Galego no Congreso

O compromiso da presidenta do Congreso para utilizar o catalán, o galego e o éuscaro na cámara baixa constitúe unha oportunidade para iniciar en todo o estado o complexo desarme dos prexuízos existentes sobre o uso destas linguas oficiais en cadanseu territorio autonómico. Promovido polos partidos nacionalistas e asumido por PSOE e Sumar na formación da Mesa do Congreso supón por vez primeira dende a aprobación da Constitución o abandono do criterio de territorialidade no emprego institucional das linguas minorizadas, superando despois dunha quincena de lexislaturas o sobado discurso do castelán como lingua común e a súa xerarquía sobre as outras “linguas cooficiais”. Un emprego que agora Francina Armengol debe facilitar de forma efectiva nos debates e trámites parlamentares ofrecendo se fosen precisos os recursos de tradución e interpretación, como tamén deberá suceder nas institucións europeas, ás que se estende o acordo e nas que até agora se veñen utilizando (con éxito) vinte e catro linguas. Esta novidosa medida permitirá que as vinte e tres deputadas e deputados de catro grupos políticos distintos elixidos nas catro provincias nosas, ademais dos galegos electos noutras circunscricións, como os quince senadores e senadoras, no caso de que se estendese á cámara baixa, nas súas intervencións escollan utilizar tamén o galego, un feito esperanzador para o futuro da nosa lingua. Sen esquecer, ademais, a repercusión incuestionable da medida tanto no cumprimento das indicacións do Consello de Europa sobre as linguas propias como na educación lingüística en todo o estado, dende a Comunidade de Madrid e Andalucía até as dúas Castelas, xa que alí se desvelarán e farán presentes outras tres linguas oficiais, contribuíndo ao desenvolvemento da competencia plurilingüe prevista na Lomloe (2020) e á comprensión da diversidade e riqueza lingüística recoñecida pola Constitución (1978). Unha medida con transcendencia política e educativa merecedora de ser celebrada.

Publicado en Nós Galicia: 30/08/2023

Llegim!

O Consell de Govern da Generalitat de Catalunya do 14 de xullo aprobou «Llegim!», plan nacional do libro e da lectura, froito dun proceso de diálogo e planificación compartido polas consellerías de Cultura e Educación, no que participaron os membros do Consello nacional de lectura pertencentes a un cento de entidades públicas e sectores culturais e educativos privados. Dotado con 58 millóns de euros, Llegim! asume como obxectivos xerais que en 2030 o 76 % da poboación catalá maior de 14 anos lea un libro cada trimestre, o 65 % lea unha vez por semana e que o 40 % lea en catalán. Un plan artellado arredor de catro eixos de actuación (Fomento do hábito lector, Dereito á lectura e atención á diversidade, Soporte ao ecosistema do libro e Gobernanza) que inclúe tanto o diagnóstico nunha ducia de ámbitos relacionados coa lectura e a industria do libro como 73 actuacións concretas, con cadanseu orzamento, calendario de execución e indicadores de seguimento e avaliación. Dende Galicia máis ca dotación e concreción  orzamentaria asumida, chama a atención do plan de lectura catalán o seu novidoso enfoque transversal e interdepartamental, xustificado por unha actualización da definición de lectura, que non pode quedar hoxe reducida aos  libros e textos escritos e obriga a recoñecer a diversidade de contornas, contidos e formatos do feito lector contemporáneo. Como provoca envexa o procedemento participativo e consensuado co que foi elaborado, que lembra ao utilizado hai vinte anos cando se xestou a modélica Lei 17/2006 do libro e da lectura de Galicia que, por certo, a este teor establecía no seu artigo nº 4 a «elaboración, con audiencia aos axentes do libro, ou en colaboración con eles, de plans e programas de actuación anuais ou plurianuais», e na disposición adicional primeira a obriga do goberno de presentar no Parlamento nun prazo de seis meses un plan de fomento da lectura, compromiso, coma tantos outros daquel modélico e pioneiro texto, que quedou en augas de bacallau.

Publicado en Nós diario: 16/08/2023

A outra xente

Suzanne Simard descubriu que as árbores dun bosque comunícanse entre si, sobre todo, entre unha árbore madura e os seus fillos. A ecóloga forestal canadense identificou as «árbores nais», aquelas que actúan como núcleos dunha rede de micorrizas por cuxos micelios vai e ven información (sinais bioquímicas e eléctricas) entre exemplares de diferentes especies. Deste xeito as árbores poden saudarse, avisarse e cooperar entre especies, intercambiando nutrientes e carbono. Coñezo esta para min novidosa teoría das árbores nai (2018) nas páxinas d´A outra xente (Luzes, 2022), o abraiante libro do ornitólogo e comunicador ambiental coruñés Antonio Sandoval Rey. Un deses poucos libros arca, polo tanto marabilloso e perdurable, sobre a vida e os costumes de persoas non humanas que habitan na terra nosa, dende vagalumes e lavercas a toxos e andoriñas, dende baleas e falcóns a gaivotas patiamarelas e polbos, dende bidueiros e cirrios a paporroibos e vacalouras… Páxinas de beleza desbordada, escritas con extraordinario talento narrativo, con descricións moi detalladas, froito de horas pacientes de observación e de lecturas contextualizadas na literatura clásica que permiten perfilar o retrato desoutra xente que fala ao seu xeito e padece os efectos da emerxencia climática. Un libro literario de non ficción, que amosa a necesidade de superar as fronteiras de xénero na actual oferta editorial, xa que sendo un dos mellores títulos publicados en galego o pasado ano, pode ser considerado entre os mellores de narrativa, mais tamén entre os mellores de ensaio ou investigación. Unha obra, ademais, de carácter político, que achega argumentos e, sobre todo, azos para loitar contra esa pantasma que percorre a nosa época: «a pantasma do curto prazo», recuperando, como tamén fai o sabio Sandoval, a primeira liña de The History Manifesto (2014) de Jo Guldi e David Armitage. Recomendo moi vivamente A outra xente, unha ollada fonda, sosegada, fermosa, necesaria contra a des-extinción.

Publicado en Nós diario: 09/08/2023

Mil grúas para Hiroshima

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a lembrar o 78 aniversario dos bombardeos atómicos de Hiroshima e Nagasaki:

A estrea de Oppenheimer, a longametraxe de Cristopher Nolan, coincide coa lembranza dos bombardeos atómicos sobre as cidades de Hiroshima, o 6 de agosto de 1945, e Nagasaki, tres días despois, masacres nas que morreron unhas 250.000 persoas e coas que rematou a Segunda Guerra Mundial. Unha casualidade polémica que non pexa o interese narrativo dun excelente thriller político e xudicial nin a elocuencia dos seus diálogos nin do impacto visual, sonoro e emotivo que provocan algunhas das súas imaxes nin sequera da memorable actuación de Cillian Murphy camiño do Óscar. Xaora ao fío da haxiografía sobre o físico teórico alemán, Prometeo americano que asumiu en 1942 a dirección científica do proxecto (secreto) Manhattan de desenvolvemento das primeiras armas nucleares (de destrución masiva), o filme de Nolan, a pesar do seu discurso moral ambiguo, reabre o debate sobre temas como as consecuencias éticas do bombardeo das cidades xaponesas, o inicio da era atómica e posterior proliferación nuclear ou sobre os dilemas da comunidade científica entre racionalidade, progreso e benestar da humanidade.

Confeso que como educador pola paz durante a proxección, tanto nas secuencias da detonación da proba Trinity como da bomba Little Boy, momentos estelares da película, veume á cabeza a historia de Sadako Sasaki, á que tantas veces recorremos nas aulas para lembrar as vítimas dos bombardeos nucleares. Sadako, unha picariña de dous anos, vivía coa súa familia perto da ponte Misasa na cidade de Hiroshima. Cando estourou a bomba, a case dous quilómetros da súa casa, voou a través dunha fiestra, mais coa fortuna de quedar sen ferida ningunha e poder fuxir coa súa nai entre a choiva negra. Nove anos despois aparecéronlle no colo e detrás das orellas os primeiros síntomas dunha leucemia da que foi tratada no hospital da cruz vermella onde coñeceu a unha estudante de secundaria, dous anos maior ca ela, tamén doente de cancro. Foi esta rapaza quen lle contou a lenda xaponesa que promete a quen pregue mil grúas de origami concederlle o seu desexo, sexa o dunha vida longa ou a recuperación dunha doenza. Durante os oito meses ingresada, até o seu pasamento o 25 de outubro de 1955, Sadako fixo con esa intención, segundo os seus pais, 1.400 grúas (probablemente menos de mil, segundo outras fontes) aproveitando envoltorios de medicamentos e dos papeis máis diversos, ás que se engadirían outro milleiro de grúas preparadas polas súas compañeiras de escola, que serían enterradas ao carón do seu corpo.

Tras o pasamento de Sadako desenvolveuse a iniciativa de construír con doazóns chegadas de todo Xapón un monumento que lembrase as crianzas mortas polos bombardeos. Tres anos despois, no Parque Memorial da Paz, construído no que fora o espazo comercial máis visitado de Hiroshima para lembrar a memoria do horror nuclear e promover a paz mundial, inaugurouse o Monumento da Paz das Crianzas, a estatua dunha nena cos brazos estendidos e unha grúa de papel pregado sobre ela, que homenaxea a iniciativa de Sadako e desexa un futuro de paz. Máis de sesenta anos despois, escolares de todo o mundo envían cada curso ao parque de Hiroshima o resultado do reto da creación do seu milleiro de grúas de papiroflexia e da escrita de cadansúas mensaxes pola paz para ser exhibidas no entorno da estatua da nena da bomba atómica. Excelentes traballos escolares que os responsables xaponeses do parque aconsellan complementar co estudo dos antecedentes do monumento e da situación actual das armas nucleares no mundo coa intención de que poidan contribuír a crear novos espazos de estudos para a paz e o diálogo mundial.

Dinámica didáctica de sensibilización pola paz desenvolvida na nosa área metropolitana ao longo do curso 2018-2019 pola grupo de 2º de Educación Primaria no Colexio Público de Laredo (Chapela) que superou o reto da preparación do milleiro de pezas e enviou 1.237 grúas ao parque da Paz de Hiroshima, o que foi agradecido pola embaixadora pola paz Tomoko Aikawa, tamén asesora da fundación Sadako, co convite á alcaldía de Redondela de integrarse na rede internacional de alcaldías pola paz. Como inequívoco compromiso de procurar a paz e renunciar a posuír, fabricar e utilizar armas nucleares (proclamado pola constitución de Xapón de 1947), debería ser referendado polos líderes actuais nun mundo no que ademais da ucraína están abertas outras guerras (Palestina, Siria, O Iemen, Myanmar, Afganistán…), asumidas con aparente indiferenza pola comunidade internacional. Benvidas as iniciativas das grúas escolares como a reflexión que no público adulto suscita Oppenheimer se axudan a reflexionar sobre como foi o desenlace nuclear da guerra mundial e da proliferación de armas atómicas coas que dende entón a humanidade convive suspendida dun fío.

Os valores de Agustín

Hoxe hai sete anos do pasamento de Agustín Fernández Paz, cabodano que coincide co peche da admisión de orixinais do premio de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade que leva o seu nome. Unha exitosa convocatoria literaria anual do Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) e o concello de Vilalba que, ademais de recoñecer a excelencia dun novo texto, contribúe a non esquecer o rastro de valores deixados polo mestre e escritor e as súas fondas conviccións na forza das palabras para mudar o mundo e para facelo coas propias vidas. Foi a do chairego unha voz literaria lúcida, que sempre contou co apoio da forza dos públicos lectores galegos, fose o das crianzas ou o das persoas adultas, capaz ademais de contaxiar o optimismo e a esperanza na construción dun futuro mellor. Unha confianza activista que Fernández Paz mantivo, mesmo nas condicións máis adversas, como a dos anos de enfermidade, tamén os da imposición do Decreto de Plurilingüismo (2009), contra o que se mobilizou participando na plataforma Prolingua, da que foi promotor e incansable redactor de posicións. Compromiso que o levou a renunciar en 2010 ao Premio da Cultura Galega no apartado de Letras outorgado pola Consellaría de Cultura e Turismo. Unha decisión valente, coherente coas posicións defendidas por Prolingua sobre o carácter deses premios, que nunca se repetiría, a pesar de que o modelo de educación plurilingüe dos gobernos de Feijoo nunca fora modificado nin sequera avaliado, como prevía a disposición adicional do propio decreto. Lembrar hoxe a firmeza daquela resistencia pacífica e teimosa adoptada polo mestre Agustín, semellante a mantida pola activista Rosa Parks, á que homenaxeou na novela Non hai noite tan longa (Xerais 2011), supón identificar o rastro da dignidade, da coherencia e lucidez que deixou na súa traxectoria pública. Un rastro de valores que convén seguir en tempos nos que se repiten as ameazas sobre a lingua galega, as liberdades e os dereitos conquistados. Sempre Agustín!

Publicado en Nós diario: 12/07/2023

Educación Pública

Nova Escola Galega (NEG) celebrou o seu corenta aniversario actualizando o modelo de Educación Pública (EP) que de forma pioneira acuñara en 1989. No marco da consideración da educación como un grande proxecto político e un servizo público fundamental, como da complexidade dos retos que na actualidade provoca a súa mercantilización, a hibridación dos ecosistemas de información e coñecemento e da acelerada crise na cultura e lingua galega, os membros de NEG apostan por unha educación conectada coa vida, cos problemas da contorna e co seu pluralismo de manifestacións, organizando os ensinos desde un enfoque de educación permanente, inclusiva, crítica, intercultural, coeducativa e laica. NEG aposta pola redución do programa de concertos cos centros privados, a xestión pública directa dos servizos de transporte, comedores e coidados, reclamando a concreción galega da política educativa desenvolvendo todas as competencias das que arestora dispón Galicia, como tamén avances progresivos  e efectivos da normalización lingüística, única garantía para unha adecuada estratexia plurilingüe. NEG non esquece que a EP debe continuar sendo a mellor garantía de igualdade de oportunidades e de equidade social, promotora da cohesión social, reclamando atención singular a escolarización no ámbito rural como garantía dun equilibrio territorial e demográfico así como unha esixente xestión democrática dos centros escolares, tamén como unidades de elaboración e axuste curricular. Remata NEG o seu modelo de EP reclamando un novo Estatuto Docente e a incorporación ao sistema educativo de novos perfís profesionais como a das educadoras sociais. E coma fixera en 1989, NEG continúa apelando a contribución decisiva da EP á vertebración democrática dunha sociedade máis xusta e ao logro de mellor Humanidade, contribuíndo a eliminación das guerras, do ecocidio e da discriminación entre os pobos e os seres humanos. A EP como fábrica de luz e produtora de depósitos de esperanza. Non é pouca cousa.

Publicado en Nós diario: 05/07/2023

DoCampo

Tras cinco anos do pasamento do escritor Xabier DoCampo continúa emocionando escoitar a súa derradeira intervención, que unhas poucas semanas antes realizara no Teatro Principal de Compostela, cando na Gala do libro galego recibiu o premio ao mellor libro de narrativa por A nena do abrigo de astracán (Xerais 2017), a novela coa que homenaxeou ao cine clásico e a súa xeración de crianzas de posguerra, a derradeira que mamou a marabilla daquelas historias de medo ou de risa ao carón do lume. O mestre chairego defendeu coa voz crebada e afouteza e xenerosidade de seu un futuro digno para a nosa edición. «Queremos que o libro galego siga vivindo» foi a frase coa que rematou entre bágoas e aplausos rotos, despois de maldicir con toda a enerxía que xa lle faltaba, a aqueles que non o coidan, aqueles que non o celebran, aqueles que non o queren. Unha intervención tan breve como inesquecible que puxo colofón a toda unha vida de compromiso coa causa da lingua e cultura galega, que aquel serán brillaba na lapela da súa chaqueta, onde prendeu orgulloso a insignia de Prolingua, a plataforma apartidaria da que foi celme e motor, concibida en 2009 por el e por Agustín Ferñandez Paz, o seu compañeiro e cómplice da Xeración Lamote, tras o indigno Decreto de Plurilingüismo, como «un valado para nos defender e para reivindicar o esencial», para traballar por un idioma «que non é de ninguén porque é de todos; non é de onte nin de hoxe, porque é de sempre». Cinco anos despois do seu pasamento, coincidindo coa celebración do corenta aniversario de Nova Escola Galega, o movemento de renovación pedagóxica do que foi activista nas aulas lembramos a DoCampo como un militante de todas as causas da dignidade nosa, un mestre que como poucos soubo cultivar o valor da unión e da amizade. Certo é que choramos a súa perda prematura, mais temos a fortuna de contar cunha obra literaria súa que nos convida a gozar do pracer da lectura e do afán de facer da vida relato, como mamou dende o berce.

Publicado en Nós diario: 28-06-2023

A escola do Faro

Dedico o artigo semanal de Faro de Vigo ao proxecto editorial Faro da Escola:

Teño participado en moitas entregas de premios, mais ningunha tan concorrida e participada polo público infantil como a que vivín o pasado 13 de xuño nas bancadas do pavillón municipal de Travesas, que pechaba a oitava edición de Faro da Escola, o proxecto editorial de Faro de Vigo que achega ao mundo da prensa aos centros educativos da provincia de Pontevedra, con especial incidencia na área metropolitana de Vigo, Pontevedra e Deza. Máis de 1.600 escolares e un cento de profesoras dos 47 centros educativos de Primaria, que publicaron este mes cadanseu faro, participaron nun acto, iniciado con moita música de moda (aspecto a mellorar, dende o punto de vista educativo, en edicións futuras) e coa acollida agarimosa do director do decano. Unha mañá de festa e moitas  fotos na que se recoñeceron os tres mellores periódicos escolares deste curso 2022-2023, tamén as tres mellores entrevistas, portadas, seccións de opinión, investigacións empregando a hemeroteca, reportaxes, fotografías de interior e portada, infografías, deseño, tira cómica, suplemento, pasatempos, entre outras modalidades e categorías deste singular certame de prensa escolar.

Unha entrega coa que remataban os case oito meses de traballo nas aulas necesarios para a elaboración integral do faro anual de trinta e dúas páxinas de cada centro. Tarefas iniciadas no mes de outubro co período formativo do alumnado e profesorado participante, a cargo dun equipo de profesionais de Faro de Vigo, que desprazados aos propios centros desvelaron os segredos da preparación dun xornal, tanto os referidos a planificación e distribución dos seus contidos, como da súa redacción e maquetación, empregando Scribus, a potente ferramenta coa que se fai o xornal. Unha escola de xornalismo infantil, polo tanto de escritura crítica e pegada ao cotián, que como corresponde ao actual proceso de hibridación da prensa utiliza soportes diversos, tanto impresos como dixitais. Unha escola de comunicación escolar que salienta o valor das imaxes (ilustracións, infografías e fotografías) que acompañan os textos das noticias, reportaxes ou entrevistas, nin esquece tampouco a relevancia dunha publicidade atractiva e da súa xestión para facer viable a publicación. Formación que o alumnado participante no proxecto completou nas visitas durante o inverno ás instalacións do xornal en Chapela e nas conferencias nos centros do persoal do CSIC e de autoras e autoras de literatura infantil de Xerais, entidades colaboradoras.

Unha escola a do Faro que promove o traballo colaborativo, tanto do equipo docente de cada centro como do alumnado de cada aula, planificado co obxectivo de elaborar un produto textual e gráfico do que todos os participantes se senten orgullosos e responsables. Unha tarefa xornalística, que ademais desta cooperación imprescindible, obriga aos escolares a poñer a proba a súa curiosidade e as súas competencias na localización e recollida de información en fontes diversas e fiables, utilizando nesta investigación tanto a dispoñible na propia hemeroteca do Faro (unha experiencia lectora extraordinaria), a existente na rede, na biblioteca escolar como na comunidade escolar e veciñal. Unha excelente oportunidade para que o alumnado realice un exercicio de lectura  e escritura crítica, o que esixe valorar e diferenciar en cada un dos textos o gran da palla, o que son noticias do que son falsidades, trolas ou dixomedíxomes. E, o que aínda é máis importante na construción do pensamento crítico e científico do alumnado de Primaria, obriga a debater e a argumentar, tanto oralmente como cando se redacta, empregando cada vez estruturas máis complexas e vocabulario preciso.

O Faro da Escola, pois, proporciona aos centros escolares de Primaria a posibilidade de achegamento directo a cada un dos xéneros periodísticos e propón que, utilizando as ferramentas do xornalismo actual, cada escola viva a experiencia de transformarse na redacción dun xornal que ao longo de todo o curso dialoga coa actualidade da contorna para informar a súa comunidade educativa. Seguido cada martes nas excelentes páxinas do suplemento Faro da Escola, este triunfante proxecto editorial e educativo, lembrounos as páxinas dos suplementos pioneiros A Pizarra, dedicado a información e opinión sobre temas educativos, e O Pizarrín, a contidos de literatura infantil e xuvenil, que Faro de Vigo comezou a publicar en galego en setembro de 1983, espazos ambos os dous onde tivemos a fortuna de comezar entón a publicar os nosos primeiros artigos naquel Faro da movida dirixido por José Armesto Faginas. Parabéns para o equipo de profesionais de Faro que cada curso fai máis atractiva e potente a experiencia educativa do Faro da Escola.

Lectura cidadá

A lectura é unha competencia cidadá imprescindible para o exercicio da cidadanía e para a autonomía persoal no entorno dixital actual, ademais dunha destreza escolar con dimensión cultural. A lectura impregna as nosas vidas. A diario a vida está chea de transaccións escritas, polo que nunca foi tan necesaria unha boa competencia lectora para afrontar os retos do cotián. Comprender os textos que atopamos na rúa, no transporte, nos comercios, na publicidade, nas máquinas e pantallas ou nas redes sociais esixe moito máis que identificar as súas letras e palabras; debemos coñecer as súas funcións, valores e usos sociais e aprender a apropiarnos delas para poder comprendelas de forma crítica. Somos letradas sofisticadas, que lemos tanto sobre soportes impresos e múltiples pantallas como textos multimodais (escritura, vídeo, audio…) e ao tempo plurilingües. Cómpre xaora alfabetizar a cidadanía, por riba da súa idade, no emprego das ferramentas dixitais para evitar a exclusión dos sectores máis vulnerables. A lectura non pode ser consideraba só como o acceso aos libros duns poucos afeccionados á novela ou a poesía, é unha cuestión política, que afecta á calidade de vida da cidadanía toda e, así, debe ser considerada polas administracións públicas. Empregar textos simplificados (lectura fácil), accesibles a todo tipo de lectorado vulnerable (persoas con discapacidade, con trastornos de aprendizaxe ou escasas habilidades lectoras…) constitúe tanto unha estratexia de acceso de xeito comprensible á información, á cultura e á literatura como un dereito cidadán irrenunciable. A aposta por esta estratexia inclusiva nos plans lectores dos concellos, xunto ás políticas de fomento da lectura para todas as idades, á calidade das bibliotecas e apoio ás librarías locais e á lectura en galego, deberían constituír nos concellos prioridades vinculadas ás políticas culturais, educativas, de igualdade e benestar.

Publicado en Nós diario 24/05/2023

Conversa con Cipriano Jiménez

Cipriano Luis Jiménez Casas (Pontevedra, 1941) é médico psiquiatra, psicanalista, escritor en lingua galega, director xeral e vicepresidente da Fundación Menela. Director de Maremagnum. Publicación galega sobre o trastorno do espectro do autismo, editada por Autismo Galicia, publicou 15 libros e 22 en colaboración. Conferenciante en seminarios, simposios e congresos sobre o trastorno do espectro do autismo en Europa e América, leva toda a súa vida comprometido, como membro, patrón ou fundador, con asociacións e fundacións vinculadas á discapacidade e á cultura. Colaborador habitual da sección de opinión do xornal Faro de Vigo e o suplemento Faro da Cultura, recibiu o recoñecemento de Vigués distinguido.

-. Onde naciches, ti de onde ves sendo?

-. Nacín en Pontevedra, mais o feito de que os meus pais fosen mestres en Seixido, unha aldea do concello da Lama, marcou a miña vida. Teño con Seixido unha vinculación total, alí me criei até os nove anos, fun á escola cos rapaces da aldea. Eu con respecto a isto tiña unha especie de división de personalidade, xa que o mesmo tempo que me criei alí miña nai era pontevedresa e tiñamos casa en Pontevedra onde iamos en cada unha das vacacións. Eu en Seixido era de Pontevedra e alí era de Seixido, da aldea, levaba hostias dos dous lados. A min salvoume a vida a psicanálise dunha señora xinebrina. Seixido claro que tivo que ver coa lingua, coa persoa, coa cultura, co desenvolvemento, con todo da miña vida.

-. No instituto de Pontevedra fuches alumno de Aquilino Iglesias Alvariño e de Xosé Filgueira Valverde. Como os lembras como profesores?

-. Non sabiamos absolutamente nada que don Aquilino, como nós o chamabamos era poeta. Un home serio ao que non atendiamos case nada. Filgueira foi máis marcante. Era profesor de ximnasia, organizaba canto acto cultural había, de conferencias e competicións, estaba moi comprometido. O Instituto de Pontevedra daquel tempo era instituto modelo do estado. Era unha potencia de deporte, o noso competidor máximo era o Apóstolo de Vigo.

-. Tamén foi nos días de Pontevedra cando fixeches as túas primeiras lecturas galeguistas, mesmo antes de iniciar os estudos de Medicina en Santiago. Como chegaches a aqueles libros?

-. Grazas a un rapaz do que José Antonio Durán e máis eu eramos moi amigos, Luís Cochón, moi da pandilla. Tamén con dous anos menos estaban Daniel Pino e Chacón, que logo foi catedrático de grego en Madrid. Eramos unha peña que estabamos en Pontevedra moi conectados para facer cousas. Axiña faciamos un programa de radio, había unha inquietude moi importante. Cantabamos no coro, faciamos deporte, viaxamos a Madrid… En concreto, a primeira lectura en galego facilitouma Cochón. Foi o libro Cousas de Castelao. Abrir aquelas páxinas e ler «A marquesiña», aquilo marcoume, había unha conexión co que me achegou a aldea, cando elaboras toda esa conflitividade era unha riqueza, se non o fixeras, serías un marxinado toda a vida, non sabes de onde es, que lingua tes que falar, estás descolocado. Pero cando o elaboras, cando o analizas durante tempo ⎯a psicanálise dura cinco ou seis anos⎯, cando o analizas realmente decátaste de que as túas vantaxes superan as desvantaxes que crías que eran superiores; por exemplo, entendes que falar galego é un enriquecemento fabuloso.

-. Estudaches en Compostela de 1959 a 1966, no tempo que Franco Grande chamou os «anos escuros». Compartes esa denominación?

-. A min o que me pasou é que eu viña do Instituto de Pontevedra, dun lugar moi libre e dunhas circunstancias culturais ricas, moi amplas, onde faciamos teatro e deporte, como xa dixen, e en Santiago non atopaba nada disto, non había nada; non sei se iso era escuridade ou o que era, o que había de referencia alí era moi pouca cousa.

-. Unha vez licenciado marchaches a Madrid a especializarte en Psiquiatría, como lembras aquel tempo?

-. Foi un período boísimo, entre o 66 e o 68. Estiven nun manicomio de Leganés, que era o manicomio propio de Madrid, e dependía do Ministerio da Gobernación, daquel Alonso Vega. O director era Juan Antonio Vallejo Nájera y Botas, fillo daquel Vallejo Nájara que fixera estudos neurolóxicos que dicían que os comunistas debían ter algunha alteración mental. Foi un período riquísimo porque era cando sobre todo a Facultade de Económicas estaba en plena loita estudantil. Tiven a ocasión de asistir ao concerto de Raimon, aquilo fora tremendo.

-. E como marchaches a Suíza?

-. A Suíza marchei porque había unha inquedanza. Fun por un contrato, estiven uns meses nunha clínica do cantón de Laussanne, onde tiven o primeiro salario co que puiden mercar un Volswagen de segunda man.

-. Despois traballaches na Clínica Universitaria de Bel-Air en Xenebra, que até 1975 dirixiu Julián de Ajuriaguerra, o neuropsiquiatra vasco, formado e instalado en Francia, autor dun dos manuais de referencia sobre psiquiatría infantil da década de 1980 e investigador adiantado sobre as funcións mentais. Que pegada deixou no teu enfoque profesional?

-. Ajuriaguerra era unha persoa moi progresista, era desas persoas humanistas, un científico impresionante que se formara na escola parisina, que entón era o máximo en neuroloxía. Foi fichado polos suízos, era irmán de Juan de Ajuriaguerra, o presidente do PNV, como outros que viñan dar aulas a Xenebra, a unha sesión clínica semanal.

-. Como concibía Ajuriaguerra o que hoxe chamamos Trastorno do Espectro do Autismo (TEA)?

-. Entón no ano 1969 xa se facían cousas. Ajuriaguerra propulsara o que chamaba «Oficio Médico Pedagóxico», que eran os psiquiatras que se ocupaban de todos os problemas relacionados co mundo infantil e xuvenil. Foi un adianto tremendo.

-. En Xenebra contactaches coa sociedade Nova Galiza e coñeciches a realidade da emigración europea de entón.

-. Aquela sociedade estaba moi movida. Carlos Díaz Martínez foi clave alí. Con el e cun par de rapaces, un de Aldán e outro da Coruña, como éramos nacionalistas, movemos a sociedade.

-. En 1973 instalácheste en Vigo e contactaches axiña cos galeguistas, como Paz Andrade, Paco del Riego ou Ferrín. Dende entón formas parte dese grupo tan vigués que somos os vigueses galeguistas? Sénteste como tal?

-. Lembro que cando nos despedimos de Ajuriaguerra, entre 1973 e 1974, cando se xubila e pasa ao Collège de France, a reserva que teñen alí para os sabios, díxonos a un grupo de médicos españois que estaba convencido que iamos desenvolver unha serie de proxectos que eran necesarios para un país como España. E tiña razón, abríase un tempo novo no que tiñamos moitas cousas que aportar.

-. E como é que viñeches a Vigo?

-. Vin a Vigo porque vivía aquí a miña muller de entón, Elisa Fernández, que era filla de Antonio Fernández López, o empresario de Zeltia e de Corporación do Noroeste. Case todos os anos viñan a Suíza a visitarnos e botaban alí unha semana. Estaban entón con moita ansía de que volvésemos. Tiñan unha filla autista, Menela, que aínda vive. Meu sogro falábanos de que había que facer en Vigo un centro totalmente medicalizado, tipo sanatorio, para persoas como Meneliña, en definitiva, un lugar de intervención. E con ese proxecto regresamos. Dinme de alta no colexio médico e abrín consulta. Deille voltas a moitos proxectos, tiña un pé en Inglaterra, a miña muller xa conseguira praza no Xeral de Vigo, xa que estaba especializada en neuropatoloxía, e comezamos a pensar nun proxecto no que a miña consulta estivese asociada a un centro para autistas, que nin sequera naquel momento lle chamabamos así; en definitiva, no proxecto dunha clínica vivenda. Ao final, as cousas eran máis complicadas, e foi o meu sogro o que nos mercou un terreo no Castro, onde temos agora a fundación e a vivenda. Foi cando nos instalamos en Vigo e mentres se fixo a obra abrimos un centro en Coruxo con tres persoas, Menela, un rapaz asturiano e unha rapaza de Covelo. Fomos os primeiros: aquí en Galicia non había nada sobre os autismos. Foi inicio, eran tres e agora somos trescentos.

-. Foi en Vigo onde coñeciches a Óscar Massota e participaches nos seus seminarios de Psicanálise?

-. Si, cando comezaron en 1976 e Massota morre moi prematuramente, dous anos despois. Nas viaxes que fixera a Oxford coñecera a Rodriguez Eiras, o psiquiatra que participara naquela cadellada no manicomio de Asturias e que no 72 pasaran a Conxo. A súa muller, María Jesús, estaba facendo en Oxford psiquiatría infantil, que alí xa existía como especialidade. Propúxenlle que fixeramos algo en común en Vigo. Foi entón cando me falou dun psicanalista arxentino que estaba entón en Londres, un tal Óscar Massota. Así, organicei no Colexio Médico de Vigo varios seminarios. Cando o seminario estaba funcionando cun grupo un pouco restrinxido a cousa complicouse ao aparecer as complexas elaboracións de Lacan en París. Algo moi forte. Morreu Massota e apareceron complicacións no grupo, uns apostaron por seguir a Massota, outros por outro. Eu mantívenme sereno xa que aprendera de Ajuriaguerra que “o mellor para os enfermos é darlles o que lles vaia mellor”, ser pragmáticos. Que lle vai mellor unha psicoterapia, pois psicoterapia. Que lle vai mellor uns medicamentos, pois que os tome. Que lle vai mellor poñer unhas correntes… A min aquilo desbordoume, con todo formouse en Vigo unha biblioteca de estudos psicanalíticos. Logo veu un psicanalista arxentino, Raúl Fernández, que botou aquí en Vigo catorce ou quince anos e psicanalizou a moitísima xente, entre eles aos psiquiatras do Rebullón, da Coruña, Ourense e Santiago.

-. Volvamos o tema dos autismos. Como evolucionou o concepto de autismo desde que foi nomeado en 1943 por Leo Kanner como Autismo infantil precoz e un ano despois por Hans Asperger como Psicopatía autista? O termo autismo foi sempre moi polémico e enigmático. Abonda consultar as diversas denominacións que recibiu nas diversas edicións do Manual Diagnóstico e Estatístico de Trastornos Mentais (DSM). En 1952 identifícao con «Esquizofrenia infantil», en 1980 o DSM-III fala de Autismo Infantil, Psicose Infantil e Esquizofenia Infantil, en 1994 o DSM-IV múdao polo de Trastorno Xeralizado do Desenvolvemento (TXD) e introduce a Síndrome de Asperger. Xa máis recentemente, en 2013 no DSM-V denomínao como Trastorno do Espectro do Autismo (TEA). Trátase de mudanzas que van moito máis alá da mudanza de nome e que parece modifican tamén o modelo da abordaxe dos autismos?

-. Si, a cuestión de fondo creo que sigue aberta. Houbo moito lío nas denominacións dos autismos. Evolucionouse dunha forma complicadísima. Primeiro era chamado autismo infantil precoz, logo psicose autística, despois esquizofrenia infantil, logo empezou o período do trastorno xeneralizado do desenvolvemento, onde aparecen cinco entidades distintas, como o trastorno autista, a síndrome de Rett, o trastorno desintegrativo infantil, a síndrome de Asperger e o trastorno xeneralizado do desenvolvemento non especificado. Chegou un momento no que o tema era tan complexo, estaba tan cuestionado, que os especialistas non se poñían de acordo porque o DSM é unha escala americana que funciona moito a nivel dos recursos que a eles interesa, a nivel farmacéutico, de coidados ou de sistemas educativos, etcétera. En vez de procurar a singularidade de cada persoa, unha análise das súas capacidades e trastornos, como farían o diagnóstico os clínicos, entre os que eu podo estar, foilles máis práctico establecer tres elementos claves, que si a comunicación, que si a cuestión social, que si a cuestión cognitiva, e establecer tres graos ou niveis do trastorno, e aí metemos a todo cristo e claro as consecuencias agora son fortísimas. Vas a un congreso de autismo Europa, que se convocan cada dous anos, e xa empezan a falar os Asperger, e eles mesmos quéixanse de ser tratados de autistas no sentido clásico da palabra, cando a eles o que lles interesa son traballos nunha dirección determinada, xa que están ao mesmo tempo nun mundo totalmente alleo ao que entendemos que vivimos nós. Son moi fortes e críticos. Teñen persoas no propio mundo da investigación sobre o seu trastorno. Entón ao mesmo tempo, cal é o problema de fondo, como tamén sucede en América, se non tes un diagnóstico non che pagan para tratamento, razón pola que ás familias lles interesa contar cun papel.

-. Entón, parece máis axeitado hoxe falar de autismos ca de autismo?

-. Efectivamente, non hai autismo, hai autismos. Cada persoa ten un problema diferenciado, seguindo a tradición dos lacanianos de centrarse na singularidade.

-. Os debates arredor das causas dos autismos xiran entre a xenética, o ambiente ou a combinacións de ambas. Dende a túa posición clínica por cal te decantas?

-. Para responder a esta cuestión eu sempre collo esta frase do artigo de Utta Frith e Francesca Happé sobre os autismos, que publicamos  no número 24 da nosa revista Maremagnum que di «o autismo en diferentes individuos probablemente ten diferentes causas e etioloxías, e nun só individuo diferentes síntomas poden ter diferentes orixes». Hai que lelo devagariño pero o que quere dicir é que non hai causas únicas. Historicamente pretendeuse que detrás do autismo había unha causa neurolóxica e logo xenética. Ángel Carracedo, que fixo un estudo xenómico con rapaces nosos, un grupo moi amplo, concluíu que ao final non pasa do 4 ao 5 % os elementos claves xeneticamente, o que non é suficiente.

-. Como nos explicas aos docentes o termo neurodiversidade?

-. Estas autoras inglesas que antes citei din que nos autismos pasouse dun modelo estritamente médico a un modelo máis social. A irrupción dos Asperger supuxo que eles reivindicasen que non son doentes, son distintos. O tema dos autismos hoxe vai por aí. Hai un momento no que se rompen os criterios grazas aos propios afectados.

-.  Cal é a razón da frecuencia comorbilidade dos autismos con hiperactividade ou outros trastornos do neurodesenvolvemento?

-. Forma parte da propia diversidade. Sucede con frecuencia co Trastorno de Déficit de Atención e Hiperactividade.

-.  Hai cura para o autismo? É un trastorno para toda a vida?

-. Non a hai. Nunha persoa sufrir unha doenza significa nunha persoa que antes estaba normal, neste caso non ten sentido falar de doenza, mellor de trastorno, que é algo como dicir es como es, es hiperactivo ou raro, non te comunicas, es un solitario. Quizais chame a atención que estamos diagnosticando de autismo a persoas adultas, maiores de sesenta anos.

-. Cal é hoxe a prevalencia dos autismos?

-. A prevalencia está moi acuñada, é do un por cento. En Vigo pode haber 3.000 casos, que é moito. En Galicia, 27.000.

-. Mais a prevalencia é diferente entre homes e mulleres?

-. A prevalencia pode ser dunha muller por cada catro homes e no caso dos Asperger dunha por cada dez, aproximadamente. O diagnóstico complícase nas mulleres porque cando unha muller ten algún tipo de alteración se lle atribúe a que ela é así. Hai unha marxinación no diagnóstico, hai un infradiagnóstico feminino. Faise unha diferenciación absurda, que constitúe unha clara fenda de xénero.

-. Tes dito que a persoa con TEA é unha insubmisa da educación. A quen cuestiona o alumnado TEA?

-. O que cuestiona unha persoa con TEA son os tres temas imposibles dos que falaban Freud: a educación, a política e o tratamento, a psicanálise, en realidade. As persoas autistas teñen uns intereses que non lles son respectados, a educación ao uso non lles vale para nada. Os cognitivistas pretenden por todos os medios de levar aos autistas a unha educación ao uso, pero eles non queren ese tipo de educación, non lles interesa e non vai con eles. Hai que mudar de educación.

-. Cres que se está avanzando na educación inclusiva?

-. A inclusión nun modelo de educación ordinario antóllaseme  complicadísima, imposible seguramente. Os posibilistas apostan por ela; se unha escola ordinaria contase con persoal especialista e recursos suficientes, pero sabemos que non hai cartos para pagalos. Por moito que as Nacións Unidas declaren por decreto lei a educación inclusiva para 2025, non se vai conseguir porque non é posible incluír xente con intereses educativos tan diferentes. Se vas ao centro Menela podes ver que as ferramentas que utilizamos e os traballos que se fan cos rapaces son totalmente diferentes aos dun centro escolar ordinario, a pesar de que fan moito máis do que poden.

-. Cal sería nese modelo o papel dos centros de educación especial?

-. Os centros de educación especial achegan o saber facer, a experiencia, a sabedoría de como se poden conseguir cousas respectándolle á persoa con autismo as singularidades, o cal lles permita ir de cara o que a elas lles interesa, respectando a súa introversión, a súa hiperactividade, as súas estereotipias, xa que ao final atopan o seu camiño polo pracer e polo goce dos que fala Lacan, sexa por exemplo en traballos de cociña.

-. En 1993 foi cando creaches o Centro Castro Navás de Priegue (en Nigrán), un centro de día e residencial para persoas adolescentes e adultas con TEA. Como funciona despois de vinte anos de experiencia?

-. O que se demostra no Centro Castro Navás é que se aos autistas lles ofreces algo, xa o collerán. Déixao aí, xa o collerán. Razón pola que comprendemos que tiñamos que ofrecer moitas cousas: horta, galiñeiro, lavandería, música, pintura, sendeirismo… Todo a persoas maiores de dezaoito anos.

-. Como afectou a pandemia aos vosos centros, tanto en Menela como en Castro Navás?

-. Afectou máis aos propios coidadores polo seu medo a contaxiarse que aos propios rapaces. En situacións extremas as persoas autistas modifícanse moito, o seu comportamento nos servizos médicos é moi colaborativo.

-. Como están as investigacións do TEA en persoas adultas que non foron avaliadas durante o período escolar?

-. Hai unha lagoa de infradiagnóstico das persoas maiores e das mulleres.

-. Para rematar, fálanos da experiencia de Maremagnun, a revista anual en lingua galega que dirixes sobre TEA que chega ao seu número 25.

-. Quedo asombrado como esta revista é capaz de conectar con xente europea dos autismos. Seguimos, a pesar da incerteza da súa continuidade.

Conversa publicada na Revista Galega de Educación 85