Pinceladas do esquecemento

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á exposición de Elina Molins e Blanca Chao comisariada por José Luís Mateo:

Hai xa doce anos que no Pazo Arias Taboada, a edificación de traza barroca (século XVII) máis antiga do Casco Vello alto, se instalou a Pinacoteca Francisco Fernández del Riego. Ideada como espazo para amosar por medio de exposicións temporais a ampla colección de arte galega do Museo Quiñones de León, na pinacoteca municipal se viñeron ofrecendo exposicións monográficas como as recentes «Francisco Fernández del Riego e a arte galega», comisariada por Beatriz Liz de Cea, e «Pinceladas do esquecemento» sobre as pintoras viguesas de finais do século XIX Elina Molins Fernández (1875-1956) e Blanca Chao Sedano (1871-1948), comisariada por José Luis Mateo. Dúas importantes mostras, froito dun excelente traballo de investigación de cadanseu comisariado, que permite un achegamento novidoso á biografía intelectual de don Paco del Riego e a súa relación coa arte galega, como a recuperación da obra e da memoria de dúas pintoras viguesas pioneiras esquecidas. Traballos expositivos encomiables ambos os dous, tanto pola calidade dos fondos expostos como polo coidadoso enfoque didáctico e atractiva presentación, que contribúen a poñer en valor un museo municipal que a pesar do seu emprazamento céntrico e interesante colección continúa sendo insuficientemente coñecido pola veciñanza e visitantes curiosos.

Particular interese ten a ollada de arcea que José Luis Mateo –membro do Instituto de Estudios Vigueses, incansable esculcador na historia da arte viguesa e na súa dimensión social e comunitaria– deita sobre aquel inquedo Vigo de finais do XIX, ao fío das vidas destas dúas pintoras curmás de familias burguesas viguesas, capaces de mover moitos marcos, cando as mulleres artistas eran invisibles e continuaban excluídas do relato da historia da arte. A exposición de Mateo tira do fío da biografía destas mozas dende o seu período formativo no estranxeiro (Elina en Londres, Blanca en Nova York) en idiomas, música, debuxo e pintura, até a influencia recibida en Madrid dos seus mestres Maximino Peña e o sevillano José García y Ramos e dos pintores relacionadas coas súas familias, os irmáns Serafín e Teodomiro Avendaño e Francisco Pradilla, o director do Museo do Prado, casado coa viguesa Dolores González Villar, todos eles situados na elite da pintura do seu tempo. Un fío que tira tamén do relato da familia Chao Fernández, a dos fundadores de La Oliva, familia de ideais progresistas, xa que Blanca era filla do editor e xornalista Alejandro Chao e de Josefa Sedano, mentres Elina era filla do comerciante Pedro Molins Pascual e de Emma Fernández Chao.

Da vida de Elina Molins tiñamos apenas as noticias achegadas por Gerardo Martín no seu Diccionario de vigueses. 1875-1945 (Deputación de Pontevedra 2016), no que salienta fora premiada na Exposición Rexional de 1896 celebrada en Lugo e doara en 1897 un dos seus cadros, premiado na Exposición Nacional de Belas Artes de Madrid, como a súa contribución á homenaxe de Vigo a Concepción Arenal. Casada en 1899 co industrial Ramón Menacho Miranda, propietario do chalé La Chicharra de Rande, Elina expuxo os seus cadros en varias ocasións en diversos comercios vigueses, entre outros, na libraría de Eugenio Krapf en Policarpo Sanz 17, ou na tenda de vestiario La Villa de París da Porta do Sol, polos que semella recibiu moitos parabéns. Escasas noticias ás que o comisario engade o artigo da revista Galicia Moderna, editada en Pontevedra no mes de xullo de 1897, na que se publicou un retrato dela e dúas das súas obras, ademais dun texto de Víctor Said Armesto no que gaba a pintora viguesa polo seu «alento varonil». En todo caso, polos datos dispoñibles, foi a de Elina e Blanca unha obra artística que, a pesar do seu grande interese, desenvolveuse dentro do ámbito case privado, nos círculos familiares e amicais vigueses, sen chegar a profesionalizarse, permanecendo inxustamente esquecida.

Igual que outras pintoras galegas da súa época das que se expón algunha peza, como Elvira Santiso, Alejandra Murguía de Castro, Dolores Nine, Elisa Valcárcel ou Emilia Pérez Trigo, Elina e Blanca desenvolveron a súa obra no ámbito da temática doméstica centrándose na pintura de flores, naturezas mortas e algúns retratos familiares ou de animais. Secasí destaca pola súa beleza contida a «Cabeza de aldeá» (1893) de Elina Molins, un retrato en óleo que serve de icona para a exposición, así como o «Patou» (1897) de Blanca Chao, o retrato en óleo dun can en primeiro plano, así como algunha paisaxe e escena de exteriores, como «Nas rochas de Baiona» (Ca. 1900-10), unha augada na que representa unha escena elegante en días de veraneo. Cadros potentes que amosan as dificultades que deberon afrontar estas dúas artistas pioneiras, para as que se reclama sexan incorporadas á historia da arte galega.

 

Kruckenberg poeta viguesa

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á exposición sobre María do Carme Kruckenberg:

A exposición «María do Carme Kruckenberg. Vivir unha aventura irrepetible», proxecto da Fundación Penzol e da Deputación de Pontevedra, instalada na sala Rosalía da sede viguesa da institución provincial na rúa Chao, percorre a traxectoria dunha das intelectuais viguesas máis destacadas do século XX, poeta que nos difíciles anos de posguerra adscribiuse á resistencia cultural sementando coa súa concepción de Vigo e da ría como epicentro vital e literario e co seu activismo poético gromos do actual Vigo literario. Comisariada pola profesora Mercedes Queixas, tamén a biógrafa de referencia da autora viguesa, utilizando os recursos gráficos dunha ducia de paneis informativos, de oito mesas documentais e dun audiovisual,  a mostra presenta a peripecia biográfica e autoral de María do Carme Kruckenberg Sanjurjo (MCK), dende o seu nacemento o 3 de xuño de 1926, no primeiro piso da casa Müdler da rúa Montero Ríos, deseñada polo arquitecto Manuel Gómez Román en 1907, até o seu pasamento, tamén en Vigo, o 16 de maio de 2015.

Un percorrido que salienta a súa formación políglota autodidacta nos anos de entusiasmo da República, a súa educación para a liberdade e  a súa formación como lectora na ampla biblioteca familiar, as súas viaxes por diversos países europeos, con preferencia por Portugal, nas súas estadías estivais e como acubillo protector en 1936, a súa participación nas tertulias da taberna Alameda, onde coincidiu con pintores como Laxeiro e Carlos Maside ou poetas como Celso Emilio Ferreiro ou os irmáns Álvarez Blázquez. Non se esquece a súa estadía en Bos Aires entre 1949-1953, onde mantivo dúas conversas inesquecibles con Castelao, nin o seu decisivo regreso coa súa filla, tras a súa separación, elixindo o camiño das mulleres soas, para establecerse outra vez en Vigo no «edificio da Peineta» (1926), entre Lepanto e Urzaiz, deseñado por Jenaro de la Fuente, e recuperar as súas amizades literarias e artísticas do Café Derby, cando a presenza das mulleres nestes encontros era moi minoritaria se a comparamos coa que vivira en América.

De excelente presentación e espírito divulgador, a exposición presenta, ademais, o compromiso creativo e vital que mantivo ao longo de décadas coas diversas expresións das artes, como a pintura, a música e a interpretación. Con todo, o desenvolvemento da súa ampla obra poética (vinte libros de poemas en galego e dez en castelán) constitúe a cerna expositiva, deténdose en títulos esenciais deste catálogo. Cantigas do vento (1956), escrito con apenas 19 anos e publicado na colección Alba de Alberto González Alegre, sendo o seu primeiro en galego, o que cada vez sería máis frecuente até convertelo en idioma vehicular na década de 1980. A sombra ergueita (Edicións Castrelos, 1976), libro ilustrado polo seu amigo Laxeiro, aínda que o editor só empregou o debuxo que aparece na cuberta, non puido ser publicado até dar superada a censura, para Ferrín «o seu libro máis valente, mesmo ousado, rotundo e vivo», inscrito na longa tradición do lirismo radical.

MCK fixo de Vigo o seu lugar no mundo, o espazo onde sempre desexou tornar lizgaira, o que expresou cun verso memorable, ben presente na mostra: «A onde fun, tornei a Vigo». Un compromiso coa cidade que salientou nun histórico recital de poesía promovido e coordinado por ela, o 18 de marzo de 1988 no Centro Cultural da Caixa de Aforros de Vigo, convocado baixo o título «Os poetas de Vigo cantan en homenaxe a súa cidade». Un serán literario concibido como un recital de masas no que María Xosé Queizán e Maximino Keyzán, acompañados da música e guitarra de Xesús Elías Quiroga, recitaron aos poetas históricos, Blanca Lorenzo e Miguel Anxo Murado puxeron a nota musical, para rematar coas intervencións do que Chuchi, como a chamaban as amizades, cualificou como o conxunto poético máis brillante da historia da cidade de Vigo formado por Ferrín, Pepe Cáccamo, Luz Pozo, Xabier R. Baixeras, Manuel Vilanova, Ramiro Fonte, Forcadela, Alonso Fontán, Xela Arias, Román Raña, Luis González Tosar, Paulino Vázquez, Reixa e a propia Kruckenberg.

Para aquela homenaxe ao Vigo poético, que se anticipaba tres décadas ao actual Vigo literario (mellor ca Vigo noir), Kruckenberg apelaba a que «os vigueses teñen a obrigación de coñecer aos seus traballadores da beleza, aos seus soñeiros de imposibles, aos seus malabaristas da palabra, aos que dalgún xeito tratan de conservar a flor dorida do espírito desta terra». Unha fermosa alegación a prol da poesía como a voz máis pura dunha cidade fundada polos autores das súas primeiras cantigas. Unha mostra máis do seu carácter transgresor e dunha personalidade forte que soubo facerlle fronte á independencia que quixo como norte da súa vida. Recomendo a visita a esta mostra que recupera o seu legado.

Leiro no Marco

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á exposición do Leiro antropomórfico instalada no Marco:

Na madrugada do 7 de novembro de 1991 colocáronse as catro toneladas de peso do Sireno sobre dúas columnas de granito negro de 12 metros de altura. Dende entón a escultura deste home-peixe creada por Francisco Leiro (Cambados 1957) preside a Porta do Sol, un espazo sagrado para a cidadanía viguesa, converténdose nunha das iconas da cidade, probablemente tamén a que mellor representa o Vigo de fin do século XX daquelas catro grandes pezas encargadas nun exercicio político de grandilocuencia por Manoel Soto, alcalde de Vigo de 1979 a 1992, coa intención de modernizar e transformar puntos nodais do espazo público: os cabalos de Juan Oliveira na Praza de España, a Porta do Atlántico de Silverio Rivas na Praza de América e o Monumento ao traballo (popularmente «Os redeiros») de Ramón Conde na encrucillada de Urzáiz coa Gran Vía.

Un Sireno que o escultor cambadés, entón residente en Nova York, concibiu en altura a partir do encargo de Soto e do seu concelleiro Francisco Santomé, que lle solicitaran unha escultura metálica para unha fonte de 12 metros de diámetro e outras tres illas máis pequenas, unha solución creativa alternativa que confesou ideara pensando na cabeza do león alado da praza de San Marcos en Venecia. E así foi como a partir da figura clásica do Tritón, un centauro de mar, coa parte superior dun corpo de home e a  inferior dun golfiño, Leiro desenvolveu unha peza de aceiro inoxidable puído de sete metros de lonxitude de rostro humano e corpo mariño, dotada de aletas cubertas de escamas brillantes, que cando a contemplamos non sabemos se voa ou nada. Unha figura coa que o arousán pretendía representar o vínculo permanente de Vigo co mar, dende as primeiras factorías de salgadura romanas e as cantigas de Martín Códax, pasando polas primeiras instalacións de conserva no Areal e as escalas dos transatlánticos nos que embarcaron milleiros de emigrantes, até a cidade portuaria actual, coa súa industria pesqueira, naval e automobilística de Berbés a Bouzas.

Unha escultura antropomorfa que Leiro chamaba «Home-peixe», mais que sería bautizada de forma casual polo concelleiro Santomé nunha roda de prensa na que pretendía explicar o proxecto e acabou dicindo que o que preparaba Leiro para a Porta do Sol era «un sireno». E a verdade é que o traspés do edil foi tan afortunado que superou ao nome previsto polo artista. Sireno foi un nome capaz de recoller as intencións do creador de converter a esta figura híbrida, metade humana e metade animal, nun ser mitolóxico único e orixinal que posuíse os principais trazos do carácter da cidade. Como co tempo, pasada a polémica inicial, Sireno foi un nome suficientemente orixinal e provocativo para representar a capacidade da estatua para imantar a propia praza e dialogar cos seus edificios máis emblemáticos, o Simeón do arquitecto galeguista Manuel Gómez Román, o Galoya do madrileño Romualdo Madariaga e o Hotel Moderno do polaco vigués Michel Pacewicz, sen menoscabo da súa ollada melancólica contemplando a propia ría de Carral á Laxe.

Case tres décadas despois de instalar as pezas do seu Nadador na Laxe e nos xardíns da Estrela, Francisco Leiro volve a Vigo cunha grande mostra no Marco comisariada por Miguel Fernández-Cid, tamén director do museo vigués de arte contemporánea. Unha exposición de produción propia centrada no Leiro antropomórfico (1986-2022), na que sen constituír unha retrospectiva e renunciando a unha presentación cronolóxica, reúne dende pezas de hai máis de tres décadas até algunhas de nova produción concibidas para ser instaladas nas salas da planta baixa do museo de Príncipe. Esculturas de granito, bronce e madeira e de moi distintos tamaños nas que como sucedera co Sireno o artista outorga calidades o trazos humanos a animais e obxectos. Unha mostra impactante polo xogo de escalas que se propón en cada unha das salas, nas que se dispoñen series de pezas como Escorredoiras (2021), Pavitas (1992-1999), Ceboliños (2019), Androias (1998) ou a recentísima Agrelados (2022), así como estimulante para o visitante pola variedade de temáticas, rexistros e materiais.

Sorprende a capacidade do cambadés para reinterpretar, como xa fixera no Sireno ou en pezas como Pájaras (1987), a mitoloxía clásica e a popular, sexa galega ou da tradición azteca. Como asombra a súa capacidade para ocupar os espazos expositivos con pezas de diversas escalas, sexan as enormes como Dama de Navalcarnero (2006), instalada na galería panóptico, ou os impoñentes Lacazán (2002), Winter (2021) e O home de pau (2021), até as máis pequenas e delicadas de menos dun metro de altura, como as memorables Danzantes (2020), Mameluco (2019), Escarranchada II (2019) ou Revirosa (2019). Recomendo vivamente a visita e parabenizo ao artista e comisario por tan magnífica mostra.

O Vigo de Palacios

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao Plan Palacios (1932):

Na magnífica exposición sobre Antonio Palacios no Museo do Mar de Alcabre enfeitiza a atención da visitante a maqueta realizada polo alumnado do IES Politécnico que plasma en tres dimensións o «Plan de extensión e reforma interior da cidade de Vigo» presentado á corporación en decembro de 1932 polo arquitecto porriñés. Substituíndo a aqueloutra de escaiola preparada no estudio vigués de Palacios para acompañar ás explicacións públicas do plan ao longo do ano 1934, esta nova maqueta de 4 m x 2,6 m realizada coas técnicas actuais da impresión dixital permite coñecer con todo detalle o deseño daquel Vigo de Palacios ideado para o seu desenvolvemento urbano deica o ano 2100. Un Vigo artellado sobre a medula espinal da rúa Galicia, que unía o monte do Castro coa Laxe, e sobre o despregue de dúas grandes avenidas, a Gran Vía Atlántica paralela á ría e a Gran Vía Cornixa, arredor do Castro, que conecta Teis con Samil, coas que conflúe en cota intermedia a Vía Céltica e transversalmente a Vía Alba, a Vía Sárdoma e a Gran Vía Erizana.

Un Vigo que Palacios deseñou como unha peza artística e funcional a un tempo, cunha silueta urbana identificable dende o mar, na que segundo o profesor de Historia da Arte da USC Jesús Sánchez García, comisario da mostra do Museo do Mar, utilizou solucións ensaiadas noutras cidades deseñadas por arquitectos formados na École des Beaux Arts de París, como o novo Guayaquil (1907) ou Tesalónica (1918), que trataron tamén a estas cidades como creacións orixinais, obras únicas e irrepetibles. Un Vigo soñado por Palacios no contexto da crise dos anos vinte e do caos urbanístico vigués, nunha cidade extendida sobre a ría de pouco máis de 65.000 mil habitantes (1930), tras a anexión de Bouzas (1904), que carecía dun planeamento que ordenase e controlase de forma unitaria e global o seu crecemento. Un Vigo radicalmente novo que para Xosé Manuel Souto González, historiador e membro do Instituto de Estudios Vigueses, constituía a resposta aos desexos da burguesía viguesa de facer a grande cidade do Atlántico, proxecto que Palacios identifica como a Barcelona atlántica que no ano 2000 superaría os 600.000 habitantes.

Unha cidade central monumental concibida como corazón dunha acrópole artellada en socalcos sobre a rúa Galicia, onde conflúen todas as vías, ao xeito dun formidable anfiteatro sobre a ría, que acada a súa cota no monte do Castro, onde se instalaría o Gran Palacio rexional con cúpula para planetario, o que supón que para Palacios Vigo sería a sede das institucións galegas. Unha cidade que no andar intermedio, ao nivel do castelo de San Sebastián e o Campo de Granada, instala a súa nova casa do concello, os xulgados, os museos, a biblioteca e dous grandes hoteis, deixando o nivel inferior para as sedes de oficinas industriais e de comercio e para unha pasaxe comercial, que bautiza como «Invernia». Unha cidade zonificada ao xeito de Le Corbusier en tres grandes áreas (marítima, interior e exterior) concibida como cidade xardín estendida sobre o Val do Fragoso e como cidade imán que organiza o territorio metropolitano de até máis de vinte núcleos satélites. Cidade portuaria na que Palacios contempla os espazos industriais (detrás da Guía), a estación marítima, os peiraos pesqueiros e até unha zona balnearia en Samil. Como tampouco esquece propoñer para solucionar a accidentada topografía viguesa un sistema radial no que se utilicen varios medios de transporte, dende estrada a ferrocarril, sen esquecer liñas de trolebuses, as conexións das embarcacións de ría, liñas de metro soterradas do porto ao Castro e de Urzaiz a Samil, ao emprego de funiculares, teleféricos e elevadores ou dun heliporto na estación do ferrocarril.

O arrasamento de boa parte do tecido urbano ao que obrigaba abrir a rúa Galicia foi o principal argumento para deixar o proxecto de Palacios sen efecto, tras unha dura polémica que o enfrontou con outros arquitectos vigueses do seu tempo como Manuel Gómez Román e Jenaro de la Fuente (fillo). De pouco serviu o seu argumento de artellar un  burgo arqueolóxico en Castrelos, na contorna da igrexa románica, un espazo onde se puidesen trasladar casas históricas e vivendas populares da zona vella, incluídas as asoportaladas dos barrios mariñeiros do Berbés e do Areal.

A arquitecta Alba Estévez Caldas, no seu magnífico traballo fin de grao sobre o Plan Palacios (2021), identifica solucións das contempladas polo porriñés que manteñen a súa vixencia, dende a edificación de mazás abertas e zonas verdes, á apertura de avenidas con bulevar francés, até o modelo transporte intermodal e a zonificación metropolitana. Benvidas tanto a recuperación da maqueta palaciana como estas novas lecturas da obra dun arquitecto xenial que soñou o futuro de Vigo como cidade atlántica.

A mostra do arquitecto Palacios

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á exposición sobre o arquitecto Antonio Palacios instalada no Museo do Mar en Alcabre:

No panorama expositivo vigués deste nadal, ademais das mostras pictóricas de Lodeiro na Fundación Laxeiro e de Manuel Quintana Martelo no Marco, destaca a dedicada ao arquitecto Antonio Palacios Ramilo instalada na sala de exposicións temporais do Museo do Mar de Galicia da Xunta de Galicia. Baixo o título «Antonio Palacios. Soños de Modernidade. Compromiso con Galicia», a exposición da que é comisario o profesor de Historia da Arte da USC Jesús Ángel Sánchez García presenta unha escolma razoada da obra do arquitecto porriñés dende a dupla ollada da súa implicación en diferentes frontes de modernización e do seu compromiso coas raíces e as manifestacións culturais de Galicia. Máis de duascentas pezas que sen afán de exhaustividade permiten un percorrido polo amplísimo legado palaciano dende as primeiras obras na súa vila natal (1904), a Fonte do Cristo e as escolas da Fundación Fernández Areal, até as que continuou en Madrid, a cidade onde deixou unha obra máis numerosa e fixou a súa residencia habitual, tamén na que gañou éxitos e recoñecementos polas seus grandes edificios públicos e industriais, como o Palacio de Correos e Telégrafos de Cibeles, o Banco do Río da Prata ou o Círculo de Bellas Artes, e polas obras de infraestrutura comezadas hai un século como as do Metro.

Mostra que, ademais, amosa o vínculo de Palacios coa renovación artística galega e presenta algunhas das súas máis destacadas obras arquitectónicas e proxectos urbanísticos en Galicia (Vigo, Compostela, Ourense, Vilagarcía…), onde sempre mantivo chantado un alicerce dende o seu estudio vigués, quizais a cerna desta excelente exposición, concibida tamén como homenaxe no setenta e cinco aniversario do seu pasamento. Ollada cara á cultura, a arte e ás tradicións construtivas galegas estudada polo profesor José Ramón Iglesias Veiga, o primeiro e máis concienciudo investigador da obra de Palacios, desaparecido hai un ano, que salienta tanto o interese das súas incursións como pintor e ceramista como o compromiso de Palacios coa organización das exposicións de arte galega no Centro Galego de Madrid. Tarefa de divulgación do patrimonio galego e da nosa arquitectura histórica asumida por Palacios nas súas célebres conferencias como as que ditou en Vigo no Círculo Mercantil o 9 de abril de 1930 sobre a casa popular galega, onde foi presentado por Castelao, ou en novembro de 1931, na sociedade La Oliva, sobre as tres igrexas románicas viguesas. Tarefa didáctica asumida tamén nos artigos publicados en Vida Gallega, Faro de Vigo ou El Pueblo Gallego onde con espírito literario presentou as pezas da arqueoloxía megalítica da contorna viguesa.

Na exposición ten relevo de seu a obra de Palacios no Vigo metropolitano, dende as tres grandes pezas viguesas, o Teatro García Barbón (1913-1926), construído co granito branco das canteiras de Castrelos, o edificio da Banca Viñas Aranda (1941) de Marqués de Valadares e o inconcluso mosteiro das Salesas Reais (1941) no barrio da Calzada, até o conxunto das edificacións no Balneario histórico de Mondariz, o Templo Votivo do Mar en Panxón (1932-1937), a escultura monumental da Virxe da Rocha en Baiona (1910-1930), con certo paralelismo á estatua da Liberdade que manda no porto de Nova York, a casa para Sileno (1920) na praia de Lourido, o chalé de Celso Méndez (1932) en Panxón, a Botica nova do Porriño ou a extraordinaria casa do concello do Porriño (1918), aclamada polo poeta Ramón Cabanillas como «unha obra que marcará, por sempre, o comezo do noso rexurdimento artístico».

No entanto, é a extraordinaria Maqueta do plan de Vigo, recuperada en 3D polo CIAG e o alumnado de Fabricación Mecánica do IES Politécnico de Vigo, tras a desaparición hai vinte anos da orixinal en escaiola que acompañou a exposición pública en 1932, a peza central da mostra. Recuperación dunha peza histórica, merecedora de ser conservada no museo da cidade, que concreta as liñas xerais imaxinadas por Palacios ao gusto dos arquitectos de cidades Beaux-Arts para o desenvolvemento urbanístico de Vigo: primeiro en 1908, con motivo da Exposición de Industrias do Mar; despois nas conferencias que ditou en La Oliva en 1919, onde as preexistencias construídas no centro histórico e na ribeira do Berbés apenas tiñan valor; e por último recollidas na zonificación urbana proposta no Proxecto de Ensanche e Reforma Interior da Cidade de Vigo, aprobado pola alcaldía en xaneiro de 1934 e finalmente desbotado en 1937 pola corporación sublevada.

Unha exposición valiosa que reivindica o legado dunha das figuras claves da Galicia da primeira metade do século XX ao tempo que reabre o debate sobre o futuro urbanístico desa cidade metropolitana que quixo ser a Barcelona Atlántica. Visita máis que recomendable ao fermoso museo de Alcabre.

Xeografías de Javier Teniente

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á exposición do  fotoxornalista Javier Teniente na Casa das Artes:

O pasado domingo pechou na Casa das Artes «Javier Teniente. Unha xeografía atormentada», exposición na que o fotógrafo vigués, que iniciou a súa carreira en «Faro de Vigo» e «Atlántico diario», reuniu 180 fotografías entre os milleiros que tirou nas viaxes que dun extremo ao outro do planeta realizou nos últimos vinte e cinco anos. Comisariada por Jorge Lens, fotógrafo e profesor da Universidade de Vigo, a mostra de coidada presentación reúne unha ducia e media de reportaxes que como fotógrafo documental Teniente realizou en contornas de conflito, fosen guerras, éxodos ou desastres naturais, dende a primeira en Mauritania en 1998 cun contrato de Médicos sen fronteiras, que iniciou a súa colaboración con outras organizacións humanitarias internacionais como Médicos do mundo e Acción contra a fame. Sen ánimo de constituírse en retrospectiva, esta mostra moi completa ofrece tanto pezas de arquivo inéditas como outras publicadas en xornais e revistas nacionais e internacionais polas que o fotoxornalista vigués recibiu importantes recoñecementos como o Premio Internacional Luis Valtueña de Fotografía Humanitaria  en dúas ocasións (2003 e 2005),  o Premio Galicia de Comunicación en 2004 ou unha Mención Especial nos Premios Ortega e Gasset de xornalismo de 2006.

Teniente convida a empregar unha ollada reflexiva sobre cada unha das súas reportaxes, localizadas apenas cunha marca no planisferio e contextualizadas cunha breves liñas tiradas dos seus cadernos de viaxe. Seguindo os fíos cronolóxico e temático (como mellor conveña aos espazos expositivos) e fuxindo dunha ollada paternalista (eurocentrista) na abordaxe da pobreza e da dor, cada visitante pode reconstruír o relato das viaxes africanas do noso fotoxornalista. Saberá da vida e da morte no hospital Sabah de Nouakchott (1998),  onde os doentes acoden a morrer acompañados só polos seus familiares que contemplan desesperanzados o que lles queda de vida. Coñecerá a precariedade de hospitais como o Oldeani de Tanzania (2001), o noxento comercio sexual en Senegal (2005) ou os efectos do ciclón Eline que en 2000 agravaron a crítica situación de Mozambique. Como extraordinarias son as reportaxes en Honduras (1998), Ecuador (2002), Nicaragua (2004), República Dominicana (2004) e, sobre todo, en Haití (2004), durante os días posteriores á sublevación contra o presidente Aristide, no que morreu o seu compañeiro Ricardo Ortega, a quen o noso correspondente acompañaba aqueles días dramáticos.

Particular centralidade tivo na exposición da Casa das Artes a reportaxe sobre a Guerra de Iraq (2003), unha síntese da máis ampla recollida no libro Iraq. Días de posguerra (Xerais 2003), prologado por David Beriain (xornalista de guerra asasinado esta primavera en Burina Faso), froito das viaxes do noso reporteiro ao Iraq ocupado. Pezas que probablemente recollen mellor ca ningunhas outras a concepción humanista dun fotoxornalista como Teniente, que no epicentro dos conflitos armados prefire buscar a ollada das vítimas nos hospitais de Bagdag, onde se realizaban operacións a vida ou morte en inmundas salas de quirófano, ou entre os nenos e nenas que inventaban as súas vidas entre os cascallos alleos aos estoupidos. Cada unha destas fotos de Iraq, como as das outras reportaxes, fora parte dun relato, constitúe un depósito de memoria futura que desprende compromiso e honestidade, xa que en palabras do comisario da exposición, Teniente «non fotografa o que ve senón o que sente», céntrase non tanto na traxedia dos milleiros de cadáveres como na poboación que sofre indirectamente os seus danos colaterais.

Nunha xeografía das reportaxes de Teniente non podía faltar un espazo reservado ao traballo documental realizado en Vigo sobre os traballos portuarios, recollidos no seu libro, Mans salgadas (Xerais 2002), un retrato do mar humanizado de salitre polos traballadores dos estaleiros e da lonxa. Como tampouco faltou a súa reportaxe (2000) sobre Carlos Montouto, alcumado O Gringo, o vello que vivía debaixo da ponte de saída da autoestrada e deambulaba acompañado polo seu can polas rúas viguesas até que foi achado morto no seu acubillo en maio de 2015. Porén, só botei en falta na mostra algunha peza daqueloutra iniciativa artística de Teniente no Casco Vello, «O Vigo que sorrí», unha exposición ao aire libre (na rúa Abeleira Menéndez) de 64 retratos anónimos en branco e negro e de gran formato (2015) de vigueses e viguesas que quixeron compartir un sorriso no contexto convulso da crise e das dificultades de recuperar o tecido do barrio. Por ventura, esta excelente exposición de Teniente abriu este verán unha xanela de esperanza para a programación fotográfica en Vigo, un dos eidos máis destacados da cultura na cidade.

As miradas de Isaac

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á exposición e publicacións con motivo centenario de Isaac Díaz Castro:

O pasado domingo pechou «As miradas de Isaac», a exposición instalada no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura con motivo do centenario de Isaac Díaz Pardo (1920-2020). Comisariada polos seus fillos Camilo e Xosé Díaz Arias, a mostra ofrece un retrato moi revelador dunha figura tan poliédrica na creación artística e na iniciativa empresarial e política como ascética na súa forma de vida, un auténtico leonardo renacentista da cultura galega do século XX. Concibida co espírito didáctico e documental (memorioso) que Díaz Pardo imprimía a todas as súas realizacións e seguindo o fío da peripecia vital e dos espazos polos que transitou (dende o nacemento en Compostela, o exilio e o regreso posterior de Arxentina), a exposición reconstrúe o seu pensamento de vontade exemplarizadora  ao tempo que rescata fragmentos moi significativos da historia recente de Galicia por incómodos que fosen. E a pesar de non empregar os recursos dixitais da museografía actual, apenas unha tripla pantalla na que Isaac vai debullando as súas lembranzas, pensamentos e reflexións, a experiencia para a visitante é tan sorprendente e emocionante como instrutiva.

Ademais do valor extraordinario da súa obra artística, tanto a pictórica da mocidade nos difíciles anos da década dos corenta, a cerámica, gráfica e deseñística da maior parte da súa vida, como da literaria, sen esquecer nin a súa pegada industrial extraordinaria nas cerámicas do Castro, da Magdalena e de Sargadelos nin o seu modelo como editor da memoria en Ediciós do Castro e na Biblioteca do Exilio nin o seu activismo cultural a fronte do Museo Carlos Maside e o Instituto Galego da Información, probablemente Isaac deixou como herdanza máis valiosa a da súa inquebrantable posición moral, esa pegada ética que os seus fillos definen como o seu «libro de estilo para andar pola vida con decencia e afouteza» utilizado até o derradeiro salaio da súa vida. Unha forma de estar e camiñar no mundo sobria e austera, propia dos ascetas. Unha vida enteira comprometida coas ideas progresistas, antifascistas e galeguistas da xustiza social, xa dende os primeiros carteis asinados aos dezaseis anos como Xalo a prol do Estatuto no estudio do seu pai o tamén polifacético Camilo Díaz Baliño. Un combate contra a desmemoria das inmoladas e a recuperación das exiliadas, acollidas cos brazos sempre abertos, quizais a primeira causa da súa vida. Unha batalla na defensa dunha Galicia soberana dos seus recursos naturais. Unha procura de formas creadoras con capacidades identitarias, proxecto que no Laboratorio de formas (de ideas) compartiu co sempre cómplice Luís Seoane e o arquitecto Andrés Fernández Albalat.

Legado de Isaac Díaz Pardo que quedou impreso na súa obra literaria en lingua galega, até agora practicamente ignorada, na que visitou tanto a narrativa e a dramaturxia, con tres libros publicados no exilio pola editorial Citania na Arxentina durante a década de 1950, como o ensaio, o xornalismo e a poesía, eidos que por ventura comezan a ser recuperados nos últimos anos. Velaí a publicación do volume «O ollar clarividente de Isaac Díaz Pardo» (Andavira 2019), no que o Xosé Ramón Fandiño recompila cincocentos daqueles artigos perennes publicados dende 1963 a 2009 como «Crónicas inconformistas» en «La Voz de Galicia» ou baixo outros epígrafes no «Faro de Vigo», «El Progreso», «El Correo Gallego» e «La Región». Velaí a aparición recente do libro «A mensaxe entre as sombras. Obra poética de Isaac Díaz Pardo» (Xerais 2021) en edición e estudo crítico de Esperanza Luz Mariño Davila estudosa da súa obra literaria que reivindica a importancia e singularidade destoutra faciana artística de quen «merece, como poucos, o nome de poeta no senso etimolóxico da Grecia clásica como un “facedor” ou “transformador do mundo”».

Unha recompilación excepcional de textos poéticos dispersos publicados por Díaz Pardo ao longo de medio século no que destacan os catro carteis de cego, «A nave espacial« (1970), «O Marqués de Sargadelos» (1970), «O crimen de Londres» (1977) e «Castelao» (1985). No entanto é o libro «Tentando construir uma esfinge de pedra» (Ediciós do Castro 2007), subtitulado de maneira significativa, ˝Desassosegos de Isaac Díaz Pardo”, o que pecha o seu círculo artístico, «lembrando a meu pai que me deixou o alcamote» (o martelo na xerga dos arxinas) e reflexionando moi doído sobre o paso implacable da vida cando ve destruído o seu proxecto do Grupo Sargadelos do que fora apartado da dirección e administración uns anos antes.

A figura de Isaac Díaz Pardo, de quen se escribiu é «o home máis querido da Galicia actual», merece non ser esquecida. Quizais un futuro Día das Letras Galegas actualice para as novas xeracións a nobre causa que a pesar de tantas adversidades defendeu.

Onte 2087: Inventio Mundi e o imaxinario literario galego

Despois de seis meses sen saír de Vigo, onte viaxei á Coruña convidado polo Consello da Cultura Galega para participar xunto a Olivia Rodríguez, Marilar Aleixandre e Pemón Bouzas nun coloquio literario ao fío da inauguración da exposición Inventio Mundi na Fundación Barrié. Interesoume unha mostra de presentación clásica, paneis que conforman un libro, comisariada por Ofelia Rey Castelao e coordinada por Prudencio Viveiro Mogo, na que se realiza un percorrido polo papel de Galicia e dos esforzados navegantes galegos nas viaxes transoceánicas dos séculos XV-XVII. A presentación, tamén, dun país que xa abrira os seus camiños do mar antes da inventio xacobea, participante tamén na proeza da expedición Magalhães-Elcano (1519-1522) da que se está celebrando o seu cincocentos aniversario.

O coloquio xirou arredor dos ecos daquela viaxe no imaxinario literario galego contemporáneo. Pemón Bouzas recuperou a figura da almirante Isabel Barreto, pioneira que protagonizara a súa novela El informe Manila (2005), ao tempo que defendeu, entre outras reflexivas, o uso de «contacto» como termo que explica o «descubrimento». Pola súa banda, Marilar Aleixandre identificou ese imaxinario de navegación e literatura nalgunhas das súas obras xuvenís como Robinson contado polas alimarias (Oxford 2011) e a máis recente, A filla do Minotauro (Galaxia 2018), que identificou como a súa achega a unha Odisea. Falou do Mapa Continens paradisi de 1950 de Antonio de León Pinelo, que situaba o paraíso no Amazonas. Xaora, Marilar detívose na orixe d´A expedición do Pacífico (Xerais 1994), unha novela escrita antes que se usara internet, que tivo o seu gromo na tese de Ánxela Bugallo que lle falou dunha expedición ao Pacífico do investigador Marcos Jiménez de la Espada. «Quedeime co título, mudei a historia e puxei unha rapaza de protagonista.»

Na miña intervención, despois de identificar os precedentes deste imaxinario en dúas novelas publicadas a comezos da década de 1980, O triángulo escrito na circunferencia de Víctor Freixanes e Nos pagos de Huinca Loo de Xavier Alcalá, fixen un reconto demorado de autores e libros que nas últimas tres décadas da edición galega poden compartir etiquetas como aventura, historia, viaxes, navegación, mar. Una relación na que me demorei nas achegas decisivas de Xavier Queipo, probablemente o autor que abordou esta temática con maior interese e constancia en títulos como Ártico e outros mares (Positivas 1991), O paso do noroeste (Sotelo Blanco 1996), Malaria sentimental (Sotelo Blanco 1999), Extramunde (Xerais 2011) e Os Kowa (Galaxia 2016).

Galicia, un relato no mundo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á exposición «Galicia, un relato no mundo», comisariada por Manuel Gago e instalada no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura:

A exposición temporal «Galicia, un relato no mundo», instalada no Museo centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia, no marco da celebración do ano santo xacobeo de 2021 por parte da Xunta de Galicia, é un dos grandes acontecementos culturais do novo ano. Comisariada por Manuel Gago Mariño, o noso mellor divulgador histórico, convida ao visitante a participar de forma activa na experiencia da construción dun relato novidoso e vibrante das interaccións entre Galicia e o mundo, un territorio ambiguo que vai máis alá do cultural, para abordar tamén o económico, o tecnolóxico, o social e o político.

Asumindo a tradición divulgadora doutras grandes exposicións institucionais que dende o pensamento galeguista intentaron explicar o relato de Galicia como territorio común e célula de universalidade, como foron «Galicia no Tempo» (San Martiño Pinario, 1991) e «Galicia e América» (1992), o comisario ofrece camiños novos que van máis alá dos que até agora se instalaron no noso imaxinario (o atlántico, o de Santiago e o da diáspora americana), rompendo cos mitos do illamento endémico e do carácter periférico de Galicia, convidando a participar da idea de que Galicia é unha das moitas engrenaxes dun mundo polo que circulan persoas, ideas, técnicas e obxectos.

Como xa fixera na súa anterior proposta expositiva, «100.Galicia cen. Obxectos para contar unha cultura» (CCG 2016), o comisario utiliza o recurso da presenza de obxectos icónicos heteroxéneos para artellar o seu relato e incitar á visitante a participar nunha experiencia interactiva e envolvente dunha exposición río que permite moi diversas lecturas. Desta volta son 320 pezas claves da historia e cultura nosas, a maior parte delas excepcionais, algunhas nunca antes exhibidas no país, organizadas en catro áreas temáticas, as dúas primeiras relacionadas coas chegadas a Galicia, é dicir, coa entrada de Galicia nos grandes episodios do mundo; as outras dúas, coas saídas, a contribución do noso territorio ao mundo, con atención preferente ao fenómeno da emigración galega, sen dúbida, a cerna da mostra.

Nun incrible traballo de produción, o comisario conseguiu repatriar e xuntar durante uns meses algunhas pezas únicas para a cultura galega. Unha celebración tan excepcional como emocionante que permite á visitante contemplar abraiada o Libro das Invasións (século XII), que forma parte do Libro de Leinster, procedente do Trinity College de Dublín, onde aparece por vez primeira Breogán como o noso líder mítico, e minutos despois, a extraordinaria Biblia Kennicott, rematada na Coruña o 24 de xullo de 1476, unha obra mestra da iluminación medieval e un dos manuscritos hebreos máis fermosos da historia. E se isto xa non abondase, a relación de marabillas da mostra continúa, entre outras, co Guerreiro de Lesenho (idade de ferro), co Mapa de Sawley (s.XII), co Itinerario de Exeria (s.XI), co Liber Sancti Iacobi (s.XII), co Cancioneiro da Vaticana (s.XVI), coa recreación da impresionante colección de arte da Casa de Lemos, coa documentación de varias tripulacións alemás de submarinos que estiveron confinadas na base militar da Graña durante a segunda guerra mundial ou coas fotografías do desfile da Lexión Condor polas rúas de Vigo en maio de 1939. Particular emoción provoca na visita ao segundo andar, as pezas chegadas da Galicia emigrante, dende a imaxe ecuestre de «Santiago Matamoros» da Sociedade de Beneficencia de Naturales de Galicia da Habana, a bandeira do Tercio de Galegos (1806) de Bos Aires até A Santa (1926) de Francisco Asorey, procedente da Casa de Galicia de Montevideo, onde chegou en 1951, quizais a estrela da exposición, por constituír tanto o símbolo da muller labrega como metáfora do propio país.

Percorrido expositivo do que non poden quedar fóra as experiencias de realidade aumentada e detección de presenza, tecnoloxías de gamificación, semellantes ás utilizadas nos videoxogos, que permiten expandir os obxectos e traelos ao presente, como sucede coa recreación do templo de Sebasteion das Afrodisias, no que se atopa a referencia máis distante ao pobo galaico. Como mención á parte merece a imperdible experiencia de realidade virtual construída en base a exposición «Os adeuses» do fotógrafo Alberto Martí, na que o visitante vive en carne propia a emoción da despedida do emigrante dende a varanda do transatlántico que se vai afastando do peirao.

A experiencia que ofrece «Galicia, un relato do mundo» durante tres horas xustifica unha viaxe até a Cidade da Cultura. Achega informacións históricas actualizadas, provoca preguntas relevantes sobre o relato de Galicia no mundo e mesmo algunhas situacións emotivas. Parabéns ao comisario e ás promotoras dunha exposición cuxa visita (aberta até o 12 de abril) recomendo.

 

Territorios de intimidade

Dedico o artigo semanal en Faro de Vigo á exposición «Territorios de intimidade. Artistas galegas baixo o franquismo 1940-1975» comisariada por Rosario Sarmiento e instalada no Auditorio de Galicia:

Aproveitei un día de lecer para viaxar a Compostela e visitar media ducia de exposicións, o que en Vigo xa non é posible. E das excelentes mostras, algunhas memorables como «Alba de Gloria. Unha experiencia» e «Castelao maxistral», foi a instalada no Auditorio de Galicia «Territorios de Intimidade. Artistas galegas baixo o franquismo 1940-1975» a que máis me sorprendeu e emocionou. Comisariada por Rosario Sarmiento, esta exposición escolma setenta obras de pintura, debuxo e escultura (procedentes a maior parte delas de coleccións privadas) de trece mulleres que contra vento e marea loitaron en Galicia por ser artistas durante aquelas décadas de represión e barbarie.

Unha mostra que completa o proxecto de Rosario Sarmiento de facer ese mapa (imprescindible) da creatividade das mulleres en Galicia durante o século XX, iniciado con «A arte inexistente», unha das primeiras exposicións de artes plásticas do Auditorio de Galicia (1995), e continuado máis recentemente coa tan exitosa e popular «Mulleres do silencio» no Marco de Vigo, en 2016, no que dúas décadas despois facía unha relectura da anterior, volvendo escolmar obras de artistas mulleres en Galicia no século XX, dende Maruja Mallo a Menchu Lamas, Berta Álvarez Cáccamo ou Ángela de la Cruz.

Para Sarmiento esta nova mostra trata non só de rescatar do esquecemento e en moitos casos do anonimato as creadoras plásticas galegas que traballaron durante as décadas do franquismo (Julia Minguillón, Lolita Díaz Baliño, Elena Colmeiro, Carmen Corredoyra, María Antonia Dans, Mercedes Ruibal, Elena Fernández Gago, María Victoria de la Fuente, Gloria de Llano, Rosina Llamas Fole, Fina Mantiñán, Beatriz Rey e Concha Vázquez), «senón tamén de achegar novas perspectivas temáticas desde as que analizar [investigar e poñer en valor] as súas obras». Todas viviron e traballaron nunha periferia, que non foi só xeográfica, tentando rachar coas súas formas de vida os estereotipos asociados neses anos á muller, relegada da esfera pública e sometida aos prexuízos machistas de raíña do privado, esposa e nai, a cargo dos labores domésticos e do coidado dos fillos. Desenvolveron carreiras artísticas profesionais ou actividades docentes nas que deberon superar todo tipo de dificultades e incomprensións, para Sarmiento «auténticas entelequias», que obrigaron a algunhas a marchar do país e ás outras a quedar mediatizadas polos prexuízos dunha sociedade conservadora e patriarcal que «antepoñía a súa condición de mulleres ás achegas e interese da súa obra».

Mais todas elas, como salienta a comisaria, «innovaron e penetraron en temáticas como a fantasía, o compromiso social ou o relato da súa contorna próxima». Coa intención de afondar nesa innovación temática, a exposición está artellada en cinco capítulos que se abren e pechan coa abordaxe do territorio asfixiante do privado. No adral da mostra unha cita da pintora viguesa María Victoria de la Fuente sintetiza o espírito do que se presenta á visitante: «Interésame a pintura que profundiza no circundante. […] Síntome incapaz de abordar en pintura o descoñecido. O descoñecido carece de significado para min». E diso trata este relato plástico, amosar o descoñecido para que deixe de selo, rescatar a obra de trece artistas mulleres (invisibles ou case invisibles) seguindo diversos fíos temáticos.

O primeiro, «A esfera privada: a familia e o fogar», onde se expón «Mi familia», un óleo de grandes dimensións no que Julia Minguillón representa a muller como esposa e nai, peza que constitúe a icona da exposición. O segundo, «A fabulación. O mundo onírico», onde sorprenden os debuxos de Lolita Díaz Baliño, mestra de María Antonia Dans, Gloria de Llano ou Rosina Llamas, autora dun desnudo de muller, que nos anos 70 ía moi contra corrente. O terceiro, «A realidade transformada», no que Fina Mantiñán e Beatriz Rey indagan na abstracción xeométrica e Elena Colmeiro innova coa construción de materiais cerámicos. O cuarto, «A arte como compromiso», onde impactan as pezas dramáticas de Mercedes Ruibal, «Chile en el corazón» e «La muerte de Allende». O quinto, «A muller e o traballo», onde destacan as labregas e mariñeiras de Concha Vázquez. Péchase a mostra con «Territorios de intimidade», capítulo que dá tamén nome á exposición, protagonizado por tres pintoras que traballaron con gran talento e tristeza o silencio dos espazos do íntimo creando paisaxes interiores, dende os conventos de Carmen Corredoyra aos fogares de Elena Fernández Gago e de María Victoria de la Fuente, que abordou tamén prospeccións na abstración.

«Territorios de intimidade» é unha exposición esencial na recuperación dun relato alternativo que sitúe ás nosas artistas no lugar da historia que merecen. Beizóns á Rosario Sarmiento por continuar afondado nesta tarefa.