Onte 1276: Novela mulata

couceiro_antesala_luminosa_25-03-2015

Na libraría Couceiro de Santiago presentamos A antesala luminosa, a novela coa que Antonio Tizón debuta na narrativa galega. Presentación dun relato definido polo autor como «novela mulata» ou mestiza, na que participaron o xornalista Aser Álvarez, o profesor Ramón Rodríguez, a psiquiatra Lucía Pérez Ramírez e o propio autor.

XG00212501Aser Álvarez confesou que «quedara enganchado con esta novela arraiana, unha obra entre fronteiras e entre xéneros, que fala da loucura, de gastonomía e de viño.» «A antesala luminosa é unha novela gourmet, moi coidada e traballada.» Despois Aser salientou a importancia da gastronomía na novela (coma no ser humano) e sinalou as numerosas referencias gastronómicas presentes e os restaurantes de Madrid, Ourense e A Coruña citados por Tizón. Pola súa banda, Ramón Rodríguez, a quen presentamos como o Esteban Latorre da novela, comezou as súas palabras agradecendo a súa presenza en nome dos personaxes da novela, para gabar despois «o sentido de tolerancia e alegria de Antonio.» «A novela ten un encanto personal, o do sentido máxico da literatura, transmite a maxia e a bondade do seu autor, que representa a toda unha xeración que tiñamos moitas ganas de ler. Antonio Tizón representa a literatura, esa avidez polos libros da que tanto disfrutamos xuntos.»

A psiquiatra Lucía Pérez Ramirez comezou sinalando que «todo acto que achegue o trastorno mental á sociedade é importante.» «Neste novela son os capítulos pares, os que falan do personaxe Gustavo Gallego, os que abordan o trastorno bipolar. Unha doenza na que se mesturan episodios maniacos de enerxía desbordante con outros depresivos. Persoas que viven entre a euforia e unha profunda tristeza. Coa lectura desta novela calquera persoa pode meterse na pel doutra que padece o trastorno bipolar.» A psiquiatra salientou dous aspectos da novela que lle mereceron grande interese:«o primeiro, a importancia de coñecer o mundo interno dun enfermo que padece trastorno bipolar, a súa experiencia e o seu sufrimento; o segundo, o interese que o propio exercicio narrativo supón para o trastorno bipolar, xa que quen o padece non adoita ser consciente que o sofre.»

Na súa intervención, o autor, despois de realizar os agradecementos aos intervinientes, abordou tamén a cuestión do trastorno bipolar, «unha doenza que afecta a un 2% ou 3% da poboación, en España varios millóns de persoas.» «Os bipolares na fase maniaca teñen necesidade de contar con interlocutores tanto coñecidos como descoñecidos para falar. Esa elocuencia na fase depresiva pode converterse en meses enteiros sen pronunciar unha palabra.» «Como tampouco debemos esquecer que as persoas que padecen o trastorno bipolar teñen un sentido cósmico oculto que afecta ás causalidades e casualidades.» Referiuse despois Tizón ao obxectivo da novela: «quixen escribir unha historia de amor, loucura e morte», para engadir que «a maior parte da literatura é sempre autobiográfica, xa que un do que mellor pode falar e do que vive, do que sabe.» «Quixen escribir unha novela negra diferente, un pouco orixinal, coa intención de iniciar unha serie da que teño case escrita a segunda entrega.»

 

Onte 1235: Froitas de tixola

flores_de_entroido_de_matilde_felpeto_13-02-2015Matilde Felpeto agasallou onte ao cadro da editorial unha fonte das súas flores de entroido. Unha marabilla larpeira preparada pola que sabemos é unha das sabias da cultura gastronómica de noso, ao tempo que gran cociñeira e reposteira galega. Un privilexio para comezar pola porta grande unha fin de semana de previsibles excesos, sobre todo na mesa. As flores forman parte desas froitas de tixola, como as crocantes orellas de frade, as follas de limón ou as filloas (na casa preferimos chamalas «marruchos»), protagonistas das sobremesas destes días tan farturentos. As flores son hoxe quizais as menos populares das froitas de tixola, aínda que forman parte da memoria inesquecible dos nosos sabores da infancia. Sei que se preparan cun ferro en forma de flor que a cociñeira molla nun amoado (leite, fariña, ovo e reladura de limón) que somerxe logo en aceite quente, onde a pasta fritida e unha vez desprendida e bautizada con azucre e canela conservará a fermosa xeometría da flor de ferro. Froitas de tixola, flores, orellas e marruchos, doces de entroido que saben a gloria.

Onte 1233: «Escarlatina» na lista de honra do IBBY

ledicia_costasRecibimos con satisfacción a noticia da elección de Escarlatina. A cociñeira defunta de Ledicia Costas para formar parte da Lista de Honra do IBBY do bienio 2015-2016. Recoñécese outra vez un deses textos literarios, que ademais de merecer o premio Merlín 2014 de literatura infantil e o Fervenzas ao mellor libro infantil do ano, está recibindo unha acollida calorosa entre os lectores e lectoras novos, xa que en cinco meses van xa tres edicións e varias ducias de encontros en bibliotecas escolares do país. Xaora, este fulgor de Escarlatina é o propio dunha novela nacida con vontade de clásico infantil contemporáneo, sexa pola orixinalidade da súa proposta temática e estrutura narrativa, onde a cociña e o inframundo teñen grande protagonismo, como pola súa sutileza para abordar a relación da rapazada coa morte e co auténtico valor da vida. Aledámonos do éxito de Ledicia Costas, unha das narradoras máis destacadas e máis versátiles da Xeración da Esperanza, que na primavera publicara en Xerais Narrativa Un animal chamado Néboa. Ogallá teña azos e medios para viaxar en agosto de 2016 a Auckland, nas antípodas, para recoller o diploma do IBBY. Beizóns!!!

Onte 1175: A primeira receita do polbo

XG00217501Na presentación que onte fixo en Ferrol d’ O polbo e a súa cociña, Matilde Felpeto, despois de referirse á presenza dos polbo nos libros de cociña máis antigos, dende o século XIV e XVI, do tratamento despectivo que recibiu no Picadillo e nos libros da Pardo Bazán, así como a reivindicación que do polbo fixeron Cunqueiro, Araceli Filgueira e Carmen Parada,revelou a primeira receita documentada protagonizada polo rei da cociña galega dos mares. Un valioso documento da cultura clásica para a cultura gastronómica de noso aparecido no século I en De re coquinaria, a quinta receita da parte nona, Thalassa mare, que reza do seguinte xeito: «Servirás o polbo ná mesa con pementa, salsa de aceite derretido e benjui«. Unha receita que a pesar da súa brevidade constitúe un claro precedente do «polbo á feira», un dos patrimonios galegos da humanidade. Como boa mugardesa, Matilde non perdeu a ocasión de confesar que para ela é na ría de Ferrol onde se pescan os mellores polbos do mundo. Un magnífico serán para a nosa cultura gastronómica.

Onte 1165: Gastrocultura no Culturgal

pepe_sollaNo enfoque transversal da súa programación, Culturgal apostou nesta edición pola gastronomía como principal novidade temática. A gastronomía abordada dende diversas ámbitos e disciplinas da produción cultural e da creación artística. Así no programa están previstas presentacións de libros de cociña, cultura gastronómica ou de ficción onde a cociña e os cociñeiros son protagonistas (O polbo e a súa cociña; Nove e a cociña galega, Escarlatina, a cociñeira defunta; A cociñeira do rei…). Actos nos que se aborda como feito cultural, coma no encontro sobre cervexas tradicionais ou no debate sobre o futuro das festas gastronómicas. Até o concerto de guitarra de Pepe Solla, un recital de poesía gastronómica, un vermú cultural coa participación dos responsables das asociacións da industria cultural ou dúas ceas temáticas, unha sobre A Esmorga e outra sobre a cociña de Benigno Campos. Un Culturgal protagonizado pola gastrocultura.

Onte 1153: Construír Culturgal

Culturgal_21-11-2014

Presentamos onte diante dos medios o programa de Culturgal 2014. 70 expositores, 150 actividades literarias, musicais, teatrais, artísticas e formativas destinadas a públicos diversos artellan o eixo do programa de tres xornadas moi intensas nas instalacións do Pazo da Cultura, Auditorio e recinto feiral de Pontevedra. Un programa concibido coa intención de ampliar o perímetro de Culturgal dende a corresponsabilidade dos diversos sectores das nosas industrias culturais e do patrocinio das administracións públicas e entidades privadas.

Entre as novidades do programa dunha feira, sempre con vontade de sorprender e innovar, saliento as dúas grandes exposicións de artes plásticas e visuais (Do papel ao xesto e XX anos de Bravú), o deseño dunha programación específica para bebés e dun espazo para lactancia, a introdución de actividades de gastrocultura, a potenciación da programación cinematográfica, as ceas temáticas no recinto feiral, o vermú cultural do domingo (ao que convidamos a 26 asociacións profesionais dos diversos eidos da cultura do país), emisión de programas do Diario Cultural da Radio Galega (premio do público) e Discópolis de Radio 3 en directo, o concerto de Caxade, a presentación dos novos discos de Magín Blanco, Guadi Galego, María Fumaça, Cantares do Brión, Maghua, o concerto da banda dos cueiros, a presentación da App Contacontos, o foro de Crowdfunding e Coworking, os encontros de editores con bibliotecarios e profesorado, ou as conversas literarias con Helena Miguélez, María Reimóndez, Suso de Toro, Xurxo Souto, Alberto Ramos, Fran Alonso, entre outros autores e autoras.

Un programa que iremos debullando con maior detalle nos vindeiros días, concibido para públicos e audiencias específicas, mais tamén moi vencellado ás novidades que os expositores ofrecerán nos seus stands. Culturgal como un espazo de todos e todas, interxeracional e transversal, horas de ledicia e entusiasmo para compartir sintagmas de simpatía e afecto para a nosa lingua e para as nosas artes. Propoñemos construír Culturgal para reforzar o papel e a independencia das industrias culturais propias. Un Culturgal alicerzado sobre a forza dos seus públicos e sectores profesionais. Convido a compartir o programa e solicito axuda para difundir na rede esta convocatoria. Culturgal no pazo da Cultura de Pontevedra do 5 ao 7 de decembro.

Onte 1129: A «Escarlatina» de Ledicia Costas

XG00213701Tras a primeira presentación, creo que cómpre cualificar Escarlatina, a cociñeira defunta, o premio Merlín 2014, como unha das obras da literatura infantil en galego máis importantes dos últimos tempos. Dígoo non só por que Ledicia Costas escollese un formato orixinal, a dunha historia de humor macabro para lectores novos, ou por asumir os riscos de introducir o mundo da cociña nun texto de ficción, dos que xa existían antecedentes en Roald Dahl ou en Tim Burton. Dígoo, sobre todo, pola sutileza coa que aborda un tema complexo, a relación do protagonista coa morte tras o falecemento do avó. Tras a visita ao Inframundo, unha representación da memoria familiar, e o seu regreso, despois de compartir unha aventura co avó, Román non só conseguiu facer o seu primeiro libro de larpeiradas, tamén sabe do auténtico valor da vida. A de Costas é unha novela que nace coa vocación dun clásico infantil contemporáneo. Aventuro que será un libro que dará moitas satisfaccións á autora e a lix galega. Recoméndoo, tamen, ao lectorado adulto.

Onte 1114: Premios da Crítica Galicia 2014

P1020268

Non defraudaron os Premios da Crítica Galicia deste ano dos que coñecimos onte o seu ditame e nos que por vez primeira en trinta e sete edicións asistiu o presidente da Xunta de Galicia. É innegable que quedei fachendoso polos dous premios recibidos por libros publicados por Xerais, a gran novela de Xosé María Lema, que xa quedara en varias oportunidades co mel nos beizos, e a Estilística da lingua galega de Freixeiro Mato. Como tamén foron excelentes noticias o recoñecemento a traxectoria de Berrogüetto, coincidindo co seu adeus dos escenarios, como de Costa da Morte, a película de Lois Patiño que internacionaliza o Novo cinema galego. Como merecen todos os parabéns Antón Pulido, o noso grande pintor contemporáneo, e o labor de Yolanda Castaño no ciclo Poetas D(in)versos do Agora coruñés e Ponte-Poética en Pontevedra. Foi a novidade desta edición a nova modalidade de Cultura Gastronómica que recoñeceu a creación do Marrón glacé por parte do Grupo Cuevas, capaz de transformar a humilde castaña nunha excelente delicatessen internacional. Os chamamentos á recuperación do consenso arredor do idioma, coincidindo co décimo aniversario da aprobación do PXNLG, que fixeron dende a tribuna Lema e Freixeiro, como as apelacións á excelencia de Castaño, Pulido, Patiño e Anxo Pintos foron tamén moi oportunas. Outra excelente edición dun esforzo en mancomún do que participamos.

Onte 1081: Gastrocultura galega

culturgal_2014Creo que este 2014 vai ser o ano da popularización da gastrocultura galega. O éxito dunha nova xeración de restauradores galegos que apostan pola innovación e pola excelencia, o pulo das cervexas artesanais e doutros produtos alimentarios de calidade, a incorporación da lingua galega á etiquetaxe dos nosos viños, o aumento espectacular de blogs gastronómicos e da produción de libros de gastronomía en galego (en tempos de crise editorial) son síntomas apenas de que algo se move na nosa gastrocultura. Como tamén o feito de que a Fundación Premios da Crítica Galicia, tras trinta e cinco anos de continuidade, vaia fallar o vindeiro 11 de outubro o seu primeiro premio na modalidade de «Cultura gastronómica» ou que Culturgal, a feira das industriais culturais que se celebrará en Pontevedra do 5 ao 7 de decembro, anuncie que un dos seus eixos temáticos será o da gastrocultura. Lecturas que alimentan, concertos con copa, teatro para comer, gastronomía sonora, showcooking…, iniciativas todas nas que conflúen a gastronomía e a cultura. A ter moi en conta.

Onte 1025: Premios da Crítica Galicia 2014

logo_premios_da_critica2Comunicamos onte as bases e a composición dos xurados dos Premios da Crítica Galicia 2014 que serán ditaminados o sábado 11 de outubro en Vigo. A novidade desta XXXVIIª edición é a incoporación dunha nova modalidade, a de cultura gastronómica, coa que se pretende recoñecer a excelencia de calquera iniciativa, persoa ou entidade que veña traballando neste eido en Galicia. Azos para a cultura gastronómica que se se unen aos de Culturgal 2014, que tamén incorpora ao seu programa esta expresión da cultura galega. Os setes xurados dos Premios da Crítica Galicia valorarán propostas e candidaturas ao longo de todo o verán. Bo e rigoroso traballo para estas corenta e nove persoas!!!