Está vendo o arquivo da categoría » Librarías

No día de inauguración da Feira do Libro da Coruña agradecín que, despois de non faltar en ningunha das últimas vinte e cinco edicións, os organizadores me convidasen a conversar con Manuel Gago arredor da súa novela máis recente O exército de fume. Unha deferencia que moito agradecín, mais aínda cando resultou tan interesante o formato conversado da presentación, tanto para o público que encheu a carpa como para o propio autor e editor. Unha mudanza significativa de formato, ademais das comodidades das novas instalacións, introducidos polo novo modelo organizativo da feira compartido entre a Federación de Librarías de Galicia e o Concello da Coruña, o que constitúe un acordo histórico para enxergar un novo futuro para o conxunto das feiras do libro de Galicia.

O feito de contar con máis trinta librarías participantes, con dúas carpas de programación literaria simultánea, a carpa grande e a infantil, con máis de oitenta autores e autoras asinando nas librarías, así como ofrecer unha intensa presenza nas redes sociais, tanto en Facebook como Twitter, imprimen a esta feira da Coruña un gran dinamismo e a consolidan como referente indiscutible da actividade editorial e libreira en Galicia.

Souben que pola mañán o meu admirado Xavier Senín dedicou o pregón ao mestre Xabier DoCampo, un dos fixos desta feira coruñesa, a quen onte tivemos moi presente na nosa memoria. Convido a non perder este programa literario excelente, onde Xerais ten unha participación destacada, que por riba a partir do 6 de agosto se comparte coas actividades e as casetas de Viñetas desde o Atlántico. Parabéns aos organizadores por convertir a Coruña en capital do libro en Galicia.

Onte tiven a honra de pronunciar o pregón da Feira do Libro de Vigo, un dos maiores orgullos dos que gocei na miña vida de editor. Xaora, puiden comprobar, outra vez máis, o escaso interese institucional do acto para os responsables do concello de Vigo.

Deixo o texto en pdf no que homenaxeo ao editor vigués Eugenio Barrientos «Tetilla», fundador da proeza que foi a editorial Cíes de literatura popular, e reclamo dignidade para o libro galego como sector estratéxico para Galicia. Un texto, homenaxe ao mestre Xabier DoCampo, no que tamén reflexiono sobre o valor actual do libro e da lectura e no que propoño a recuperación do proxecto de Vigo llegit, como festival internacional do libro de Vigo. Agradezo o agarimo das persoas amigas que me acompañaron nesta xornada coa que sei pecho unha etapa profesional na que pretendín defender a edición en galego como un piar para o futuro da nosa lingua e da nosa cultura.

Texto do pregón en pdf.

Moita xente participou onte na Librería Lume da Coruña na presentación de Pioneiras. Galegas que abriron camiño, o libro de Anaír Rodríguez, ilustrado por Nuria Díaz. Ás portas da folga feminista do 8 de marzo, no acto estivo sempre presente a humilde contribución deste álbum ilustrado, dirixido a todos os públicos, ao proceso colectivo de procura de referentes femininos alternativos aos acuñados pola actual sociedade patriarcal. Así o sinalou a autora ao comezo da súa intervención expresando a súa preocupación pola falta de referentes femininos por parte das mozas como, o que é aínda máis alarmante, a ausencia total por parte dos mozos. “O libro o que pretende é procurar referentes femininos alternativos. É breve e sinxelo, sen pretensión ningunha de carácter historiográfico. Un libro de pura divulgación para todas as idades, que asume a potencialidade do seu uso educativo para dar a coñecer as biografías dunha ducia de mulleres galegas que foron pioneiras en dar pasos que logo foron importantes para a causa das mulleres”.

Anaír Rodríguez detívose, a seguir, nas biografías das coruñesas que aparecen no álbum, as xornalistas Sofía Casanova e Mª Luz Morales, a futbolista Irene González, a enfermeira Isabel Zendal, a camionaeira Celia Rivas, como as mestras Marcela e Elisa ou a oceanógrafa Ángeles Alvariño. Salientou que intentara ofrecer unha mostra dos diferentes ámbitos sociais e profesionais, como tamén de procurar referentes na historia, razón pola que o libro comeza con Exeria, a viaxeira do século IV e continúa coa almiranta Isabel Barreto do século XVI, antes de afrontar as pioneiras da idade contemporánea. Rematou a súa intervención cunha última reflexión: “non pretendín que estas pioneiras fosen consideradas como heroínas, forman parte todas dun proceso, o da procura da igualdade, promovido polo movemento feminista dende hai trescentos anos”.

Isabel Coixet ofrece en The Bookshop unha fermosa homenaxe á lectura e ao mundo da libraría, que adapta a novela homónima de Penelope Fitzgerald. Unha peza de narración e realización impecable,como adoita a catalá, a pesar da escasa orixinalidade do conflito proposto, no que unha libreira soñadora e valente pon a proba a súa afouteza diante da extorsión que en 1959 sofre por parte dos poderes dunha pequena comunidade costeira. O máis interesante do film é a gabanza da lectura, do libro e da literatura sexa como forma de resistencia (protagoniza por Florence Green na excelente interpretación de Emily Mortimer), sexa como forma de instalarse na vida (eis o  enigmático señor Brandish, outra creación memorable de Bill Nighy). Xaora, tamén é interesante a concepción da libraría como espazo de encontros e descubertas, capaz de reeducar á pequena dos Gipping. Como son memorables as homenaxes a Bradbury e a Nabokov, así como algúns diálogos literarios referenciais desta balada triste da libraría.

Lin onte un interesante estudo do ICEX sobre a situación do mercado do sector editorial os Estados Unidos. Sometido a un intenso proceso de hibridación e reestruturación, promovido polas mudanzas tecnolóxicas como polas preferencias dos públicos, o primeiro dato, quizais un dos máis sorprendentes, é que en 2016 as vendas aumentaron nun 1,10 %, até acadar os 29.000 millóns de dólares, procedendo o groso da facturación dos libros impresos, fronte á caída da dos e-books. Diminución dun 5,70 % dun mercado do libro electrónico de case catro mil millóns de dolares (o 13,38 % do total do mercado), motivada tanto polo encarecemento dos e-books polo chamado “modelo de axencia”, no que os editores fixan o prezo de venda sen apenas marxe para os minoristas, como polo fenómeno bautizado como “fatiga dixital”, que fai que os consumidores prefiran dedicar o seu tempo de lecer a actividades que os manteñen afastados dos ordenadores, tabletas e dispositivo móbiles.

Outro feito que me pareceu salientable deste mercado é o liderado indiscutible acadado polos e-tailers, os distribuidores a través de internet, como Amazon, que se sitúan como a canle favorita dos compradores, o que afecta tanto ás redes de librarías como as distribuidoras. Como tamén chama a atención que este mercado sexa lidareado polo libro de texto (o 31,60 % das vendas), seguido dos libros técnicos e profesionais (27,50 %), os de ficción e non ficción para persoas adultas (24,00 %), mentres que os libros infantís, que dependen en boa medida dos orzamentos das escolas, supoñen apenas o 6,60 %. Pareceume significativo o feito de que o formato dixital non teña unha gran aceptación nos libros infantís (apenas o 20,00 %), o que os redactores do informe atribúen á preferencia dalgunhas familias a que os seus pequenos lean en libro impreso antes que o fagan en e-book.

Por último, un dato que non pode pasar desapercibido é que o 73,00 % dos estadounidenses leron polo menos un libro nalgún formato durante o último ano, sendo o 65,00 % os que fixeron nun libro impreso, o 28,00 % nun e-book e o 14,00 % nun audiolibro, formato que continúa o seu crecemento continuado, quizais porque lles permite compartir outras tarefas. Xaora, o estudo identifica unha mudanza dos hábitos de consumo dos lectores dixitais, aumentando os que len en dispositivos multiplataforma (smartphones e tabletas) fronte a aqueles que o fan en e-readers.

Datos interesantes que expresan unha certa fatiga do proceso de hibridación dixital no mercado estadounidense que poden axudar a identificar  e explicar tendencias no noso mercado.