventura, o núcleo urbano continúa protexido por unha extraordinaria e tupida coroa vexetal, un patrimonio ao coidado das entidades veciñais viguesas do periurbano. Como extraordinaria é a masa verde conservada nos parques de Castrelos, do Castro, da Guía, da Bouza, e do máis recente de Navia, da propia Alameda da praza de Compostela (máis que centenaria), que proporciona sombra (un dereito da veciñanza), elimina carbono e dá acubillo as aves e outra fauna. Nunha cidade que ten unha oliveira como insignia, dende hai cinco séculos, o coidado das árbores urbanas e do resto do seu patrimonio forestal debería constituír un punto de encontro da veciñanza e do goberno municipal.

Viguesas distinguidas

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ás Viguesas distinguidas:

Entréganse hoxe as distincións «Vigueses e viguesas distinguidos» coas que o Concello de Vigo, segundo establece no seu Regulamento de honras e distincións, recoñece «a persoa ou grupo de persoas que sobresaíron ao longo da súa vida polas virtudes humanas ou polo seu quefacer profesional; vigueses famosos, populares e mesmo, nalgúns casos, persoas que polo seu traballo calado ou polo seu persoal rexeitamento de todo protagonismo non son coñecidos pola maioría». Recoñecementos que xunto coa Medalla de Ouro da Cidade se veñen outorgando o día da Reconquista, dende o 28 de marzo de 1987.

Foron as primeiras Viguesas distinguidas Carmen Roel Rilo, fundadora de El Mosquito, e Milagros Molares Lago, promotora dos Campionatos de Fútbol Praias. Foron os primeiros Vigueses distinguidos Manuel de Castro, vendedor de prensa que voceaba polas rúas do centro os xornais do día; Ángel Llanos González, fotógrafo de prensa, terceira xeración dunha familia de gráficos que deixou 135.000 pezas tiradas en Vigo e comarca; o Hotel Bahía, inaugurado en 1971; Nicolás Peña Martínez, médico urólogo, humanista, director durante moitos anos do Hospital Municipal (instalacións que hoxe levan o seu nome); e José Villamil Pérez, médico psiquiatra de longa traxectoria. Séndolle outorgada a Medalla da Cidade a Fernando Alonso Amat, funcionario de Facenda, delegado da Zona Franca, presidente do Club Naútico, comprometido coa causa democrática e da igualdade.

Estes recoñecementos municipais actuais tiveron varios precedentes. O primeiro nos premios «Uve de Vigo» outorgados o 9 de febreiro de 1974 nunha cea no Hotel Bahía, organizada pola emisora La Voz de Vigo (EFE 31), integrada na Rede de Emisoras do Movemento, que recibiron os empresarios José Fernández López (Pescanova) e Alejandro Barreras, o presidente do Círculo Mercantil e Industrial Camilo Veiga, a Cámara de Comercio e a ETEA, centro de formación da Armada. Como outro antecedente foi a homenaxe que en 1985 recibiu con motivo da súa xubilación Víctor Homen de Almeida, durante catro décadas vice-cónsul de Portugal en Vigo, e grande celtista e amante da cidade, a quen o cronista Lalo Vázquez Gil considera de feito o «primeiro vigués distinguido, cando non existía ese nome». Como precedente máis achegado foron os «Premios Reconquista» outorgados en 1986 pola Xunta de Goberno, a proposta do alcalde, que coincidindo coa entrega da Medalla da Cidade ao empresario e escritor Valentín Paz Andrade, recoñeceron o labor destacado nos eidos económico, social, cultural ou deportivo da Caixa de Aforros Municipal de Vigo, da emisora educativa Radio Ecca, do atleta Alejandro Gómez Cabral e do grupo punk Siniestro Total.

Tras cincuenta anos da entrega daquelas uves pioneiras, case trescentas persoas, empresas, centros educativos, clubs deportivos, asociacións culturais e entidades diversas foron recoñecidas como «Viguesas distinguidas», referentes cidadáns e cívicos polas súas achegas diversas á construción da cidade de Vigo como espazo de convivencia e desenvolvemento urbano. Recoñecemento honorífico, que todas elas reflicten con orgullo no seu currículo máis íntimo, tanto as que aquí naceron como as que (a maioría) decidiron aquí construír os seus proxectos vitais e profesionais, unha adscrición de pertenza que conforma o inequívoco espírito republicano dunha cidade emprendedora, aberta, solidaria e sempre xenerosa no esforzo colectivo. Nomeamentos realizados polo concello de Vigo, tradicionalmente de forma unánime, coas achegas dos diversos grupos municipais e ao fío dos avances e conquistas de dereitos, o que salienta o carácter inclusivo e transversal dunhas distincións que afagan tanto a quen as recibe como a quen as outorga.

Con este espírito de constituír referentes recibirán hoxe o seu nomeamento como Distinguidas as comunidades educativas do Colexio Público Lope de Vega, o Instituto da Guía e o Colexio Quiñones do Calvario, como os participantes no proxecto «Sons das flores» do Colexio Público Vicente Risco. Como por constituír referentes deportivos son Distinguidos os clubs de baloncesto Seis de Nadal de Coia, o Celta de Atletismo e o centenario Club Deportivo Coia de Fútbol. Como por ser referentes comunitarias e musicais son Distinguidas as corais polifónicas do Centro Cultural de Valadares e da Sociedade Atlántida de Matamá, o falecido folclorista Emilio Sotelino e a Asociación de Viúvas Demócratas. Como por ser referente humana, cultural e social é Distinguida a escritora e activista viguesa María Reimóndez, que escribiu libros preciosos de temática viguesa, como Unha xigante ira colectiva (Elvira 2019) ou Furia (Xerais 2023), cerna do actual Vigo literario. Parabéns a tan merecidas Viguesas distinguidas!

Panificadora centenaria

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao centenario da Panificadora:

Aprobadas as licencias de obras pendentes dos edificios Lúa e Estrela no Barrio do Cura e coñecida a maqueta da intervención (con toda probabilidade gañadora) do concurso de ideas para o alongamento previsto do túnel de Elduayen até a extrema de Torrecedeira semellaría que, despois de case dúas décadas de ires e vires, comezará, por fin, a tantas veces anunciada rexeneración urbana do paseo de Alfonso e da contorna da oliveira, a grande sala de estar do Vigo vello e o primeiro miradoiro da cidade sobre o horizonte das Cíes. Unha intervención urbanística millonaria, iniciada en 2001, cando o asilo das Hermanitas de los Ancianos Desamparados foi trasladado a Alcabre, o que permitiu o acordo da súa adquisición en 2003 polo futbolista Valery Karpin (valorado en 8,5 millóns de euros) e en 2004, con Michel Salgado e outros socios, da maior parte dos edificios do Barrio do Cura. Hai vinte anos, tamén, o arquitecto Alfonso Penela presentou o proxecto dunha obra que dende 2008, cando picou a burbulla inmobiliaria, quedaría parada coa súa elevada débeda financeira en mans dos bancos, até ser adquirida en 2018 por polo fondo de capital risco norteamericano Autonomy Global Opportunities e a promotora madrileña Gestilar.

Un proxecto que en dúas décadas arruinou un perímetro  urbano, delimitado polo edificio, igrexa e finca do asilo das Hermanitas, construídos entre 1892 e 1910 polo arquitecto Manuel Felipe Quintana. Un barrio céntrico de casas humildes de arquitectura pétrea e centenaria, comprendido entre o comezo da rúa Pi e Margall e a rúa Llorente, até o comezo da rúa Santa Marta, diante da antiga fábrica do gas. Un barrio que por diversas circunstancias e sentencias difíciles de comprender na sempre complexa historia urbanística viguesa quedou fóra do perímetro do Casco Vello, perdendo a protección como Ben de Interese Cultural (BIC), mesmo a pesar de contar coas derradeiras casas da arquitectura mariñeira viguesa, as situadas a carón do forno do señor Domingos (a coñecida como Panadaría Barrio do Cura). Un espazo urbano que contaba con actividade comercial, de restauración e residencial de seu, incluída a residencia estudantil franciscana, que tras dúas décadas de polémica urbanística e, sobre todo, da presión insoportable dunha sutil estratexia de degradación e abandono intencionados quedará apenas na memoria da súa veciñanza.

Semellante situación de completo abandono é a que ben sufrindo nas proximidades do Barrio do Cura a Panificadora e o perímetro do seu barrio, delimitado pola proximidade do paseo Alfonso e polas rúas Falperra e Cachamuíña. Unha degradación de catro décadas insoportable e vergonzosa  da peza senlleira do patrimonio da arquitectura industrial viguesa, a auténtica catedral laica do Vigo do século XX, que ameaza as edificacións deseñadas polo arquitecto Manuel Gómez Román e os enxeñeiros Otto Werner e Jorge Buchi. Tanto os interiores do edificio principal, inaugurado o 26 de outubro de 1924, onde se enfornaron as primeiras unidades de xaponeses, como do edificio de Falperra e os seus locais comerciais, ampliado entre 1958 e 1962, o máis amplo e moderno do complexo, proxectado por Antonio Román Conde, están completamente desfeitos e espoliados. Como desapareceu a cuberta inundable, un pequeno sistema de zona húmida, pioneiro das actuais construcións sostibles. Xaora, por ventura, os silos de formigón de almacenamento de gran, o elemento máis icónico do complexo, están en mellor estado, tanto os primeiros construídos en 1931 como os seis de 1951, sobre os que se conserva a duras penas a icónica atalaia, concibida sen utilidade industrial, para instalar os pararraios.

Cando se celebra o seu centenario a Panificadora emite o que debería ser xa o seu derradeiro mayday reclamando a súa conservación integral e recuperación como espazo público para usos culturais e comunitarios. Tras as periódicas promesas de recuperación e os nulos avances do proxecto, hai uns meses semellaba que por fin se enxergaba un futuro esperanzador para a Panificadora, tanto polo compromiso da Xerencia de Urbanismo de dispoñer no orzamento de 2024 de máis de once millóns de euros (nove de fondos europeos) para a expropiación dos seus terreos como por unha próxima aprobación do novo Plan Xeral que dese resposta satisfactoria a sentencia do Tribunal de Xustiza de Galicia anulando a modificación puntual do Plan Especial de Protección e Reforma Interior (Pepri) do Casco Vello. Mais como era previsible en Vigo, tras as eleccións galegas, regresa a confrontación entre concello e Xunta, para a aprobación definitiva do PXOM. Agardemos que, no ano do seu centenario, o futuro da Panificadora non quede en auga de castañas, integrado como corazón que se promete do Paseo de Alfonso verde e peonil.

Acordo pola lingua

Abondaron apenas dous minutos do debate da CRTVG para que Rueda premese na campaña a tecla antipánico e recuperase o discurso ultra da «imposición del gallego» de hai quince anos. Amosou que calquera referencia ao galego ou nova proposta para o seu uso lle parece excesiva ou perigosa. Sentiuse atacado por Besteiro cando convidou aos conservadores a utilizar o galego nas cámaras das Cortes. Quedou chocado cando Pontón se comprometeu a traballar por un gran acordo pola lingua, que incluíse a derrogación do decreto 79/2010 de Plurilingüismo e a aprobación doutro pola igualdade lingüística, coa intención de que todo o alumnado acadase «igualdade no coñecemento para que haxa liberdade de expresión». Proposta que levou a candidata do BNG, no seu momento máis brillante, a enfrontar a Rueda co dilema de unirse a este acordo ou continuar detrás da pancarta contra o galego como fixera o 8 de febreiro de 2009. E tras sete segundos (interminables) de silencio, non atopou outra saída que tirar do vello discurso lingüicida e tachar a proposta da nacionalista como de imposición do «monolingüismo, o do ensino unicamente en galego» e, despois, nun chimpo de TikTok convidar a «ler o programa do BNG». Lectura que ben paga a pena, xa que as seis páxinas que os nacionalistas dedican a lingua, un dos once eixos condutores do seu programa electoral, ademais das incluídas no de política educativa, constitúen un chamamento razoado a construír un grande acordo nacional pola lingua galega, que acade consenso amplo entre os axentes políticos, económicos e sociais para reverter a perda acusada de falantes da última década. E o que é, aínda máis novidoso, ofrece o compromiso de introducir unha perspectiva de lingua que axude a que se teña en conta o fomento do uso e do prestixio do galego nas accións do goberno que o permitan. O 18 de marzo escollemos tamén entre construír ese acordo estratéxico pola esperanza do galego ou continuar coa deriva actual do seu esmorecemento en voz baixa.

Publicado en Nós diario: 14/02/2024

Precariedade estratéxica

As Galegas son o momento propicio para avaliar os logros e os fracasos de sectores estratéxicos para Galicia, como dende 2006 é o do libro e a lectura. Un balance político ao que non poden ser alleas as asociacións empresariais e profesionais, como a Asociación Galega de Editoras (AGE), que lamentaba nestas páxinas o escaso coñecemento da Consellaría de Cultura da realidade do sector do libro. Outro desacordo máis para a representación da edición galega que dende 2009 nunca foi recibida nin por Feijoo nin por Rueda, a pesar de solicitudes reiteradas, como tampouco foron atendidas polos gobernos do PP as súas reclamacións principais, recollidas da Lei 17/2006 do libro e a lectura: un Plan de Lectura, transversal, interxeracional, centrado no libro galego e orzamentado de forma suficiente; e un Plan de Internacionalización para o sector, capaz de proxectar o libro, a lingua e a literatura galega no mundo. Gremio da edición que nestes catorce anos viviu a intemperie, perdeu facturación e emprego, viu reducidas até o 80 % (si, leron ben, 80 %) as compras de novidades editoriais en galego para bibliotecas públicas, padeceu a modificación unilateral do modelo de gratuidade dos libros de texto e dos programas de educación dixital (Abalar e Edixgal), que xunto a implantación nunca avaliada do decreto 79/2010 de Plurilingüismo, co que retrocedeu de forma significativa a presenza do galego nas aulas, levou ás editoras educativas galegas ás portas do colapso. No entanto, este período coincidiu cunha diversificación do tecido editorial, o que axudou a incrementar a variedade do catálogo impreso dispoñible (16.000 títulos) nun mercado no que o libro en galego apenas supuxo o 8 %, como tamén celebrou recoñecementos en todos os xéneros dos Premios Nacionais de literatura (até 25) ou conformou un catálogo dixital de máis de tres mil títulos. Un sector que resistiu na súa precariedade estratéxica, a pesar de carecer do amparo dunha política do libro e fomento da lectura.

Publicado en Nós diario: 07/02/2024

Historia do tren vigués

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á historia do tren vigués e os retos do seu futuro:

Dende 1845, cando se aprobou por vez primeira a concesión do ferrocarril de Vigo a León, que caducaría sen realizar as obras, as conexións ferroviarias foron unha das primeiras preocupacións da prensa emerxente e da opinión viguesa. Dous anos despois, Ángel de Lema Marina dedicará a primeira publicación da súa imprenta, tamén a primeira estable instalada na cidade, a apoiar a construción dun ferrocarril de Vigo a Madrid, Zaragoza e Barcelona. Conexión que defenderán tanto o Faro de Vigo (3 de novembro de 1853), impreso tamén no prelo de Marina da rúa Oliva nº 1, como os seus rivais de La Oliva (febreiro de 1856), vinculado aos sectores galeguistas vigueses, dirixido por Xosé Ramón Fernández e Alejandro Chao, e El Porvenir Hispano Lusitano. Revista de comercio, industria, ferrocarriles, telégrafos y literatura (1858) dirixido por Francisco Ferreiro, impresos no prelo de Juan Compañel da rúa Real nº 12, engadindo estes a reclamación da comunicación con Portugal. Outrosí sucederá en 1861 coa aparición de El ferrocarril, cabeceira tan explícita como de vida efémera que tamén defendía a permanencia do lazareto de San Simón, e El Miño dirixido polo propio Compañel, que dende 1857 a 1868 substituíu ao suspendido La Oliva.

Xaora, tras a adxudicación das obras con Ourense en 1856, que a partir de 1864 xestionará a empresa MZOV (Compañía del ferrocarril de Medina del Campo a Zamora y de Orense a Vigo), habería que agardar tres lustros até que o 12 de xuño de 1876 se probase a primeira locomotora nos nove quilómetros da liña de Vigo a Chapela, que precedeu a apertura o 17 de marzo 1878 da liña con Guillarei. Logro que sendo alcalde o empresario Antonio López de Neira se consolidará o 18 de xuño de 1881, data da inauguración da estación de Vigo, no emprazamento actual de Urzaiz, da que saíu unha locomotora e tres vagóns cara Ourense, facilitando dende entón a exportación de peixe fresco do porto de Vigo e dos viños do Ribeiro. Mais foi a partir do 15 de xuño de 1882 cando comezou a conexión diaria de Vigo con Madrid nun tren express que anunciaba que a duración media da viaxe sería de 34 horas, que en realidade se alongaban até ás 38 e mesmo ás 44. Traxecto que se realizaba por Portugal, pola chamada «Linha do Minho» (entre Porto e Valença), cun prezo de 100 pesetas en primeira clase, 75 en segunda e 45 en terceira. Viaxe que obrigaba a tomar unha barca e un coche de cabalos, entre as estacións de Guillarei (Tui) e Segadaes (Valença de Minho). Traslado fluvial evitado dende o 25 de marzo de 1886, cando foi inaugurada a ponte internacional sobre o Miño, dunha lonxitude de 399 metros, deseñada polo enxeñeiro rioxano Pelayo Mancebo Ágrega (o da autoría do proxecto por Eiffel foi unha lenda), que permitiu conectar Vigo con Porto en oito horas e reduciu unhas cantas a duración da longa viaxe até Madrid.

En 1884, por fin,  Vigo uníase por tren con Pontevedra e a Compañía de los Caminos de Hierro del Norte de España inaugurou o tren correo Madrid-Vigo, con paradas en Valladolid, Palencia, León e Monforte, que reducía a viaxe ás 29 horas e a de Ourense a Vigo en cinco. Habería que agardar case setenta anos, despois de iniciar as obras en 1927 e de numerosos ires e vires do proxecto en anos convulsos, para que Franco inaugurase o primeiro de xullo de 1957 a liña Zamora-Ourense por Puebla de Sanabria, que deixou a duración da conexión nocturna no express Vigo-Madrid en arredor das 14 horas e a diúrna en automotores en 12. Tempo que se reduciu en dúas horas en abril de 1965 coa entrada en servizo diúrno dos TER (Tren Español Rápido) e máis aínda en setembro de 1981 do Talgo pendular, que deixa a viaxe entre Ourense e a nova estación de Vigo (inaugurada en 1987) en menos de dúas horas. Haberá que agardar a 2012 coa posta en marcha dos trens híbridos Alvia a reducir a viaxe Vigo-Madrid ás seis horas e media, tempo que se foi acurtando coa posta en marcha dos diversos treitos do AVE até as catro horas e cuarto actuais. Duración que o ministro de Transportes Óscar Puente comprometeuse a reducir en trinta e tres minutos coa chegada a Urzaiz dos trens Avril o vindeiro mes de marzo.

Loita contra o reloxo que, despois  de cento corenta anos, deixará por debaixo das catro horas a viaxe ferroviaria a Madrid, probablemente durante décadas, na medida que os proxectos das variantes por Cercedo, como a alternativa proposta polo Tea, semellan hoxe, sendo realistas, enxeñarías de papel. Xaora, Vigo continúa tendo que xuntarse para colectivamente reclamar o tren, como veu facendo dende o século XIX, como prioridade estratéxica das súas infraestruturas nesta década, concretada na saída sur e na continuidade do eixo atlántico de velocidade alta até a fronteira portuguesa. Sen menoscabo de urxir a posta en marcha do tren galego de proximidade, a chave da mobilidade metropolitana futura.

Medios públicos

Os participantes no debate sobre Medios públicos na xornada «IIº Tecendo xornalismo», organizada pola Fundación Luzes, coincidiron na necesidade de que estes medios conten cun «consello de informativos» ou «consello de redacción» como garante dunha información independente, honesta e de calidade. Os tres xornalistas galegos, Xabier Fortes, presentador de La noche 24 horas (TVE), Daniel Álvarez, director de informativos de Radio Euskadi e Belén Regueira, xornalista da Radio Galega, coincidiron tamén en denunciar a anormalidade que supón que a CRTVG careza deste instrumento –a pesar de que exista noutras corporacións (tanto RTVE e EITB como CCMA) e de que fose recoñecido pola Lei 9/2011 de medios públicos audiovisuais de Galicia–, o que evitaría a vergonzosa manipulación informativa da TVG e RG a cargo do Partido Popular. Unha anomalía denunciada dende hai 257 semanas (si: cinco anos e medio!) por Defende A Galega, iniciativa dun grupo de traballadoras da CRTVG que demanda cada venres (negro) apenas o cumprimento da Lei 9/2011: a existencia dun Estatuto Profesional, a constitución do «Consello de Informativos» e a elección polo Parlamento Galego por unha maioría de 2/3 do director xeral e por un período de cinco anos, (cando o actual foi nomeado hai catorce anos por Feijoo). Recuperar a dignidade, a independencia e o pluralismo para a CRTVG, sen esquecer os seus principios fundacionais, entre eles a promoción e a difusión da cultura e a lingua galega, como a defensa da identidade galega, son cuestións políticas esenciais merecedoras de ser incorporadas de forma preferente na axenda pública galega. Normalizar o funcionamento anómalo da CRTVG, mais aínda cando se moven os seus marcos fundacionais, é imprescindible tanto para atender as xustas reclamacións dos profesionais da compañía como para respectar a propia audiencia (a cidadanía galega) que ten dereito a acceder a unha información en galego veraz, neutral e de calidade no marco dunha opinión pública plural.

Publicado en Nós diario: 22/11/2023

Baixar as ratios

O principio do benestar emocional do alumnado no marco dunha escola inclusiva que atende a diversidade constituíuse tras a pandemia no eixo do discurso educativo do goberno Rueda. Mágoa que semellante proposta, un espazo seguro de acordo das comunidades educativas, se atendemos aos recursos destinados para ela pola administración galega, quedase xa ao comezo de curso en auga de castañas, apenas outra función dos gurús espectáculo da educación emocional. E se alguén o pon en dúbida, abonda con ler a letra pequena do acordo recente da Consellaría de Educación con tres sindicatos sobre a redución das ratios de alumnado por aula, alongado en nove cursos na Primaria, a raquítica redución do horario lectivo, que nin chega ao que rexía a comezos de 2020, ou nin sequera sobre a redución da carga burocrática, aumentada de forma considerable coa dixitalización administrativa. Decepción compartida polo profesorado mobilizado onte reclamando melloras da calidade do servizo educativo público, sobre todo no referido á redución efectiva do número de alumnado por aula, dende 4º de Educación Infantil a 2º de Bacharelato, como a medida máis efectiva de atención á diversidade, tanto para o alumnado con necesidades educativas especiais ou necesidades de apoio educativo, como para facilitar aprendizaxes individualizadas e cooperativas na aula e no centro no contexto actual de hibridación e alfabetización dixitais e da transformación da biblioteca escolar en espazo de innovación, galeguización e desenvolvemento do espírito crítico. Redución de ratios que non admite adiamentos nin distraccións pola previsible baixa demográfica post-Covid e debería ser efectiva en cada un dos ciclos dos vindeiros cursos. Só así sería crible o discurso dos Plans de Benestar Emocional dos centros e efectiva a nova figura das coordinacións de benestar e convivencia. Baixar ratios, como ampliar a rede de Orientación Educativa e a duración de programas de apoio como Proa+ non admiten unha década de espera.

Publicado en Nós diario: 25-10-2023