Onte 1981: Pregón da Feira do Libro de Vigo

Onte tiven a honra de pronunciar o pregón da Feira do Libro de Vigo, un dos maiores orgullos dos que gocei na miña vida de editor. Xaora, puiden comprobar, outra vez máis, o escaso interese institucional do acto para os responsables do concello de Vigo.

Deixo o texto en pdf no que homenaxeo ao editor vigués Eugenio Barrientos «Tetilla», fundador da proeza que foi a editorial Cíes de literatura popular, e reclamo dignidade para o libro galego como sector estratéxico para Galicia. Un texto, homenaxe ao mestre Xabier DoCampo, no que tamén reflexiono sobre o valor actual do libro e da lectura e no que propoño a recuperación do proxecto de Vigo llegit, como festival internacional do libro de Vigo. Agradezo o agarimo das persoas amigas que me acompañaron nesta xornada coa que sei pecho unha etapa profesional na que pretendín defender a edición en galego como un piar para o futuro da nosa lingua e da nosa cultura.

Texto do pregón en pdf.

Necesitamos unha oficina do libro

No artigo da semana en Luzes propoño a creación dunha Oficina do Libro:

A renuncia da Consellaría de Cultura a continuar co proceso de contratación dos espazos oficiais da Xunta de Galicia en catro feiras internacionais do libro, as acordadas coa Asociación Galega de Editoras (AGE), abriu o debate sobre cal debe ser o modelo de promoción do libro, da literatura e da propia lingua galega no mundo. Máis alá da desafortunada decisión unilateral do secretario xeral técnico da Consellaría de Cultura, que pretende ampararse nun presunto desinterese da AGE, o que a todas luces é falso, como manifestou o presidente do gremio das editoras Xosé Ballesteros, esta anulación da presenza da institución galega nas feiras de Boloña, Barcelona, Frankfurt e Guadalajara (México) do ano 2018 evidencia tanto a ausencia dun modelo estratéxico para a proxección internacional do sector do libro e da edición en Galicia como a incapacidade dos responsables do actual goberno para manter abertas canles de diálogo institucional fluído coa asociación de editoras e co resto de asociacións profesionais do libro, xa que tampouco é segredo ningún que algo semellante puidese suceder como saída á crise das feiras do libro de Galicia, organizadas dende hai décadas pola Federación de Librarías de Galicia co apoio da administración autonómica.

É un feito innegable que as editoras galegas levan participando nas feiras internacionias do libro antes que o fixera a Xunta de Galicia, sendo conselleiro de Cultura Alfredo Conde (polo tanto, a partir de 1987). Como tamén o é que membros da AGE, como algunhas das súas empresas asociadas, estarán presentes na vindeira feira do libro de Boloña, a celebrar do 26 ao 30 de marzo, con espazos propios pagados cos seus fondos, consolidando así a súa participación neste encontro fulcral para o libro infantil e xuvenil, subsector no que as editoras galegas contan cunha presenza máis que digna. Como é innegable a disposición que sempre mantiveron as distintas directivas da AGE, entidade que representa ao 95 % das editoras do país, para establecer espazos de diálogo e colaboración permanente coa Consellaría de Cultura e Educación fose para artellar unha participación profesional conxunta nestes eventos internacionais ou fose no deseño dun modelo de promoción exterior para, non o esquezamos, o primeiro sector estratéxico da nosa industrial cultural, como recoñece a Lei do libro e da lectura de 2006.

Para recuperar este proxecto de promoción internacional en clave de país, como leva reclamado o sector profesional da edición dende hai unha década, tanto dende as editoras como dende as asociacións de autores e autoras (AELG, Pen Club, AGPI), é imprescindible que o actual equipo cultural de Feijoo recoñeza, sequera por unha vez, o valor estratéxico do sector e a súa disposición de traballar man con man coas editoras, abandonando actitudes paternalistas ou cesaristas, incompatibles co noso tempo. Apenas un requisito para abordar, devagariño e con actitude aberta, o deseño dunha estratexia compartida que permitise fomentar de forma sistemática o comercio exterior do libro galego e a exportación de textos da nosa creación literaria e de traballo da nosa produción gráfica, con atención preferente ás comunidades lusófonas e do arco atlántico.

Desbotada polo momento a creación do Instituto Rosalía de Castro de promoción da lingua e literatura galega, cuxas razóns algún día debería explicar Ánxela Bugallo, a conselleira de Cultura que presentou a versión definitiva da Lei do libro e da lectura de 2006, a experiencia exitosa do euscaldún Instituto Etxepare e do catalán Ramón Llull, aconsella contar, canto menos, cunha Oficina (reivindicando o nome das antigas “oficinas de impresión”) de xestión de promoción da literatura e do libro galego no mundo. Unha entidade de xestión pública, con participación do sector privado, que a semellanza de modelos de éxito como os do Ireland Literature Exchange ou a dos editores de Québec, tivese como obxectivo facer visible a oferta editorial galega no seu conxunto, promover o coñecemento dos seus creadores (autores e autoras, mais tamén, ilustradores e ilustradoras) e das axudas públicas existentes para a súa tradución e edición, organizar e ampliar a presenza institucional e profesional nunha ducia de feiras internacionais do libro, así como manter actualizada ao longo de todo o ano a información dixital sobre o libro e a literatura galegas. Tarefas nas que podería contar, sen dúbida, coa colaboración da rede de centros de estudos galegos existentes no mundo, a maior parte deles de carácter universitario.

Se queremos dar pasos firmes para que os nosos libros e os nosos autores e autoras teñan presenza na edición internacional, cada vez máis hibridada e aparentemente máis homoxénea, aínda que cada vez máis disposta a asumir a diversidade, a excelencia e a orixinalidade (como ven sucedendo no sector audiovisual), é imprescindible contar cunha estratexia de país, unha única folla de rota compartida pola Xunta de Galicia e polas editoras e asociacións de autores, como cunha ferramenta (a que bautizamos aquí como “Oficina do libro”) que a xestione con criterios profesionais independentes. O demais é continuar enredándonos na abafante lameira do curtopracismo electoralista que tanto incomoda e por riba non leva a ningures.

 

Onte 1936: “A libraría” de Isabel Coixet

Isabel Coixet ofrece en The Bookshop unha fermosa homenaxe á lectura e ao mundo da libraría, que adapta a novela homónima de Penelope Fitzgerald. Unha peza de narración e realización impecable,como adoita a catalá, a pesar da escasa orixinalidade do conflito proposto, no que unha libreira soñadora e valente pon a proba a súa afouteza diante da extorsión que en 1959 sofre por parte dos poderes dunha pequena comunidade costeira. O máis interesante do film é a gabanza da lectura, do libro e da literatura sexa como forma de resistencia (protagoniza por Florence Green na excelente interpretación de Emily Mortimer), sexa como forma de instalarse na vida (eis o  enigmático señor Brandish, outra creación memorable de Bill Nighy). Xaora, tamén é interesante a concepción da libraría como espazo de encontros e descubertas, capaz de reeducar á pequena dos Gipping. Como son memorables as homenaxes a Bradbury e a Nabokov, así como algúns diálogos literarios referenciais desta balada triste da libraría.

Onte 1918: Panorámica da edición en galego 2016

Deuse a coñecer onte a Panorámica de la edición española de libros 2016, o informe elaborado a partir dos datos xestionados pola Axencia Española do ISBN. Publicado dende 1988, nos dous últimos anos introduciu importantes mudanzas, como a non contabilización das reimpresións na cifra de libros, o que dificulta a posibilidade de facer comparacións da serie estatística. Con todo, mesmo a pesar de que neste informe de 2016, identificamos a ausencia dos datos dalgún importante editor educativo, a Panorámica ofrece a posibilidade de fixar tendencias sobre o volume de edición en galego, complementando os estudos anuais de Comercio interior do libro, elaborado pola Federación de Gremios de Editores. Adianto que o primeiro que chamou a nosa atención foi que mentres o sector editorial español incrementou en 2016 o número de títulos publicados nun 8,30 % (86.000 títulos) e en Galicia a cifra reduciuse até o 5,40 % 2.388 títulos), a edición en galego, pola contra, reduciuse un 13,10 % (1.211 títulos).

A edición en galego realizada en Galicia (1.117 títulos), que supón o 91,58 % da publicada en galego, supón o 46,77 % da realizada en Galicia (2.388 títulos), o que supuxo por vez primeira unha cifra inferior ao do 50,00 %. No que respecta a edición en galego realizada por institucións públicas supuxo o 7,10 % (86 títulos), mentres a asumida por editores privados o 92,89 % (1.125 títulos), porcentaxes semellantes ao do sector en Galicia, onde a edición pública supuxo o 8,00 %. Chama moito a atención comparar o número de títulos publicados en galego no ano 2010, 2.544, quedase reducido en 2016 a 1.211, o que supón unha merma do 52,39 %.

A edición en galego retrocede, mentres se incrementa o número de títulos publicados en castelán nun 7,5 % (67.212 títulos), en catalán nun 7,2 % (7.873 títulos) e en éuscaro nun espectacular  34,5 % (1.644). Unha oferta editorial cada vez máis hibridada, tanto no conxunto do sector, onde o 70,66 % foron libros impresos (60.763 títulos) e o 29,34 % dixitais (25.237), como na edición en galego, onde o 68,46 % foron libros impresos (829 títulos) e o 31,54 % dixitais (382). Chama a atención que a diminución interanual do libro impreso en galego sexa do 14,44 %, o que supón unha certa aceleración do proceso de hibridación.

Unha oferta editorial en galego na que en 2016 a obra traducida supuxo apenas o 11,0 % (133 títulos), mentres que no conxunto do sector español está cifra foi do 16,1 % (13.867). No entanto, mentres no caso galego o 36,8 % da obra traducida foino do castelán e o 23,3 % do inglés, no conxunto do sector español o 50,7 % traduciuse do inglés. Na tradución para o galego, as obras infantís supuxeron o 35,3% das traducidas e o 33,8 % as de creación literaria.

No que atinxe a edición en galego por ámbitos temáticos, os Libros de texto co  34,68 % (420 títulos) continuaron sendo os que encabezan esta táboa, seguidos polos de Creación literaria, que supuxeron o 28,98 % (351 títulos), os de Literatura Infantil e Xuvenil, 16,68 % (202 títulos), os de Ciencias Sociais e Humanidades, 14,2 % (172 títulos), mentres que os libros Científicos e Técnicos foron o 2,06 % (25 títulos). O que supuxo que a edición destinada de forma explícita a canle parescolar fose do 51,36 % (626 títulos).

Por último, apenas como curiosidade, a táboa dos cinco primeiros editores en galego en 2016 por número de rexistros inscritos de ISBN estivo encabezado por Ediciones Obradoiro (269 títulos), seguida por Edicións Xerais de Galicia (153), Editorial Galaxia (146), Rodeira (51) e Ediciones Bolanda (41). No que atinxe a editores públicos, a táboa foi encabezada polo Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC (36 títulos), seguido do Consello da Cultura Galega (9), Editorial Deputación de Pontevedra (9), Parlamento de Galicia (8) e Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo (8). Chama poderosamente a atención que non apareza entre os vinte e cinco primeiros editores en galego a Xunta de Galicia.

Onte 1910: Fatiga dixital no sector do libro estadounidense

Lin onte un interesante estudo do ICEX sobre a situación do mercado do sector editorial os Estados Unidos. Sometido a un intenso proceso de hibridación e reestruturación, promovido polas mudanzas tecnolóxicas como polas preferencias dos públicos, o primeiro dato, quizais un dos máis sorprendentes, é que en 2016 as vendas aumentaron nun 1,10 %, até acadar os 29.000 millóns de dólares, procedendo o groso da facturación dos libros impresos, fronte á caída da dos e-books. Diminución dun 5,70 % dun mercado do libro electrónico de case catro mil millóns de dolares (o 13,38 % do total do mercado), motivada tanto polo encarecemento dos e-books polo chamado “modelo de axencia”, no que os editores fixan o prezo de venda sen apenas marxe para os minoristas, como polo fenómeno bautizado como “fatiga dixital”, que fai que os consumidores prefiran dedicar o seu tempo de lecer a actividades que os manteñen afastados dos ordenadores, tabletas e dispositivo móbiles.

Outro feito que me pareceu salientable deste mercado é o liderado indiscutible acadado polos e-tailers, os distribuidores a través de internet, como Amazon, que se sitúan como a canle favorita dos compradores, o que afecta tanto ás redes de librarías como as distribuidoras. Como tamén chama a atención que este mercado sexa lidareado polo libro de texto (o 31,60 % das vendas), seguido dos libros técnicos e profesionais (27,50 %), os de ficción e non ficción para persoas adultas (24,00 %), mentres que os libros infantís, que dependen en boa medida dos orzamentos das escolas, supoñen apenas o 6,60 %. Pareceume significativo o feito de que o formato dixital non teña unha gran aceptación nos libros infantís (apenas o 20,00 %), o que os redactores do informe atribúen á preferencia dalgunhas familias a que os seus pequenos lean en libro impreso antes que o fagan en e-book.

Por último, un dato que non pode pasar desapercibido é que o 73,00 % dos estadounidenses leron polo menos un libro nalgún formato durante o último ano, sendo o 65,00 % os que fixeron nun libro impreso, o 28,00 % nun e-book e o 14,00 % nun audiolibro, formato que continúa o seu crecemento continuado, quizais porque lles permite compartir outras tarefas. Xaora, o estudo identifica unha mudanza dos hábitos de consumo dos lectores dixitais, aumentando os que len en dispositivos multiplataforma (smartphones e tabletas) fronte a aqueles que o fan en e-readers.

Datos interesantes que expresan unha certa fatiga do proceso de hibridación dixital no mercado estadounidense que poden axudar a identificar  e explicar tendencias no noso mercado.

Onte 1884: Tras o éxito da Feira do Libro de Vigo

Feira_do_Libro_de_Vigo_03_01

Rematamos onte os actos que Xerais organizou ao longo de toda a semana na Feira do Libro de Vigo, probablemente a que lembramos máis exitosa nas últimas edicións, tanto en vendas como en participación dos públicos. Un éxito ao que non semella alleo o feito de que a feira ocupase un espazo público central na cidade, como é o da Porta do Sol e a entrada en Príncipe, que a pesar das incomodidades, inevitables en espazo tan reducido, contribúe a visibilizar o evento entre a cidadanía. Como tamén cremos que contribuíu a este éxito o noso compromiso de ofrecer un programa de presentacións e sinaturas atractivo para públicos diversos e complementarios. Estreas espectaculares como a d’ Os fillos do lume de Pedro Feijoo, Terradentro de Xosé Benito Reza, Avións de papel de  Xavier López, O códice Esmeralda de Alberte Blanco, Corredora de María Reimóndez, Vigo metropolitano na Galicia céltica de Carlos Núñez e d’ O xogo de Babel de Elena Gallego Abad, como sesións memorables de sinaturas como as de Paco Barreiro, Manuel Esteban, Ledicia Costas, Víctor Rivas e Gogue, demostran que, apesar de moitos aspectos aínda manifestamente mellorables, o modelo das feiras do libro itinerantes por Galicia continúa tendo futuro.

Tras a celebración de boa parte do periplo das feiras do libro e doutros eventos como a Selic de Compostela, a Festa dos Libros de Pontevedra, a Feira do Libro de Ribadeo ou a Praza dos Libros de Carballo, non hai dúbida de que vivimos un momento esperanzador de mobilización do sector do libro. O protagonismo asumidos polas librarías de cada localidade, moi notable en Lugo e Pontevedra, por salientar dous dos eventos que creo máis destacables, amosa que é posible levar con éxito (tanto comercial, social como de interese para os medios) o libro (especialmente, o galego) ao espazo e a axenda pública.

Xaora, de cara ao futuro, cómpre coordinar todas estas iniciativas, tanto no que atinxe ao seu calendario, duración, enfoque temático, como aos criterios de participación dos expositores, para que ninguén poida ser excluído. Como é imprescindible contar coas editoras no que atinxe a confección e deseño do programa de actividades, no que se debe evitar caer na rotina e ter moi presente a existencia de públicos diversos, sobre todo o infantil (unha das maiores eivas nas edicións deste ano) e o literario. Como é imprescindible asumir a existencia da hibridación dixital do sector dando maior entrada as publicacións hibridadas.

Teimamos en insistir na necesidade de continuar apoiando todas e cada unha destas iniciativas que levan o libro ao espazo público. Todas son necesarias. Mais tamén é imprescindible en todas elas, sexan as que forman parte do itinerario das Feiras do Libro como as outras iniciativas, contar co compromiso dos concellos, para transformar durante uns días unha das súas prazas principais nun fervedoiro para o libro, a lectura e o futuro da lingua galega. Só compartindo este esforzo público e privado será posible continuar con mobilización lectora tan necesaria. En todo caso, parabéns, moitos, a todas as persoas que dunha ou doutra maneira a están facendo posible.

Onte 1881: O pregón de Carlos Núñez na Feira do Libro de Vigo

Carlos_Nuñez_29-06-2017

Resultoume imposible acompañar a Carlos Núñez na lectura do seu Pregón na Feira do Libro de Vigo. Unha peza nacida da experiencia e das conviccións dun dos profesionais máis destacados da edición, o deseño e a industria gráfica do noso país. Non esquezamos que Carlos Núñez Le Vieux é autor de obras neste eido tan importantes como o monumental Diccionario Histórico de la Escritura y de las Artes e Industrias Gráficas (2015), ou senllos libros sobre tipografía de noso Ó pé da Letra: A istoria da tipografía galega (2000) e Alfabetos Gallaecia Castelo e Gótica galega (2001).

No seu pregón (pode baixarse aquí en pdf) Núñez defendeu a o valor da lectura, a pervivencia do libro impreso e da industria editorial, salientando o carácter de Vigo como capital editorial de Galicia e unha das cidades españolas de maior produción de libros. Defendeu, ademais, «o complexo mundo de profesionais que traballan o libro, os deseñadores, tradutores, encadernadores, impresores…, eses equipos complexos que dan forma con moderna tecnoloxía á mensaxe escrita polo autor, que non se ven pero son os que plasman o carácter editorial pola súa experiencia e coñecementos. Eses equipos de profesionais son os que están a facer realidade que o libro do futuro non sexa un ladrillo inmutable e áspero, senón un atractivo soporte literario de papel impreso. A todos eles e elas o recoñecemento do seu traballo, a súa paixón e a súa arte. É obrigado sacar á luz o papel descoñecido da muller nos oficios gráficos, por iso hai que recoñecer os nomes e a achega de relevantes mulleres vinculadas á escritura, ao universo gráfico e á arte do libro. Destacamos o noso recoñecemento ao papel da muller, nunca valorado suficientemente na constante achega escritora e desenvolvemento do mundo gráfico librario.»

Tivo tamén palabras Carlos Núñez para o libreiro, «a figura imprescindible que vai sobrevivindo á implantación das grandes cadeas, que vai soportando o impacto das novas tecnoloxías e, como toda a cadea de produción libraria, sostén sobre as súas costas a maldita crise.» «Estamos ante un cambio que necesita máis que nunca da análise dos expertos, porque as librerías son un dos pulmóns das cidades, alimento para a intelixencia e os sentidos.». Como non esqueceu lembrar aos editores e impresores vigueses: «Vigo e a súa área metropolitana ten longa historia dos numerosos mestres impresores e libreiros ambulantes ata o século XIX en que as imprentas e librerías se consolidaron, como a de Juan Compañel, o impresor de Cantares Gallegos, Angel de Lema impresor e fundador de Faro de Vigo, o libreiro e impresor Eugenio Krapf, os impresores Noya…, e unha longa lista de mestres e familias impresoras, editoras e libreiras que viviron o xurdimento da sociedade industrial, a ideoloxía liberal, os cambios sociais e algúns sufriron o terror do franquismo máis recentemente. Gardamos con honra o recordo de todos os nosos mestres da fabricación e a distribución do libro e tamén polo seu compromiso social e cultural.»

Xaora, o momento máis emocionante chegou ao cabo da intervención cando Núñez dedicou o pregón «ao recordo de todos os escritores, artistas, impresores, editores, libreiros que foron perseguidos ao longo da Historia por defender a liberdade de conciencia e expresión; encarcerados, condenados polos poderes relixiosos, políticos e a insensatez humana. O meu recoñecemento ao seu soño de liberdade e heroísmo. Defendamos a literatura da liberdade impresa en papel…!»

Onte 1874: 70 anos de Agustín

Agustín Fernández Paz-3-RetoqueXG00273301

Lembramos onte a Agustín Fernández Paz no día que se cumpriron 70 anos do seu nacemento en Vilalba. O do seu aniversario era un día de ledicia que Agustín celebraba coa intención de revivir os días felices compartidos coas persoas queridas. Así tamén pretendemos que sexan todos os 29 de maio do futuro, para nós o día de Agustín Fernández Paz, unha xornada para compartir azos e ensinanzas dunha figura humana e literaria extraordinaria. E nada mellor que lembralo cun novo libro ou cunha nova edición da súa obra, aínda aberta. Neste ano facémolo con Un mundo de palabras, a obrano que o mestre reuniu, coa axuda de Isabel Soto, os seus textos sobre o libro e a lectura; un libro de ensaio importante na súa traxectoria como autor literario e como mediador, dous dos seus labores principais. Presentarémola o vindeiro sábado 3 de xuño, na illa de San Simón, no serán dos Xerais, onde queremos agarimalo. Sempre con Agustín no noso corazón e memoria.

Onte 1837: Azos de Agustín

Agustin_Fernandez_07-03-2013Lendo nos textos do novo libro de ensaio de Agustín Fernandez Paz, que preparamos para fin da primavera, recupero azos e doses de entusiasmo para o noso traballo de edición. En boa parte dos textos, centrados sobre a lectura, o libro e a formación do lectorado literario, Agustín insiste en que “a lectura é cousa de todos” (ese foi, tamén, o título da súa intervención de decembro de 2001 no terceiro Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra”), tanto polo feito do seu papel transformardor (individual e social) como polo papel que todas as persoas teñen na súa difusión, e o papel máis esencial aínda que xogamos os que temos a responsabilidade ineludible de contaxiar o virus lector (editores, libreiros, bibliotecarios, críticos, docentes…) nos mozos e mozas, mais tamén sobre o resto dos cidadáns, nas casas, nos centros de ensino ou nas bibliotecas.

Agustín reclamaba hai máis de quince anos unha actualización urxente do discurso dos que cremos que a lectura, e especialmente a lectura literaria, é unha peza decisiva na formación e na vida de calquera persoa. Como reclamaba unha atención á especificidade do caso da lectura en galego, tanto pola súa subordinación no espazo lector (librarías, bibliotecas e medios de comunicación) como polo seu carácter de segunda lingua de lectura para a maioría das familias galegofalantes. Condicionantes para a edición na nosa lingua que, debemos recoñecer, se agudizaron ao longo do actual proceso de hibridación do noso sector, o que provoca tanto desacougo e desorientación no noso debate cultural.

Lembra o mestre Agustín, tamén noutro texto memorable, “Agora entramos nós: a construción do lector”, transcrición da súa conferencia do 7 de marzo de 2013 nos encontros do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, que o segredo da mediación lectora está “en motivar, entusiasmar, contaxiar o gusto pola lectura”, algo que debe facerse con “libros que fan lectores”, eses títulos que teñen demostrada a súa calidade e a súa eficacia. Como lembraba que adquirir unha sólida competencia lectora é un camiño longo cheo de etapas, onde cada unha delas ten os seus libros, que deben constituír novos retos formais e temáticos:

Se cadra este é un bo momento para lembrar a «teoría do iceberg», que adoita atribuírse a Hemingway. En esencia, dinos que todo bo libro é como un iceberg. O que lemos son só as 2/5 partes visibles, pero baixo a superficie ocúltanse as 3/5 partes restantes, a gran masa de xeo que sostén todo o conxunto. Por baixo dun texto valioso discorre un poderoso río subterráneo, que é o que nos deixa pegada, aínda sen sermos conscientes dela.

Como lembra Agustín que non hai actividade máis importante que a das persoas mediadoras que promoven a revolución da lectura:

Eu sei que os cambios na sociedade sempre son procesos colectivos, mais non esquezo que estes son unha suma de actitudes individuais. No traballo escolar, moitas veces, non se ven os froitos. E hai ocasións en que parece que todo se esfarela. Sementamos, mais tampouco nos sabemos cando e como agromará esa semente.

Deixádeme que volo diga eu, desde a altura dunha biografía xa cumprida: o traballo de cada un, de cada unha de vós, é imprescindible. Ha agromar en persoas máis críticas e máis libres, e nunha sociedade máis xusta, e nun florear na cultura galega e na transmisión da lingua. Sodes sementadores de futuro, amigas e amigos. Aínda que ás veces pareza clandestina, nunca houbo actividade máis importante. E, como nos demostrou Rosa Parks, o que unha persoa fai pode cambiar o mundo. Vós, non o dubides, estades axudando a cambialo.

Azos do mestre Agustín que moito agradecemos os que cremos que a lectura literaria debe ser o corazón da educación e da actividade cultural. Nese empeño agustiniano continuamos.

Onte 1769: Día da biblioteca

dia_da_bibliotecaFermoso  o texto que escribiu Ledicia Costas para o Día da biblioteca, celebrado onte. Un texto inzado de imaxes luminosas sobre os libros que habitan nas bibliotecas (aloumiños fosforescentes que incendian os soños e recompoñen os corazóns grises), mais tamén sobre as persoas que os custodian (seres con antenas xiratorias, cerebros milliométricos que memorizan títulos). Un texto, ilustrado por Elena Odriozola, que propón o Día da biblioteca coma unha xornada de festa (un día de confeti e pompas de xabón), un día grande para as lectoras de todas as idades. Parabéns a todas as persoas que traballan no mundo das bibliotecas.