Está vendo o arquivo da categoría » Novidades

Salto de altura

bretemas —  6 de Marzo de 2005
A catarreira e a febre deitáronme no sofá e nestas dúas tardes papei coma un parvo os campionatos todos. O mellor foron os concursos de saltos: en pértiga feminina unha rusa bateu a marca mundial (4,90 metros) e en salto de altura un sueco voou a 2,40 metros. Os dous só puideron abandonar a competición cando demostraron cos seus tres “nulos” que non eran capaces de superar unha maior altura. O éxito deportivo é moi efémero; os saltadores aceptan que sempre van rematar cun fracaso. Unha metáfora da vida.

Hai días escoitei unha entrevista moi emotiva con Héctor Tizón, que me levou a mercar decontado La casa y el viento. Non lera nada deste autor arxentino, considerado un clásico no seu país. A novela, mais ben é unha noveleta, interesoume. Narra a fuxida cara unha fronteira, a desolación do exilio, a imposibilidade do regreso. É un libro de beleza dolorosa, de saudades e desacougo. Lembroume tematica e estilisticamente ao de Veiga. Anotei no caderno as frases que me interesaron:

  • A historia dun home é un longo paseo arredor da súa casa”;
  • “Onde hai libros non hai diaños”;
  • “Só hai necesidade de definir o que se quere mudar”.

Memoria de ferro

bretemas —  11 de Febreiro de 2005
Na presentación do monumental libro de Antón souben da inminente saída da Memoria de ferro de don Antón Patiño, o pai do pintor e fundador de Librouro. O señor Patiño (hoxe xubilado e artesán de caxatos) foi un dos libreiros heroicos que vendían, durante a ditadura, clandestinamente o libro galego editado en América. Moitos daqueles Sempre en Galiza editados en Bos Aires saíron da súa trastenda viguesa. Nos dous últimos anos, limos os seus artigos na ANT sobre a represión no Campo da Rata. Ollo a esta Memoria de ferro, recollida e ampliada agora en libro. Cónstame, polo moito que teño escoitado a este grande señor de Lemos, que será unha obra que non hai que perderse.