Arruídos de Vincios

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a publicación de Arruídos o primeiro disco de Cantares do Brión.

Canatres_do_Brion_UDVArruídos é o nome dun cume de 709 metros de altitude situado na aba occidental da Serra do Galiñeiro. Pertencente á parroquia de Vincios no concello de Gondomar, na penichaira do monte de Arruídos, a 460 metros de altura, nunha zona moi húmida, o arqueólogo Javier Torres Goberna identificou un campo de mámoas de interese, formado por tres túmulos, un dolmen e dúas cistas, próximos aos petróglifos da Pedra da Laxe, as alfaias arqueolóxicas desta Serra do Galiñeiro. Con vistas privilexiadas sobre o Val Miñor, este outeiro é ben coñecido por sendeiristas e afeccionados á bicicleta de montaña.

cantares do brionMais “Arruídos” é tamén o título do primeiro disco de Cantares do Brión, o coro tradicional galego con sede no Centro Cultural de Vincios, integrado na actualidade por 60 persoas, desta parroquia gondomareña e doutras do Val Miñor. Un título que non é caprichoso nunha agrupación que tira o seu nome da Touba do Brión, unha cova situada tamén no monte dos Arruídos onde se localiza unha lenda e onde Cantares do Brión organiza a súa romaría anual.

Desde a súa constitución en marzo de 2010 Cantares do Brión inseriuse na tradición centenaria dos coros tradicionais galegos nacida en 1883 seguindo o modelo acuñado polo boticario pontevedrés Perfecto Feijóo na agrupación Aires d’a Terra. Un repertorio vinculado ás formas da música tradicional de noso (alalás, foliadas, pandeiretadas…), a utilización habitual da lingua galega e de instrumentos tradicionais, incluídos os diatónicos (gaita e zanfona), e o coidado do vestiario tradicional dos participantes foron os compoñentes principais dunha fórmula coral que no período de entre séculos circulou de forma exitosa nos escenarios galegos e tamén nos de alén mar.

Patrón de enxebreza musical que, como sinala a historiadora Lorena López Cobas, deu pé ao nacemento de agrupacións semellantes noutras localidades galegas: Toxos e Froles (1915) en Ferrol, agrupación a piques de celebrar o seu centenario; Cántigas da Terra (1916) na Coruña, que tamén mantivo o seu pulo ininterrumpido; Foliadas e Cantigas (1916) en Pontevedra; Agarimos da Terra (1916) en Mondariz; Cantigas e Aturuxos (1917) en Lugo, a primeira que gravou o himno galego en 1918; Agrupación Artística de Pontevedra (1917); Agrupación Artística de Vigo (1918); Coral de Ruada (1918) de Ourense e Cantigas e Agarimos (1923) de Santiago, dúas agrupacións estas últimas que aínda por ventura manteñen a súa actividade.

Cantares do Brión, a nova agrupación miñorana, recolle a testemuña destas agrupacións históricas e o seu modelo de fachendosa enxebreza para ofrecer un primeiro disco de coidada edición gráfica e musical coa que a agrupación dirixida por Pablo Rial Salgueiro e presidida por Xosé García Crego fixa o seu repertorio propio e rende humilde tributo aos seus predecesores. Abre o disco “Eu non sei o que me deches”, unha versión da foliada tirada do repertorio de Toxos e Froles, o decano dos coros históricos. Outrosí sucede coas versións da “Foliada de Cerdedo” do repertorio de Cántigas da Terra, do “Alalá nº 3” de Aires d’ a Terra, o primeiro coro tradicional galego, da “Foliada de Viveiro” da Coral de Ruada e da “Pandeiretada de Rendal” de Cantigas e Agarimos, pezas todas nas que a agrupación miñorana ofrece un nivel altísimo de harmonización coral e instrumental de temas senlleiros da nosa memoria musical.

Repertorio histórico que dialoga coas creacións propias dunha agrupación que procura textos da literatura popular e de autor para promover no século XXI a composición de música coral, vocal e instrumental. Reto que asumiu Luís Correa Piñeiro, un dos gaiteiros da agrupación, autor de catro temas do disco: “Tríadas do vento no mar”, sobre poemas de Valentín Paz Andrade; o alalá “Camiño de Ourense”, sobre texto de Manolo Pipas; “Na Touba do Brión”, sobre coplas recollidas por Rosalía Hermida Pérez e a “Foliada de Vincios”, dúas pezas insignia do coro. Pablo Rial Salgueiro compuxo “Has de cantar”, sobre versos de “Cantares gallegos” de Rosalía de Castro, ademais de ocuparse como director do coro dos arranxos doutras numerosas pezas, entre as que cómpre destacar pola súa dificultade a das tres encadeadas en homenaxe a Casto Sampedro e o “Canto popular”, tomado do “Cancioneiro Galego” de Martínez Torner e Bal y Gay, un dos temas, xunto ao “Pasodobre de Sísamo”, arranxado por Félix Rodríguez, e “O carro”, a canción de “Mero” arranxada por Paco Barreiro, máis logrados dun disco memorable sen desperdicio ningún.

Recomendo moi vivamente estes “Arruídos” de Cantares do Brión, un coro de música tradicional galega que na área metropolitana de Vigo recolle a testemuña da fórmula de enxebreza acuñada hai un século por Aires d’a Terra: lingua, música e traxe de noso. Agardamos un gran concerto de presentación en Vigo.

Onte 323: «O meu primeiro Celso Emilio» en concerto

Memorable foi o concerto no Auditorio Municipal de Teo de presentación do librodisco O meu primeiro Celso Emilio. Unha gozada escoitar oito poemas de Celso Emilio interpretados por unha ducia de músicos extraordinarios. Unha ocasión única que sabemos será moi difícil repetir. Abriu María Manuela –tamén formidable ilustradora do libro– con «Erguerémo-la espranza», un dos poemas civicos de Longa noite de pedra. Fermoso o seu diálogo con Manolo Dopico, apoiado na firmeza das cordas da guitarra de Xurxo Varela e o violín de Nuria Lestegás. «Saúde a todos, compañeiros!» foi o retrouso que deu inicio a un concerto no que a emoción e a complicidade do público foron en incremento. Continuaron Xiana e Mero cun dúo inédito con «Eu en ti», un intenso poema de amor d’ O soño sulagado, musicado polo propio Mero. A interpretación de Xiana de «María Soliña» foi un dos momentos máis inesquecibles do serán; o arranxo de Xurxo Varela da versión de A. Paz Valverde é marabilloso. Outrosí sucede cos «Cantares» de María Manuela, un tema que ela arranxou ao xeito tradicional de Onde o mundo se chama Celanova, cun acompañamento de José L. do Pico á zanfona. A versión potentísima de «Irmaus», probablemente a peza estrela disco, marcou outro momento de máxima emoción. O centenar de asistentes quedamos abraiados pola interpretación coral do himno de Mini, un dos temas esenciais na formación sentimental da nosa xeración de nacionalistas galegos. De bagoar. A seguir, «Moraima», versión de Suso Vaamonde do poema «Xaneiro 1972,II», recuperou a voz do íntimo doutro poema de amor de beleza desbordada. Xiana deixounos pampos coa súa versión de «Agardarei», con arranxos jazzísticos de Nani García, mellorando de lonxe a que fixera Batallán. Quedará para a nosa memoria a saída de Xosé Lastra para acompañar (fachendoso) a Xiana no escenario. Todo o elenco no escenario bailou cos aires caribeños do derradeiro tema, «A mulata de Coromoto», outro dos temas de Miguel Varela, o músico ferrolán ao que se lembrou en varias ocasións ao longo do concerto. Pagou moito a pena editar este traballo musical e literario no centenario de Ferreiro, cheo de matices e sutilezas. Un modelo do que entendemos é a edición estendida que precisa un momento como o actual. Se o público así o entende, pretendemos que teña continuidade o vindeiro ano con «A miña primeira Rosalía», con motivo da celebración do 150 aniversario da publicación de Cantares gallegos. Luís Ferreiro e máis eu baixamos cantando pola autoestrada máis contentos ca cucos. O de Teo foi moito. A próxima presentación d’ O meu primeiro Celso Emilio será o xoves, 9 de agosto, ás 21:15 horas, na Feira do Libro da Coruña. Avisados quedamos.

«As palabras máxicas», fermosa experiencia educativa no Porto do Son

as palabras máxicas from SonCine on Vimeo.

O luns 21 e martes 22 de xuño os mozos e mozas do Clube de Lectura e do Clube da Lingua do noso instituto achegáronse aos colexios de Sobrado-Nebra, Campanario, Xuño e Caamaño para contarlles historias aos nenos e nenas de infantil e, no caso de Nebra, de Primaria. Para nós foi unha experiencia moi fermosa, emocionante e chea de incertidumes e nervos, pois era a primeira vez que exerciamos de contacontos en público. Queremos darlles as grazas ás profesoras e profesores destes colexios pola súa acollida e comprensión, a Ánxela Doval polo seu bo facer na preparación das contadas e os contadores, a David Pérez polo traballiño (outro máis!) e a sensibilidade desta nova montaxe de Vinte10 TV e a Sonia Ces pola compañía.

Son seareiro entusiasta dos vídeos do proxecto Vinte10 TV, que recollen algunhas accións do Clube de Lectura e do Clube da Lingua do IES de Porto do Son. Esta peza, alicerce dunha experiencia de continuidade da cadea da lingua (os rapaces e rapazas de ESO contan aos picariños de Infantil e primeiro ciclo), é unha marabilla. Recomendo vela devagariño, xa que ten interese tanto dende o punto de vista de amosar como é posible visualizar interxeracionalmente a esperanza da lingua, como polas posibilidades dun obradoiro de imaxe no apoio a estratexias de animación lectora. As miñas maiores beizóns para todos e todas as participantes en tan magnífico traballo.