Está vendo o arquivo da categoría » Comercio_xusto

Reimondez_Branca_Rodriguez_Trama_22-5-2014

A presentación na librería Trama de Lugo d’ A alternativa está aquí, o ensaio de María Reimóndez, constituíu unha sesión de reflexión sobre a coperación e o seu enfoque dende a corresponsabilidade. Salientouno Branca Rodríguez Pazos, a presentadora do libro, cando o cualificou como «unha porta á esperanza, a partir dun cambio individual que se transforma en colectivo».«Un libro moi ben escrito, capaz de sintetizar o mundo da cooperación dende unha perspectiva de xénero, de país, nun tempo de tranformación social profunda, no que se propoón traballar dende as raíces, como se di na propia obra», dixo Branca. Sinalouno, tamén, a autora cando afirmou que «os grandes cambios comezan no cotián», ou cando insistiu na súa intención «de mover marcos sobre a cuestión da cooperación», ou explicou a súa concepción dos dereitos humanos como unha leira a traballar  e defendeu o labor das activistas polo seu movemento e acción. Máis alá destas primeiras intervencións, a presentación contou coa activa participación dun público moi numeroso que durante unha hora compartiu coñecementos, reflexións e a lectura do derradeiro capítulo do ensaio.

«A pobreza é a inxustiza»

bretemas —  26 de Abril de 2010

No artigo da semana reflexiono, a raíz da Festa «Un Día para a Esperanza» de Intermón-Oxfam, sobre a necesidade de reaccionar sobre a actual situación de fame, pobreza e inxustiza no planeta. Outra ollada é posible.

«Un Día para a Esperanza 2010»

bretemas —  24 de Abril de 2010

A crise económica  e o cambio climático castigan especialmente as poboacións pobres. Calcúlase que hoxe xa hai máis de 1.400 millóns de persoas  que sobreviven con menos de 1 euro ao día. O 70% son mulleres. Imaxinades cómo é a vida dunha familia que ten que comer, pagar pola educación e a asistencia médica con só 30 euros ao mes? E aí vai outra pregunta: Como o consegue?

Cada minuto, 100 persoas afúndense na pobreza. Mais… que pasaría se, cada minuto, outras 100 persoas se sumasen á solidariedade? Que poderíamos mudar o mundo! Axudádenos!

En repetidas ocasións, o presidente do Goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, comprometeuse a mellorar a situación dos países empobrecidos. Agora que ocupa a presidencia de quenda da Unión Europea ten a oportunidade e a responsabilidade de buscar solucións eficaces para acabar coa pobreza.

Por iso, hoxe, dende aquí, queremos que nos axudedes a pedirllo. Queremos que, dende a Unión Europea se impulse un plan de rescate dos Obxectivos de Desenvovemento do Milenio, con medidas concretas para chegar ao 0,7, erradicar a fame, e lograr o acceso á saúde e educación para todo o mundo.

En Intermón Oxfam sabemos que os cambios son posibles. Traballando pola XUSTIZA podemos mellorar moitas vidas. E iso é posible grazas ao apoio de persoas como as que estades aquí. Persoas comprometidas e coherentes, que, a pesar da crise, contra vento e marea, seguides ao noso carón, sementando esperanza.

Pero para mudar o mundo temos que ser máis. Axúdanos a que a presidencia española da Unión Europea loite de verdade contra a pobreza. Asinade a nosa petición a Zapatero e sumemos solidaridade. PORQUE HOXE, TODOS XUNTOS, PODEMOS LOGRAR GRANDES CAMBIOS.

Moitas grazas!

Texto do Manifesto que lerei hoxe, á partir das 13:00 horas, na Praza da Princesa de Vigo no seo das actividades da festa da solidariedade «Un Día para a Esperanza» organizada por Intermon Oxfam.

Os contacontos de Tala

bretemas —  15 de Xaneiro de 2009

Gustáronme estas marionetas contacontos de comercio xusto.
Vía Besbe.