«Clandestino» na noite na biblioteca

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/Mf3tRK1e0RM" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Ben sabemos que Deolinda é unha marabilla.
Este «Clandestino» (unha das miñas cancións preferidas) é  apenas a miña pequena homenaxe para os lectores e lectoras que pasaron esta noite na biblioteca. Os membros de Espazo Lectura son os clandestinos da esperanza.

Beizóns!

"Limpeza de sangue", tertulia en Moaña

R.R. dá conta no blog da súa experiencia na tertulia da Lonxa Literaria de Moaña. A crónica do autor de Limpeza de sangue (un texto dramático que non me canso en recomendar vivamente) sobre o acto non ten desperdicio ningún. Eis o protagonismo dos lectores e lectoras, velaí as posibilidades dos clubes de lectura, chamados a converterse na peza ancillar da revolución lectora que pretendemos. Lean a crónica de R.R. e quedarán tan abraiados e entusiasmados coma min:

Encontreime con catorce ou quince lectores de Limpeza de Sangue que, por catro horas e pico –a primeira vez que mirei o reló era a unha da mañá e comezáramos ás nove– fixéronme disfrutar dos comentarios, das críticas e das discusións arredor do texto e do teatro. Incluso, como non puiden ler o texto antes de ir, e ademáis andaba algo adurmiñado, redescubríndome cousas sobre el que xa esquecera. Estaban alí Sole, que foi o meu contacto, Alba, que fixo a miña presentación, Benxa e Asun da Librería O Pontillón, Paco e o seu fillo Marcos –ó que lembro como organizador de funcións de teatro na Escola de Forestais de Pontevedra–, outra Asun, unha mestra coa que coincidira en tempos nalgunha función do Café do Real e que non sei se é a mesma Asun, Lucía –á que animo a que siga facendo teatro– e varios rostros máis ós que non dou posto nome pero cos que compartín o pracer dunha conversa que me gustaría repetir cada semana. Un daqueles rostros ós que non lle teño asignado o nome pero que pronto cataloguei como mariñeiro do Morrazo –forte, con barba, moreno, pel curtida– fíxome a crítica máis fermosa que ata o de agora escoitei sobre Limpeza de Sangue: díxome que cando o empezou a ler pronto puxo cara a cada un dos personaxes e que se tivese que levala á escena el xa sabía qué viciño de Moaña faría cada un: Fernando, Pantaleón, Mucha… Estaba tamén Antón Lamapereira, un auténtico e apaixoado home de teatro ó que tiven a oportunidade de mostrarlle na dedicatoria do libro a miña admiración polo seu traballo. Quero desde aquí agradecerlles a todos –moi especialmente a Sole, coa que o pasei pipa discutindo de política cultural– [….. ] esta primeira presentación pública do libro. Por catro horas me sentín como aqueles negros enmascarados e volvín para casa con folgos para poñerme a escribir. Agora o que me falta é tempo. Pero xa chegará o ano en que poda mandar ós pequenos á escola (e ben que os hei botar de menos). ¡Adiante coa Lonxa Literaria de Moaña!