Está vendo o arquivo da categoría » Onte

Onte 39: Mala saúde de ferro

bretemas —  17 de Outubro de 2011 — 32 Comentarios

Ocupei boa parte da tarde en traballar os datos da edición en Galicia no ano 2010, a partir do informe do ISBN. Como amosei na anotación que preparei onte e naqueloutra da pasada semana sobre o Comercio Interior do Libro, a edición en galego, no difícil entorno das crises e dos tránsitos, goza dunha mala sáude de ferro. Non hai dúbida que constitúe un feito alarmante a perda de facturación, rendabilidade e emprego do sector o pasado ano, en boa medida por mor dos efectos durísimo do Decreto de Plurilingüismo que reduce o mercado do libro de texto en galego, un subsector vital para a nosa actividade. Mais tamén é certo, aí están os datos, que continuamos editando con pulo, mesmo máis títulos, e comezamos un tránsito decidido cara a edición dixital. Como continúa sendo moi esperanzador o apoio que reciben os libros en galego en eidos tan difíciles como a Narrativa para persoas adultas, a non ficción e os libros de divulgación, como o Gastronomía, sometidos a durísima competencia no mercado cos seus homólogos en castelán. E isto sen contar case sen axudas públicas ningunhas, fóra da adquisición de novidades para bibliotecas da Consellaría de Cultura e Turismo e as insuficientes axudas para a tradución, agora de carácter trienal. Sabemos que o noso futuro inmediato pasa por conter esa hemorraxia do libro de texto, aumentar o perímetro da nosa sociedade lectora e incorporar ao sector ao proceso sistemático de dixitalización de cada un dos seus fondos. Moita faena, si señor.

Onte 38: Eduardo 50

bretemas —  16 de Outubro de 2011 — 1 Comment

Celebramos coa familia a ledicia do 50 aniversario de Eduardo. O meu irmán atravesa, coma fixeramos nós hai menos de dous anos, ese medio do camiño da vida, esa fronteira que nos axuda a comprender a nosa irremediable finitude. Para o meu Eduardo, e para todos e todas que formamos parte da xeración Polycomander, vai esta peza (9:51) de agasallo para percorrer o Vigo da nosa infancia. Filmada por un cineasta afeccionado, probablemente recuperada en vídeo, aquí está o Vigo da furgoneta de papá (PO-25018), os Siboney co seu punto a piques de subir Urzaiz, a porta do Sol onde traballaba mamá, os rusos do avó Beleiro camiño do Alto da Encarnación, o skyline da Laxe, a estatua do pescador na Ribeira, o tinglado general de empaque, as faenas do Berbés, as pescantinas e as carrexonas, O Castro, o Pirulí, a Guía, Praia Azul, a Estación Marítima e os seus adeuses e unha longa secuencia da batalla de flores por Policaro Sanz. Unha marabilla para a nosa memoria.

Grazas a Xancarayas por subir á rede tan interesante peza.

Onte 37: Galician Classics

bretemas —  15 de Outubro de 2011 — Deixa un comentario

Na derradeira hora deste Frankfurt 2011, xa a piques de coller o avión,  participamos no acto da presentación da colección «Galician Classics», que promove a editorial Small Stations Press e a Consellaría de Cultura e Turismo. Creo que este proxecto, promovido polo tradutor e editor Jonathan Dunne, é un das máis eficaces achegas para facer visible a literatura galega no mundo. Dunne, cando presentou a edición inglesa de Xente de aquí e acolá, reiterou a súa convicción (que compartimos) de que unha unha literatura nacional se dá a coñecer no mercado internacional polas súas traducións. Até o momento a colección ten apenas dous títulos, a antoloxía poética de Lois Pereiro e este primeiro Cunqueiro, aos que o vindeiro ano se engadirá Longa noite de pedra de Celso Emilio Ferreiro. Non hai dúbida que a grande asignatura pendente continúa sendo Rosalía de Castro, a nosa autora fundacional, que non conta aínda cun libro completo traducido ao inglés. En 2013, ano rosaliano por excelencia, no que se celebrará o 150 aniversario da publicación de Cantares gallegos, habería que incorporar a esta serie os dous grandes poemarios rosalianos. Dúas traducións que, a un custe moi asumible, poden abrir unha xanela para todo o noso catálogo literario.

Nota: O acto rematou cun recital do poeta Elías Portela, que leu e cantou en islandés, alemán e galego algúns dos seus poemas do libro O mariñeiro con cabalos marítimos baixo o vestido. Unha intervención memorable, moi aplaudida polo público que ateigou o noso stand. Un broche magnífico para un Frankfurt que resultou máis interesante do que agardabamos.

A pesar do escaso tempo do que dispoñemos, a visita ao hall 8 é obrigada. Os interminables corredores onde se presenta a edición de fala inglesa son o máis concorrido da feira, no que se refire a visitantes profesionais. A oferta dos editores do Reino Unido, Irlanda, Estados Unidos, Canadá, Australia, Israel e outros non ingleses falantes, mais que teñen a súa sede social nalgúns destes estados, polo seu carácter anticipatorio e pola primacía da edición en inglés, foi sempre a miña preferida para tratar de identificar algunhas das tendencias polas que pode discorrer a edición internacional no futuro inmediato. Co perigo evidente de equivocarme, polo que vin, preguntei e anotei, arrisco a recoller este decálogo de tendencias da edición nun entorno de tránsito entre paradigmas.

  1. O LIBRO IMPRESO CONSERVARÁ O SEU PULO. Nunca vin tantos libros fermosos xuntos. O libro ilustrado -sexa de arte, fotografía ou divulgación- recupera a súa primacía. Semella que serán os libros impresos máis coidados, mellor deseñados e cos materiais máis axeitados os que teñan maiores posibilidades de constituírse en alternativa aos formatos dixitais. Quizais, paradoxicamente, a fotografía sexa para o papel, como os grandes libros de arte, eis ese extraordinario The Art Museum, convertidos en fetiche para caprichosos bibliófilos. Outrosí sucede cos de cociña, algúns de fasquía marabillosa como o de Ferrán Adriá, The Family Meal, un libro que presenta de forma hiperminuciosa o proceso de cada receita, foto a foto.
  2. AMAZON, APPLE E GOOGLE ACAPARARÁN A DISTRIBUCIÓN DOS E-BOOK. Os tres xigantes estadounidenses entrarán no noso mercado, xa este nadal, para implantar o seu modelo de comercialización de e-books, en base a formatos pechados e protección propia (os dous primeiros) e compra a un clic (por parte dos tres). Os modelos europeos alternativos semellan conducidos ao fracaso. Semella resolta a carreira dos aparellos. Apenas hai novidades, fóra da consolidación da oferta diversificada de Kindle e das taboíñas xa coñecida. O papel dos teléfonos como soportes de lectura, tamén, semella indiscutible.
  3. A OFERTA EDITORIAL EDUCATIVA SERÁ  HÍBRIDA: IMPRESA E DIXITAL. Os libros de texto preséntanse en formato de edición estendida, en papel e con contidos dixitais de carácter interactivo. O Encerado Dixital Interactivo (EDI) convértese na ferramenta didáctica principal da aula. A elaboración dos contidos dixitais educativos é probable que quede en mans dos actuais editores de texto.
  4. AS APLICACIÓNS INTERACTIVAS GAÑARÁN ESPAZO NA EDICIÓN DE DIVULGACIÓN E DE REFERENCIA. O caso da proliferación de apps para Ipad de guías de viaxe é moi significativa, sobre todo pola súa posibilidade de xeolocalización. Outrosí sucede con aqueloutras nas que se emprega a realidade aumentada.
  5. OS AUDIOLIBROS MEDRARÁN DE FORMA NATURAL COMO UN DESENVOLVEMENTO MÁIS DO LIBRO DIXITAL. Os e-book gañarán en interactividade e multimodalidade. Libros para ler e/ou escoitar.
  6. AS AXENCIAS ADQUIRIRÁN MAIOR PESO DEBIDO AO PROCESO DE CONCENTRACIÓN E TRASNACIONALIZACIÓN QUE ESTÁN VIVINDO. O caso da The Wylie Agency, a que representa a utores como Calvino, Borges, Philip Roth, Bob Dylan ou Antonio Muñoz Molina, é un modelo a ter moi en conta. A negociación de dereitos dixitais de carácter global e os de adaptación cinematográfica impulsará este proceso.
  7. AS LITERATURAS VENDERANSE POLAS SÚAS TRADUCIÓNS. O caso da exitosa experiencia da “Ireland Literature Exchange”, así o demostra. Presentar o catálogo de obras traducidas é o mellor aval para proxectar unha obra, un autor ou unha literatura nacional.
  8. A IMAXE DE MARCA DE PRESTIXIO CONTINUARÁ SENDO MOI RENDIBLE. Os casos de Penguin e Moleskine demostran que a marca achega un grande valor engadido, sexa no deseño de novos produtos impresos ou dixitais (cada vez máis diversificados e persoalizados), como (e esta é a novidade) a doutros sectores alleos á edición. Penguin presenta nesta feira louza coa imaxe das súas primeiras coleccións; Moleskine, unha liña de bolsos de coiro. As posibilidades quedan abertas.
  9. O IPHONE E O IPAD SERÁN O TELÉFONO E A TABOÍÑA PREFERIDA POLOS EDITORES. Fóra da discusión sobre o futuro do libro impreso ou sobre as posibilidades dos e-readers de tinta dixital, os editores semellan apostar de xeito abrumador polos produtos de Apple.
  10. AS EDITORAS INGLESAS CONTINUARÁN APOSTANDO POLO EMPREGO DO NEGRO SEVERO NO SEU VESTIARIO. Unha tendencia que se mantén inalterable dende hai dúas décadas. Un signo de permanencia neste proceso profundo de mudanza que vivimos.

Onte 35; Frankfurt 20 en Islandia

bretemas —  13 de Outubro de 2011 — 1 Comment

Hai vinte anos. Aquel meu primeiro Frankfurt quedou vencellado con A cidade dos césares, a novela que lin na cidade alemá, en orixinal, e comentei en longas camiñadas con Víctor. Dende entón, volvín á feira en máis dunha ducia de ocasións e nunca vin tan poucos participantes polos corredores coma onte. Xa ninguén pode negar que as crises (a do tránsito entre paradigmas, a financeira, e que sei eu…) comezan a afectar á edición internacional. Ao mediodía, aproveitei un descanso, para visitar devagariño o pavillón de Islandia, o país convidado desta edición: unha instalación espectacular e moi austera, baseada na proxección de vídeos en formato panorámico (de seis metros de altura) de diversos escritores e escritoras lendo nas bibliotecas das súas casas. Pareceume preciosa a idea:o escritor como primeiro lector protagoniza a presentación dunha literatura potente dun país de apenas 300.000 habitantes. Tamén gustei moito da forma de mostrar ao público a colección bibliográfica imitando bibliotecas salón, coidando a elegancia do mobiliario, dende cadeiras e mesas, a butacas e sofás cuxa actividade principal vai ser a lectura. Non se me pasou desapercibida a presenza protagonista das sagas da literatura popular e a intencionalidade de presentar a literatura islandesa por medio das súas traducións, sobre todo, as do inglés e as do alemán, expresando así a súa vontade de proxección internacional. Os escritores islandeses viven das súas traducións máis ca do seu reducido mercado interior. Este é o caso dalgúns dos nomes máis destacados presentes no seu pavillón nacional: Arnaldur Indridason, que inaugurou onte a feira, Viktor Arnar, Ingólfsson, Einar Kárason ou Stéfan M’ani, o autor de Negro Océano, novela negra que triunfa en Francia da man da súa edición en Gallimard. Con todo, comprobei que un caso para estudar é o de Halldór Laxness, o narrador que obtivo o Nobel en 1955, até agora a figura islandesa máis traducida, que xa ten publicadas dúas novelas en portugués por Cavalo de Ferro: Gente Independente (2007) e Os peixes também saben cantar (2010). Con est autor quedei coa mosca tras a orella. Visitando esta presentación de Islandia é doado comprender que na visibilización das literaturas non importa o seu tamaño. Contar con vontade de ser no mundo e noso noso tempo, sen renunciar á tradición, é o desafío que nos propón o país dos cazadores de nubes.

Nota: Antes de visitar o pavillón islandés tivemos a fortuna de coñecer no stand de Galicia a Elías Portela Fernández, o poeta e tradutor do islandés para o galego de Anxos do universo de Einar Már Guomundsson, obra editada por Rinoceronte. Elías publicou tamén o seu primeiro poemario en islandés, baixo o alcuño de Elías Knörr, do que existe versión galega baixo o título O mariñeiro con cabalos marítimos baixo o vestido, publicada por Barbantesa. Elías é un axente dobre, embaixador da literatura galega en Islandia e da literatura islandesa en Galicia. Afortunadamente, o Diario Cultural da Radio Galega, sempre tan atento, entrevistouno a primeira hora da mañá.