Está vendo o arquivo da categoría » Lectura

Lector tradutor

bretemas —  15 de Marzo de 2005
O lector ideal é un tradutor. É quen de desmiuzar un texto, retirarlle a pel, cortalo ata o miolo, seguir cada arteria e cada vea, e logo poñer en pé a un novo ser vivinte (Alberto Manguel).
Unha reivindicación moi apaixonada do labor do tradutor, traballo non sempre valorado como merece por editores e crítica.
A cita está tirada da páxina da confederación de libreiros. Un sitio moi recomendable para obter información sobre a actualidade do mundo do libro. Incorpóroo aos meus enlaces.

Lectura europea

bretemas —  4 de Marzo de 2005
Por fin atopo datos fiables sobre a lectura e o consumo de libros nos países da Unión Europea. Este eurobarómetro da lectura (datos da Unesco) amosa unhas diferenzas enormes entre uns países e outros. Con eles reafírmome na tese, que intuitivamente defendín nalgunhas entrevistas, de que os hábitos de lectura son unha cuestión de temperatura (os europeos que máis len son suecos e fineses; o maior índice de libros editados por habitante téñeno os islandese): a menor temperatura media maiores índices lectores e de edición de libros. Acaso funciona esta correlación en Galicia? Será outros dos sinais diferenciais?

Clubes de lectura

bretemas —  15 de Febreiro de 2005
Onte os membros da Comisión do Libro rematamos o texto do Plan de lectura. Nesta nosa derradeira xuntanza apareceron un turbillón de propostas e iniciativas moi interesantes. Hai dúas das que quedei singularmente feliz que se incluísen: a creación dunha Oficina da lectura (recuperando o noble termo empregado polos editores de incunables), como entidade de xestión do plan, e a promoción de Clubes de Lectura.
Estes clubes son pequenas sociedades de lectores sen fronteiras que comparten mensual ou quincenalmente as súas lecturas. Estes espazos de tertulia e debate de persoas que len un mesmo libro, baixo a tutelaxe dun monitor ou coordinador, van tecendo a modiño unha comunidade de lectores participativos e críticos. Clubes que se forman en bibliotecas, asociacións, librarías, cárceres ou na mesma rede, organizándose por idades, xéneros, idiomas…
As listas de libros que se len nestes clubes deberían ser publicitadas polos medios, constituíndo un indicador das tendencias de lectura, seguramente, máis fiables que as elaboradas a partir das vendas das novidades en librarías.
Magnífico o texto de Emili Teixidor que atopei propoñendo estratexias e razóns para fomentar o desexo de ler. Dá moitas pistas razonadas para entender as conviccións profundas do comportamento lector, complementando a proposta clásica de Gaarder recollida no seu traballo “libros para un mundo sen lectores“.
Débolle á familia o descubrimento desta axenda culinaria. Un blo onde se mesturan gastronomía e literatura (receitas e artigos de reflexión sobre a cociña galega e a súa historia) preparada polo responsable de www.colineta.com. Un blo moi saboroso, si, señor.

Lectubarómetro 2004

bretemas —  2 de Febreiro de 2005



Óscar Villán, Can de palleiro, 2004

Recibo da Federación os documentos do Barómetro sobre a Lectura 2004, do que tiña noticia a semana pasada. Merecen ser estudados con vagar, xa que por vez primeira reflitense datos sobre os comportamentos lectores en galego. Atopo datos para anotar.
  • Galicia posúe unha media de lectores lixeiramente inferior á media do Estado.
  • Un 33,4 % dos lectores galegos manifesta ler habitualmente en galego.
  • O lector medio le de 2 a 8 libros por ano.
  • O 91,5% dos lectores motiva no lecer e no entretemento a súa primeira razón para ler.
  • A recomendación dos amigos (60,8%) é primeira motivación para a compra de libros.
  • O 90,9 % dos lectores de literatura escolle a novela como o seu xénero preferido.

Por estes datos semella que o perfil do lector medio en España (as lectoras son máis cos lectores, outro dato a anotar) é o dunha persoa que le media ducia de novelas, que lle recomendan as súas amizades, co obxecto de pasar un rato entretido. Afondaremos neste perfil e nas súas consecuencias.

Intuición

Por fin!!! Hoxe asinei o contrato internacional que perseguía desde hai semanas. Desde entón teño a intuición de que esta obra (da que teño referencias paratextuais inmellorables sobre a súa recepción no Reino Unido) vai ser en galego algo grande. Estarei errado? Traducir textos contemporáneos (este apareceu no verán) para o galego é unha estratexia por acometer con decisión. A edición faise destas apostas. Unha cuestión de fé?