Está vendo o arquivo da categoría » Fútbol

Campo do Fragoso CCI

bretemas —  23 de Setembro de 2017 — Deixa un comentario

SÍSIFO E O CELTA

Entre os mitos acuñados polos gregos hai tres mil anos, quizais sexa o de Sísifo o que mellor explica o sucedido o xoves sobre a alfombra de Balaídos. Sísifo é lembrado polo castigo ao que foi sometido polos deuses: perder a vista e empurrar cara arriba unha pedra enorme que, antes de chegar á cima, rodaba cara o val, onde regresaba a recollela e outra vez empurrala e así unha e outra vez. O mito de Sísifo foi actualizado por Albert Camus, que o consideraba como a metáfora do esforzo inútil dos seres humanos, aínda que abría para este comportamento absurdo unha xanela de esperanza.

Ao xeito do que lle sucedera a Sísifo, o Celta de Unzué, a quen lle custou ferro e fariña controlar ao Getafe durante 85 minutos, deixouse empatar nunha xogada froito dun erro absurdo de toda a súa defensa. Como sucedera tamén o día da Real Sociedad, un erro colectivo, froito quizais do cansazo ou dunha errada disposición táctica, estragaba tanto e tanto esforzo anterior e sumía ao público do municipal entre a perplexidade e á melancolía saudosa daquel xogo intenso do Toto Berizzo. E o peor é que chovía sobre mollado nun mal comezo de liga onde co seu xogo errático este Celta demostra que aínda non colleu o punto ao estilo de xogo debuxado polo seu equipo técnico. Un Celta que até agora non soubo pechar as súas vantaxes en Balaídos e que deu a sensación de chaíña cando actuou como visitante, o que quizais poida ser máis preocupante.

Fronte ao Getafe, Unzué parecía traer ben aprendida a lección de Cornellá. Confiou a dirección a Tucu Hernández e introduciu a Sergi Gómez no eixo da defensa. O chileno non defraudou e (moi xeneroso) armou todo o xogo defensivo do equipo, aínda que a súa posición atrasada non lle facilitaba conectar coa tripla atacante, onde cadaquén libraba a guerra pola súa conta. A pesar desa eiva e das intermitencias de Josabez, o Celta foi abrindo fenda pola banda dereita. E por alí chegou a primeira oportunidade, nas biqueiras de Brais Méndez. Mágoa que Guaita estivese tan atento para impedir o tanto do canteirán no día do seu debut.

Xaora, o gol chegou, tamén pola dereita, nun gran servizo de Hugo Mallo, quizais o mellor atacante celeste, que despois de recuperar no vértice da área filtrou sobre Maxi para que o charrúa cunha seguridade asombrosa marcase de xute cruzado. Outro maxigol de factura impecable que, pasada a media hora, abría as mellores expectativas. Porén, este Celta en construción non soubo dar o paso adiante que a situación requería e limitouse a achantar ao balón fronte a un Getafe con pouco fútbol e moita leña.

Mais no segundo acto mudaron as tornas. Fronte a un xogo celeste cada vez máis triste e apático, que apenas inquedaba a Guaita, foron os de Bordalás os que adiantaron as liñas. E se isto non abondase, Unzué non acertou cando deu entrada a Emre Mor. O turco introduciu velocidade, mais tamén, ao sobrarlle en cada xogada un derradeiro caneo, acabou descompoñendo o debuxo celeste que con tanto afán sostiña Hernández. O partido caíu, entón, nesa fase de ires e vires dunha portaría a outra que agoiraban a posibilidade dun erro defensivo celeste que se produciu cinco minutos antes da conclusión, cando xa non había posibilidade de emenda.

Un empate que deixa ao Celta na cola da táboa, aínda que con idéntica puntuación á da liga anterior. Continúan sen resolver as dúbidas nun equipo sen identidade clara e con algunhas ansiedades de máis. Sabemos que Aspas está pouco afortunado na finalización, mais tamén que co actual esquema non conta con compañeiros para asociarse. Como tampouco está resolto como conseguir unha saída limpa e segura de balón dende a defensa, sexa cuns centrais ou con outros, alicerce do esquema do adestrador actual. O Celta non pode admitir o absurdo de ser cego coma Sísifo e botar a rodar a pedra cando quedou tan preto da cima.

Campo do Fragoso CC

bretemas —  11 de Setembro de 2017 — Deixa un comentario

MAXIGOL

Cando aínda falabamos na bancada sobre a confusa numeración das ringleiras de Río Alto, onde ningunha persoa responsable do club aclara aos abonados cales son a ciencia certa as súas novas butacas (o que xa chove sobre mollado), o Celta xa sacara dous córners que intimidaron a Pacheco, o excelente gardarredes do Alavés. Comezaba así un partido no que sobre todo durante o primeiro acto o cadro de Juan Carlos Unzué monopolizou a posesión sobre a nova alfombra de Balaídos, mais no que sempre houbo alternativas de gol en ambas as dúas portarías, mesmo até os agónicos minutos do desconto.

Unzué confiou por vez primeira a Stanislav Lobotka a dirección do xogo celeste, responsabilidade que o pivote asumiu con inusual afouteza e brillantez para tratarse dun debutante, o que aventura que cando coñeza mellor aos seus compañeiros poderemos gozar de grandes partidos do seu elegante xogo de precisión. Dirixido polo internacional eslovaco, o Celta achegábase a área vasca, mais non era capaz de furar a meta de Pacheco. Intentouno Iago Aspas, motivadísimo, primeiro tras un pase longo de Cabral, despois cun gran caneo a Pedraza que o levou a xutar sen fortuna dende a área pequena. Mais os de Zubeldía non viñeron a Vigo só a ver as Cíes e, pouco despois, tiveron un gol feito nunha gran xogada do lateral Pedraza, que colleu as costas de toda a defensa celeste, e pasou a Bojan que xutou raso un balón que o noso Sergio desviou in extremis.

O Celta respondeu no trinta e tres cunha xogada de Pione Sisto de moitos quilates que despois de enguedellar ao seu defensor conseguiu centrar para que na área pequena aparecese entre os defensas a cabeza de Maxi Gómez que coou o balón entre as pernas de Pacheco. Un maxigol que con apenas tres partidos de liga confirma ao dianteiro centro charrúa como un pichichi indiscutible. Coa táboa de marcas por diante, o Celta gozou dos seus mellores minutos, mais non foi capaz de pechar o partido. Puido facelo Jozabed cabezando un centro de Mallo e, sobre do, estivo nas biqueiras de Iago Aspas que no corenta, tras combinar tamén co dragón de Marín, na área pequena non acertou coa puntería.

Abriuse o segundo acto con novas tentativas do Celta para pechar o partido, mais foi unha angueira con escasa fortuna. No sesenta e sete o noso admirado Daniel Wass xutou dende na frontal dende polo menos vinte e tantos metros unha bolea que petou na madeira, un xute extraordinario que merecía gol. Maxi disparou até en dúas ocasións os seus cacheiróns, mais non conseguiu tampouco superar a Pacheco. E mesmo Aspas foi, probablemente, derrubado na área por Pedraza, xogada pola que o internacional de Moaña recibiu un cartón amarelo, a todas luces inxusto. O partido foi esvarando así nunha derradeira fase de incerteza na que os vascos semellaban queren dar un paso adiante procurando a igualada, mais faltoulles a determinación necesaria. Desta volta o cadro de Unzué mantivo a intensidade na presión e soubo defender este maxigol decisivo que pecha moitos medos e abre algunhas esperanzas para esta tempada.

O que vimos de fichaxes como as de Maxi Gómez e Lobotka é máis que prometedor, sendo xa figuras emerxentes da Liga. Como tamén o é o feito de que Iago Aspas asuma o liderado indiscutible do equipo cun desempeño que vai moito máis alá da súa posición na banda. Como o debut de Emre Mor, case co encontro vencido, abre expectativas sobre as posibilidades de quen se presenta como artistiña do caneo. Razóns para volver con ilusión ao Campo do Fragoso non nos van faltar.

Vimos onte algunhas trazas ilusionantes do Celta de Unzué. Fronte ao poderoso Bayer Leverkusen, un cadro da pasada Champions League, amosou contar cunha formidable pegada atacante e unha preocupante febleza defensiva. Sabendo que o cadro está en probas, quedámonos, non obstante, co primeiro gol de Guidetti, unha marabilla de xogo combinativo nacida nunha recuperación de Pampín (un prometedor canteirán) na área propia que xerou un contraataque resolto con nove toques, sete deles directos, e finalizado por un envío interior de Wass e un remate do dianteiro sueco moi bos. Unha xogada de manual! Como tamén foron excelentes goles, o segundo, no que Guidetti pillou as costas á defensa alemá, aproveitando unha gran asistencia de Beauvue, e, sobre todo, o terceiro, un remate letal do charrúa Maxi Gómez na área pequena, tras unha xogada sensacional de Pione que despois de sentar ao seu marcador centrou dende a esquerda. Polo que vimos onte, o Celta de Unzué defende en zona, presiona moi arriba e non renuncia a sacar a bóla xogada, o que constitúe unha importante diferencia con respecto ao sistema de Berizzo, o que obriga a reaxustar hábitos e rotinas. Descoñecemos como se comportará cando teña a obriga de levar toda a iniciativa en Balaídos e conte cos efectivos definitivos (non descataría o traspaso neste agosto dalgúns dos xogadores clave). En todo caso, esta estrea alemá do Celta de Unzué foi prometedora.

Campo do Fragoso CXCIX

bretemas —  22 de Maio de 2017 — Deixa un comentario

Toto_despedida_21-05-2017GRAZAS, BERIZZO

O derradeiro partido do campionato estivo tinguido polos agarimos e saudades que Eduardo Berizzo recibiu de toda a bancada de Balaídos que, nalgún momento, se mesturaron con apupos a Carlos Mouriño, recriminándolle ao presidente o tremendo erro de acabar co ciclo do Toto xusto na tempada histórica na que o Celta cos vimbios moi xustos acadou dúas medias finais, unha delas europea, e o equipo madurou no seu xogo colectivo.

Unha decisión traumática de prescindir dun dos activos máis valiosos, respectados e queridos do club, un técnico capaz de identificar os soños da afección coa dinámica do seu equipo, dificilmente aceptable para o celtismo, e que, sen embargo, se pode entender pola determinación de quen se sabe dono do club de impoñer o seu criterio e rendabilizar a súa propiedade.

Gratitudes ao Toto expresadas tamén na lameira do Fragoso polo cadro dos seus xogadores, que competiron con afouteza e dignidade do primeiro ao derradeiro minuto do desconto fronte a un rival necesitado, que precisaba canto menos dun empate para asegurar matematicamente a súa clasificación europea. Custoulle a Real Sociedade máis de vinte minutos saír do seu espazo, diante dun Celta moi decidido que entraba pola bandas con Pione Sisto e Iago Aspas moi activos. Mágoa de oportunidades estragadas por Wass, que non acertou a aproveitar unha culleriña ofrecida por Pione ou dun caneo que lle quedou longo a Iago cando se quedaba só.

Xaora, a primeira grande oportunidade do encontro foi para o cadro de Eusebio no 25 de xogo, unha cabezada de William José que nunha incrible parada acrobática Sergio despexou de biqueira. Paradón repetido nun xutazo de Vela, que recuncou cun rexeite velenoso salvado a porta baleira por Jonny, como faría despois Cabral a outro pexegazo de Oyarzabal, nos mellores minutos dos visitantes no primeiro tempo.

Coa incorporación de Jozabed, que substituíu a Guidetti, ao comezo do segundo acto, o Celta gañou en circulación e capacidade de crear espazos. Nunha gran xogada do activísimo príncipe de Moaña, Jozabed rematou sobre o pau, o que puido ser o primeiro gol dos nosos. Chegou, en todo caso, pouco despois, tras un claro penalti sobre Iago que el mesmo transformou de forma moi segura, acadando así os 19 caroliños en liga, 26 en toda a tempada, cifras extraordinarias para a nosa figura.

Co Celta por diante na táboa de marcas, os donostiarras, que nese momento estaban fora de Europa, empurraron até que no 81 conseguiron o empate, tras un desequilibrio defensivo do Celta, grazas a un xute raso de Oyarzabal, que celebrou chorando un gol que valía unha tempada. Porén, os de Berizzo, que nunca se dobregan, asumiron con exemplar dignidade o tempo de xogo que restaba como a derradeira oportunidade de volver homenaxear ao seu adestrador, como fixera Aspas cando transformou o penalti. E para abraio de todos, cando xa se cumprira o tempo de xogo, tras unha excelente condución de Fontás, Hjusalger inventouse unha remontada pola banda rematada cun cacheirón tremendo que se coou pola mesma escuadra. Xaora, como aconteceu outras veces no tempo de Berizzo, a ledicia moi pouco durou para os nosos. Rematando o tempo de desconto, Cabral agasallou aos txuri-urdin, que tampouco baixaron os brazos no seu empeño, cun saque de recanto que despois sería cabezado por Juanmi as redes. Un final emocionantísimo para un gran tempada de ambos os dous cadros.

Lembraremos sempre a emotiva despedida de Berizzo e do seu cadro técnico na lameira de Balaídos. Marchaba o que probablemente foi o mellor adestrador celeste da nosa historia recente, capaz de ofrecer o suplemento de competividade e ilusión que permitía ao celtismo continuar aspirando a prenderse no corno da lúa dun título. Grazas, Berizzo. Até sempre, mestre!

Campo do Fragoso CXCVIII

bretemas —  18 de Maio de 2017 — Deixa un comentario

ORGULLOSOS

Celta_Madrid_17-05-2017Tras o extraordinario exercicio de afouteza de Old Trafford, onde só nos faltaron uns segundos para prendernos do corno da lúa dunha final europea, o serán do Celta no Día das Letras Galegas en Balaídos fronte a un necesitadísimo Real Madrid foi un exercicio de dignidade e de orgullo do noso. Acertou o club cando celebrou a efeméride literaria lembrando no momento de dar as aliñacións a un cadro selecto de escritores e escritoras galegas (un xesto memorable) e cantando o himno galego ao inicio do partido, un momento moi emocionante que magoadamente non foi respectado pola estrondosa afección madridista. Como acertou Berizzo en propoñerlle a Zidane un partido aberto co seu cadro máis ofensivo, abrindo toda a lameira polas bandas, o que dende o comezo abriu moitos espazos e permitiu as chegadas a unha e a outra portaría.

O Celta saíu a morder, disposto a dar, por fin, unha satisfacción a súa bancada despois de moitas derrotas nesta segunda volta, que afean na táboa clasificatoria a que é unha das mellores tempadas desde comezo de século. Apretou a saída do balón, procurando a velocidade e o desborde Aspas, que aos dous minutos xa encarou a porta de Keylor Navas. Unha estratexia moi semellante á do Real que, cando non pasaban os dez minutos, deu a primeira dentellada cun xutazo letal de Cristiano dende a frontal, finalizando unha xogada iniciada por un pase longo de Marcelo sobre Isco, a quen Roncaglia non puido parar. Un gol temperán que non modificou apenas a estratexia dos celestes que continuaron combinando de forma paciente coa intención de atopar un furado no valo construído por un Madrid un chisco apático. Atopouno Wass no tiro formidable dunha falta que Keylor despexou, nunha intervención salvadora para o seu equipo.

O cuarto de hora final da primeira parte foi un monólogo atacante celeste, grazas ás continúas recuperacións da primeira liña. A trepia dianteira tivo oportunidades claras de conseguir o empate, pero nin Guidetti nin Pione semellaban onte contar coa lucidez necesaria para facelo. Na primeira xogada da renaudación o nove sueco volveu errar, mais na xogada de volta repetiuse o guión da primeira parte, o lateral, neste caso Danilo, recuperou e lanzou sobre Isco que guiou a contra para que Cristiano volvese marcar con autoridade. Un gol que semellaba liquidar o partido. Porén, os nosos non se deron por vencidos e botaron man das doses de reserva dos seus depósitos de afouteza para volver ao ataque e acurrular ao Madrid diante de Keylor.

E nesas apareceu o árbitro Martínez Manuera poñendo orde diante de semellante impertinencia céltica. Non lle tremeu a man para botar a Aspas por dobre amoestación, cando Ramos lle fixo un claro penalti non sinalado e na primeira protestara unha man existente de Varane. Un auténtico escándalo, que arruinou as posibilidades de remontada, incrementado cando na seguinte xogada Cristiano tamén pediu penalti, pero o galáctico non foi amoestado, demostrando que o árbitro empregaba dúas varas moi diferentes de medir o mesmo caso. Aínda sí, sen o mellor dos nosos na lameira, Guidetti marcou un gol de pura rabia, tras unha gran xogada anterior onde Wass, só preto da área pequena, xutou sobre un Keylor, moi acertado. Ilusión que durou apenas un minuto, cando Benzema marcou tras un gran pase longo de Marcelo.

Non se dobregou tampouco o Celta diante desta nova adversidade nun encomiable exercicio de deportividade. Xaora, nos dez minutos finais, o partido esvarou polos territorios da tangana, consentida por Manuera, onde Sergio Ramos, moi apupado pola bancada celeste, non perdeu oportunidade de ter o seu penoso protagonismo. Un partido decisivo para os visitantes que constituíu un exercicio de dignidade para os do Toto, o auténtico heroe desta tempada, cuxo nome foi coreado ao remate pola bancada: Berizzo, quédate!!!