Onte 1628: Día da Terra Palestina

Pérdida de tierra palestinaOnte foi o Día da Terra Palestina, unha data na que os palestinos de Israel e dos territorios ocupados reivindican os dereitos lexítimos do seu pobo, que continúa sendo sometido a un réxime de Apartheid e de roubo das súas terras (estimada xa nas 800.000 hectáreas) por parte de Israel. Unha efeméride que lembra a folga xeral  da sociedade palestina do 30 de marzo de 1976, convocada para protestar polo continúo roubo das súas terras, onde morreron seis rapaces nunha manifestación. O de Palestina é un muro da vergonza que levou a esquecer á comunidade internacional algo tan sinxelo como que a solución do conflito está na creación de dous estados que respecten as fronteiras de 1967. Cando o recoñecerá efectivamente a comunidade internacional?

Onte 1031: Xenocidio en Gaza

Gaza

Estremece o que sucede estes días na Franxa de Gaza, convertida en campo de tiro dos F-16 israelitas. Xustificados polo goberno de Netanyahu como resposta ao asasinato dos tres mozos xudeus secuestrados e pola persecución de dirixentes de Hamás estes bombardeos provocaron nas últimas 48 horas máis de corenta mortos, a maior parte civís, entre eles tamén moitos nenos. Unha dor insoportable, outra vez volve o xenocidio da poboación palestina. Unha operación que, ademais, moitos analistas interpretan como a resposta militar coa que Israel pretende evitar a reconciliación intrapalestina e a reunificación política de Gaza e Cisxordania, un proxecto do goberno de Mahmud Abbas que culminaría na constitución dun goberno de unidade nacional palestina con participación de Hamás. Tras tantos anos de conflito, cando se cumpre unha década da sentenza modélica do Tribunal da Haia que ordenou a Israel a desmontar o Muro de Anexión e as colonias construídas ilegalmente, así como a reparar aos palestinos os danos causados, a espiral semella volver ao inicio, diante da inacción da comunidade internacional. No actual mundo multipolar a única saída posible para parar o xenocidio de Gaza é a activación política internacional e a mediación efectiva das Nacións Unidas. Semella coma berrar no deserto, mais non hai outra posibilidade.

Onte 157: Crónicas de Homs

Mónica G. Prieto, unha xornalista de guerra, fundadora de Cuarto Poder, publica en Periodismo Humano unhas crónicas estremecedoras sobre o que está sucedendo en Siria dende hai máis de dous meses. O castigo que está recibindo a cidade rebelde de Homs é tremendo. Monica G. Prieto relata que, tras mes e medio de conflito armado, un dos obxectivos  dos ataques da artillaría e dos helicópteros do exército de Bashar Al Assad son as antenas parabólicas que manteñen o sinal de televisión e internet. Impedir que as filmacións deste masacre, realizadas por cámaras cidadáns, cheguen a todo o mundo por medio de internet, é un dos obxectivos da ditadura siria. O barrio de Baba Amr é un dos máis atacados como testemuña esta mensaxe desesperada solicitando axuda gravada por un cámara cidadán. Polo momento, a comunidade internacional mantense moi desimplicada do masacre de Homs, coa excepción dalgún amago de diplomático dos Estados Unidos e de Rusia, quizais polo feito de que Siria non é un país petroleiro ou quizais por manter o actual status quo con respecto ao conflito palestino e a hexemonía na área de Israel. Vendo os vídeos que Mónica G. Prieto publica nas súas informacións, podemos manter os ollos pechados diante de semellante salvaxada?

Vida para Palestina

No artigo da semana sintetizo a información que vimos publicando no blog dende hai dúas semanas sobre a o bloqueo e a invasión de Gaza.
No serán de onte participamos na manifestación de Vigo. Había máis de 5.000 persoas, o que constitúe unha cifra notable (aínda que non tanto como a de Londres). Moitos comentabamos que percibiamos unha certa desimplicación na mani dos dirixentes dos partidos institucionais de esquerda que só pensan na campaña.

Actualización (21:00): A manifestación de Madrid foi un grande éxito, un cuarto de millón de persoas.