A lei zombi do libro

No artigo de Luzes reflexiono sobre A lei do libro e da lectura de 2006 ao fío da xornada organizada a pasada semana no Consello da Cultura Galega:

Na xornada organizada polo polo Consello da Cultura Galega para avaliar unha década da Lei 17/2006 do libro e da lectura de Galicia, Carlos Amoedo, catedrático de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña, cualificouna de «lei zombi, irrelevante, que camiña sen vida e que non achega nada substantivo ás políticas públicas da cultura en Galicia». Responsable da preparación do anteproxecto desta lei para ser presentada no Parlamento de Galicia, onde sería aprobada por unanimidade, na súa calidade de Secretario xeral técnico da Consellaría de Cultura do goberno bipartito, foi a de Amoedo unha das voces autorizadas que durante a xornada miraron atrás utilizando o retrovisor e reclamaron a actualización dos contidos da lei do libro no marco dunhas políticas públicas integrais para o sector cultural e especificamente para o do libro e da lectura en galego.

Xaora, foi a presentación do informe Datos da edición en Galicia (2006-2016), elaborado polo Observatorio da Cultura Galega o que acendeu todos os pilotos vermellos sobre a precariedade da situación do sector dende a aprobación da lei. Un diagnóstico que o responsable do Observatorio, Hokam Casares, resumiu en catro tendencias: descenso importante do volume de produción de exemplares impresos e aumento dos editados en formato dixital; mantemento á baixa do número de títulos editados en galego, que supoñen a metade dos editados en Galicia; diminución severa do consumo de libros non de texto; resultados negativos dos balances das empresas do sector, tanto editoras, librarías como empresas de artes gráficas, a maioría delas en números vermellos ao longo da década.

Unha situación crítica, á que os diversos gobernos de Núñez Feijoo deron as costas, xa que a partir de 2009 se reduciron o conxunto das achegas ao sector do libro e da lectura nun 50 %, porcentaxe que Carlos Amoedo estimou no 70 % (pasando dos 7,5 millóns de euros de 2009 aos 2,30 millóns de euros do orzamento deste 2018), chegando até o 82 % no caso da partida anual de compra de novidades editoriais en galego para bibliotecas públicas. Un diagnóstico dramático avalado polas intervencións na xornada dos representantes das editoras, librarías e autoras que denunciaron a renuncia da Consellaría de Cultura a contar cun nivel de gasto acorde coas necesidades dun sector á intemperie que a lei considera estratéxico para Galicia.

O fracaso da lei do libro e da lectura de 2006 (como do plan de lectura a ela asociado), elaborada co consenso e o entusiasmo (inxenuo) do sector (proceso que na xornada reconstruíron con detalle Xavier Senín e Cristina Novoa, secretarios do grupo de traballo), reforzado polo consenso da propia cámara galega, obriga a repensar a propia estratexia do sector en Galicia, sometido ademais a retos tan complexos como os da hibridación dixital, a concentración da distribución e a banalización da cultura do libro incorporada ao sector da industria global do lecer. Como obriga a reconsiderar o papel deste tipo de «leis promesa», tamén palabras certeiras de Amoedo, sen instrumentos  xurídicos e sen reservas orzamentarias que aseguren a súa posta en vigor, mais aínda cando os compromisos adquiridos polo Gobierno de España coas políticas de consolidación fiscal obrigarán a continuar reducindo os gastos en educación e cultura. Ou noutras palabras, sen un compromiso político e social moi firme e amplo será moi difícil parar a tendencia esmorecente do sector da edición galega que, a pesar de todo, continúa sendo a primeira das nosas industrias culturais.

Moi lonxe de renderse, o sector galego do libro e da lectura esixe estes días a recuperación da lei e do seu espírito de consenso e corresponsabilidade para deseñar actuacións urxentes e imprescindibles que eviten o seu colapso. Medidas que pasan por acordar cos actuais responsables da Consellaría de Educación e Cultura un novo marco arredor das políticas de gratitude e dixitalización do libro escolar (no período autonómico o piar sobre o que se alicerzou a viabilidade do sector da libraría de proximidade e dunha boa parte das editoras), do incremento da dotación bibliotecaria e da proxección internacional do libro e da literatura galega, con atención preferente ao apoio á participación do sector nas feiras profesionais e á tradución a outras linguas. Marco que obrigaría á Consellaría de Cultura e Educación, como ao propio presidente Feijoo (que continúa sen recibir aos responsables do sector) a asumir un incremento plurianual do seu nivel de gasto nun sector sen o que non é posible falar de Galicia como país e como cultura con lingua de seu. Pasar de ser unha lei zombi, rara e decorativa a unha lei activadora do sector profesional do libro e da lectura é un reto que aínda podería ser afrontado no que queda desta lexislatura de abafante conformismo.

Necesitamos unha oficina do libro

No artigo da semana en Luzes propoño a creación dunha Oficina do Libro:

A renuncia da Consellaría de Cultura a continuar co proceso de contratación dos espazos oficiais da Xunta de Galicia en catro feiras internacionais do libro, as acordadas coa Asociación Galega de Editoras (AGE), abriu o debate sobre cal debe ser o modelo de promoción do libro, da literatura e da propia lingua galega no mundo. Máis alá da desafortunada decisión unilateral do secretario xeral técnico da Consellaría de Cultura, que pretende ampararse nun presunto desinterese da AGE, o que a todas luces é falso, como manifestou o presidente do gremio das editoras Xosé Ballesteros, esta anulación da presenza da institución galega nas feiras de Boloña, Barcelona, Frankfurt e Guadalajara (México) do ano 2018 evidencia tanto a ausencia dun modelo estratéxico para a proxección internacional do sector do libro e da edición en Galicia como a incapacidade dos responsables do actual goberno para manter abertas canles de diálogo institucional fluído coa asociación de editoras e co resto de asociacións profesionais do libro, xa que tampouco é segredo ningún que algo semellante puidese suceder como saída á crise das feiras do libro de Galicia, organizadas dende hai décadas pola Federación de Librarías de Galicia co apoio da administración autonómica.

É un feito innegable que as editoras galegas levan participando nas feiras internacionias do libro antes que o fixera a Xunta de Galicia, sendo conselleiro de Cultura Alfredo Conde (polo tanto, a partir de 1987). Como tamén o é que membros da AGE, como algunhas das súas empresas asociadas, estarán presentes na vindeira feira do libro de Boloña, a celebrar do 26 ao 30 de marzo, con espazos propios pagados cos seus fondos, consolidando así a súa participación neste encontro fulcral para o libro infantil e xuvenil, subsector no que as editoras galegas contan cunha presenza máis que digna. Como é innegable a disposición que sempre mantiveron as distintas directivas da AGE, entidade que representa ao 95 % das editoras do país, para establecer espazos de diálogo e colaboración permanente coa Consellaría de Cultura e Educación fose para artellar unha participación profesional conxunta nestes eventos internacionais ou fose no deseño dun modelo de promoción exterior para, non o esquezamos, o primeiro sector estratéxico da nosa industrial cultural, como recoñece a Lei do libro e da lectura de 2006.

Para recuperar este proxecto de promoción internacional en clave de país, como leva reclamado o sector profesional da edición dende hai unha década, tanto dende as editoras como dende as asociacións de autores e autoras (AELG, Pen Club, AGPI), é imprescindible que o actual equipo cultural de Feijoo recoñeza, sequera por unha vez, o valor estratéxico do sector e a súa disposición de traballar man con man coas editoras, abandonando actitudes paternalistas ou cesaristas, incompatibles co noso tempo. Apenas un requisito para abordar, devagariño e con actitude aberta, o deseño dunha estratexia compartida que permitise fomentar de forma sistemática o comercio exterior do libro galego e a exportación de textos da nosa creación literaria e de traballo da nosa produción gráfica, con atención preferente ás comunidades lusófonas e do arco atlántico.

Desbotada polo momento a creación do Instituto Rosalía de Castro de promoción da lingua e literatura galega, cuxas razóns algún día debería explicar Ánxela Bugallo, a conselleira de Cultura que presentou a versión definitiva da Lei do libro e da lectura de 2006, a experiencia exitosa do euscaldún Instituto Etxepare e do catalán Ramón Llull, aconsella contar, canto menos, cunha Oficina (reivindicando o nome das antigas “oficinas de impresión”) de xestión de promoción da literatura e do libro galego no mundo. Unha entidade de xestión pública, con participación do sector privado, que a semellanza de modelos de éxito como os do Ireland Literature Exchange ou a dos editores de Québec, tivese como obxectivo facer visible a oferta editorial galega no seu conxunto, promover o coñecemento dos seus creadores (autores e autoras, mais tamén, ilustradores e ilustradoras) e das axudas públicas existentes para a súa tradución e edición, organizar e ampliar a presenza institucional e profesional nunha ducia de feiras internacionais do libro, así como manter actualizada ao longo de todo o ano a información dixital sobre o libro e a literatura galegas. Tarefas nas que podería contar, sen dúbida, coa colaboración da rede de centros de estudos galegos existentes no mundo, a maior parte deles de carácter universitario.

Se queremos dar pasos firmes para que os nosos libros e os nosos autores e autoras teñan presenza na edición internacional, cada vez máis hibridada e aparentemente máis homoxénea, aínda que cada vez máis disposta a asumir a diversidade, a excelencia e a orixinalidade (como ven sucedendo no sector audiovisual), é imprescindible contar cunha estratexia de país, unha única folla de rota compartida pola Xunta de Galicia e polas editoras e asociacións de autores, como cunha ferramenta (a que bautizamos aquí como “Oficina do libro”) que a xestione con criterios profesionais independentes. O demais é continuar enredándonos na abafante lameira do curtopracismo electoralista que tanto incomoda e por riba non leva a ningures.

 

O libro galego á intemperie

Dedico o artigo semanal de Luzes á situación do sector editorial en Galicia:

Pasada unha década da aprobación da Lei do Libro e da Lectura de Galicia o sector do libro quedou á intemperie, abrigado pola forza dos seus lectores e lectoras e sostido pola súa dependencia do sector educativo. Pouco queda xa das intencións acuñadas nunha lei magnífica, pioneira en España, forxada co consenso do sector e dos grupos parlamentarios durante o derradeiro goberno Fraga e aprobada (con algúns recortes significativos, como o do Instituto Rosalía de Castro para a difusión da lingua e cultura e galegas no mundo) polo goberno de coalición de Touriño. Unha lei derrogada de facto polo goberno de Feijoo e coa que os seus tres conselleiros de Cultura (Varela, Vázquez e Rodríguez) nunca se sentiron identificados, a pesar de que o seu cumprimento fose reclamando de forma insistente polo sector como espazo de encontro institucional e de apoio profesional ao seu proceso de dixitalización e proxección internacional.

Un desinterese do equipo cultural de Feijoo pola lei de 2006 que podemos entender tanto pola súa concepción avanzada da lectura como unha competencia a desenvolver por toda a cidadanía, independentemente de cal fose a súa idade, como e sobre todo pola consideración explícita da lectura en galego e do propio sector editorial como un dos alicerces para a lingua galega, seguindo as recomendacións do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2004, aqueloutro espazo de consenso erradicado polos gobernos de Feijoo, sobre todo dende a aprobación do decreto para o plurilingüismo de maio de 2010, a peza angular das políticas de retroceso para a lingua e para a lectura en galego.

Neste contexto adverso de retroceso das políticas públicas de lectura e de fomento da lingua, o sector do libro galego afrontou de forma heroica o seu proceso de hibridación e mudanza, sometido á tormenta perfecta da dixitalización dos seus soportes e formatos, da devaluación do seu mercado imposta pola crise económica e polas políticas públicas de consolidación fiscal, como da banalización da cultura, inserida a nivel mundial no sector do lecer, coa complexidade que iso supón para artellar unha oferta editorial atractiva para públicos diversos.

Os datos da súa admirable resistencia en solitario falan por si sós. Mentres de 2007 a 2015 o sector do libro perdía en España o 27,70 % da súa facturación (mil millóns de euros), en Galicia facíao nun 12,73 %, mantendo o libro galego o seu nivel de vendas (arredor dos vinte millóns de euros), a pesar de que reduciu o seu número de títulos nun 15,00 % e o de exemplares producidos nun 31,36 %. Retroceso intensificado no período 2010-2015, que coincide cos gobernos de Feijoo, no que os títulos editados en Galicia se reduciron á metade, sobre todo os impresos en lingua galega (-58,34%), expresando a forte incidencia da hibridación dixital que neste período supuxo xa o vinte por cento da oferta do sector. Cifras ás que non son alleas as diminucións dos fondos da Xunta de Galicia para a edición en galego, referidos a compra de novidades editoriais para bibliotecas públicas, axudas á edición de materiais didácticos e subvencións a tradución. Recortes dunha media do 80 %, si leron ben, do oitenta por cento, que pasaron de supoñer en 2007 o 11,61% sobre a facturación do sector ao 2,29 % en 2015. O mito do editorial como un sector hipersubvencionado pola Xunta foise a pique.

Unha situación precarizada do libro galego na que cómpre recoñecer a existencia nesta última década de espazos alternativos de esperanza, como o das bibliotecas, sobre todo do programa de bibliotecas escolares da Consellaría de Educación, e a dinamización que supuxeron iniciativas como Culturgal, O Salón do libro de Pontevedra, asociacións de voluntariado como Espazo Lectura ou o activismo teimoso dalgunhas librarías e editoras para visibilizar as novidades, que expresan as posibilidades de recompoñer espazos de encontro dos poderes públicos (Xunta, pero tamén dos concellos e deputacións) cos sectores profesionais do libro e da lectura (editoras, librarías, autoras, bibliotecarias e lectoras) para deseñar e activar políticas de fomento da lectura.

No entanto, tamén hai datos inquedantes, como os publicados sobre índices de lectura, nos que Galicia volve situarse por debaixo da media española na lectura de libros en tempo libre, sendo a comunidade autónoma menos lectora das do norte da península. Como tampouco convida ao optimismo o desinterese do goberno de Feijoo (o único presidente que nunca quixo recibir á directiva das editoras galegas) por reconsiderar as súas políticas de apoio ao libro galego (neste 2018 as axudas non aumentaron) e para contar co criterio da Asociación Galega de Editoras, presidida por Xosé Ballesteros, no deseño da proxección internacional do libro editado en Galicia e na mellora da súa presenza nas feiras internacionais de Boloña, Líber, Frankfurt e Guadalajara, que este 2018 non contarán para a nosa vergonza con espazo do goberno galego. Como decepcionante é a ausencia de información sobre os contidos da anunciada Estratexia da Cultura Galega 2021, elaborada por trinta expertos, que se propón como folla de ruta dos vindeiros anos, e da que os profesionais do sector do libro a esta altura nada sabemos.

 

Hai futuro para a edición infantil e xuvenil en galego

No número de decembro de Tempos Novos publico este artigo sobre a situación da edición infantil e xuvenil en galego:

Os datos da Panorámica de la edición española de libros 2016, o informe máis recente elaborado cos datos da oficina do ISBN, acenden o piloto de emerxencia para a edición galega: o número de inscripcións continúa retrocedendo un 13,10 % con respecto ás do ano anterior, acadando apenas as 1.211, o que supón una merma do 52,39 % das publicadas en 2010. En apenas seis anos, o libro galego publica case a metade que antes ofrecía. Un retroceso interanual nesta caso que aínda resulta máis acusado para o libro impreso en galego (14,44 %), fenómeno que non sucede nin na edición en éuscaro, que medra un espectacular 34,50 %, nin na catalá nin na castelán que se incrementan arredor do sete por cento. Non hai dúbida que a edición do libro galego, cada vez máis hibridada no formato (o 31,54 % da nova oferta de 2016 foi dixital), vive o peor momento das últimas tres décadas. Datos alarmantes traducidos nun S.O.S., emitido periodicamente polas asociacións profesionais de editoras e librarías, que non recibe apenas resposta por parte da Xunta de Galicia, que dende 2009 rebaixou os fondos públicos destinados ao sector nun 80 %, mais tamén escaso interese dos grupos da oposición. Deixou de formar parte o libro e a lectura da axenda política galega da Autonomía?

Aínda que neste contexto adverso poida resultar estraño, a crise do noso sector coincide con outro momento de fulgor e proxección da literatura infantil e xuvenil galega, tanto no que atinxe a cantidade, calidade e diversidade da súa oferta como á proxección fóra do país da nosa creación. Eis, Poemar o mar (Xerais 2016), o recente Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil de Antonio García Teijeiro, o primeiro para un libro de poemas galegos, o segundo premio galego para as tres últimas edicións deste premio, considerado o máximo recoñecemento dos poderes públicos para a creación literaria. Eis, tamén, A balada dos unicornios (Xerais 2018), o novo Premio Lazarillo de literatura xuvenil (convocado nas catro linguas oficiais) de Ledicia Costas, autora que conta con milleiros de lectores e lectoras para as súas obras escritas en galego e publicadas e recoñecidas en castelán, catalán ou coreano.

As cifras do subsector da literatura infantil e xuvenil galega merecen ser coñecidas. Segundo o estudo do Comercio Interior del Libro de 2016, elaborado cos datos achegados polas editoras o número de títulos supuxo o 35,90 % dos publicados polo sector, porén constitúe o 27,90 % dos exemplares fabricados e o 25,40 % da facturación. Ou noutras palabras, o libro infantil e xuvenil en galego conforma un mercado interior superior aos cinco millóns de euros, una cantidade importante, como tamén o é que un de cada tres libros editados en galego e un de cada catro vendidos nas nosas librarías sexa considerado coas etiquetas “infantil” ou “xuvenil”. Consideracións que compriría completar co peso crecente deste subsector da edición galega no Comercio Exterior do Libro (un dato que descoñecemos), sobre todo pola oferta de álbum ilustrado que achega Kalandraka e as súas diversas filiais internacionais. Cifras que amosan a resistencia da literatura infantil e xuvenil galega no entorno da hibridación, así como a súa importancia, xunto coa edición do libro de educativo (suman o 76,60 % da facturación), para o conxunto do noso sector. Un fenómeno que caracteriza á edición galega ao longo das tres últimas décadas, que comparten tamén a realizada en catalán e en éuscaro.

A boa saúde da edición de literatura infantil e xuvenil non pode agochar o reto de preservar a diversidade e a singularidade dos contidos da súa oferta, desafío que comparte coas editoras doutras linguas da contorna europea, ameazadas polos efectos da  hibridación dixital e da homoxeinización audiovisual sobre os comportamentos do lectorado en formación. Como tampouco pode descartar os efectos que sobre o propio sector está ocasionando a perda acelerada de falantes iniciais do idioma galego, xa que semella moi difícil que poida ser viable a edición vizosa nunha lingua que resulte allea ou estranxeira para a maioría dos seus potenciais lectores ou lectoras, mesmo a pesar de que poidan contar con competencia lectora pasiva.

Como tamén a nosa edición de literatura infantil e xuvenil debe afrontar o desafío que formula tanto a ampliación da súa oferta dixital, até agora máis reducida ca no eido da narrativa para persoas adultas, como do seu nivel de interacción, esencial para continuar prendendo no lectorado novo. Como é obrigado abrir o catálogo do sector máis decididamente nos territorios da chamada “non ficción”, sobre todo de contidos de divulgación científica e humanística, como reclaman de forma insistente dende as bibliotecas escolares (por certo, de funcionamento modélico, no caso galego). Sen esquecer, a necesidade de contar neste eido, a pesar da consolida presenza internacional das editoras de álbum, cunha estratexia de proxección internacional, compartida por pola Xunta de Galicia e o sector privado, que facilite a tradución dos nosos autores e autoras máis alá das viaxes illadas dalgúns ás feiras de Boloña ou Guadalajara.

Retos no contexto da hibridación editorial internacional que cómpre continuar abordando coas doses elevadas de autoestima e innovación coas que traballou sempre este subsector, quizais o máis dinámico e cosmopolita da edición en galego. Hai futuro para a lix galega!

Onte 1912: O libro en catalán medra

O inicio da 35ª edición da Setmana del Llibre Català, que como é adoito coincide coa Diada do 11 de setembro, é unha oportunidade para tomarlle o pulso a saúde a un sector editorial que dende 2014 continúa medrando, tanto en vendas como en número de títulos editados. As vendas incrementáronse en 2016 no 3,60 % con respecto ao ano anterior, até chegar aos 236,65 millóns de euros (dez veces máis ca as do libro en galego), como tamén o número de título editados (11.343). Un libro en catalán que supón o 45,50 % do vendido en Cataluña (o libro en galego supón arredor do 15,00 % do vendido en Galicia), a pesar de que, se descontamos o libro de texto, a porcentaxe baixa até o 25,40 %.

Na información que leo en Ara chama a atención a importancia que Montse Ayats, presidenta da Associació d’ Editors en Llengua Catalana, concede aos títulos traducidos (o 20,00 % do total), á presenza de autores internacionais na Setmana, na que Paul Auster presentará a edición en catalán de 4 3 2 1, como á visita de dezaseis editores estranxeiros que manterán reunións coas editoras catalás. Estudar o modelo desta Setmana paga moito a pena para a angueira galega de refundar as nosas feiras do libro.

Onte 1910: Fatiga dixital no sector do libro estadounidense

Lin onte un interesante estudo do ICEX sobre a situación do mercado do sector editorial os Estados Unidos. Sometido a un intenso proceso de hibridación e reestruturación, promovido polas mudanzas tecnolóxicas como polas preferencias dos públicos, o primeiro dato, quizais un dos máis sorprendentes, é que en 2016 as vendas aumentaron nun 1,10 %, até acadar os 29.000 millóns de dólares, procedendo o groso da facturación dos libros impresos, fronte á caída da dos e-books. Diminución dun 5,70 % dun mercado do libro electrónico de case catro mil millóns de dolares (o 13,38 % do total do mercado), motivada tanto polo encarecemento dos e-books polo chamado “modelo de axencia”, no que os editores fixan o prezo de venda sen apenas marxe para os minoristas, como polo fenómeno bautizado como “fatiga dixital”, que fai que os consumidores prefiran dedicar o seu tempo de lecer a actividades que os manteñen afastados dos ordenadores, tabletas e dispositivo móbiles.

Outro feito que me pareceu salientable deste mercado é o liderado indiscutible acadado polos e-tailers, os distribuidores a través de internet, como Amazon, que se sitúan como a canle favorita dos compradores, o que afecta tanto ás redes de librarías como as distribuidoras. Como tamén chama a atención que este mercado sexa lidareado polo libro de texto (o 31,60 % das vendas), seguido dos libros técnicos e profesionais (27,50 %), os de ficción e non ficción para persoas adultas (24,00 %), mentres que os libros infantís, que dependen en boa medida dos orzamentos das escolas, supoñen apenas o 6,60 %. Pareceume significativo o feito de que o formato dixital non teña unha gran aceptación nos libros infantís (apenas o 20,00 %), o que os redactores do informe atribúen á preferencia dalgunhas familias a que os seus pequenos lean en libro impreso antes que o fagan en e-book.

Por último, un dato que non pode pasar desapercibido é que o 73,00 % dos estadounidenses leron polo menos un libro nalgún formato durante o último ano, sendo o 65,00 % os que fixeron nun libro impreso, o 28,00 % nun e-book e o 14,00 % nun audiolibro, formato que continúa o seu crecemento continuado, quizais porque lles permite compartir outras tarefas. Xaora, o estudo identifica unha mudanza dos hábitos de consumo dos lectores dixitais, aumentando os que len en dispositivos multiplataforma (smartphones e tabletas) fronte a aqueles que o fan en e-readers.

Datos interesantes que expresan unha certa fatiga do proceso de hibridación dixital no mercado estadounidense que poden axudar a identificar  e explicar tendencias no noso mercado.

A industria editorial galega: proceso de hibridación e perspectivas

[Texto base da intervención «A industria editorial galega: proceso de hibridación e perspectivas», lida no Consello da Cultura Galega o 20 de xuño de 2017 no marco das xornadas «A industria cultural galega no horizonte 2025»]

Solicítanme os organizadores que faga un exercicio de prospectiva sobre o proceso de hibridación e as perspectivas da industria editorial galega en 2025. Non é unha tarefa doada, cando os editores chamamos futuro o que estimamos pretendemos facer a volta de apenas dous ou tres anos no nosos plans editoriais. A case unha década só podemos enxergar medos e incertezas.

Lembrando o proxecto Galicia 2010

Xaora, non podo esquecer que foi neste espazo do Consello da Cultura onde hai dezaoito anos desenvolvemos bastantes da reunións do grupo de lingua e cultura, coordinado por Carlos Casares, de Galicia 2010, un fermoso proxecto de prospectiva sobre a Galicia das décadas de entre milenios. Financiado polas caixas de aforros e o Banco Pastor, descansen en paz.

Aquel espírito estratéxico perdeuse no país, como tantas outros valores, sendo moi de agradecer que o Consello da Cultura Galega convoque aos profesionais da nosa industria cultural para obrigarnos a repensar o presente en clave de futuro dos nosos sectores, da nosa cultura e da nosa nación.

Inevitablemente, acudín con curiosidade a reler o documento que preparara sobre “Libro e edición” naquel Galicia 2010, un texto que lembro utilizamos, anos despois, como material de base para confeccionar os primeiros borradores da Lei do Libro e da Lectura de Galicia que sería aprobada por unanimidade a finais de 2006. Outro dos consensos forxados naquela década de entusiasmo, previa a debacle da crise, que comezaría para o noso sector en 2009.

Comezaba aquel documento lembrando o carácter militante dos editores galegos, que en 1975 publicaron 68 títulos, que se comparaban coas 1.231 referencias de ISBN en galego de 1998, o que cualificabamos de chimpo de xigante. Cifra, a de hai dezanove anos, moi próxima aos 1.211 de 2016, último do que temos datos avanzados na web do Ministerio de Cultura.

Dábase conta dunha facturación de 2.233 millóns de pesetas, na moeda actual, 13,5 millóns de euros, e do funcionamento de vinte e catro editoras que ocupaban a 322 persoas.

O informe estendíase en recoller outros datos referidos á tipoloxía de edición, na que se salientaba “a forte dependencia do sector do libro de texto do ensino universitario, que supón o 35,50% dos exemplares e o 30,40 % da facturación anual”, mentres que a edición literaria apenas supón o 12,80 % da producion e o 18,00 % da facturación anual”. Datos, como logo comprobaremos, que pouco difiren dos da actual década.

O informe abordaba despois as carencias do sector (fragmentación do sector, escaso recoñecemento, institucional, ausencia de promoción nos medios de comunicaicón, deficiencias na dotación bibliotecaria e libreira…), para, a seguir, propoñer dez actuacións estratéxicas para o sector da edición e do libro.

Un modelo que pretendo seguir nesta intervención e abordo sen máis demora.

Prego desculpas xa que utilizarei algunhas cifras coa intención de que vos fagades cargo da situación.

O editorial. Un sector hibridado, en mudanza

Estou convencido que o sector editorial galego, como o conxunto da edición internacional, vive arestora un proceso de hibridación tanto da creación, do soporte, como das súas formas de distribución dos seus contidos. Factores de incerteza, aos que no caso específico galego, se lle engaden a devaluación económica que estamos sufrindo dende 2008, como o devalo demográfico e a práctica desaparición das políticas de fomento da lingua galega, sobre todo no eido educativo, que axudaron de forma decisiva ao desenvolvemento do sector ao longo do período autonómico.

O editorial. Un sector que retrocedeu

O sector editorial en galego, segundo os datos da serie estatística do ISBN, multiplicou por catorce a súa produción nas últimas tres décadas, xa que no ano 1980 publicaba 187 títulos e no ano 2010 acadou os 2.544 títulos, o seu máximo histórico.

Durante este período foi un sector punxente, capaz de desenvolver un amplo e diversificado catálogo de quince mil referencias, que como xa adiantamos no ano 2016 publicou 1.211 títulos, reducindo no último lustro a súa edición en galego en máis do cincuenta por cento, retrocedendo ás cifras de finais do milenio, e de contribuír a desenvolver un tecido produtivo ao redor da edición en Galicia.

Un sector que, segundo os datos do estudo de Comercio Interior del Libro de 2015, facturou 26,61 millóns de euros, dos cales 22,21, corresponderon a lingua galega, por parte de corenta empresas, mantendo nese ano cerca de 200 empregos directos, ademais dos inducidos nos sectores das Artes Gráficas, libraría e distribución. Un sector que perdeu, polo tanto, na última década, un terzo do emprego.

Abonda que reparemos nas cifras do Cadro 1. Produción e Facturación da edición galega de 2003 a 2015, para que comprobemos a magnitude do retroceso.

Tomando como referencia 2007, ano histórico na facturación do sector, os títulos editados en galego polos editores galegos na actualidade (2015), 1.103 son inferiores aos de 2003, e os exemplares impresos supuxeron un descenso do 31,36 %.

Retroceso que, por ventura, foi menor na facturación do libro editado en Galicia, reducida no 16,56 %, inferior ao do conxunto do sector en España (27,73 %), o que permite ao libro en galego resistir e mesmo neste período gañar dous puntos de cota de mercado interior. Ver Cadro 2. Libro editado en galego por tipoloxía temática.

Unha redución do volume de edición, tanto a nivel de títulos, como de exemplares, e polo tanto de tirada media, que acentou a dependencia do sector da edición e da distribución paraescolar, a de libro de texto e literatura infantil, que supoñen en 2015 o 76,10% dos exemplares e o 78,60% da facturación, a maís elevada da historia. Mentres que a edición literaria diminúe o seu volume, tanto en títulos como exemplares.

Un fenómeno acentuado ao longo da década da crise, semellante ao que sucede tamén en Cataluña e País Basco, onde a edición se concentra nos libros de Literatura, Texto e Literatura Infantil e Xuvenil, sendo en catalán o 83,9 % dos títulos, en éuscaro o 97,6 % e en galego o o 85, 7 %. Cifras todas elas que testemuñan que no entorno da crise non se modificou a forte dependencia do libro editado en galego con respecto ao mercado escolar e paraescolar.

Dende o comezo da década actual acelerouse na edición en galego o proceso de dixitalización, que supuxo como media unha oferta arredor do 20 % dos títulos, nos seus diversos formatos, CD-ROM, PDF e epub. Mentres descendeu nun 58,34 % os títulos impresos, os dixitais aumentaron nun 94,95 %, o que supón que a pesar de o sector reduce a súa oferta case á metade, fíxoo hibridándoa, tendencia semellante a do sector español e internacional. Ver Cadro 3. Edición en lingua galega por formato.

Con todo son moi significativos os datos máis recentes, os de 2014 e 2015, que levan a porcentaxes de hibridación dixital superiores ao 30 %, na liña do conxunto da edición española; sendo, tamén, os ebooks ou libros dixitais o 93,70 % destes soportes.

Convén reparar, tamén, no carácter plurilingüe da edición en Galicia, onde ao longo desta década de retroceso a participación da edición en galego oscilou entre porcentaxes do 50 ao 60 %, aínda que a tendencia sexa máis achegada ao incremento. Ver Cadro 4. Edición en Galicia en edición en galego.

Como tamén outra circunstancia a ter en conta é a diminución das axudas públicas da Xunta de Galicia directas á edición en galego, compra de novidades editoriais, axudas a edición de materiais didácticos e subvencións á tradución, que pasaron de supoñer en 2007 o 11,61 % sobre a facturación do sector ao 2,29 % en 2015. O mito do editorial como un sector hipersubvencionado pola Xunta vaise a pique. Ver cadro 5. Axudas públicas á edición en galego.

Xaora, outras políticas públicas tamén teñen influído no devalar do sector, singularmente a aprobación do Decreto 79/2009 de Plurilingüismo, que supuxo unha drástica redución das posibilidades de facturación para o sector educativo, na área de matemáticas nas ensinanzas obrigatoriais como na Educación Infantil, así como a extensión, dende 2013, da duración da vixencia dos libros a seis anos, ou a implantación en 2011 do modelo de gratuidade solidaria.

Non embargante, as dificultades do mercado interior, víronse parcialmente mitigadas polo desenvolvemento dun interesante mercado exterior para a edición infantil galega, o que abre un esperanzador camiño para o conxunto do sector.

Por último, non podemos deixar de abordar a cuestión dos índices de lectura.

O Observatorio da Cultura Galega estimou nun informe de 2014 como público lector en Galicia a 1.079.25 persoas, aquelas que leron algún libro, apenas un 41 % das maiores de 7 anos. Ou o que é o mesmo, máis da metade dos galegos non len nunca un libro, unha cifra moi baixa, preocupante, que sitúa a Galicia, a pesar dalgúns avances no consumo de libros, á cola dos índices de lectura dos países e comunidades do noso entorno.

Deste millón de persoas lectoras en Galicia o 58,3 % (máis de 600.000) son mulleres, entre as que o 42,2 % (265.612) len máis de seis libros ao ano, lectoras habituais. Outrosí sucede coas persoas usuarias das bibliotecas públicas en Galicia, nas que tamén son maioría as mulleres, sendo un 35 % delas (220.119), usuarias frecuentes destes servizos públicos de lectura.

Cifras nas que volvemos identificar a forza das lectoras en Galicia representada por ese case cuarto de millón de mulleres galegas que integraron a lectura como a súa primeira actividade de lecer e cultura.

Un colectivo de lectoras moi amplo e diverso, probablemente maior no país noso co número de socios de clubes de fútbol profesional, aínda que pouco representado na axenda pública utilizada polas administracións e medios de comunicación.

En resumo: o sector editorial galego vive na actualidade a crise máis fonda da súa historia, sometido ás incertezas e mudanzas da hibridación dixital e da súa incorporación no sector internacional das industrias do lecer, no marco dun novo comportamento do lectorado no acceso aos contidos culturais, ao tempo que sofre á intemperie as regulacións das administracións no eido da Educación e das Políticas Lingüísticas, como os efectos do reducido número de lectoras, do devalo demográfico e da atmosfera de agotamento das doses de entusiasmo da contorna galeguista, tradicionalmente o seu primeiro público.

A aposta polo futuro

O sector editorial en lingua volve enfrontarse, como fixera hai dúas décadas, cando se redactou aquel proxecto Galicia 2010, aos retos que supón asumir a hibridación e mundialización do sector como unha oportunidade, como o de consolidarse como un dos principais alicerces para a supervivencia da lingua, literatura e cultura galegas. Retos que o obrigan a ollar tanto cara ao reducido mercado interior como a proxectarse sobre o exterior.

Resumo o que entendo poden ser dez liñas principais para o sector do libro e da edición na fronteira da terceira década do século, na que continuará a hibridación e, polo tanto, a coexistencia de libros impresos e dixitais:

Primeira: Visibilidade do libro e da lectura

Declarar a revolución lectora en Galicia, coa intención de incrementar os índices de lectura en todos os segmentos de idade.

Concibir a lectura de textos e hipertextos sobre soportes impresos ou pantallas como unha competencia de cidadáns de todas as idades.

Dotar de atención preferente á lectura no sistema educativo, privilexiando a Biblioteca Escolar como a aula principal de todos os centros educativos, e ao público xuvenil como protagonista desta revolución.

Asumir a existencia de públicos diversos para os produtos editoriais galegos: infantís e xuvenís, edición literaria, produtos de lectura de lecer, edición técnica especializada, agasallo…

Valorar como unha oportunidade que, como salientan os máis recentes estudos sociolingüísticos, hai lectoras galegas frecuentes non instaladas na galega como a súa lingua habitual.

Fomentar o uso das redes sociais para dar visibilidade as novidades editoriais e á comunicación directa entre autores e lectores.

Compartir actividades de visibilización das novidades entre editoras, autores, librarías e biliotecas. Refundar o modelo de Feiras do Libro de Galicia, contando coa colaboración dos concellos.

Renovar o calendario de efemérides do libro en Galicia: 24 de febreiro, 2 de abril, 23 de abril, 17 de maio, 17 de decembro…

Fomentar a presenza de autores e autoras nos medios de comunicación públicos e da información sobre as novidades editoriais e literarias.

Segunda: Creación literaria

Potenciar a creación literaria en todos os seus xéneros, concibida como peza básica para o sector editorial, utilizando tanto os recursos dos poderes públicos como o mecenado privado, como forma de apoio directo aos escritores e escritoras (premios, bolsas de creación, estancias, intercambio…) e a súa participación no mercado literario internacional.

Terceira: Tradución e edición

Potenciar a tradución e edición en galego de todo tipo de contidos textuais non literarios, con especial atención aos referidos ao patrimonio galego e aos eidos científicos e tecnolóxicos, cuxo catálogo actual é moi reducido.

Cuarta: A empresa editorial

Transformar cada empresa editorial galega nun obradoiro de contidos textuais e hipertextuais, con atención preferente aos destinados ao eido educativo e, en xeral, a infancia e a mocidade.

Quinta: A distribución

Desenvolver un modelo de negocio sostible para a distribución no mercado interior tanto de produtos impresos, dixitais ou de edición estendida (en ambos soportes), priorizando a utilización de plataformas propias sobre as internacionais monopolísticas (Amazon, Apple, Google…).

Sexta: A libraría

Considerar a libraría independente como un espazo cultural e comercial que merece protección (como xa sucede en Francia), apoiando a continuidade da súa actividade por medio de exencións fiscais e de dotación de ferramentas de xestión e mercadotecnia que contribúan a súa actualización no proceso de hibridación.

Sétima: A biblioteca

Considerar a biblioteca pública como a primeira institución cultural de cada comunidade local especializada en facilitar o acceso á información e á creación literaria en condicións de igualdade para os cidadáns de todas as idades.

Asegurar que a diversidade de novidades editoriais galegas chega á rede de bibliotecas públicas.

Oitava: Impresión dixital e dixitalización de fondos impresos

Aproveitar as posibilidades proporcionadas polos sistemas de impresión dixital para manter e ampliar o catálogo do libro galego impreso, contribuíndo así con este procedemento e mesmo cun servizo de edición baixo demanda a mantemento do tecido libreiro independente.

Desenvolver un plan de dixitalización dos catálogos editoriais privados.

Novena: O libro e a literatura galega no mundo

Fomentar de forma sistemática o comercio exterior do libro galego e da creación literaria na nosa lingua, con atención especial as comunidades lusófonas.

Creación dunha Oficina de promoción da literatura e do libro galego no mundo co obxectivo de visibilizar a oferta editorial galega, organizar a presenza institucional nas feiras internacionais do libro e manter actualizada toda a información dixital sobre o libro e a literatura galega.

Apoiar o funcionamento dos centros de cultura galega existentes no mundo e coordinar a súa actividade coa da Oficina da promoción da literatura e do libro galego.

Décima: Sector estratéxico

Facer efectivo o recoñecemento do sector do libro galego como sector da industria cultural estratéxico para Galicia, como se recoñece no Preámbulo e no artigo número 2 da actual Lei do Libro.

Elaboración dun Plan Estratéxico para o desenvolvemento do libro en Galicia (2017-2021). Creación dunha liña específica de axudas da consellaría de Economía e Industria por medio do IGAPE para a renovación tecnolóxica das empresas editoriais (Art.16.2), para a formación do seu persoal e para a promoción comercial do seus produtos (capítulo III Art. 15).

Onte 1889: Avance do Comercio Interior do Libro 2016

Nishan_AkgulianO avance de datos do Estudio de Comercio Interior del Libro 2016 publicado onte pola Federación de Gremios de Editores de España, a pesar do seu carácter incompleto e de non achegar apenas datos de edición por linguas, amosa unha lixeira recuperación do sector tanto no número de títulos publicados, que se incrementa nun 1,6 %, como na facturación, que despois de case unha década de devalo, sobe un 2,7 % (2.317,20 millóns de €). Con todo, os datos expresan que o número de exemplares impresos continúa diminuíndo, consolidando unha caída de case un 20 % no último lustro, e tanto a facturación como o número de exemplares vendidos aínda está lonxe da acadada no ano 2012, supoñendo unha diminución do 23,1 % (a prezos constantes 34,1 %), con respecto á do ano 2006.

No que atinxe a edición privada en Galicia e en galego os datos achegados por este avance son moi escasos. En todo caso expresan que en 2016 o número de títulos en galego (1.859) incrementouse nun 4,1 %, mais tendo en conta que non todos se editan en Galicia. Como tamén, a partir das porcentaxes do avance podemos estimar que a facturación das editoras galegas foi de 25,49 millóns de euros, o que supón unha diminución do 4,38 % con respecto a 2015, na que facturaron 26,66 millóns. Cifras que poden contextualizarse neste cadro, que elaboramos para unha intervención no Consello da Cultura Galega sobre a evolución do sector de 2003 a 2015.

Considero tamén salientables deste avance a resistencia que amosan tanto as librarías como as cadeas de librarías como canles principais da venda de libros (un 52,7 % da facturación de todo o sector) como a conitnuidade da crise do libro de peto, que nos últimos cinco anos reduciu practicamente á metade o seu volume de edición e facturación. Como non me deixa de chamar a atención que no actual proceso de hibridación, a pesar do incremento do número de títulos dixitais, diminuíse nun 2,8 % o número de exemplares vendidos neste formato, cuxa facturación de 117,19 millóns de € supoñen o 5,05 % da do sector, un incremento de 1,5 % con respecto a 2015, aínda que unha lixeira diminución da cota de hibridación, que nese ano foi do 5,11 %.

Datos que non son nin moito menos para botar foguetes sobre a recuperación do sector editorial, e moito menos en Galicia. No entanto, este primeiro repunte de facturación nos últimos cinco anos, como a capacidade de resistencia das librarias e a ralentización do proceso de hibridación dixital, son cuestións a ter moi en conta nas previsións do futuro do sector editorial.

Onte 1557: Estado da edición en galego en 2014

c0c0c675c71ebce5d2cea8d96731c8e3Dediquei os días pasados a revisar en profundidade os datos da edición en galego publicados no informe do Comercio Interior do Libro do ano 2014. Un exercicio no que chama a atención o feito de que por vez primeira nos últimos anos, repuntase o número de títulos publicados até os 1.881 títulos (1.332 publicados en Galicia, 492 en Madrid e 57 en Cataluña). Cifras que, paradoxicamente, expresan que se reduciu até o 70,8 % a edición en Galicia do libro galego, así como se produciu unha lixeira redución do número de títulos (1,04 %). En definitiva, sube a edición en galego grazas ao que se edita fóra de Galicia. No entanto, prodúcese un importante aumento do número de exemplares fabricados que chega aos 2.379.000, un incremento do 32,24 %, que leva a que a tirada media en 2014 se incrementase até 1.772. Sen dúbida, un efecto directo sobre o sector da renovación de libros de texto ao abeiro da reforma LOMCE, como tamén outro é que o catálogo do libro en galego acadase en 2014 os 12.861 títulos, o que supón un incremento do 13,49 % con respecto ao de 2013 (11.332).

Facturación

O estudo estima que en 2014 a facturación do libro galego foi de 21,05 millóns de €, o que supón un incremento do 2,73 % (560.000 euros), con respecto ano ano anterior, sendo as librarías independentes a canle privilexiada de comercialización, xa que nelas se realiza un 59,30 % das vendas (12,48 millóns de €). Estimando que as librarías galegas facturaron 86,73 millóns de €, as vendas do libro galego supoñerían para elas o 14,38 %, o que supón unha redución de apenas o 0,38 % con respecto a 2013. Xaora, se relacionamos estas cifras de facturación de 2014 coas de 2008, 23,27 millóns de €, a máis elevada até hoxe, a redución foi do 9,54 % (2014).

Edicións paraescolares

Como sucedeu ao longo da década, o estudo amosa como o volume da edición e facturación nas linguas cooficiais concéntrase nos libros de Literatura, Texto e Literatura Infantil e Xuvenil, as que podemos denominar «paraescolares». En 2014 mantense esta supremacía xa que o número de títulos en galego destes tres eidos chega a 1.294, o que representa o 93, 63 %, mentres que o número de exemplares producidos (2.251.000) supón o 94,62 %, sendo a facturación (19,11 millóns de €) o 90,78 % do mercado. Cifras todas elas que testemuñan que no entorno da crise non se modificou a forte dependencia do libro editado en galego con respecto ao mercado escolar e paraescolar.

A edición literaria

No ano 2014 reduciuse lixeiramente o número de títulos da edición literaria en galego (355), incrementándose, porén, o número de exemplares (282.000) e tirada media (794). Diminuíu moi lixeiramente a facturación (2,42 millóns de €), que representa o 11,50 % das vendas do libro en galego. Se facemos a comparación con 2011 (399 títulos, 509 mil exemplares, unha tirada media de 1.573 e unha facturación de 2,84 millóns de €), acentúanse a tendencia negativa. Xaora, o libro literario en galego mantivo neste periodo a súa diversidade de edición e facturación, a costa de reducir o seu volume de edición e a tirada media arredor do 50 %.

No ano 2014 a edición de poesía e teatro incrementou a súa edición até os 62 títulos, incrementando tamén o seu número de exemplares (2,8 % do total do sector) e a súa facturación (250.000 €). A edición de ensaio e estudos literarios baixou con respecto ao ano anterior até os 54 títulos, sendo a súa tirada media de 600 exemplares e a súa facturación de 190.00 €.

No que atinxe á edición de novela, o mercado privilexiado da edición literaria en galego, en 2014 editáronse en galego 239 novelas, o 17,30 % do total da edición; fabricáronse 183.000 exemplares, o 7,70 % do volumen total, o que supuxo unha tirada media de 794 exemplares; facturándose 2,43 millóns de €, o 11,50 % das vendas anuais. En definitiva, a novela que supuxo en 2014 o 67,32 % dos titulos literarios en galego, e o 20,40 % do total do catálogo galego, mantén a tendencia xeral de redución do volume de fabricación e de tiradas medias como estratexia dos editores para asegurar a diversidade da edición e a súa cifra de facturación. Un fenómeno facilitado polos actuais procedementos de impresión dixital e de baixa tirada que permiten realizar tiradas inferiores aos 400 exemplares a prezos asequibles

A edición infantil e xuvenil

No ano 2014 a edición infantil en xuvenil aumentou até o 495 títulos (o 35, 30 % do total); fabricáronse 438.000 exemplares, o 18, 40 % total; e facturou 4,35 millóns de euros, o 20,70 % do total. Se a comparamos cos datos do anao anterior, o número de títulos publicados medrou nun 24 %, o de exemplares baixou o 3,70 %, sendo a facturación case idéntica. Cifras que amosan unha aceptable saúde da edición infantil en galego no entorno da crise do sector.

A edición de libro de texto

En 2014 editáronse 444 títulos de libro de texto (o 32,20 %), fabricáronse 1.531.000 exemplares (o 64,30%), sendo a súa tirada media de 3.443 e a súa facturación de 12,33 millóns de euros (o 58, 60 %). Cifras que amosan o peso elevadísimo deste subsector de edición no conxunto do sector, máis aínda en dous exercicios nos que se publicaron novidades correspodentes á implantación da LOMCE.

 A edición de Ciencias Sociais e Científico Tecnica

No 2014 baixou aos 40 títulos, así como a súa tirada media até 576, sendo a súa facturación apenas o 1,00 % da total. Mentres que a edición de libros Científico técnicos en galego quedou a cero ao longo do ano. O resto dos tipos da edición en galego (libros prácticos e de divulgación, dicionarios e enciclopedias) reducíronse a 40 títulos (3,40 %), fabricáronse 107.000 exemplares (4,50 %), sendo a sua facturación de 1,73 millóns de € (8,20 %).

Onte 1388: Cifras da edición galega recente

libros_samanthaO Observatorio da Cultura Galega recompilou os datos dispoñibles, procedentes do ISBN e dos estudos de Comercio Interior do Libro, que axudan a comprender o estado da edición en Galicia e en galego recente. Entre tantas cifras saliento o que entendo son algunhas claves e tendencias.

Primeira. Tras unha importante diminución do 47,53 % do número de títulos editados en Galicia e do 43,99% dos editados en galego, entre 2010 e 2013, no pasado ano (2014) produciuse un incremento do 15,4 % da edición galega e do 23,63 % da edición en galego. Incrementos que se deben, sobre todo, aos da edición electrónica que se duplicou no último ano en ambos os dous casos. No entanto, o libro dixital supuxo en 2014 o 20,1 % en Galicia e o 26,37 % do editado en galego. Porcentaxes que acreditan no proceso de hibridación da actual oferta (ca non da facturación) do noso sector editorial.

Segunda. A edición en galego, no entorno do proceso de hibridación (2008 a 2014), mantense en porcentaxes superiores ao 60 % do libro editado en Galicia. Neste contexto no último ano é significativa a importante baixada do número de títulos traducidos do castelán e a continuidade da dependencia do subsector do libro escolar e infantil e xuvenil, aínda que o primeiro xa exprese unha clara tendencia á baixa do número de títulos editados.

E terceira. Que o sector editorial e as persoas relacionadas coas actividades da edición en Galicia ocupen a 5.438 persoas é unha estimación moi a ter en conta, máis aínda nun sector de actividade que perdeu un 35 % do emprego dende 2008.

Mágoa que non contemos aínda cos datos máis desagregados do estudo do Comercio Interior do libro de 2014, que se coñecerán, previsiblemente, a comezos de outubro coincindo coa inauguración de Liber. En todo caso, entendo que estes datos do OCG expresan unha tendencia a un lixeiro repunte da actividade editorial da man do libro electrónico (ca non do libro impreso) e unha diminución da oferta do mercado paraescolar, a pesar de que continúa artellando a actividade de creación e distribución do sector.